Nematodo do piñeiro
| Nematodo do piñeiro | |||||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Pinus nigra morto polo ataque de B. xylophilus. |
|||||||||||||||||||||
| Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||||
| Nome binomial | |||||||||||||||||||||
| ''Bursaphelenchus xylophilus'' |
|||||||||||||||||||||
O Bursaphelenchus xylophilus, tamén chamado o nematodo do piñeiro é un nematodo (verme) que infecta os piñeiros, destrúe as canles de circulación da resina e fai que murchen[1]. Identificado na década de 1920 en Norteamérica, detectouse a súa presenza mortal en 1979 en Missouri (Estados Unidos)[2], e posteriormente espallouse dende Norteamérica ao Extremo Oriente e tamén a Europa. A Galicia chegou a finais de 2010[3]. Está considerado a maior ameaza mundial sobre os piñeirais[4].
Índice |
Distribución [editar]
Malia ser nativo de Norteamérica, o nematodo do piñeiro espallouse a Xapón, China, Vietnam, Australia, Escandinavia, Portugal e Galicia, e foi nalgúns destes novos ecosistemas onde causou un maior dano a distintas especies de piñeiro. Aínda que non é especialmente virulento nas coníferas orixinarias de Norteamérica, en Xapón estímase que o nematodo do piñeiro é o responsable da destrución duns 26 millóns de metros cúbicos de madeira[5]. Tense observado, ademais, que a virulencia da enfermidade asociada ao nematodo é especialmente intensa nos países con temperaturas cálidas no verán, superiores a 25ºC, como Australia, Portugal ou determinadas áreas do Xapón, pois estas altas temperaturas levan aparelladas maiores taxas de reprodución do nematodo.
Morfoloxía [editar]
Os vermes do xénero Bursaphelenchus son todos funxívoros e todos necesitan de vectores (adoito escaravellos e couza) para a súa distribución. A diferenciación entre o Bursaphelenchus xylophilus e outras especies non patóxenas do mesmo xénero é moi complexa debido ás semellanzas morfolóxicas, pero pódese conseguir unha identificación axeitada a través de análises moleculares coma os RFLP[6].
Etoloxía [editar]
O nematodo do piñeiro vive en distintas especies de piñeiro, se ben a súa acción é menos destrutiva nas coníferas onde é orixinario. De feito, as árbores máis afectadas en Norteamérica pertencen a especies importadas de Europa e Asia. Tamén se ten identificado a súa presenza noutras especies, como lárices, cedros, piceas e abetos[7].
O ciclo básico da vida do nematodo do piñeiro é o común á maior parte das especies de nematodos, con catro fases xuvenís e unha fase adulta onde combinan os dous sexos (macho e femia). Este ciclo básico desenvólvese dentro da madeira, onde os nematodos se alimentan de fungos e non da propia madeira. O nematodo do piñeiro non pode moverse entre as árbores, e depende para o transporte dun insecto vector. Aínda que se teñen identificado distintas especies vectoras ao longo do planeta[8], as máis delas pertencen ao xénero Monochamus, uns escaravellos con dúas antenas longas e finas que se alimentan de cortiza como adultos, pero que na súa fase larvaria viven no interior da madeira. É nesta fase larvaria cando os escaravellos inxiren os nematodos, que se aloxan finalmente nas traqueas dos insectos adultos. É na fase reprodutiva cando os escaravellos volven transmitir os nematodos a unha nova árbore, ao poñeren as ovas nela[9]. É precisamente na introdución do nematodo cando se produce o dano sobre a árbore, pois o nematodo destrúe as células epiteliais que constitúen o sistema transportador de resina da árbore.
Andazo e tratamento [editar]
O nematodo do piñeiro manifesta os seus primeiros síntomas nas árbores en primavera e no verán, cando o piñeiro deixa de exudar resina polas feridas abertas na cortiza. Pouco e pouco as follas van perdendo a cor ata transformárense nun marrón claro que son indicio da morte da árbore. Nun piñeiro murcho por causa dos nemátodos a madeira está seca e sen resina.
Non existe tratamento para o nematodo. Pódese previr o espallamento da enfermidade con embargos á circulación de madeira e coa queima inmediata de toda a madeira infectada. A fumigación con fosfina de aluminio ten dado resultados positivos para o tratamento de serradura e chips de madeira[10].
Dado que o desprazamento dos insectos vectores é reducida (uns 3 km ao longo de toda a súa vida), a maior ameaza para as producións de madeira é o transporte comercial[11]. A introdución de madeira contaminada co nematodo do piñeiro está prohibida na Unión Europea dende o ano 2000[12]. En 1999 foi localizada a enfermidade desencadeada polo nematodo na península de Setúbal, e as autoridades portuguesas instauraron unha devasa fitosanitaria que levou á paralización do movemento de madeira nunha zona costeira dun millón de hectáreas ao sur do río Texo[13]. Os embargos á comercialización de madeira e os cordóns fitosanitarios non foron, con todo, eficientes. En 2008 o nematdodo da madeira estaba espallado por todo Portugal e en 2010 foi detectada a enfermidade por primeira vez en Galicia.
En Galicia [editar]
Unha serie de estudos realizados a mediados da primeira década do século XXI en España detectou tanto a presenza de distintos nematodos do xénero Bursaphelenchus (pero non da especie xylophagus) como a dunha ampla lista de insectos vectores destes nematodos. En especial, detectouse a presenza de Monochamus galloprovincialis, que era na altura o insecto considerado vector principal da enfermidade en Portugal, ao longo da fronteira lusoespañola: os estudos atopárono na zona meridional de Pontevedra, pero non na comarca de Verín[14].
Porén, a principios do outono de 2010 atopouse un exemplar de piñeiro infectado na Vesadiña (Salvaterra de Miño)[15], no límite co concello das Neves. En novembro confírmase a presenza do nematodo e a mediados dese mes a Xunta de Galicia ordena o corte de todas as especies susceptibles de acoller o parasito nun radio de quilómetro e medio (parte das parroquias de Taboexa, Leirado, Lira e Meder), así como o establecemento dunha zona de especial vixilancia en 20 km ao redor onde tanto a corta como a comercialización de madeira se someten a controis especiais[16].
Notas [editar]
- ↑ Bursaphelenchus xylophilus, Universidade de Nebraska
- ↑ Pinewood Nematode, Bartlett Tree Research Laboratories (pdf)
- ↑ Llera, L.C., Medio Rural tala y quema 15 pinos para frenar la plaga del gusano en Salvaterra, La Voz de Galicia, 2/12/2010.
- ↑ Webster, J e Mota M.M. 2008. Pine Wilt Disease: Global Issues, Trade ad Economic Impact, in Mota, M. M.; Vieira, P. R. (eds.) Pine Wilt Disease: A Worldwide Threat to Forest Ecosystems. Springer, 2008, ISBN 9781402084546
- ↑ Dwinell L.D., Nickle W.R. 2004. An Overview of the Pine Wood Nematode Ban in North America, in Forests Pests, maio de 2004.
- ↑ Cram M., Hanson J., How to Identify and Manage Pine Wilt Disease and Treat Wood Products Infested by the Pinewood Nematodes. Departamento de Agricultura dos Estados Unidos.
- ↑ Pinewood Nematode, Bartlett Tree Research Laboratories (pdf).
- ↑ Dwinell L.D., Nickle W.R. 2004. An Overview of the Pine Wood Nematode Ban in North America, in Forests Pests, maio de 2004.
- ↑ Pinewood Nematode, Bartlett Tree Research Laboratories (pdf).
- ↑ Cram M., Hanson J., How to Identify and Manage Pine Wilt Disease and Treat Wood Products Infested by the Pinewood Nematodes. Departamento de Agricultura dos Estados Unidos.
- ↑ El nematodo de la madera del pino, Consellería de Medio Ambiente, Agua, Urbanismo y Vivienda. Generalitat Valenciana
- ↑ Rodrigues, J. National Eradication Programme for the Pinewood Nematode, in Mota, M. M.; Vieira, P. R. (eds.) Pine Wilt Disease: A Worldwide Threat to Forest Ecosystems. Springer, 2008, ISBN 9781402084546
- ↑ Rodrigues, J. National Eradication Programme for the Pinewood Nematode, in Mota, M. M.; Vieira, P. R. (eds.) Pine Wilt Disease: A Worldwide Threat to Forest Ecosystems. Springer, 2008, ISBN 9781402084546
- ↑ Potential Insect Vectors of Bursaphelenchus spp. (Nematoda: Parasitaphelenchidae) in Spanish Pine Forests, in Mota, M. M.; Vieira, P. R. (eds.) Pine Wilt Disease: A Worldwide Threat to Forest Ecosystems. Springer, 2008, ISBN 9781402084546
- ↑ Llera, L.C., Medio Rural tala y quema 15 pinos para frenar la plaga del gusano en Salvaterra, La Voz de Galicia, 2/12/2010.
- ↑ Resolución do 17 de novembro de 2010, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se declara no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nematodo do piñeiro) e se ordena comezar as medidas para a súa erradicación, DOG, 17/11/2010