Ricardo III de Inglaterra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ricardo III de Inglaterra e a raíña consorte Anna Neville

Ricardo III de Inglaterra (Richard en inglés), nado o 2 de outubro de 1452 e finado o 22 de agosto de 1485, foi rei de Inglaterra dende 1483 até a súa morte. Foi o último monarca da Casa de York; a súa derrota e falecemento en Bosworth supuxo o fin tanto dos Plantagenet como da Guerra das Dúas Rosas e a vinda dos Tudor.

Shakespeare adicoulle unha das súas máis coñecidas traxedias. Á morte de Eduardo IV, irmán de Ricardo, sucedeulle o seu fillo Eduardo V, que por entón só contaba con 12 anos. Ricardo foi nomeado Lord Protector do novo herdeiro ata a súa coroación. O príncipe mozo foi conducido á Torre de Londres, onde se reuniu co seu irmán. Pero xusto antes de celebrarse a coroación, declarouse inválido o matrimonio do rei falecido, o que anulaba a posibilidade de que o sucedera no trono o seu fillo. No seu lugar foi coroado rei o irmán do monarca, Ricardo III, o 6 de xullo de 1483. Os dous rapaces non volveron aparecer en público, o que deu lugar á famosa lenda dos Príncipes da Torre.

Durante o seu reinado foi obxecto de varias revoltas na súa contra, tanto por partidarios do rei Eduardo IV como de aliados seus. Unha destas revoltas, a encabezada por Henry Tudor, rematou coa famosa batalla de Bosworth, onde Ricardo perdeu a vida. O seu corpo foi trasladado a lomos dun cabalo de carga de volta á cidade de Leicester, onde foi enterrado sen ningún tipo de honras. O 4 de febreiro de 2013, un grupo de arqueólogos da Universidade de Leicester confirmaron definitivamente mediante probas de ADN que o esqueleto encontrado nunhas escavacións realizadas nun aparcadoiro da cidade era o seu.

Infancia e xuventude[editar | editar a fonte]

Ricardo foi o oitavo fillo de Ricardo Plantagenet, terceiro Duque de York, un dos pretendentes ó trono de Inglaterra que finalmente ocuparía Henrique VI, e de Cecilia Neville. Criouse baixo a tutela de seu primo Ricardo Neville, Conde de Warvik, "o Facedor de Reis", que logo sería inimigo acérrimo de seu irmán, o rei Eduardo IV. Sendo aínda nenos, en plena Guerra das Rosas, Ricardo e o seu irmán maior Xurxo, futuro Duque de Clarence, tiveron que refuxiarse nos Países Baixos, dos que regresaron só trala vitoria dos York sobre os Lancaster na batalla de Towton, con motivo da coroación como rei do seu irmán maior, Eduardo IV, en 1461. Ricardo recibiu entón o título de Duque de Gloucester. En 1470 Ricardo tivo que volver exiliarse, esta vez ó Ducado de Borgoña, aliado do seu irmán, o rei Eduardo IV, cando Warwick, outrora amigo dos York, e a raíña Margarita, apoiados polo rei de Francia, lograron restablecer no poder a Henrique VI. Un ano máis tarde, en 1471, tralas batallas de Barnet e Tewkesbury, nas que Ricardo, con tan só dezaoito anos, desempeñou un papel relevante, Eduardo IV recuperou o trono, que non abandonaría xa ata a súa morte en 1483.

O seu papel durante o reinado de Eduardo IV[editar | editar a fonte]

Ricardo casou en 1472 con Ana Neville, filla de Warvik e viúva do Príncipe de Gales, falecido na batalla de Tewkesbury. Este matrimonio non foi visto con bos ollos por seu irmán Xurxo, quen casara coa irmá de Ana e ambicionaba herdar as inmensas posesións de Warwick. O rei Eduardo IV, irmán maior de Ricardo de Gloucester e de Xurxo de Clarence, acabou por simpatizar coa causa do primeiro e Clarence caeu en desgraza, ata que ó final foi executado por traizón. De feito, Clarence xa se aliara con Warwick e co rei Luís XI para expulsar do poder a Eduardo e repoñer a Henrique VI. Cando Eduardo volveu recuperar o trono tras regresar do seu exilio nas terras do seu cuñado o Duque de Borgoña, Clarence optou por abandonar a Warwick e reconciliarse co seu irmán. Dende a volta definitiva de Eduardo ó poder en 1471 Ricardo desempeñou un papel moi relevante, sobre todo no control do norte de Inglaterra. Na cidade de York gozaba dun gran apoio e estima. Estivo á fronte ata acceder el mesmo ó poder en 1483 dunha nova institución, o Concello do Norte, que creara Eduardo en 1472 para promover o desenvolvemento económico e contribuír ó mellor goberno da rexión. Ricardo desempeñou igualmente un papel destacado na contención dos intentos de invasión lanzados a partir de 1480 sobre o norte de Inglaterra polos escoceses, alentados polo rei de Francia. Conseguiu malograr eses intentos e mesmo recuperou a cidade de Berwick, parte do territorio inglés anexionado anteriormente por Escocia, grazas ao establecemento de pactos coa nobreza local e aproveitando as divisións internas no seo da realeza escocesa.

O ascenso ó poder e o misterio dos Príncipes da Torre[editar | editar a fonte]

Un dos episodios máis coñecidos do reinado de Ricardo III ten que ver coa súa subida ó poder. O herdeiro natural de Eduardo IV era o seu fillo, Eduardo V. Sen embargo, no seu lugar accedeu ó trono Ricardo III, seu tío, quen preparara minuciosamente a desherdanza. Durante o verán de 1483, un influínte predicador fixo correr por Londres o rumor de que o herdeiro natural era bastardo e que non debía acceder ó trono. A idea era que Eduardo IV tiña un precontrato de matrimonio con outra muller antes de casar coa nai do rapaz, a raíña Elizabeth Woodville. Os seus fillos pois eran ilexítimos. Para reforzar a súa posición, Ricardo fixo vir a Londres dende o seu feudo do norte ata 10.000 soldados. O irmán do herdeiro lexítimo, o Duque de York, reuniuse con este na Torre de Londres para preparar a coroación, pero por motivos descoñecidos aprazouse ata o mes de novembro. No entretanto, o Parlamento, presionado polas tropas de Ricardo que arrodeaban a cidade encargoulle a Ricardo que asumira a coroa. Dos dous rapaces da Torre non volveu saberse nada e son varias as teorías sobre a súa desaparición. A máis estendida é a propagada durante o reinado do seu sucesor e primeiro Tudor, Henrique VII. Seguindo ordes do novo rei, o seu tío, os nenos, que nunca chegaran a saír da Torre, foran asasinados mentres durmían e os seus corpos agochados no soto, debaixo dunhas escaleiras. De feito, case 200 anos despois, durante uns traballos de mantemento do edificio, atopáronse nun caixón de madeira os restos de dous nenos, que poderían ser os de Eduardo V e o seu irmán. A segunda das teorías, que en xeral ten menos crédito, atribúe o asasinato ao propio Henrique VII, cuxa lexitimidade como monarca se tería visto ameazada de seguir con vida os fillos de Eduardo IV.

Revoltas e deposición de Ricardo III[editar | editar a fonte]

O reinado de Ricardo apenas durou dous anos, salpicados de revoltas na súa contra. Dende o principio perseguírono as sospeitas de ter asasinado os seus dous sobriños, os fillos de Eduardo, o que fixo que se considerara entre o pobo como unha figura maldita. A primeira revolta seria tivo lugar en 1483 e foi protagonizada por un antigo aliado seu, o Duque de Buckingham, en favor do pretendente ó trono Henrique Tudor, o futuro rei Henrique VI. A pretensión deste ó trono baseábase en que era fillo de Margarita de Beaufort, unha prima-irmá do rei Henrique IV, que casara con Edmundo Tudor, Conde de Richmond, membro da nobreza galesa. Na revolta capturaron a Buckingham e executárono, pero non así a Henrique Tudor, quen se refuxiou en Bretaña. No verán de 1485 Henrique volveu tentalo. Desembarcou no oeste de Gales, onde contaba cun forte apoio pola súa propia ascendencia familiar, e dirixiuse cara a Leicester sen atopar ningunha resistencia. Polo camiño mesmo se xuntaran ós dous mil homes cos que desembarcara simpatizantes galeses, que o identificaban como un símbolo do rexurdimento do pobo galés. O 22 de agosto atopáronse co exército de Ricardo III en Bosworth. Ricardo dirixiu persoalmente o ataque contra as tropas de Henrique, pero en medio da carga caeu ó chan lamacento, onde un grupo de soldados acabaron coa súa vida. Para deixar claro que perdera a súa condición real, espiron o seu corpo, transportárono nun cabalo de carga ata Leicester, e enterrárono sen ningún tipo de pompa nun lugar descoñecido. En febreiro de 2013 confirmouse definitivamente que o restos atopados no subsolo dun aparcadoiro público da cidade de Leicester, no lugar que outrora ocupaba a Igrexa dos Greyfriars, correspondían ós do corpo do monarca. A análise[1] do esqueleto tamén confirmou que o corpo, xa de morto, fora obxecto de importantes feridas vexatorias, salvo na cara, o que da a entender a vontade de poder probar que o corpo era o de Ricardo. A análise confirma igualmente a lenda de que Ricardo tiña unha enorme chepa, vítima dunha dolorosa escoliose dende neno.

Ricardo III, Shakespeare e a imaxe do monarca[editar | editar a fonte]

A figura de Ricardo III pasou sobre todo á posteridade polo retrato que del fai Shakespeare na súa traxedia homónima. Shakespeare enfatiza os trazos máis negativos do personaxe, amplificando o labor de desprestixo da súa figura levada a cabo polos Tudor: Ricardo é retratado como deforme fisicamente, cunha enorme chepa; engana a Anne Neville para que se case con el, é o frío asasino dos seus sobriños e tamén engana a seu irmán maior Xurxo para quedarse co trono. No campo de batalla de Bosworth Shakespeare faille dicir a famosa frase: "Un cabalo, un cabalo, o meu reino por un cabalo." Hoxe en día existen distintas asociacións que teñen como obxecto recuperar e prestixiar a figura de Ricardo. Tras descubrírense os seus restos, varias cidades compiten por acollelos[2], entre elas a cidade norteña de York, onde a súa figura se segue a ter en gran estima e a de Leicester, onde fora enterrado.

Notas[editar | editar a fonte]