Harry Potter e o misterio do príncipe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre o libro; para outros usos véxase a información sobre o filme e mais o videoxogo.
Harry Potter e o misterio do príncipe
HP books.png
Título orixinal Harry Potter and the Half-Blood Prince
Autor J. K. Rowling
Tradutor Carlos Acevedo
Artista da cuberta Galicia Dolores Avedaño[1]
Flag of the United Kingdom.svg Jason Cockcroft
País Reino Unido
Lingua Inglés
Colección Harry Potter
Tema(s) Maxia
Xénero(s) Fantasía
Editorial Galicia Galaxia
Flag of the United Kingdom.svg Bloomsbury
Data de pub. Galicia novembro de 2008
Flag of the United Kingdom.svg 16 de xullo de 2005
Formato Capa dura
Páxinas Galicia 604
ISBN ISBN 978-84-9865-128-7
Precedido por Harry Potter e a Orde do Fénix
Seguido por Harry Potter e as reliquias da morte

Harry Potter e o misterio do príncipe é a sexta novela da saga Harry Potter escrita por J. K. Rowling e que ten como protagonista a Harry Potter, un mozo meigo. O libro céntrase no sexto ano de Harry na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería, explora o pasado de Lord Voldemort e mostra a preparación de Harry para a batalla final.

O libro saíu á venda o 16 de xullo de 2005 publicado por Bloomsbury no Reino Unido e no mes de novembro de 2008 en Galicia pola Editorial Galaxia coa tradución de Carlos Acevedo. O libro vendeu nove millóns de copias nas primeiras 24 horas despois da súa publicación, unha marca que sería batida pola súa secuela dous anos despois[2]. A versión cinematográfica do libro estreouse en 2009.

Argumento[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

Introdución[editar | editar a fonte]

Durante as cinco novelas anteriores, o personaxe principal, Harry Potter, fixo fronte ás dificultades de medrar co reto engadido de ser un meigo famoso. Cando Harry era un bebé, Voldemort, o meigo escuro máis poderoso da historia, matara os pais de Harry pero desapareceu misteriosamente despois de intentar asasinar o cativo. Isto foi o que fixo a Harry gañar a súa fama. O neno púxose ao coidado dos seus tíos muggles, Vernon e Petunia.

Harry entra no mundo máxico con once anos, e ingresa na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería. Fai amizade con Ron Weasley e Hermione Granger e ten unha confrontación con Lord Voldemort, que intenta recuperar o seu poder. Coa volta ao colexio despois das vacacións de verán, algúns estudantes de Hogwarts sofren ataques despois de que a lendaria Cámara dos Segredos sexa aberta. Harry pon fin aos ataques matando ao basilisco agochado nesta gorida e frustrando outro intento de Lord Voldemort de gañar os seus poderes completos. Ao outro ano, Harry oe que é o obxectivo de Sirius Black, un asasino que escapou do cárcere de Azkaban. Malia as rigorosas medidas de seguridade presentes en Hogwarts, Black consegue dar con Harry ao final do ano, e Harry descobre que Black fora incriminado e era seu padriño. No cuarto ano, Harry participa nunha competición máxica chamada Torneo Tres Meigos. Á fin do Torneo, Harry é testemuña do regreso ao poder de Lord Voldemort. O seguinte ano Hogwarts está baixo o mando do Ministerio de Maxia e Harry coñece da existencia dunha profecía na que el e Voldemort están involucrados; a profecía di que un dos dous deberá matar ó outro. Entrementres, o mundo máxico vive momentos de tebras tras o regreso do Señor Escuro.

Resumo[editar | editar a fonte]

Á chegada ao castelo, anúnciase que Severus Snape sería o novo profesor de Defensa contra a Maxia Negra, mentres que Horace Slughorn sería o substituto de Snape como profesor de Apócemas. Harry descobre que o anterior propietario do seu libro de texto de Apócemas, o "Príncipe Mestizo", fixera apuntamentos nas marxes do libro. O mozo segue as instrucións manuscritas que lle permiten destacar sobre os demais e ser un dos favoritos de Slughorn. O profesor está intrigado polo rumor de que Harry é o elixido para derrotar a Lord Voldemort.

Harry recoñece a súa atracción por Ginny Weasley, pero teme que a súa relación poida estragar a súa amizade con Ron, que se mostra moi sobreprotector coa súa irmá. Entrementres, Ron comeza a saír con Lavender Brown, provocando un afastamento entre el e Hermione, que agocha sentimentos cara a el. A rifa soamente cesa cando Ron case morre por beber un hidromel envelenado dirixido ao director de Hogwarts, Albus Dumbledore. Harry sospeita que Draco Malfoy se converteu nun Devorador da Morte e cre que está destrás dos ataques fallidos contra a vida de Dumbledore. Non obstante, ninguén cre que sexa así.

Harry e Dumbledore celebran reunións privadas ao longo de todo o ano. Nelas, o director emprega o pensadoiro para mostrarlle a Harry recordos do pasado de Voldemort. Un dos recordos, que Harry obtén de Slughorn, confirma as sospeitas de Dumbledore sobre que Voldemort dividira a súa alma en sete fragmentos co fin de acadar case a inmortalidade. Seis destes fragmentos están contidos en obxectos máxicos chamados Horcrux, que cómpre destruír antes de poderen matar a Voldemort. Dous Horcrux xa foran destruídos: o diario de Tom Riddle, ao que Harry lle espetara o cairo do basilisco no segundo ano, e o anel de Marvolo Gaunt, que Dumbledore destruíra durante o verán. Dumbledore sospeita que os Horcrux que quedan son a serpe que Voldemort ten por mascota, Nagini, e obxectos que pertencían aos fundadores de Hogwarts: o medallón de Salazar Slytherin, a copa de Helga Hufflepuff e un obxecto non identificado de Rowena Ravenclaw.

Despois de que Snape vexa a Harry realizar un esconxuro do libro de Príncipe Mestizo intenta confiscarlle o libro; Harry agóchao na Sala do Necesitado. Cando Gryffindor gaña o campionato de quidditch, Harry bica espontaneamente a Ginny e Ron ten que aceptar que saian xuntos.

Dumbledore localiza un Horcrux e pide axuda a Harry para destruílo. Viaxan ata unha cova e obteñen o que cren que é o medallón de Salazar, pero Dumbledore queda debilitado por beber unha apócema máxica que protexía o Horcrux. Volven a Hogwarts e ollan no ceo a Marca Escura sobre a Torre de Astronomía. Nesta torre, Draco enfróntase a Dumbledore; admite que estaba detrás dos ataques contra Dumbledore, segundo Voldemort lle ordenara. Mentres Draco non se decide a matar ao director, aparece de súpero Snape e lanza o maleficio Avada Kedravra contra Dumbledore. Enfurecido, Harry persegue a Snape, que detén todos os ataques do mozo. Snape revela que el é o Príncipe Mestizo pouco antes de desaparecer.

Harry recupera o medallón do corpo de Dumbledore, só para descubir que é falso e que o deixara alguén coas iniciais R. A. B.; alguén que roubara o auténtico Horcrux e deixara unha nota declarando a súa oposición a Voldemort. O ano escolar finaliza co funeral de Dumbledore; el e mais a súa variña son enterrados nunha tumba xunto ao lago nos xardíns de Hogwarts. Tras o funeral, Harry rompe con Ginny, temendo que se convertese en obxectivo de Voldemort se continúan saíndo xuntos. Harry, Ron e Hermione deciden non regresar á escola ao outro ano, para así procurar e destruír os Horcrux restantes.

Os detalles da trama e/ou do argumento rematan aquí.

Filme[editar | editar a fonte]

A versión cinematográfica estaba prevista para o 21 de novembro de 2008, pero finalmente a súa estrea moveuse ata o 15 de xullo de 2009[3][4]. O guión foi obra de Steve Kloves e David Yates dirixiu a película[5]. É a única peza da serie que conseguiu unha nominación aos Premios Oscar na categoría de mellor fotografía.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]