Armórica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Situación da Armórica
Armórica, 500 a.C.

Na antigüidade, a palabra Armórica empregábase para describir a rexión costeira do noroeste francés, comprendida entre Pornic (preto de Nantes) a Dieppe. Comprendía a actual Bretaña, o noroeste do País do Loira e a totalidade do litoral de Normandía.

Historia[editar | editar a fonte]

O seu nome provén da expresión gala are mori (no mar), que evolucionou en Aremorica ou País fronte ao mar. Na súa Historia Natural, Plinio o Vello afirma que Armórica é o antigo nome de Aquitania e menciona que os Pireneos son como o bordo austral da rexión. Tendo en conta a orixe gala do nome, esta afirmación ten sentido se se considera que Armórica non describe a un país específico, senón a unha rexión xeográfica cuxa característica é estar fronte ao mar.

A República romana tivo longos anos de relacións comerciais cos galos e cos armoricanos (facendo distinción entre estes). Con todo, Armórica revendía os produtos de Roma aos bretóns e os belgas. Deste xeito, coa Guerra das Galias, Roma conseguiría desfacerse do intermediario comercial, e de paso estendía o seu territorio para compensar a demanda de terras polos plebeos romanos.

O comercio entre Armórica e as Illas Británicas foi descrito por Diodoro Sículo. Despois da campaña de Craso no 57 a.C., a resistencia armoricana ao dominio romano era apoiada polos aristócratas celtas de Britania. En resposta, Roma invadiu Britania en dúas ocasións, en 55 a.C. e 54 a.C., baixo o mando de Xulio César.

No Imperio romano, Armórica foi parte da provincia de Gallia Lugdunensis, a cal tiña o seu capital en Lugdunum (Lyon). Cando as provincias romanas foron reorganizadas no século IV, Armórica foi colocada baixo as segunda e terceira divisións de Lugdunensis. Armórica rebelouse contra Roma en dúas ocasións no século V, expulsando aos oficiais romanos na segunda ocasión. A península de Bretaña comezou a ser colonizada por celtas bretóns nos séculos V a VII. Durante os séculos IX e X, os viquingos comezaron a establecerse na península de Cotentin, o cal carrexou o desuso do nome de Armórica, favorecendo o de Normandía.

Cultura popular[editar | editar a fonte]

Nas novelas gráficas de Goscinny e Uderzo, Astérix vive nunha aldea supostamente situada en Armórica, segundo di a introdución que teñen todos os libros da serie.