Pita do monte
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
| Pita do monte | ||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Estado de conservación | ||||||||||||
|
||||||||||||
| Clasificación científica | ||||||||||||
|
||||||||||||
| Nome científico | ||||||||||||
| Tetrao urogallus | ||||||||||||
A pita do monte ou pita montesa (Tetrao urogallus L.), é unha galinácea que se encontra actualmente en perigo de extinción, quedando algúns exemplares ao longo das zonas boscosas de toda a Cornixa Cantábrica, os Pirineos, os Alpes e o Xura.
En Galicia está presente exclusivamente nos Ancares.
En España vedouse a caza desta especie en 1979, e desde 1986 ten a catalogación de especie protexida, aínda que con isto non se conseguiu un incremento na poboación até o momento.
Índice |
[editar] Descrición
A pita do monte ten un tamaño máximo de 1,10 m nos machos e 0,70 m nas femias. Caracterízase por ter unhas plumas debaixo do pico en forma de barba, un rabo en forma de abano e uns tubérculos vermellos sobre os ollos.
A cor da plumaxe é unha característica diferencial entre os sexos. Os machos teñen a plumaxe negra, con zonas azuis ou verde metálico no peito, coas ás acastañadas cunha mancha branca no vértice e manchiñas brancas no ventre e no rabo. As femias teñen o dorso e as ás de cor acastañada con abundantes pencas brancas, o rabo e o peito arrubiados, e o ventre branco con manchas pardas. Ademais diferencia a ambos os sexos o tamaño do peteiro, que é prominente, de xeito curvo e de cor marfil nos machos e breve e de cor negra nas femias.
A pita do monte tarda en pórse a voar e o seu voo é torpe. Os cercados, valos e fragas moi pechados producen enormes baixas na súa poboación.
[editar] Hábitat
Vive en zonas montañosas con fragas claras e abertas de coníferas onde haxa abundante vexetación herbácea, auga e bagas. A existencia de acivros resulta imprescindible para alimentarse durante o inverno. Acostuma durmir nas ramas horizontais das árbores, o que se fai un requisito para a súa presenza.
[editar] Distribución
A pita de monte é unha ave paleártica, repártese dende a Escandinavia ata a Península Ibérica, nesta última posúe poboacións sedentarias na Cornixa cantábrica (500-600 exemplares), e nos Pirineos (680 machos censados no 2003).
[editar] Poboación en Galiza
En Galiza ata hai pouco atopábanse indiviudos na Serra dos Ancares, na provincia de Lugo. Nos anos 80 estimábase unha poboación de entre 20 e 30 machos nos Ancares. Na actualidade, se non consideramos algún individuo que pode achegarse dende Asturias, a Pita de monte pode darse por extinta na comunidade galega.
[editar] Dieta
É unha ave que segue dous tipos de dietas estacionais. No verán é unha ave terrestre que se alimenta de herbas, crisálidas de formiga, landras, bagas, lagartas e incluso serpes.
No inverno convértese nunha ave arborícola e mantense de agullas dos piñeiros e gromos e bagas de silva, arandeira e acivro.
[editar] Reprodución
O macho é territorial e polígamo. A época de celo dura desde marzo até o primeiro terzo de maio. Durante a época de celo emite gritos de reclamo ao amencer e ao atarceder desde algún punto elevado atraendo ás femias. Logo póusase no chan e continúa cos seus reclamos e copulando con varias femias nun mesmo día.
As femias poñen entre cinco e doce ovos nun furado no chan, chocándoos ela soa durante 28-30 días. Os niños son obxectivo doado para o xabarín, os cans e o azor. Ademais a mortaldade dos pitos é moi alta nas primeiras semanas de vida, polo que a súa poboación aumenta moi lentamente.