Ergotismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Cornizó do centeo

O ergotismo, denominado no uso coloquial como "fogardente", "lume ardente" ou "lume de San Antón", é unha enfermidade causada pola inxesta de alimentos contaminados por micotoxinas (toxinas producidas por fungos parasitos), ou por abuso de medicamentos que conteñan esta mesma substancia. A orixe máis común está no consumo accidental do cornizó ou caruncho (Claviceps purpurea) que contamina o centeo e, moito menos frecuentemente, a avea, o trigo ou a cebada, e consecuentemente, o pan que se fabrica con estes cereais.

Historia[editar | editar a fonte]

A intoxicación coñécese desde a Idade Media, sen atribuíla ao consumo de pan elaborado co cereal contaminado con cornello, descrita como un cadro con transtornos psíquicos, dolores musculares e gangrenas nos pés. Galeno xa describira uns cadros similares pero tampouco estableceu relación ningunha coa alimentación.

A relación entre a intoxicación e o cornello do centeo foi establecida por vez primeira polo médico francés Thuillier, en 1670, ao descartar unha orixe infecciosa xa que afectaba principalmente aos campesiños máis probres (que comían máis pan centeo e aproveitaban absolutamente todo o gran, san ou enfermo) e non resultaba contaxiosa: unha persoa podía morrer intoxicado e os seus familiares, que convivían con el, non mostrar síntoma ningún. Finalmente, comprobou que aqueles anos nos que os campos estaban especialmente infestados, a epidemia era moito máis virulenta, así como que os campesiños cuxos campos estaban máis infestados, enfermaban sempre con maior intensidade.

Séculos despois, o experto en fungos Louis-René Tulasne, tamén francés, demostrou que a orixe do cornizó era un fungo que crecía no cereal.

Cadro clínico[editar | editar a fonte]

As substancias activas nas micotoxinas son todos alcaloides derivados do ácido lisérxico.

A intoxicación preséntase baixo dúas formas clínicas:

  • Tipo gangrenoso: con inflamación dolorosa das extremidades, formigueo, sensación de frío e fenómenos vasoconstritores, que poden conducir á necrose dos tecidos e a aparición de gangrena nas extremidades, principalmente, con posible perda de dedos, mans ou pés.
  • Tipo convulsivo: con convulsións, axitación mental, delirio e perturbacións sensoriais. A intoxicación pode traducirse en alucinacións [1].

O frío intenso e repentino en todas as extremidades é un dos síntomas iniciais, para converterse nunha queimazón aguda (de aí os nomes populares de lume ardente, lume de San Antón[2] e outros). Moitas vítimas lograban sobrevivir pero quedaban mutiladas: podían chegar a perder todas as extremidades. Nas mulleres embarazadas producía invariablemente abortos.

Existía outra variante desta intoxicación na que o paciente sufría intensas dores abdominais que finalizaban nunha morte súbita.

Epidemioloxía[editar | editar a fonte]

Eladio Rodríguez deixounos esta descrición:

Fogo de San Antón, enfermedad epidémica que hizo grandes estragos en los siglos XI al XVI y que consistía en un ardor cutáneo abrasador y en dolores intolerables, acompañados de una especie de gangrena generalmente mortal. A veces ennegrecía, secaba la piel, extendíase por todo el cuerpo y terminaba por hacer desprenderse las carnes y los huesos.

De feito, durante a Idade Media as intoxicacións por ergotismo eran tan frecuentes que se crearon hospitais onde os frades da orde de San Antón se dedicaban en exclusiva a coidar destes enfermos. Estes frades levaban hábito escuro cun gran T azul no peito.

A última intoxicación colectiva de ergotismo sucedeu en Francia na aldea de Pont-Saint-Esprit o ano 1951.

Terapéutica popular en Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia, en 1863, os menciñeiros utilizaban para curar a intoxicación a terra de nove toupeiras:

Conocí á un niño que padecia ese fuego, en la parte anterior de un muslo, llegando ya á echar aguadilla ó serosidad. Acuérdome que sus padres le mandaron á una vieja ensalmadora, quien pedia al paciente llevase tierra fresca de nove toupeiras, y me parece, un poco de unto. El muchacho mismo me dijo que le untaba por lo ménos con la tierra y que hacia cruces ó bendiciones sobre la llaga, pronunciando palabras que no entendia, y otros pormenores que no me acuerdo, pero renovaré si tuviere ocasion de preguntarlo. Lo que sé es que la escoriacion desapareció sin que se reprodujese, que yo sepa. Yo atribuyo esta cura cierta á la virtud de la tierra, prescindiendo de todo lo demás que no era más que un modus vivendi (Francisco Javier Rodríguez).

Tamén se utilizou o unto do porco. O tratamento consistía en facer cruces sobre a parte enferma con unto de porco mollado en auga á vez que se recitaba este ensalmo:

"O pai andaba labrando,
levoull’a filla o xantar.
Miróu pr’o montiño Albar
e dixo: ¿Quen vén alí?
O que ven é un Fogo Ardente
que anda ahora pola xente.
¿Qué remedio hai pró o curar?
Unto de porco pacente
i-auga da fonte eternal.
Co poder de Dios e da Virgen María,
un Padre Nuestro/ e-unha Ave María" (Lis Quibén:278).

Outro remedio consistía en facer cruces sobre o peito do enfermo cunha poliña de oliveira á vez que se recitaba estoutro ensalmo:

"Santa Lilaina co seu pai iba,
camiñando por os montes noite e día.
Oh, meu pai, ¿qué era aquelo que relocía?
Era o Fogo Ardente que tanto mal facía.
¿Con qué se curaría?
Con unto de porco macho desalado,
querendo Dios/ e a Virgen María" (Lis Quibén:278).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Isto deu lugar á cuestión case lendaria do "pan da tolemia" e dos Misterios eleusinos.
  2. Por coincidir co San Antón de verán, o 13 de xullo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ergotismo

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • FONT QUER, Pío: Plantas medicinales. El Dioscórides renovado. Labor, Barcelona, 1978.
  • LIS QUIBÉN, Víctor: La Medicina Popular en Galicia. Madrid 1949 (reed. Akal, Madrid 1980).
  • PÉREZ BURKHARDT, J. L.: "Isquemia aguda secundaria a ergotismo", en Anales de Medicina Interna" 2004, vol. 21, nº 2, 63-64. Dispoñible en [1] [consultado o 8.04.2009]
  • RODRÍGUEZ, Francisco Javier : Diccionario gallego castellano, edición preparada por Antonio de la Iglesia González, A Coruña, 1863. (Citado polo Diccionario de Diccionarios)
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]