Harry Potter e a pedra filosofal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre o libro; para outros usos véxase a información sobre o filme e mais o videoxogo.
Harry Potter e a pedra filosofal
HP books.png
Título orixinal Harry Potter and the Philosopher's Stone
Autor J. K. Rowling
Cuberta Thomas Taylor
País Reino Unido
Lingua Inglés
Colección Harry Potter
Tema(s) Maxia
Xénero(s) Fantasía
Editorial Bloomsbury
Data de pub. 30 de xuño de 1997
Formato Capa dura
Seguido por Harry Potter e a Cámara dos Segredos
Primeira edición galega
Tradución Marilar Aleixandre
Editorial Galaxia
Data de pub. Xaneiro de 2003
Páxinas 256
ISBN ISBN 978-84-8288-496-7
Artista da cuberta Dolores Avedaño[1]

Harry Potter e a pedra filosofal é a primeira novela da saga Harry Potter escrita por J. K. Rowling e que ten como protagonista a Harry Potter, un mozo meigo. O libro describe como Harry descobre que é mago e como comeza os seus estudos na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería á par que vai coñecendo o seu verdadeiro pasado agochado polos seus tíos e frustra un intento de volver do Señor Escuro, Lord Voldemort, o autor dos asasinatos dos seus pais e que intentara matar a Harry cando tiña un ano.

O libro saíu á venda o 30 de xuño de 1997 publicado por Bloomsbury no Reino Unido e no mes de xaneiro de 2003 en Galicia pola Editorial Galaxia. No caso galego, a obra sufriu un atraso na súa publicación nesta versión debido a que a editorial galega non posuía os dereitos exclusivos sobre a obra como ocorreu no caso catalán, onde se publicaron as novelas á vez que nas linguas maioritarias da Península Ibérica. Deste xeito, Galaxia dependía das decisións da Editorial Salamandra, de aí o lapso de 3 anos entre a publicación da tradución castelá e galega. A tradución galega de Marilar Aleixandre recibiu ademais a axuda da Dirección Xeral de Promoción Cultural[2]. A novela atinxiu os primeiros postos da lista do New York Times da ficción mellor vendida en agosto de 1999 e permaneceu aí durante 1999 e boa parte do ano 2000. Traduciuse a moitas outras linguas e fíxose unha versión cinematográfica da mesma.

Argumento[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

O libro comeza o 2 de novembro de 1981, cando Albus Dumbledore, Minerva McGonagall e Rubeus Hagrid chegan a Privet Drive para deixar un neno, chamado Harry Potter, cos seus tíos, Vernon e Petunia Dursley. Mencionan que o meigo escuro, O-Que-Non-Debe-Amentarse, o máis poderoso de tódolos tempos, por fin foi derrotado, pero que levou dúas vítimas: James e Lily Potter, pais de Harry. Din que tamén quixo matar a Harry, pero por algún estraño motivo, sobreviviu e desapareceu quedándolle ao cativo tan só un sinal: unha cicatriz na fronte. Mentres Harry medra xunta aos seus tíos muggles (persoas non-máxicas), estes nunca lle din que é meigo, nin que os seus pais tamén o eran. Pola contra, cóntanlle que os seus pais morreron nun accidente de tráfico, e durante anos tratan a Harry coma se fose un vasalo.

Despois, a historia remóntase ao ano 1991, pouco antes do 11º aniversario de Harry. De súpeto comezan a chegar unha serie de cartas dirixidas a Harry, que son destruídas polo seu tío antes de que as poida ler. Logo de recibir unha incrible cantidade de cartas vanse agochar a unha pequena illa abandonada para deixaren de recibilas. Así e todo, Rubeus Hagrid encóntraos e preséntaselles dicindo que é o gardián das chaves de Hogwarts, que esta se trata dunha escola de maxia e que Harry foi aceptado para estudar nela o vindeiro ano.

Logo diso, Harry e Hagrid diríxense á Travesa Diagon, unha clase de centro comercial agochado, onde Harry se desconcerta ao descubrir o famoso que é entre os meigos como "o neno que viviu". Tamén se atopa con que no mundo máxico é bastante rico, desde que unha herdanza de seus pais quedara no Banco Gringotts. Guiado por Hagrid, merca os libros e os materiais necesarios para ir a Hogwarts, comprobando que a única variña que funciona ben para el é a xemelga da de Voldemort cando vai á tenda Ollivanders.

Un mes despois, Harry deixa a casa dos Dursley para coller o Expreso de Hogwarts desde a estación de trens de King's Cross. Alí é onde se fai amigo da familia Weasley, os que lle ensinan a pasar a través do muro máxico ata o Andén 9¾, onde os agarda o tren. Mentres no tren Harry consolida a súa amizade con Ron Weasley, que lle conta en alguén intentou roubar o que contiña unha cámara de Gringotts, outro novo alumno, Draco Malfoy, acompañado polos seus lacaios Crabbe e Goyle, ofrécenlle consello a Harry, pero este rexéitaos xa que Harry non atura a arrogancia e prexuízos de Draco.

Antes da primeira cea do curso na Gran Sala da escola, os novos pupilos son asignados a unha casa polo Sombreiro Escolledor. O Sombreiro asigna aos máis dos alumnos instantaneamente, pero ten unha discusión telepática con Harry sobre se a ambición do mozo faría que Slytherin fose a mellor escolla para el. Cando silenciosa pero vehementemente Harry obxecta, o Sombreiro envíao para reunirse cos Weasley en Gryffindor. Asemade que Harry se relaxa tras a cea, o profesor Snape mírao fixamente e sente unha dor punzante na cicatriz que Voldemort lle deixara.

Tras unha primeira clase traumática de Apócemas con Snape, Harry e Ron visitan a cabana ao bordo da Fraga Prohibida de Hagrid. Alí decátanse de que houbo un intento de roubo en Gringotts cando Harry retiraba cartos, e Harry lembra que Hagrid levara un pequeno paquete de alí. Durante a clase de voo sobre vasoira, Neville Longbottom rompe o pulso e Draco quítalle a súa Lembradora para lanzala lonxe e que non a atopase. Harry cázao na súa vasoira e pilla a Lembradadora antes de que rompa ao caer ao chan. A profesora McGonagall veo e desígnao o novo buscador do equipo de quidditch da casa Gryffindor.

Draco engana a Ron e Harry e consegue que vaian de excursión a medianoite, e Neville e mais Hermione Granger acompáñanos para mantelos lonxe de calquera problema. Os catro entran accidentalmente no corredor prohibido e dan cun cuarto no que hai un enorme can de tres cabezas. O grupo foxe precipitadamente e só Hermione se dá conta de que o can está sobre unha trapela agochada; Harry conclúe que o monstro garda o paquete que Hagrid collera en Gringotts.

Despois de que Ron criticase a competencia ostentosa de Hermione ao realizar meigallos, esta vai chorar ao baño de mozas. O profesor Quirrell informa de que hai un trol nos calabozos. Mentres todos evacúan o edificio, Harry e Ron van avisar a Hermione e atópana nun recuncho acurralada no baño. Harry intenta increpalo coa variña e Ron golpéao coa súa e usa o meigallo de levitación que Hermione usara en clase. Cando chega un grupo de profesores, Hermione asume a culpa de todo e faise amiga dos dous rapaces.

O serán antes do primeiro partido de quidditch de Harry, este ve a Snape recibindo atención médica de Filch por unha trabadela do can de tres cabezas. Durante o partido, a vasoira de Harry perde o control, poñendo a súa vida en perigo, e Hermione nota que Snape mira fixamente a Harry e bisba. Diríxese ata a bancada dos profesores, golpeando o profesor Quirrel ao ir ás présas, e prende lume na capa de Snape. Harry gaña o control da súa vasoira e atrapa a pispa dourada, conseguindo a vitoria para Gryffindor. Logo do encontro, Hagrid rexeita crer que Snape fose responsable dos feitos, pero conta sen querelo que comprara o can de tres cabezas e que o monstro garda un segredo pertencente ao profesor Dumbledore e alguén chamado Nicolás Flamel.

Harry e os Weasley quedan en Hogwarts durante o Nadal, e un dos agasallos de Harry por parte dun anónimo é unha Capa de Invisivilidade. Harry usa a capa para buscar na sección prohibida da biblioteca información sobre o misterioso Flamel, e ten que fuxir de Snape e Filch despois de que un libro accionase unha alarma. Na súa fuxida accede a un cuarto co Espello de Oxesed, que amosa os seus pais e varios dos seus devanceiros. Harry convértese en adicto ás visións do espello e rescátao o profesor Dumbledore, explicándolle que mostra o que máis anhela desesperadamente a persoa que mira nel.

Cando o resto dos alumnos volven para retomar o curso, Draco faille unha trasnada a Nevill, e Harry consólao cun caramelo. A carta coleccionable que vén co doce explica que Flamel é un alquimista de 665 anos que posúe a única pedra filosofal coñecida, da que se pode extraer o elixir da vida. Uns días despois Harry aprecia que Snape escapa ás agachadas ás aforas da Fraga Prohibida. Alí logra escoitar a metade dunha conversa sobre a pedra filosofal, na que Snape lle pregunta a Quirrell se achou un camiño para pasar esquivando o can de tres cabezas e de xeito ameazador dille a Quirrell que decida de que lado está. Harry conclúe que Snape trata de roubar a pedra e Quirrell ten preparada unha serie de defensas para ela.

Despois diso, os tres amigos visitan a Hagrid e descobren que está criando un dragón bebé, algo en contra da lei máxica, así que o arranxa sacándoo de contrabando á medianoite. Draco chega querendo cachalos e Neville vainos avisar das intencións de Malfoy. Malia que o dragón traba a Ron e ten que acudir á enfermería, Harry e Hermione manteñen o dragón a salvo. Porén, píllanos e Harry perde a súa Capa de Invisibilidade. Como parte do seu castigo, Harry, Hermione, Draco e Neville son obrigados a axudar a Hagrid no rescate dun unicornio malferido na Fraga Prohibida. Sepáranse en dous grupos e Harry e mais Draco atopan un unicornio morto, rodeado do seu sangue. Unha figura encapuchada arrástrase ata o cadáver e bebe o sangue, á vez que Draco berra e foxe. A figura móvese ata Harry, golpeado cunha intensa dor na cicatriz. Cando Harry recobra a conciencia a figura xa se fora e un centauro, Firenze, ofrécese a levalo de volta á escola. O centauro cóntalle a Harry que beber o sangue dun unicornio salva a vida dunha persoa ferida mortalmente, pero o deixa apenas vivo. Firenze suxire que Voldemort bebera o sangue do unicornio para gañar a forza suficiente e realizar o elixir da vida a partir da pedra filosofal, e lograr recobrar a súa saúde bebendo este elixir. Á súa volta, Harry descobre que alguén deslizou a Capa de Invisibilidade baixo as sabas da súa cama.

Unhas semanas despois, mentres se relaxa tras os exames finais, Harry pregúntase de súpeto como algo tan ilegal como un ovo de dragón chegou ás mans de Hagrid. O gardián das chaves di que llo deu un estraño encapuchado que lle mercou varias bebidas e que quería saber como esquivar o can de tres cabezas, algo que Hagrid admite que é doado: a música faino adormecer. Dándose conta de que unha das defensas da pedra filosofal xa non é segura, Harry acode ao profesor Dumbledore para informalo disto, momento no que se decata de que o director deixou a escola para ir a unha xuntanza importante. Harry conclúe que Snape falseou a mensaxe que fixo a Dumbledore marchar para tratar de roubar a pedra esa noite.

Cuberto coa Capa de Invisibilidade, Harry e os seus dous amigo pasan a través da cámara do can de tres cabezas, onde Harry adormece a besta tocando unha frauta. Logo de coarse pola trapela, tópanse cunha serie de obstáculos, cada un dos cales require de cadansúa habilidade especial que posúen os tres, chegando a facer que Ron se sacrifique a si mesmo. No último cuarto, Harry (agora só) encontra a Quirrell, que o ata de pés e mans con cordas máxicas. Quirrell admite que ceibara o troll que intentara matar a Hermione no baño e que tratara de matar a Harry durante o primeiro partido de quidditch pero fora golpeado por Hermione; Snape facía por protexer a Harry. Quirrel servía a Voldemort e tras fallar no roubo da pedra filosofal de Gringotts, permitiu que o seu amo posuíse o seu espírito para ter máis posibilidades de éxito. Non obstante, o único obxecto que hai no cuarto é o Espello de Oxesed, e Quirrell non ve ningún sinal da pedra. A unha orde de Voldemort, Quirrell desata a Harry e fórzao a porse diante do espello. Harry sente que a pedra cae no seu peto e intenta evadirse. Quirrell quita o turbante, quedando ao descuberto a cara de Voldemort na parte posterior da súa cabeza. Quirrel intenta arrebatar a pedra a Harry, pero o simple toque de Harry causa queimaduras en Quirrell. Despois dunha loita, Harry desmáiase.

Esperta na enfermería da escola, onde o profesor Dumbledore lle conta que sobreviviu porque súa nai sacrificara a súa vida para protexelo e Voldemort non podía entender o poder do amor. Dille tamén que Voldemort deixou que Quirrell morrese e que probablemente volverá por outros medios, así como que a pedra fora destruída para evitar que Voldemort a intentase usar de novo. Dumbledore previra que o espello mostrase a Quirrell facendo o elixir da vida, usando a pedra filosofal; Harry fora capaz de ver a pedra no espello porque quería atopala pero non usala.

Na festa de fin de curso, Harry é acollido coma un heroe. Logo, volve á casa dos Dursley para pasar as vacacións de verán.

Os detalles da trama e/ou do argumento rematan aquí.

Personaxes[editar | editar a fonte]

Desenvolvemento e publicación[editar | editar a fonte]

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

En 1990 Jo Rowling, como prefire ser coñecida[3], quixo mudarse co seu mozo a un apartamento en Manchester. Segundo ela: "Despois de buscar un apartamento durante unha semana, tomei o tren de volta a Londres e a idea de Harry Potter viño á miña cabeza... Un rapaz escuálido, de pelo negro e con anteollos que non sabía que era meigo comezou a ser cada vez máis e máis real para min... Comecei a escribir a pedra filosofal ese mesmo serán"[4]. Logo a nai de Rowling morreu e, para facer fronte á súa dor, Rowling trasladou a súa propia angustia ao orfo Harry[4]. Rowling pasou seis anos traballando en Harry Potter e a pedra filosofal, e en 1996 obtivo unha bolsa de 4.000£ do Scottish Arts Council, o que lle permitiu finalizar o libro e planificar as secuelas[5]. Enviou a novela a un axente e unha editorial, e o segundo axente que se fixo co libro intentou durante un ano vender o libro ás editoriais. Barry Cunningham, que estaba nun proxecto de fantasía de novos autores para a editorial Bloomsbury Publishing, aceptou o libro[5], e a filla de oito anos do xefe de Bloomsbury dixo que "era mellor que calquera outro que lera"[6].

Traducións[editar | editar a fonte]

A mediados de 2008, publicáronse traducións do libro en 67 linguas[7][8]. Bloomsbury publicou traducións en latín e grego antigo[9][10]. A tradución ao galego desta primeira novela correu por conta de Marilar Aleixandre e a Editorial Galaxia[11][12].

Secuelas[editar | editar a fonte]

O segundo libro, Harry Potter e a Cámara dos Segredos foi publicado orixinalmente no Reino Unido o 2 de xullo de 1998[13] e en Galicia en novembro de 2002 coa tradución de Eva Almazán[14]. Harry Potter e o preso de Azkaban foi publicada un ano despois no Reino Unido o 8 de xullo de 1999[13] e en Galicia en 2004 coa tradución de Eva Almazán[15]. Harry Potter e o Cáliz de fogo publicouse o 8 de xullo de 2000 á vez por Bloomsbury e Scholastic[16], mentres que Galaxia o fixo en novembro de 2005 trala tradución feita por Eva Almazán[17]. Harry Potter e a Orde do Fénix é o libro máis longo da saga con 766 páxinas na versión británica[18] e 892 páxinas na versión galega de Laura Sáez[19]. Publicouse en todo o mundo en inglés o 21 de xuño de 2003[20] e en galego en decembro de 2008[19]. Harry Potter e o misterio do príncipe publicouse o 16 de xullo de 2005, e vendeu 9 millóns de copias nas primeiras 24 horas ao seu lanzamento[21][22]. A Galicia chegou en novembro de 2008 da man de Carlos Acevedo[23]. A sétima e derradeira novela, Harry Potter e as reliquias da morte, foi publicada en inglés o 21 de xullo de 2007[24], e sete meses despois e de xeito simultáneo en galego, traducida por Laura Sáez[25], en castelán e catalán o 21 de febreiro de 2008[26][27]. O libro vendeu 11 millóns de copias nas primeiras 24 horas tras a súa posta á venda[28].

Filme[editar | editar a fonte]

En 1999, Rowling vendeu os dereitos dos catro primeiros libros á Warner Bros. para facer as películas. Rowling pediu que os membros do reparto principal fosen británicos, aínda que permitiu que o irlandés Richard Harris fixese de Dumbledore[29]. Logo dunha gran busca[30], a rodaxe comezou en outubro de 2000 en Leavesden Film Studios e mais en Londres, finalizando a produción en xullo de 2001[31]. Harry Potter e a pedra filosofal estreouse en Londres o 14 de novembro de 2001[32][33]. As críticas foron positivas por parte de Rotten Tomatoes[34] e Metacritic[35].

Críticas, estilo e temas[editar | editar a fonte]

As máis das críticas foron moi favorables, resaltando a imaxinación, humor, simpleza, estilo directo e construción intelixente da trama de Rowling, aínda que uns poucos se laiaron de que os capítulos finais semellaban demasiado precipitados. A escritura foi comparada coa de Jane Austen, un dos autores favoritos de Rowling, a de Roald Dahl, cuxas obras dominaron as historias para nenos antes de Harry Potter, e o narrador da Antiga Grecia Homero. Mentres que algúns críticos miraron máis atrás para fixar o libro como literatura de estilo vitoriano ou eduardiano, outros atribuíron problemas contemporáneos éticos e sociais como xénero do libro.

Ademais, moitos educadores consideran Harry Potter e a pedra filosofal e as súas secuelas como unha axuda importante na mellora da alfabetización por mor da popularidade dos libros. A saga tamén ten sido usada como fonte de exemplos prácticos en técnicas educativas, análise sociolóxica e mercadotecnia.

Polémica relixiosa[editar | editar a fonte]

Harry Potter e a pedra filosofal, xunto co resto da saga Harry Potter, ten sido atacada por varios grupos relixiosos e prohibida nalgúns países debido ás acusacións que din que as novelas promoven a bruxería e que inculcan nos adolescentes valores erróneos. Por exemplo, o sacerdote capuchino Sixto Parzinger, bispo da diocese chilena de Villarrica, pediu a prohibición da lectura dos libros en todo Chile, asociándoo ao caso dun alumno que agredira a un mestre días antes[36].

En Arabia Saudita foron máis lonxe ao censurar de facto a saga por entender que os poderes sobrenaturais que se describen nos libros van en contra das ensinanzas do Islam.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dolores Avedaño foi a encargada de realizar a portada para a versión en castelán, mais os seus debuxos usáronse tamén para as versións galegas e hispanoamericanas.
  2. María Dolores González Martínez e María Teresa Veiga Díaz. "A recepción da tradución de Harry Potter ás linguas romances da Península" (PDF). Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos (Universidade de Vigo): 976. http://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=2944883&orden=0.
  3. J.K. Rowling foi bautizada como Joanne Rowling, sen segundo nome, e adoptou o pseudónimo J.K. Rowling para publicar os libros: "Red Nose Day" Online Chat Transcript. BBC Online. 12 de marzo de 2001. http://burrow.sub.jp/library/original/03122001b.html. Consultado o 16 de abril de 2008.
    Comenta que sempre foi coñecida como "Jo": "J.K. Rowling: CBC Interview #1". Canadian Broadcasting Corporation. 26 de outubro de 2000. http://www.angelfire.com/mi3/cookarama/cbcint_1.html. Consultado o 19 de marzo de 2006.
    A páxina de dereitos de autor do libro dá o nome "Joanne Rowling": Harry Potter and the Philosopher's Stone. Bloomsbury. 1997. p. copyright notice. ISBN 0-7475-3274-5.
  4. 4,0 4,1 Heather Riccio (1995–2009). "Interview with JK Rowling, Author of Harry Potter". Hilary Magazine. http://www.hilary.com/career/harrypotter.html. Consultado o 12 de xaneiro de 2009.
  5. 5,0 5,1 "The Publishing of a Phenomenon". A guide to the Harry Potter novels. Continuum International. 2002. p. 7–14. ISBN 0-8264-5317-1. http://books.google.com/?id=cHjF5K2uVdsC&pg=PA10&lpg=PA10&dq=%22a+hugely+entertaining+thriller%22+Rowling+%22a+first-rate+writer+for+children%22+scotsman. Consultado o 15 de maio de 2009.
  6. "Revealed: the eight-year-old girl who saved Harry Potter". The Independent (London). 3 de xullo de 2005. Arquivado do orixinal o 2009-08-04. http://web.archive.org/web/20090804080639/http://www.independent.co.uk/arts-entertainment/books/news/revealed-the-eightyearold-girl-who-saved-harry-potter-497412.html. Consultado o 20 de maio de 2009.
  7. "Rowling 'makes £5 every second'". British Broadcasting Corporation. 3 de outubro de 2008. http://news.bbc.co.uk/1/hi/entertainment/7649962.stm. Consultado o 17 de outobro de 2008.
  8. "Harry Potter breaks 400m in sales". Londres: Guardian News and Media Limited. 18 de xuño de 2008. http://www.guardian.co.uk/business/2008/jun/18/harrypotter.artsandentertainment. Consultado o 17 de outubro de 2008.
  9. (en latín) Harrius Potter et Philosophi Lapis. Bloomsbury USA Children's Books. 2003. ISBN 1-58234-825-1.
  10. (en grego antigo) Άρειος Ποτηρ καὶ ἡ τοῦ φιλοσόφου λίθος. Bloomsbury USA Children's Books. 2004. ISBN 1-58234-826-X.
  11. "Harry Potter e a pedra filosofal". editorialgalaxia.es. http://www.editorialgalaxia.es/catalogo/libro.php?id_libro=0010600001. Consultado o 24 de xullo de 2009.
  12. "Libros". http://www.xente.mundo-r.com/marilar/libros.htm. Consultado o 25 de xullo de 2009.
  13. 13,0 13,1 "A Potter timeline for muggles". Toronto Star. 14 de xullo de 2007. http://www.thestar.com/entertainment/article/235354. Consultado o 27 de setembro de 2008.
  14. "Harry Potter e a Cámara dos Segredos". editorialgalaxia.es. http://www.editorialgalaxia.es/catalogo/libro.php?id_libro=0010600002. Consultado o 24 de xullo de 2009.
  15. "Harry Potter e e o preso de Azkaban". editorialgalaxia.es. http://www.editorialgalaxia.es/catalogo/libro.php?id_libro=0010600003. Consultado o 24 de xullo de 2009.
  16. "Speed-reading after lights out". Guardian News and Media Limited. 19 de xullo de 2000. http://www.guardian.co.uk/books/2000/jul/19/jkjoannekathleenrowling. Consultado o 27 de setembro de 2008.
  17. "Harry Potter e o Cáliz de fogo". editorialgalaxia.es. http://www.editorialgalaxia.es/catalogo/libro.php?id_libro=0010600004. Consultado o 24 de xullo de 2009.
  18. "Harry Potter and the Internet Pirates". The New York Times. http://query.nytimes.com/gst/fullpage.html?res=9C03EFDC163CF937A25754C0A9659C8B63. Consultado o 21 de agosto de 2008.
  19. 19,0 19,1 "Harry Potter e a Orde do Fénix". editorialgalaxia.es. http://www.editorialgalaxia.es/catalogo/libro.php?id_libro=0010600007. Consultado o 24 de xullo de 2009.
  20. Cassy, John (16 de xaneiro de 2003). "Harry Potter and the hottest day of summer". Guardian News and Media Limited. http://www.guardian.co.uk/uk/2003/jan/16/harrypotter.books. Consultado o 27 de setembro de 2008.
  21. "July date for Harry Potter book". BBC. 21 de decembro de 2004. http://news.bbc.co.uk/1/hi/entertainment/arts/4113663.stm. Consultado o 27 de setembro de 2008.
  22. "Harry Potter finale sales hit 11 m". BBC News. http://news.bbc.co.uk/1/hi/entertainment/6912529.stm. Consultado o 21 de agosto de 2008.
  23. "Harry Potter e o misterio do príncipe". editorialgalaxia.es. http://www.editorialgalaxia.es/catalogo/libro.php?id_libro=0010600006. Consultado o 24 de xullo de 2009.
  24. "Rowling unveils last Potter date". BBC. 1 de febreiro de 2007. http://news.bbc.co.uk/1/hi/entertainment/6320733.stm. Consultado o 27 de setembro de 2008.
  25. "Harry Potter e as reliquias da morte". editorialgalaxia.es. http://www.editorialgalaxia.es/catalogo/libro.php?id_libro=0010600005. Consultado o 24 de xullo de 2009.
  26. "Axenda". editorialgalaxia.es. http://www.editorialgalaxia.es/axenda/index.php?id=2008-02-21. Consultado o 24 de xullo de 2009.
  27. "Chega Harry Potter, e faino tamén en galego". vieiros.com. 22 de febreiro de 2008. http://www.vieiros.com/nova/64596/chega-harry-potter-e-faino-tamen-en-galego. Consultado o 24 de xullo de 2009.
  28. "Harry Potter finale sales hit 11 m". BBC. 23 de xullo de 2007. http://news.bbc.co.uk/1/hi/entertainment/6912529.stm. Consultado o 20 de agosto de 2008.
  29. "Harry Potter and the Philosopher's Stone". London: Guardian Unlimited. 16 de novembro de 2001. http://www.guardian.co.uk/film/2001/nov/16/jkjoannekathleenrowling. Consultado o 26 de maio de 2007.
  30. "Daniel Radcliffe, Rupert Grint and Emma Watson bring Harry, Ron and Hermione to life for Warner Bros. Pictures: Harry Potter and the Sorcerer’s Stone"". Warner Brothers. 21 de agosto de 2000. Arquivado do orixinal o 04-04-2007. http://web.archive.org/web/20070404184713/http://movies.warnerbros.com/pub/movie/releases/harrycast.html. Consultado o 26 de maio de 2007.
  31. Schmitz, Greg Dean. "Harry Potter and the Sorcerer's Stone (2001)". Yahoo!. http://movies.yahoo.com/feature/comingsoon.html. Consultado o 30 de maio de 2007.
  32. "Potter Casts Spell at World Premiere". BBC News. 15 de novembro de 2001. http://news.bbc.co.uk/1/hi/entertainment/film/1634408.stm. Consultado o 23 de setembro de 2007.
  33. Brian Linder (17 de maio de 2000). "Bewitched Warner Bros. Delays Potter". IGN. http://uk.movies.ign.com/articles/034/034103p1.html. Consultado o 8 de xullo de 2007.
  34. "Harry Potter and the Sorcerer's Stone (2001)". Rotten Tomatoes. http://www.rottentomatoes.com/m/harry_potter_and_the_sorcerers_stone/. Consultado o 8 de xullo de 2007.
  35. "Harry Potter and the Sorcerer's Stone". Metacritic. http://www.metacritic.com/video/títulos/harrypotterandthesorcerersstone. Consultado o 20 de xullo de 2007.
  36. "Obispo chileno pide prohibir libro de Harry Potter". Periodismo Global. 13 de agosto de 2005. Consultado o 27 de febreiro de 2013.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]