Piñón (semente)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Piña de piñeiro manso (Pinus pinea) con piñóns - nótese que hai dous piñóns sobre cada escama da piña.

Un piñón é a semente dos piñeiros (árbores do xénero Pinus (familia Pinaceae)), de casca dura e améndoa branca[1].

O nome piñón tamén pode designar a semente doutras árbores coníferas que teñen piñas, como as araucarias

O piñón (pinhão en portugués) procede da piña. Arredor de vinte especies de piñeiros producen piñóns grandes de abondo para que a súa colleita sexa produtiva; noutras especies, aínda que tamén comestíbeis, son demasiado pequenos e sen valor para a alimentación humana, é o que ocorre co piñeiro bravo (Pinus pinaster), típico de Galiza.

Non forma parte da cociña galega tradicional, mais, hoxe en día aparecen pola influencia da gastronomía mediterránea.

Especies[editar | editar a fonte]

En Europa, os piñones proceden do piñeiro manso (Pinus pinea), especie rara en Galiza, pero que nas zonas mediterráneas tense cultivado polos seus froitos durante máis de 6.000 anos, porén a colla de árbores silvestres remóntase moito máis atrás no tempo.

Outra das especies utilizadas, aínda que en menor medida, é Pinus cembra.

En Asia apáñanse dúas especies, principalmente: Pinus koraiensis, no nordés e Pinus gerardiana, na zona occidental do Himalaia. Outras especies usadas en menor grao son: Pinus sibirica, Pinus pumila, Pinus armandii e Pinus bungeana.

En América do Norte, as tres principais especies de piñeiros piñoneiros son: Pinus edulis, Pinus monophylla e Pinus cembroides (o piñeiro mexicano). Outras especies menos utilizadas son: Pinus sabineana, Pinus torreyana e Pinus lambertiana.

Os piñóns están cubertos dunha casca dura, máis ou menos grosa dependendo da especie. O nutrimento almacénase no tecido do gametófito feminino que mantén o embrión en desenvolvemento (esporófito) no centro.

No senso culinario, os piñóns son froitos; porén, no senso botánico, son sementes e, malia seren ximnospermas, carecen de carpelo exterior. O seu período de conservación con casca é moi longo, se se manteñen refrixerados (entre -5 a +2 °C), mais tanto os enteiros coma os pelados se deterioran axiña en condicións cálidas e en ambientes húmidos, tornándose rancios nunha cantas semanas.

Propiedades e usos[editar | editar a fonte]

Por cada 100 gramos de piñóns, o contido en proteínas é de 31 gramos; unha proporción moi alta dentro das noces ou sementes. Así mesmo, son unha fonte de fibra.

Polo xeral, na cociña mediterránea engádense con frecuencia á carne, ao peixe, en ensaladas, en pratos de verduras e tamén a doces e sobremesas. Na gastronomía galega son raros. Na gastronomía catalá e valenciana úsanse acotío tanto en receitas doces, como a coca de piñóns ou os panellets, como en salgadas, como as espinacas á catalá. Son un compoñente esencial dun mollo italiano, o pesto. No suroeste francés adóitanse utilizar na ensalada landesa. En Grecia e no Magreb utilízanse, entre outras sobremesas, para algunhas variedades de Baclava.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definición en Portal das Palabras da RAG - http://portaldaspalabras.org/buscador?id=292738&sinom=0