Miguel de Unamuno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monumento a Unamuno en Salamanca

Miguel de Unamuno y Jugo, nado en Bilbao o 29 de setembro de 1864 e finado en Salamanca o 31 de decembro de 1936, foi un escritor e filósofo vasco. Na súa obra cultivou unha grande variedade de xéneros literarios, como dicía Ramón Pérez de Ayala: "Con tal orixinalidade como se se tratase literalmente de 'xéneros', que el curtaba e empregaba ao seu antollo".

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado na rúa Ronda do Casco Vello de Bilbao. Miguel de Unamuno era o terceiro fillo e o primeiro home, despois de María Felisa e María Jesusa. Todos eles nados do matrimonio entre o comerciante Félix de Unamuno e a súa sobriña carnal, Salomé Jugo. Máis adiante terían nado Félix, Susana e María Mercedes. Ós dez anos de idade, ao rematar os seus primeiros estudos no colexio de San Nicolás, e dispoñerse a entrar no instituto, asistiu como testemuña ao asedio da súa cidade durante a Terceira Guerra Carlista (o que logo reflitiría na súa primeira novela, "Paz na guerra").

Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Madrid, obtendo a cualificación de Sobresaínte en 1883, ós dezanove anos. Ó ano seguinte, doutorouse cunha tese sobre a lingua vasca: Crítica do problema sobre a orixe e prehistoria da raza vasca, na que anticipa a súa idea sobre a orixe dos vascos, idea contraria ás afirmacións do nacionalismo vasco que loitaba en favor dunha raza vasca non contaminada por outras razas.

En 1885 comezou a traballar nun colexio como profesor de latín e psicoloxía e publicou un artigo titulado "Del elemento alienígena en el idioma vasco", e outro costumista, "Guernica", medrando a súa colaboración en 1886 co Noticiero de Bilbao.

Bandeiras de Bilbao e flores vermellas e brancas na homenaxe a Miguel de Unamuno, na Praza Unamuno, a uns cen metros da casa natal do escritor, no Casco Vello de Bilbao.

En 1888, presentouse á cátedra de psicoloxía, lóxica e ética do Instituto de Bilbao, convocada pola Deputación de Biscaia, xunto con Sabino Arana e o poeta Resurrección María de Azkue, sendo adxudicada a praza ó derradeiro.

Polemizou con Arana, o cal comezaba a súa actividade nacionalista, xa que consideraba a Unamuno como vasco máis "españolista" debido a que Unamuno, que xa escribira algunhas obras en euskera, consideraba que ese idioma estaba próximo a desaparecer e que o bilingüismo non era posible. "O vascuence e o castelán son incompatibles dígase o que se quera, e se caben individuos non caben pobos bilingües. É éste da bilingüidade un estado transitorio" [1]

En 1889 preparou outras oposicións e viaxou á Suíza, Italia e Francia, onde se estaba a celebrar a Exposición Universal, onde se inaugurara a torre Eiffel. O 31 de xaneiro de 1891 casou con Concha Lizárraga, da cal levaba namorado dende neno. Ese mesmo ano adicou os meses invernais á preparación dunhas oposicións para unha cátedra de Grego na Universidade de Salamanca, a cal conseguiu. Con motivo desas oposicións, entablou amizade co granadino Ángel Ganivet, amizade que medraría ata o suicidio daquel en 1898. En 1901 foi nomeado reitor da Universidade de Salamanca. Como tal, foi homenaxeado en Pontevedra o 20 de agosto de 1912 co gallo da celebración duns Xogos Florais, na finca de Perfecto Feijoo.

O 11 de outubro de 1894 ingresou na Agrupación Socialista de Bilbao e colaborou no semanario Lucha de clases desa cidade, deixando o partido socialista en 1897 ao sufrir unha grande depresión persoal. En 1914 o ministro de Instrución Pública destituíuno do reitorado por razóns políticas, convertíndose Unamuno en mártir da oposición liberal. En 1920 foi elixido polos seus compañeiros decano da Facultade de Filosofía e Letras, e foi condeado a dezaseis anos de cadea por inxurias ao rei Afonso XIII, aínda que a sentenza non chegou a se cumprir.

En 1921 foi noemado vicerreitor, sendo novamente destituído polos seus constantes ataques ao rei e ao ditador Primo de Rivera, polo que foi exiliado á illa de Fuerteventura en febreiro de 1924. O 9 de xullo dese mesmo ano foi indultado, mais el decidiu exiliarse voluntariamente a Francia; primeiro a París e, ao pouco tempo, a Hendaia, no País Vasco francés, ata 1930, ano no que cae o réxime de Primo de Rivera. Á súa volta a Salamanca, entrou na cidade cun forte recibimento.

Nas eleccións do 12 de abril de 1932, Miguel de Unamuno presentouse candidato a concelleiro pola alianza republicano-socialista, sendo elixido. O 14 de abril dese mesmo ano, foi el mesmo quen proclamou na cidade a República. Dende o balcón do concello, o filósofo declarou que "comeza unha nova era e remata unha dinastía que nos empobreceu, degradadou e aparvou". A República repúxoo no cargo de Reitor da Universidade de Salamanca. Máis adiante presentouse ás eleccións a Cortes, sendo elixido como deputado independente pola candidatura da alianza republicano-socialista na provincia de Salamanca. Porén, o escritor e intelectual, que en 1931 dixera que tivera contribuído máis que ningún outro español —coa súa pluma, coa súa oposición ao rei e ao ditador, con seu exilio...— á chegada da República, comezou a desencantarse.

En 1933 decidiu non presentarse á reelección. Ao ano seguinte xubilouse da súa actividade docente, sendo nomeado Reitor vitalicio, a título honorífico, da Universidade de Salamanca, a cal crea unha cátedra co seu nome.

En 1935 foi nomeado cidadán de honor da República. Froito do seu desencanto, expresou publicamente as súas críticas á reforma agraria, á política relixiosa, á clase política, ao goberno, a Azaña...[2].

Universidade de Salamanca, da que Unamuno foi reitor

Tralo comezo da guerra civil, Miguel de Unamuno apoiou inicialmente ós sublevados. Unamuno quixo ver nos militares alzados a un conxunto de rexeracionistas autoritarios dispostos a endereitar o país. Cando o 19 de xullo a práctica totalidade do consistorio salmantino é destituída polas novas autoridades e substituída por persoas aditas, Unamuno acepta a acta de concelleiro que lle ofrece o novo alcalde, o comandante del Valle. No verán de 1936 fixo un chamamento ós intelectuais europeos para que apoien ós sublevados, declarando que representaban a defensa da civilización occidental e da tradición cristiá[2]. Despois de ser destituído por Manuel Azaña, o goberno sublevado de Burgos repono de novo no cargo. Sen embargo, o entusiasmo pola sublevación pronto se tornou en desengano, especialmente ante o cariz que toma a represión en Salamanca. Nos seus petos amoréanse as cartas de mulleres de amigos, coñecidos e descoñecidos, que lle piden que interceda polos seus maridos encarcerados, torturados e fusilados. A finais de xullo do 36, os seus amigos salmantinos, Prieto Carrasco, alcalde republicano de Salamanca e José Andrés y Manso, deputado socialista, foran asasinados, xunto o seu alumno predilecto e reitor da Universidade de Granada, Salvador Vila. No cárcere atopábanse os seus íntimos amigos o doutor Filiberto Villalobos e o xornalista José Sánchez Gómez, este agardando o ser fusilado. O seu tamén amigo, o pastor protestante Atilano Coco, atopábase baixo ameaza de morte. A comezos do mes de outubro, Unamuno visitou a Franco no pazo episcopal para suplicarlle inutilmente clemenza para os seus amigos presos[3].

O 12 de outubro de 1936 Unamuno arrepentiuse publicamente do seu apoio á sublevación. Durante o acto de comezo do curso académico (que coincidía coa celebración do "Festa da Raza"), no Paraninfo da Universidade, e despois dunha serie de discursos atacando á "anti-España", ao pechar o acto como reitor, Unamuno fixo un discurso improvisado, criticando duramente cómo se estaba a levar a rebelión, sentenciando ao rematar: "Venceredes, pero non convenceredes. Venceredes porque tedes sobrada forza bruta; pero non convenceredes, porque convencer significa persuadir. E para persuadirdes necesitades algo que vos falta: razón e dereito na loita.". Tralo seu discurso, o xeneral José Millán-Astray (o cal sentía unha profunda inimizade por Unamuno, habéndoo acusado de corrupción), berroulle "A mín a Lexión", "viva a Morte" (lema da Lexión) e "abaixo a intelixencia"; a isto, Unamuno contestoulle "viva a vida" (case un insulto á Lexión). A continuación o xeneral levantouse, e José María Pemán tratou de aclarar: "¡Viva a intelixencia! ¡Morran os malos intelectuais!". A dona de Franco, Carmen Polo, tomou do brazo a don Miguel e acompañouno á súa casa, xunto a súa garda persoal[4]. Ese mesmo día, a corporación municipal reuniuse de xeito segredo expulsando a Unamuno. Trala súa expulsión, o causante, o concelleiro Rubio Polo, declarou "...por España, en fin, apuñalada traidoramente pola pseudo-intelectualidade liberal-masónica cuxa vida e pensamento [...] só se mantivo firme na vontade de vinganza, en todo o demais foi tornadizo, sinuoso e oscilante, non tivo criterio, se non paixóns; non asentou afirmacións, só propuxo dúbidas corrosivas; quixo concilia-lo inconciliable, o Catolicismo e a Reforma; e foi, engado eu, o envelenador, o celestino das intelixencias e das vontades virxes de varias xeracións de escolares en Academias, Ateneos e Universidades"[5]. O 22 de outubro, Franco asinou o decreto de destitución de Unamuno como reitor[6].

Os derradeiros días de vida de Miguel de Unamuno (de outubro a decembro de 1936) pasounos baixo arresto domiciliario na súa casa, nun estado, en palabras de Fernando García de Cortázar de resignada desolación, desesperación e soidade[2].

Entrevista mantida co xornalista francés Jérôme Tharaud (común e erroneamente atribuída ao escritor Nikos Kazantzakis) entre os días 20 e 21 de outubro:

Axiña como se produciu o movemento salvador que encabezaba o xeneral Franco, uninme a el dicindo que o que hai que salvar en España é a civilización occidental cristiá e con ela a independencia nacional, xa que se está aquí, en territorio nacional, ventilando unha guerra internacional. (...) En tanto me ían arrepiando os carácteres que tomaba esta tremenda guerra civil sen cuartel debida a unha verdadeira enfermidade mental colectiva, a unha epidemia de tolemia con certo substrato patolóxico-corporal. As inauditas salvaxadas das hordas marxistas, vermellas, exceden toda descrición e hei de aforrarme retórica barata. E dan o ton non socialistas, nin comunistas, nin sindicalistas, nin anarquistas, senón bandas de malfeitores dexenerados, excriminais natos sen ideoloxía algunha que van satisfacer feroces paixóns atávicas sen ideoloxía algunha. E a natural reacción a isto toma tamén moitas veces, desgraciadamente, carácteres frenopáticos. É o réxime do terror. España está espantada de si mesma. E se non se contén a tempo chegará ao bordo do suicidio moral. Se o miserable goberno de Madrid non puido, nin quixo resistir a presión do salvaxismo apelado marxista, debemos ter a esperanza de que o goberno de Burgos terá o valor de oporse a aqueles que queren establecer outro réxime de terror. (...) Insisto no sacro deber do movemento que gloriosamente encabeza o xeneral Franco é salvar a civilización occidental cristiá e a independencia nacional, xa que España non debe estar ao ditado de Rusia nin doutra potencia estranxeira calquera, posto que aquí estase librando, en territorio nacional, unha guerra internacional. E é deber tamén traer unha paz de convencemento e de conversión e lograr a unión moral de tódolos españois para restableceres a patria que estase a desangrar, desangrándose, envelenándose e aparvándose. E para iso impedir que os reaccionarios se vaian na súa reacción máis aló da xustiza e ata da humanidade, como ás veces tratan. Que non é camiño o que se pretenda formar sindicatos nacionais compulsivos, por forza e por ameaza, obrigando polo terror a que se alisten neles, nin aos convencidos nin convertidos. Triste cousa sería que o bárbaro, anti-civil e inhumano réxime bolchevístico quixésese substituír cun bárbaro, anti-civil e inhumano réxime de servidume totalitaria. Nin o un nin o outro, que no fondo son o mesmo.

Entrevista feita días despois, nesta ocasión si con Kazantzakis:

Neste momento crítico da dor de España, sei que teño que seguir aos soldados. Son os únicos que nos devolverán a orde. Saben o que significa a disciplina e saben como impola. Non, non me convertín nun dereitista. Non faga vostede caso do que di a xente. Non traizoei a causa da liberdade. Pero é que, por agora, é totalmente esencial que a orde sexa restaurada. Mais calquera día erguereime -cedo- e lanzareime á loita pola liberdade, eu só. Non, non son fascista nin bolxevique; son un solitario.


Praza de Unamuno,no seu barrio natal, durante a homenaxe anual que lle rinde o Concello de Bilbao

Carta do 21 de novembro de 1936 a Lorenzo Guisso[2]:

A barbarie é unánime. É o réxime de terror polas dúas partes. España está asustada de si mesma, arrepiada. Brotou a lepra católica e anticatólica. Berran e piden sangue os uns e os outros. E aquí está a miña pobre España, estase desangrando, arruinando, envelenando e aparvando ...

O 31 de decembro de 1936 morreu Miguel de Unamuno, de xeito repentino, na súa casa de Salamanca, no trascurso da tertulia vespertina que mantiña regularmente cun par de amigos. A pesares da súa virtual reclusión, no seu funeral foi exaltado como un heroe falanxista[3]. Trala súa morte, Antonio Machado escribiu[2]:

Sinalemos hoxe que Unamuno morreu repentinamente, como o que morre na guerra. Contra quen? Quizais contra sí mesmo.

Narrativa[editar | editar a fonte]

A obra narrativa de Unamuno, en orde cronolóxica, é a seguinte:

  • Paz na guerra (Paz en la guerra) (1895), obra na cal emprega o contexto da terceira guerra carlista (que coñeceu na súa nenez) para expor a relación do eu co mundo, condicionado polo coñecemento da morte;
  • Amor e pedagoxía (Amor y pedagogía) (1902), obra que une o cómico e o tráxico nunha redución ao absurdo da socioloxía positivista;
  • Lembranzas da nenez e mocidade (Recuerdos de niñez y mocedad) (1908) é unha obra autobiográfica. Nela o autor vasco reflexiona sobre os primeiros anos da súa vida en Bilbao.
  • Néboa (Niebla) (1914), obra clave de Unamuno, caracterizada por el co nome de Nivola para separala da suposta forma fixa da novela.
  • O espello da morte (El espejo de la muerte) (1913), un libro de contos de valor desigual.
  • En 1917 escribe Abel Sánchez, onde inviste o tópico bíblico de Caín e Abel para presentar a anatomía da envexa;
  • Tulio Montalbán (1920) é unha novela curta sobre o problema íntimo da derrota da personalidade verdadeira pola imaxe pública do mesmo home.
  • En 1920 publícanse tres novelas curtas cun prólogo de grande importancia: Tres novelas exemplares e un prólogo (Tres novelas ejemplares y un prólogo).
  • A súa derradeira narración extensa é A tía Tula (La tía Tula) (1921), onde se presenta o anhelo da maternidade xa bosquexado en Amor e pedagoxía e en Dúas nais.
  • Teresa (1924) é un cadro narrativo que contén rimas becquerianas, logrando en idea e en realidade a recreación da amada.
  • Como se fai unha novela (1927) é a autopsia da novela unamuniana.
  • En 1930, Unamuno escribe as súas derradeiras novelas: San Manuel Bo, mártir (San Manuel bueno, mártir) e Don Sandalio, xogador de xadrez (Don Sandalio, jugador de ajedrez).

Nivola[editar | editar a fonte]

Na época literaria que rodeaba ao autor por entón, esixíanse uns ríxidos patróns de procedemento á hora de escribir e publicar unha novela: unha temática particular, liñas de tempo e acción específicas, convencionalismos sociais... unha especie de guión non escrito pero aceptado por todos. E isto supuña a Unamuno un corpiño do que pretendería desprenderse dalgunha forma, para expresarse nas súas páxinas como vese oportuno. A súa solución foi inventar un novo xénero literario, ao que chamou "nivola", e deste xeito, non podería obter crítica ningunha no referente a regras de estética ou composición, porque só debería antender ás regras que el mesmo deseñase para o seu novo xénero. Así o expresa no prólogo de Néboa (1914):

"[...] Oín tamén contar dun arquitecto arqueólogo que pretendía derrubar unha basílica do século X, e non restaurala, senón facela de novo como debeu ser feita e non como se fixo. Conforme a un plano daquela época que pretendía atopar. Conforme ao proxecto do arquitecto do século X. Plano? Descoñecía que as basílicas fixéranse a si mesmas saltando por riba dos planos, levando as mans dos edificadores. Tamén dunha novela, como dunha epopea ou dun drama, faise un plano; pero logo a novela, a epopea ou o drama imponse ao que se cre o seu autor. Ou se lle impón os agonistas, as súas supostas criaturas. Así se impuxeron Luzbel e Satanás, primeiro, e Adán e Eva, despois, a Xehová. ¡E esta si que é nivola, ou opopeia ou trixedia! Así se me impuxo Augusto Pérez. E esta trixedia viuna, cando apareceu esta a miña obra, entre os seus críticos, Alejandro Plana, o meu bo amigo catalán. Os demais astivéronse, por preguiza mental, á miña diabólica invención da nivola. Esta ocorrencia de chamarlle nivola -ocorrencia que en rigor non é miña, como o conto no texto- foi outra inxenua zorrería para intrigar aos críticos. Novela e tan novela como calquera outra que así sexa. É dicir, que así se chame, pois aquí ser é chamarse. Que é iso de que pasou a época das novelas? Ou dos poemas épicos? Mentres vivan as novelas pasadas vivirá e revivirá a novela. A historia é resoña-la."

Filosofía[editar | editar a fonte]

A filosofía de Unamuno non foi unha filosofía sistemática, senón unha negación de calquera sistema e unha afirmación de fe "en si mesma". Formouse intelectualmente baixo o racionalismo e o positivismo. Durante a época da súa mocidade, escribiu artigos nos cales apreciábase claramente a súa simpatía polo socialismo, e tiña unha gran preocupación pola situación na que se atopaba España.

A influencia dalgúns filósofos como Adolf von Harnack provocou o rexeitamento de Unamuno polo racionalismo. Tal abandono queda de manifesto na súa obra San Manuel Bo, mártir, onde a metáfora da neve caendo sobre o lago ilustra a súa postura en favor da fe -a montaña sobre a cal a neve crea formas, paisaxes, fronte ao lago, onde esta se disolve e transfórmase en nada-.

Para el a morte é algo definitivo, a vida remata. Con todo, pensaba que a crenza de que a nosa mente sobrevive á morte é necesaria para poder vivir. É considerado un dos predecesores da escola existencialista que, varias décadas despois, atoparía o seu auxe no pensamento europeo.

A preocupación por España manifestouse nos ensaios recollidos nas súas obras:

  • En torno ao casticismo (En torno al casticismo) (1895).
  • Vida de Don Quixote e Sancho (Vida de Don Quijote y Sancho) (1905).
  • Por terras de Portugal e España (Por tierras de Portugal y España) (1911).

Durante a guerra e a partir de agosto de 1936, Unamuno comezou a tomar apuntes para un libro que non chegaría a escribir e no que plasma o seu testamento político: O resentimento tráxico da vida. Notas sobre a revolución e a guerra civil españolas.

As súas obras máis puramente filosóficas son

  • Do sentimento tráxico da vida (Del sentimiento trágico de la vida) (1913).
  • A agonía do cristianismo (La agonía del cristianismo) (1925).

Poesía[editar | editar a fonte]

Para Unamuno a arte era un xeito de expresar as inquietudes do espírito. Por iso, na poesía e na novela trata os mesmos temas que desenvolvera nos ensaios: a súa angustia espiritual e a dor que provoca o silencio de Deus, o tempo e a morte.

Sempre se sentiu atraído polos metros tradicionais e, aínda que nas súas primeiras composicións procura eliminar a rima, máis adiante recorre a ela. Entre as súas obras poéticas destacan: Poesías (1907), Rosario de sonetos líricos (1911), O Cristo de Velázquez (El Cristo de Velázquez) (1920), Andanzas e visións españolas (Andanzas e visións españolas) (1922), Rimas de dentro (1923), Teresa. Rimas dun poeta descoñecido (Teresa. Rimas de un poeta desconocido) (1924), De Fuerteventura a París (1925), Romancero do desterro (Romancero del destierro) (1928) e Cancioneiro (Cancionero) (1953).

Xa dende o seu primeiro libro, Poesías (1907), perfílanse os temas que van dominar na poética unamuniana: o conflito relixioso, a patria e a vida doméstica.

Dedicou á cidade estas fermosas palabras: "Salamanca, Salamanca, renaciente marabilla, académica panca da miña visión de Castela".

Basto e prosista, nunca se lle recoñeceu por versos armoniosos e traballados, senón por estrofas breves, castelás e moi persoais: en palabras de Ramón Irigoyen, prologuista de Néboa na edición do Mundo, Unamuno sempre foi un "exaculador precoz do verso", facendo referencia ao seu escaso detemento na revisión dos seus poemas conclusos, en comparación con outros poetas da época como Machado ou Juan Ramón Jiménez.

Teatro[editar | editar a fonte]

A obra dramática de Unamuno presenta a súa liña filosófica habitual; por iso é polo que obtivo un éxito máis ben escaso. Temas como a indagación da espiritualidade individual, a fe como «mentira vital» e o problema da dobre personalidade son tratados en A esfinxe (La esfinge) (1898), A verdade (La verdad) (1899) e O outro (El otro) (1932). Actualiza a traxedia euripídea en Fedra (1918) e traduce a Medea (1933) de Séneca.

O teatro unamuniano ten as seguintes características:

  1. É esquemático, está desposuído de todo artificio e nel só teñen cabida os conflitos e paixóns que afectan aos personaxes. Esta austeridade é influxo da traxedia grega clásica.
  2. Se os personaxes e os conflitos aparecen espidos, a escenografía tamén se ve desposuída de todo artificio. É unha escenografía, simplificada ao máximo.
  3. O que realmente lle importa é presentar o drama que transcorre no interior dos personaxes e, sen dúbida, do seu interior.

Coa simbolización das paixóns e a austeridade tanto da palabra como escenográfica, o teatro unamuniano entronca coas experiencias dramáticas europeas e abre un camiño á renovación teatral española, que será seguido por Ramón María del Valle-Inclán, Azorín e, máis tarde, Federico García Lorca.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. [1]
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Fernando García de Cortázar, «Los mitos de la Historia de España», capítulo «La tercera España», pg. 294-295, ISBN 84-08-05714-6.
  3. 3,0 3,1 Paul Preston, «Franco», capítulo 7 «La forja de un Caudillo: agosto-novembro de 1936», px. 242-243, ISBN 84-397-0241-8.
  4. Paul Preston, «Las tres Españas del 36», capítulo 2 «José Millán Astray. El novio de la muerte», px. 91-92, ISBN 84-01-54068-2.
  5. Unamuno continúa sendo "celestina" e "antipatriota". O PP rexeita deixar sen efecto o acordo municipal que expulsou ao escritor do seu escano de concelleiro en Salamanca, reportaxe do diario El País, 29 de decembro de 2006
  6. Un documento excepcional: o manifesto de Unamuno a finais de outubro-comezos de novembro de 1936, por Manuel María Urrutia, da Universidade de Deusto.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Miguel de Unamuno
Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de: Miguel de Unamuno (en castelán)
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Miguel de Unamuno

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]