Marco Antonio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Busto de Marco Antonio.

Marco Antonio, en latín Marcus Antonius, foi un militar e político romano da época final da República (Roma, circa 83 a.C. - Alexandría, 30 a.C.). Foi un importante colaborador de Xulio César, como comandante militar e administrador. Tralo asasinato de César, coligouse con Octavio e Lépido para formar o Segundo Triunvirato (43 - 33 a.C.). O triunvirato disolveuse no ano 33 a.C. e, apartado Lépido da escena, as disensións entre Octaviano e Marco Antonio mudaron en aberta guerra civil no ano 31 a.C.; Marco Antonio, aliado coa raíña Cleopatra VII de Exipto, foi finalmente derrotado na batalla de Accio no ano 30 a.C., trala cal, ao seu regreso a Alexandría, suicidouse.

Mocidade de Marco Antonio[editar | editar a fonte]

Pertencente á familia de orixe plebea dos Antonios (gens Antonia), Marco Antonio naceu en Roma en torno ao ano 83 a.C. O seu pai foi o seu homónimo Marco Antonio Crético (Marcus Antonius Creticus), fillo á súa vez do orador Marco Antonio o Orador (Marcus Antonius Orator), quen foi executado polos partidarios de Caio Mario no 87 a.C.

Marco Antonio era sobriño lonxano de Xulio César por parte da súa nai, Iulia Caesaris. O seu pai morreu a unha idade temperá, deixando a Marco Antonio, xunto cos seus irmáns Lucio e Caio, ao coidado da súa nai. Xulia Antonia (mencionada así nas fontes polo seu nome de casada, para distinguila doutras homónimas da familia) casou despois con Publio Cornelio Léntulo Sura, un político involucrado na conspiración de Catilina (63 a.C.), e executado por iso.

A xuventude de Marco Antonio caracterizouse pola falta dunha adecuada orientación paterna. De acordo con historiadores como Plutarco, pasou os seus anos de adolescencia vagando por Roma cos seus irmáns e amigos. Xuntos embarcáronse nunha clase de vida rebelde e despreocupada, frecuentando casas de apostas, dándose á bebida e véndose involucrados en escándalos amorosos. Plutarco menciona o rumor de que antes de cumprir os vinte anos de idade Antonio xa estaba endebedado, debendo uns 250 talentos (o equivalente de varios millóns de euros).

Logo deste período de imprudencias, Antonio fuxiu a Grecia para escapar dos seus acredores e estudar retórica. Tras un breve período investido en asistir ás clases dos filósofos en Atenas foi convocado por Aulo Gabinio, procónsul de Siria, para participar na campaña contra Aristóbulo de Xudea, apoiando a Ptolomeo Auletes de Exipto. Nesta campaña Antonio demostrou o seu talento como comandante da cabalería, destacando pola súa valentía e coraxe. Foi nesta campaña cando visitou Exipto e Alexandría por primeira vez.

Colaborador de Xulio César[editar | editar a fonte]

No ano 54 a.C. Marco Antonio entrou a formar parte do mando do exército de Xulio César nas Galias, probando de novo o seu competente liderado militar na guerra das Galias, aínda que a súa personalidade provocaba conflitos continuamente, onde queira que fose; César mesmo chegou a dicir que a súa conduta facíao irritar frecuentemente.

Así a todo, ascendido pola influencia de César aos cargos de cuestor, augur e tribuno da plebe (50 a.C.), sempre apoiou a causa do seu protector con grande enerxía. Cando os dous mandatos proconsulares de César expiraron (ao cabo de 10 anos), o xeneral quixo retornar a Roma para as eleccións consulares. Pero a facción conservadora do Senado romano, liderada por Pompeio, esixiu a César que renunciase previamente ao seu proconsulado e á dirección do seu exército antes de obter o permiso para solicitar o súa reelección no consulado. César non podía permitir isto, xa que pretendía continuar as accións que iniciara no seu mandato de procónsul; ademais, nese caso, pasaría a ser (entre o final do seu proconsulado e o seu segundo consulado) un cidadán privado, o cal podería deixarlle a mercé das tropas de Pompeio.

Antonio suxeriu entón que todos os comandantes que compartían o mesmo imperium entregasen o mando, pero a idea foi rexeitada, e cando Antonio recorreu ás ameazas e a sementar o descontento, polo que foi finalmente expulsado do Senado. Desta forma, Antonio abandonou Roma, uníndose a César, que deixara o seu exército acampado a beiras do Rubicón, o regato que marcaba o límite meridional da súa autoridade proconsular. Con todas as esperanzas de achar unha solución pacífica esvaecidas trala saída de Antonio do Senado, César ordenou o cruzamento do río e a marcha do seu exército cara a Roma, comezando así a guerra civil. Durante esta guerra civil, Antonio foi o segundo ao mando de César; en todas as batallas contra os pompeianos Antonio dirixiu á esquerda do exército, proba evidente da confianza de César nel.

A ditadura de César[editar | editar a fonte]

Con César como ditador, Antonio foi nomeado magister equitum, sendo a man dereita do ditador e permanecendo como administrador de Italia (47 a.C.), mentres César loitaba contra os últimos pompeianos, que se refuxiaran en África. Pero as habilidades de Antonio como administrador foron un pobre reflexo das que posuía como xeral, aferrándose á oportunidade de satisfacer os seus máis extravagantes excesos, que quedaron reflectidos por Cicerón nas súas Filípicas. No ano 46 a.C. Antonio ofendeuse cando César lle insistiu en que pagase as propiedades de Pompeio que Antonio simulara mercar, pero que na realidade simplemente se apropiara delas. Os problemas axiña xurdiron e, como noutras ocasións anteriores, Antonio recorreu de novo á violencia: centos de cidadáns foron asasinados, mentres a cidade de Roma caía nun estado de anarquía. César mostrou o seu gran desgusto por todo este asunto, e relevou a Antonio de todas as súas responsabilidades políticas. Ambos deixaron de verse durante dous anos, aínda que o distanciamento non durou moito, Antonio reuniuse co ditador en Narbona en 45 a.C., rexeitando a proposta de Trebonio para que se unise á conspiración que xa estaba en marcha. A reconciliación definitiva chegou no 44 a.C., cando Antonio foi elixido colega de César durante o quinto consulado do ditador.

Os últimos días de César[editar | editar a fonte]

Calquera que fosen os problemas xurdidos entre eles, Antonio permaneceu fiel a César en todo momento. En febreiro do 44 a.C., durante as festas lupercais (15 de febreiro), Antonio ofreceu publicamente unha diadema a César. Este feito posuía un significado preciso: o diadema era un símbolo propio dun rei, e César, ao rexeitala, demostraba que non estaba interesado en asumir o trono de Roma.

Nos idus de marzo (15 de marzo) dese mesmo ano, César foi asasinado por un grupo de senadores, liderados por Caio Casio Longino e Marco Xunio Bruto, mentres Antonio era entretido na habitación contigua. No conseguinte alboroto que espertou este crime en Roma, Antonio escapou da cidade vestido como un escravo, temendo que o asasinato do ditador fose o inicio dun baño de sangue contra os seus partidarios. Cando comprobou que isto non sucedía, regresou a Roma, concertando unha tregua coa facción dos asasinos. Nese momento, Antonio, como cónsul restante nomeado para ese ano, simulou perseguir a paz e o final da tensión política. Tras un discurso de Cicerón pronunciado no Senado, foi concedida unha amnistía a todos os conxurados, á vez que se aprobaba un funeral en honor do ditador.

Cando chegou o día do funeral de César, Antonio, como o seu fiel segundo no mando, compañeiro, colega consular e parente, foi o lóxico elixido para recitar a elixía do funeral. Durante o seu discurso comezou a verter as súas acusacións respecto ao asasinato de César, afirmando así o seu distanciamento cos conxurados. Mostrando un gran talento para a retórica e a interpretación dramática, Antonio asiu a toga do corpo de César para mostrar ao xentío as marcas das súas feridas. Desta forma, esa mesma noite o pobo romano atacou as casas dos conxurados, obrigándoos a fuxir para salvar as súas vidas.

A posición de Antonio viuse fortalecía ata tal punto que Calpurnia, a viúva de César, chegou a facerlle entrega dos documentos persoais do ditador e a confiarlle custodia dos seus bens, valorados en 4.000 talentos. Tamén conseguiu o apoio dos veteranos de César tras viaxar a Campania, onde foran asentados en premio á súa lealdade tralas campañas cesarianas, e animalos a defender a obra de César fronte aos seus inimigos. Rodeado así dunha garda de veteranos, Antonio obrigou ao Senado a entregarlle a provincia da Galia Cisalpina, que era nese momento administrada por Décimo Xuño Bruto Albino, un dos conspiradores. Pretendía desta forma trasladar as lexións alí establecidas cara a Macedonia, para preparar un ataque contra o Imperio parto. Bruto refusou entregar a provincia, polo que Antonio dispúxose a atacarlle en outubro do 44 a.C.

O Segundo Triunvirato[editar | editar a fonte]

Octavio e a guerra de Módena[editar | editar a fonte]

Marco Antonio e Octavia, irmá de Augusto, 39 a.C.

A morte de César deixara un gran baleiro na vida política de Roma. A República estaba agonizando, e de novo outra guerra civil comezara. Foi entón cando Caio Octavio Turino, sobriño-neto e á vez fillo adoptivo de César, chegou en marzo a Brundisium desde Iliria, reclamando a herdanza do seu pai adoptivo, que consistía en tres cuartas partes dos bens do César, segundo estipulaba no seu testamento. Tras rexeitar os consellos da súa nai e o seu padrasto Marcio Filipo para que rexeitase a adopción e a herdanza, Octavio obtivo o apoio do Senado romano e de Cicerón, á vez que as tropas veteranas do ditador reuníronse en torno á súa bandeira. Octavio mostrábase así moi disposto a loitar polo poder cos outros principais aspirantes: Lépido e o propio Antonio.

Tras un primeiro encontro amigable con Antonio a finais de abril do 44 a.C. en Roma, no cal Octavio reprochoulle non perseguir aos conxurados, as desavinzas xurdiron axiña cando Octavio tratou de atraer aos veteranos campanienses. Antonio, quen se achaba en Brundisium desde outubro para facerse cargo das lexións procedentes de Macedonia necesarias para atacar a Galia Cisalpina, comprendeu o interese do seu rival por desacreditalo ante as tropas, e regresou a Roma cunha lexión gala, só para comprobar que Octavio se lle adiantara marchando cara á Cisalpina con dúas lexións. En Mutina Antonio cercou a Décimo Bruto, aínda que Octavio, en calidade de propretor, chegou en axuda dos cercados derrotando en abril do 43 a.C. a Antonio coa axuda dos cónsules Aulo Hirtio e Caio Vibio Pansa. Entre tanto, a morte de ambos cónsules na batalla aumentou o receo do Senado cara a Octavio, quen, irritado ante a negativa do Senado para concederlle un triunfo e co compromiso con Décimo Bruto para que mandase as tropas por encima del, entrou en Roma con oito lexións baixo o seu mando, obrigando ao Senado a outorgarlle o consulado (19 de agosto). Conseguiu a promulgación dunha lex curiata que confirmou a adopción que fixese César, pasando Octavio a chamarse Caio Xulio César, mentres que os seus rivais coñecérono desde ese momento polo ferinte diminutivo de Octaviano. Entre tanto, Décimo Bruto fuxiu en pos de Marco Bruto cara a Macedonia ao comprender que non figuraba nos plans de Octaviano, sendo asasinado durante a viaxe. Pola súa banda, Antonio escapou á Galia Cisalpina, realizando un intercambio con Lépido e marchando cara a Roma cunha gran forza de infantería e cabalería.

O xurdimento do Segundo Triunvirato[editar | editar a fonte]

Denario coa figura de Marco Antonio, 42 d.C.

Ante o avance do exército de Antonio, Octaviano traizoou finalmente ao partido senatorial, chegando a un acordo con Antonio e Lépido. Os tres líderes atopáronse en Bononia, adoptando o título de Triumviri reipublicae constituendae como gobernantes aliados. A Galia Cisalpina foi adxudicada a Antonio, Hispania e a Galia Narbonense a Lépido, e África, Sardeña e Sicilia, a Octaviano.

Os Triunviros para a organización do pobo obtiveron recoñecemento oficial mediante a Lex Titia, aprobada pola Asemblea o 11 de novembro do 43 a.C., a cal outorgaba virtualmente todos os poderes aos triunviros durante un período de cinco anos. Para fortalecer a alianza, Octaviano casou con Clodia, a fillastra de Antonio. Necesitados de fondos para sufragar a guerra contra os conxurados, os triunviros comezaron entón a perseguir á facción dos asasinos de César, que fuxiran cara ao Leste, así como a executar aos partidarios de conxura que aínda permanecían en Roma, desencadeando unha ola de terror na cidade o 1 de xaneiro do ano 42 a.C.: proscricións, confiscacións e execucións convertéronse na norma xeral daqueles días, sendo asasinados ata algúns dos máis nobres cidadáns. Uns 2.000 cabaleiros e 160 senadores foron executados, sendo Cicerón a vítima máis destacada neste vórtice, pese ao apoio brindado a Octaviano, quen consentiu a súa execución tras ser capturado ao tratar de escapar. Antonio e a súa esposa Fulvia non perdoaron as acusacións pasadas de Cicerón, vingándose co seu corpo: as súas mans e cabeza foron enviadas á Rostra, coa súa lingua atravesada polas forquillas douradas de Fulvia. Finalmente, trala dobre batalla de Filipos (libradas o 3 e o 23 de outubro do 42 a.C.) e o suicidio de Casio e Bruto, os partidos senatorial e republicano foron aniquilados: ninguén máis debía desafiar o poder do Triunvirato.

O reparto do mundo romano e a guerra de Perugia[editar | editar a fonte]

Co panorama militar e político aclarado, os triunviros dividiron o mundo romano entre eles. Lépido tomou o control das provincias occidentais, mentres Octaviano permaneceu en Italia coa responsabilidade de asentar aos veteranos de guerra e proporcionarlles terras, unha tarefa fundamental xa que a lealdade das lexións pasaba por cumprir este compromiso. Marco Antonio dirixiuse ás provincias orientais, para pacificar outra revolta acaecida en Xudea, e coa idea de atacar ao imperio parto, un plan ideado previamente por César. Durante a súa viaxe a Oriente, atopouse coa raíña Cleopatra VII de Exipto en Tarsos (41 a.C.), tras o cal ambos se converteron en amantes. Antonio pasou o inverno dese ano na súa compañía, en Alexandría.

Mentres tanto, en Italia a situación non estaba resolta de todo. A administración de Octaviano non era satisfactoria, co risco que existía de producirse unha revolta. Doutra banda, Octaviano divorciouse de Clodia, a fillastra de Antonio, dándolle a curiosa escusa de que lle resultaba molesta. A líder da revolta en cernes foi Fulvia, a esposa de Antonio, unha muller que figura na Historia como de tempestuoso carácter e de grande ambición política. Temendo pola posición política do seu marido e desgustada polo tratamento recibido pola súa filla, foi axudada polo seu cuñado Lucio Antonio para recrutar oito lexións co seu propio patrimonio. O seu exército invadiu Roma, chegando a ser un verdadeiro problema para Octaviano. Así a todo, no inverno do 41-40 a.C., Fulvia foi asediada en Perusia, sendo obrigada a renderse por fame. Foi entón exiliada a Sición, onde morreu agardando a volta de Antonio.

A morte de Fulvia foi providencial, xa que a nova reconciliación entre os triunviros foi en gran parte cimentada no matrimonio de Antonio con Octavia, a irmá de Octaviano, en outubro do 40 a.C. O mundo romano foi novamente dividido, asignando esta vez África a Lépido, as provincias occidentais a Octaviano, e o Oriente a Antonio. Este pacto, coñecido como o Tratado de Brundisium, reforzou o triunvirato, e permitiu a Antonio empezar a preparar a súa tan ansiada campaña contra os partos.

Marco Antonio e Cleopatra[editar | editar a fonte]

Marco Antonio e Cleopatra por Agostino Carracci

O tratado de Taranto e a campaña parta[editar | editar a fonte]

Con este obxectivo militar en mente, Antonio navegou cara a Grecia coa súa nova esposa, onde alí se comportou do xeito máis extravagante, asumindo os atributos do deus Dioniso (39 a.C.). Pero a rebelión en Sicilia de Sexto Pompeio, fillo de Pompeio e último defensor da causa do seu pai, fixo que o exército prometido a Antonio na súa campaña oriental tivese que permanecer en Italia. Cos seus plans de novo frustrados, Antonio e Octaviano distanciáronse de novo. Esta vez foi necesaria a axuda de Octavia para asinar un novo tratado en Tarentum (38 a.C.), polo cal o triunvirato foi renovado de novo por un período de cinco anos (finalizando así no 33 a.C.), volvendo prometer Octaviano o envío de novas lexións a Oriente.

Pero Antonio era escéptico en canto ao apoio de Octaviano na súa campaña parta, de maneira que, deixando a Octavia en Roma, embarazada da súa segunda filla (Antonia Menor), navegou cara a Alexandría. Alí reuniuse coa súa antiga amante Cleopatra, nai dos seus dous fillos xemelgos, quen lle prestou o diñeiro necesario para reunir un exército co que emprender a campaña parta.

Tras reunir un importante exército, estimado nuns 120.000 combatentes, Marco Antonio levou a cabo o plan de ataque, que consistía en invadir o territorio parto, non directamente a través de Mesopotamia, senón internándose en Armenia seguindo o Éufrates e pasando por Arzen, para sometela e contar así coa obrigada axuda do rei armenio Artavasdes. Así a todo, Antonio cometeu o erro de non deixar guarnicións no territorio armenio, ante o cal Artavasdes cambiou de bando cando Antonio dirixiuse á capital da Media Atropatene, Fraaspa (a actual Takht-i-Suleiman). Os xinetes partos atacaron as liñas de abastecemento de Antonio, deixándoo sen subministracións e medios de asalto para as fortalezas que había de conquistar. Ante esta situación, Antonio decidiu regresar a Siria seguindo o río Aras a través de Armenia en pleno inverno, retirada que foi honrosamente cuberta polos fondeiros e os veteranos do seu exército, e que sufriron moitas baixas por iso. En total Antonio perdeu uns 30.000 homes, a cuarta parte de todo o seu exército, moitos deles veteranos difíciles de substituír.

O cisma entre os triunviros[editar | editar a fonte]

Mentres tanto, en Roma, o triunvirato estaba a piques de chegar ao seu fin. Lépido foi obrigado a renunciar ao cargo tras unha manobra política desafortunada, e Octaviano, só agora no poder en Roma, ocupouse de poñer á tradicional aristocracia romana da súa parte, contraendo matrimonio con Livia.

Ante a petición de Antonio (recorrendo ao tratado de Taranto) para que lle fornecese veteranos das lexións establecidas na Galia tralas importantes baixas sufridas na campaña parta, Octaviano viu por fin a oportunidade de deixar ao seu rival político nunha difícil situación: accedeu a devolverlle a metade da flota que precisara para vencer aos piratas de Sexto Pompeio (unha flota inútil para a campaña parta), e envioulle tan só 2.000 veteranos, xunto con Octavia. Ao ver o escaso continxente enviado por Octaviano, Antonio comprendeu que as súas intencións pasaban por iniciar un novo conflito civil, polo que aceptou as escasas tropas recibidas e repudiou á súa esposa, enviándoa de volta a Roma.

Desta forma, Octaviano obtivo a escusa que buscaba e que provocara, e empezou a acusar a Antonio para así afastalo cada vez máis do poder político, argumentando que Antonio era un home de moral baixa, e que abandonara á súa fiel esposa e ó seu fillo para estar coa promiscua raíña de Exipto. Entre todas estas acusacións, quizabes a máis grave aos ollos do pobo fose a de que Antonio afastábase dos costumes romanos e inclinábase cara aos gustos orientais, un grave crime para o orgulloso pobo romano.

A campaña armenia e as doazóns de Alexandría[editar | editar a fonte]

En Oriente, e de novo con diñeiro exipcio, Antonio invadiu Armenia en represalia pola deslealdade de Artavasdes, sendo esta vez unha campaña vitoriosa ao capturar ao rei armenio e anexionarse parte do seu reino. Ao seu regreso a Alexandría, realizou unha parodia de triunfo polas rúas alexandrinas, sendo considerada como unha burla da máis importante celebración militar romana. Ao final deste evento, a poboación enteira da cidade foi convocada para escoitar unha importante declaración política: rodeado por Cleopatra e os seus fillos, Antonio proclamou que declaraba disolta a súa alianza con Octaviano, á vez que distribuía varios territorios entre os seus fillos. Alexandre Helios foi nomeado rei de Armenia e de Partia (aínda por conquistar), a súa xemelga Cleopatra Selene obtivo Cirenaica e Libia, e ao mozo Ptolomeo Filadelfo adxudicóuselle Siria e Cilicia. En canto a Cleopatra, foi nomeada Raíña de Reis e Raíña de Exipto e Chipre, gobernando xunto a Cesarión ([[Ptolomeo César]], fillo de Cleopatra e de César) como correxente e subordinado á súa nai, e que foi tamén nomeado Rei de Reis e Rei de Exipto, á vez que se lle anunciaba como o fillo e herdeiro lexítimo de César. Estas proclamacións foron coñecidas como as doazóns de Alexandría, e foron a causa da ruptura definitiva nas relacións de Antonio con Roma.

Para Octaviano, o feito de que Antonio distribuíse territorios entre os seus propios descendentes (aínda que fosen insignificantes ou non conquistados aínda) non fora unha manobra que puidese considerar precisamente como pacífica, pero o que máis lle inquietaba era o feito de que Cesarión fose anunciado como o fillo lexítimo de César e o seu herdeiro. O poder de Octaviano descansaba fundamentalmente no feito de ser considerado o herdeiro de César por adopción, o cal lle garantía o necesario apoio do pobo romano e a lealdade das lexións. O feito de que a súa vantaxosa posición á fronte de Roma fose posta en perigo por un simple neno procreado pola muller máis rica do mundo era algo que Octaviano non podía permitir. Desta forma, cando o triunvirato expirou o último día do ano 33 a.C., non foi renovado. Outra guerra civil estaba a piques de producirse.

O enfrontamento definitivo[editar | editar a fonte]

Entre o 33 ao 32 a.C. desatouse unha auténtica guerra propagandística na área política de Roma, con acusacións lanzadas entrambos bandos. Desde Exipto, Antonio anunciou o seu divorcio de Octavia, acusando ao seu irmán de adventicio, de usurpador do poder político e de falsificar os documentos de adopción de [[Xulio César]]. Octaviano replicou con cargos de traizón contra Antonio: controlar ilegalmente provincias que deberían ser asignadas a outros cargos como ditaba a tradición romana, e iniciar guerras contra outras nacións (Partia e Armenia) sen o permiso do Senado. Antonio foi tamén sinalado como responsable da execución de Sexto Pompeio, que fora capturado o ano 35 a.C. en Mileto, na zona de influencia de Antonio, e executado sen xuízo pese a ser cidadán romano. Finalmente, Octaviano logrou facerse co testamento de Antonio, gardado polas vestais, no cal ratificábanse os temores de Octaviano tal como os presentou ante o pobo, facendo ver que Antonio quería reinar xunto con Cleopatra nos territorios orientais romanos custase o que custase, constituíndo unha grave ameaza para o estado romano. Desta forma, no ano 32 a.C. o Senado desposuíu a Antonio dos seus poderes e declarou a guerra a Cleopatra.

A guerra deu comezo finalmente no 31 a.C. O hábil Marco Vipsanio Agripa, leal comandante ás ordes de Octaviano, conseguiu tomar a importante cidade e porto grego de Methone, fiel a Antonio, asegurándose así un importante porto no Peloponeso que ameazara as intencións de Antonio por controlar a importante Vía Egnatia. A gran popularidade de Octaviano e as súas lexións causou a defección de Cirenaica e Grecia cara ao seu bando. Finalmente, tras unha serie de operacións terrestres, Octaviano bloqueou a Antonio e obrigouno a trabar combate no mar. O 2 de setembro librouse a batalla naval de Accio, na cal a flota de Antonio e Cleopatra foi vencida pola de Octaviano, retirándose ambos cos seus navíos restantes de volta a Alexandría.

Octaviano, agora xa próximo a obter o poder absoluto, non tiña intención de deixarlle un momento de paz, e a finais de xullo do ano 30 a.C., asistido por Agripa, invadiu Exipto. Sen outro lugar onde poder refuxiarse, Antonio tratou inutilmente de facer fronte á invasión coas súas once lexións, que desertaron o día 1 de agosto tras tan só un día de resistencia. Obrigado polas circunstancias, e na crenza de que Cleopatra suicidouse previamente, Antonio optou polo suicidio, guindándose sobre a súa propia espada, aínda que sería levado aínda con vida á súa amante, morrendo nos seus brazos. Poucos días máis tarde, ante a deshonra de desfilar encadeada no triunfo de Octaviano, Cleopatra suicidouse mediante a morte ritual por mordedura de áspide.

Consecuencias e legado[editar | editar a fonte]

Coa morte de Antonio, Octaviano converteuse no gobernante incuestionable de Roma, e ninguén máis se atreveu a alzarse na súa contra. Nos anos seguintes Octaviano, coñecido como Caesar Augustus desde o ano 27 a.C., procedeu a acumular na súa persoa todos os cargos administrativos, políticos e militares. Cando Augusto morreu no ano 14, todos os seus poderes políticos pasaron ao seu fillo adoptivo, Tiberio, comezando así o Principado romano.

O ascenso de César e a subseguinte guerra civil entre os seus dous partidarios máis poderosos acabou eficazmente coa credibilidade na oligarquía romana como forma de goberno, e afirmou o feito de que tódalas futuras disputas polo poder centraríanse máis sobre dous (ou poucos máis) individuos que lograrían o control supremo do goberno, que sobre un individuo en conflito co Senado. Deste xeito, Antonio, como partidario clave de César e como un dos dous homes sobre os cales o poder recaeu tralo asasinato de César, foi un dos tres homes directamente responsables do final da República romana.

Cronoloxía da vida de Marco Antonio[editar | editar a fonte]

Matrimonios de Marco Antonio e descendentes[editar | editar a fonte]

1. Matrimonio con Fadia. 2. Matrimonio con Antonia Híbrida (prima carnal). Dacordo con Plutarco, Antonio expulsou á súa curmá fóra da súa casa por ser a amante do seu amigo, o tribuno Dolabella. Con todo, non é coñecido se se divorciaron ou ela morreu, antes do seguinte matrimonio de Antonio con Fulvia. 3. Matrimonio con Fulvia: Marco Antonio Antillo, executado por Octaviano (32 a.C.). Xulio Antonio, casado con Claudia Marcela Maior, filla de Octavia. 4. Matrimonio con Octavia: Antonia Maior, casada con Lucio Domicio Ahenobarbo. Antonia Menor, casada con Druso, fillo de Livia. 5. Fillos con Cleopatra: Os xemelgos Alexandro Helios (o Sol) e Cleopatra Selene (a Lúa), casada con Xuba II de Numidia. Ptolomeo Filadelfo.

Notas[editar | editar a fonte]

1.- Marcus Antonius Marci Filius Marci Nepos, "Marco Antonio, fillo de Marco, neto de Marco" segundo o sistema de filiación (praenomen, nomen e patronimicus) da nomen

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Marco Antonio

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Fontes clásicas[editar | editar a fonte]

Xulio César, A guerra das Galias (De Bello Gallico), A guerra civil (De Bello Civili). Cicerón, Cartas e Filípicas. Apiano, Bell. Civ. I.-V. Dión Casio, XLI.-LIII. Plutarco, na sección Antonio da súa Vidas dos nobres gregos e romanos.

Fontes modernas[editar | editar a fonte]

Roldán, J.M. (1995): La República Romana Historia de Roma, Tomo I. Ed. Cátedra, Madrid, pp. 625-643 Roldán, J.M; Blázquez, J.M.; Del Castillo, A. (1989): El Imperio Romano (Siglos I-III). Historia de Roma, Tomo II. Ed. Cátedra, Madrid, pp. 9-37 Fuller, J.F.C. (1954): Batallas decisivas del mundo occidental. Tomo I, pp. 235 -269. Edición de 2005 de RBA, Barcelona. ISBN 84-473-4604-8 Carter, J.M. (1970): The Battle of Actium. Londres. Craven, L. (1920): Antony's oriental policy. St. Louis. Lindsay, J. (1970): Cleopatra. Londres. Gardthausen, V. (1891) Augustus und seine Zeit. Leipzig. Bengtson, H. (1974): Zum Partherfeldzug deas Antonius. Munich. Weigall, A. (1952): Cleopatre. Sa vie et son temps. París. Jal, P. (1963): La guerre civile à Rome. Etude litteraire et morale. París. Gabba, E. (1956): Appiano e a storia delle guerre civili. Florencia. Rosi, R.F. (1959): Marco Antonio nella lotta política della tarda repubblica romana. Trieste.

Obras de ficción[editar | editar a fonte]

Antonio e Cleopatra, de William Shakespeare. Xullo César, de William Shakespeare. Non digas que foi un soño, de Terenci Moix.

Filmografía relacionada[editar | editar a fonte]

Cleopatra, de Joseph Mankiewicz [1].

Outros artigos[editar | editar a fonte]