Centauro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre os seres mitolóxicos. Para a constelación, vexa Centaurus.
Centauro, no Museo Catedralicio da Catedral de Ourense
Centauro loitando contra un lapita (detalle do Partenón)

Na mitoloxía grega, os centauros (en grego Κένταυρος Kéntauros, «matador de touros», «cen fortes», plural Κένταυροι Kéntauroi; en latín Centaurus/Centauri) son unha raza de seres co torso e cabeza de humano e o corpo de cabalo. Vivían nas montañas de Tesalia e eran fillos de Ixión e Néfele, a nube de chuvia. Alternativamente, considerábanse fillos de Kentauros (o fillo de Ixión e Nefele) e algunhas eguas magnesias, ou de Apolo e Hebe. Ás veces cóntase que Ixión planeaba manter relacions sexuais con Hera, pero Zeus, o seu marido, evitouno moldeando unha nube coa forma de Hera. Posto que Ixión é normalmente considerado o devanceiro dos centauros, pode facerse referencia a eles poeticamente como Ixiónidas.

Características[editar | editar a fonte]

Os centauros son moi coñecidos pola loita que mantiveron cos lapitas, provocada polo seu intento de raptar a Hipodamía o día da súa voda con Piritoo, rei dos lapitas e tamén fillo de Ixión. A discusión entre estes primos é unha metáfora do conflito entre os baixos instintos e o comportamento civilizado na humanidade. Teseo, un heroe e fundador de cidades que estaba presente, inclinou a balanza do lado da orde correcta das cousas, e axudou a Piritoo. Os centauros fuxiron (Plutarco, Teseo, 30; Ovidio, Metamorfoses xii. 210; Diodoro Siculo iv. 69, 70.).

Escenas da batalla entre os lapitas e os centauros foron esculpidas en baixorrelevos no friso do Partenón, que estaba dedicado á sabia Atenea. So esta roupaxe, Fidias, o autor dos relevos, simbolizaba as aínda recentes guerras entre os gregos e os persas, entre civilizados e bárbaros.

O centauro aparece na iconografía cristiá como unha besta infernal, tentadora de doncelas. Ás veces aparece baixo a forma de onocentauro, mestura de home e burro con exaxerados atributos sexuais.

Centauros famosos[editar | editar a fonte]

Interpretación[editar | editar a fonte]

Centauro (sarcófago romano, ca. 230)

Se exceptuamos Folos e Quirón (a súa orixe é diferente da dos outros), os centauros simbolizaban para os gregos os apetitos animais (concupiscencia e ebriedade son riscos típicos deles). Así o combate seu contra os lapitas pode ser interpretado como unha parábola do enfrontamento dos estados civilizado e salvaxe.

A orixe da súa creación explícase polo xeral así: o cabalo foi introducido na Grecia antiga desde o século XVI a.C, mais só era utilizado entón como besta de tiro; os centauros representarían entón, nas lendas da Idade heroica, os primeiros xinetes. Porén, por súa vez, o xinete, o cabaleiro, que domina forzas primixenias pola súa acción, oponse, simbolicamente, aos centauros que están dominados polos instintos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Centauros

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]