Harry Potter e a Orde do Fénix

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre o libro; para outros usos véxase a información sobre o filme e mais o videoxogo.
Harry Potter e a Orde do Fénix
HP books.png
Título orixinal Harry Potter and the Order of the Phoenix
Autor J. K. Rowling
Artista da cuberta Galicia Dolores Avedaño[1]
Flag of the United Kingdom.svg Jason Cockcroft
País Reino Unido
Lingua Inglés
Colección Harry Potter
Tema(s) Maxia
Xénero(s) Fantasía
Editorial Galicia Galaxia
Flag of the United Kingdom.svg Bloomsbury
Data de pub. Galicia decembro de 2008
Flag of the United Kingdom.svg21 de xuño de 2003
Formato Capa dura
Páxinas Galicia 892
ISBN ISBN 978-84-9865-132-4
Precedido por Harry Potter e o Cáliz de fogo
Seguido por Harry Potter e o misterio do príncipe
Tradutor Laura Sáez

Harry Potter e a Orde do Fénix é a quinta novela da saga Harry Potter escrita por J. K. Rowling e que ten como protagonista a Harry Potter, un mozo meigo. O libro conta as aventuras do quinto ano de Harry na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería, que debe enfrontarse ao regreso do seu inimigo Lord Voldemort, os exames E.M.O. e a un Ministrerio de Maxia que pon trabas.

O libro saíu á venda o 21 de xuño de 2003 publicado por Bloomsbury no Reino Unido e no mes de decembro de 2008 en Galicia pola Editorial Galaxia coa tradución de Laura Sáez. O libro gañou varios premios, entre os que destaca o mellor libro para xente nova segundo a American Library Association concedido en 2003. Durante as 24 primeiras horas da posta á venda, a novela vendeu cinco millóns de copias[2]. A versión cinematográfica do libro estreouse en 2007.

Argumento[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

Introdución[editar | editar a fonte]

Durante as catro novelas anteriores, o personaxe principal, Harry Potter, fixo fronte ás dificultades de medrar co reto engadido de ser un meigo famoso. Cando Harry era un bebé, Voldemort, o meigo escuro máis poderoso da historia, matara os pais de Harry pero desapareceu misteriosamente despois de intentar asasinar o cativo. Isto foi o que fixo a Harry gañar a súa fama. O neno púxose ao coidado dos seus tíos muggles, Vernon e Petunia.

Harry entra no mundo máxico con once anos, e ingresa na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería. Fai amizade con Ron Weasley e Hermione Granger e ten unha confrontación con Lord Voldemort, que intenta recuperar o seu poder. Coa volta ao colexio despois das vacacións de verán, algúns estudantes de Hogwarts sofren ataques despois de que a lendaria Cámara dos Segredos sexa aberta. Harry pon fin aos ataques matando ao basilisco agochado nesta gorida e frustrando outro intento de Lord Voldemort de gañar os seus poderes completos. Ao outro ano, Harry oe que é o obxectivo de Sirius Black, un asasino que escapou do cárcere de Azkaban. Malia as rigorosas medidas de seguridade presentes en Hogwarts, Black consegue dar con Harry ao final do ano, e Harry descobre que Black fora incriminado e era seu padriño. No cuarto ano, Harry participa nunha competición máxica chamada Torneo Tres Meigos. Á fin do Torneo, Harry é testemuña do regreso ao poder de Lord Voldemort.

Resumo[editar | editar a fonte]

A novela comeza cando Harry e seu curmán, Dudley Dursley, son atacados por dementores. Harry emprega a maxia para loitar contra eles, de modo que debe asistir a unha vista disciplinaria por utilizar a maxia sendo menor de idade. En resposta á reaparición de Voldemort, Dumbledore volve activar a Orde do Fénix, unha sociedade secreta que traballa para derrotar a Voldemort e os seus aliados, así como protexer os seus obxectivos. Malia as descricións de Harry das actividades recentes de Voldemort, o Ministerio de Maxia e moita xente do mundo máxico que rexeita crer que Voldemort regresou.

Nun intento de impor a súa versión do plan de estudos escolar, o Ministerio designa a Dolores Umbridge como a nova profesora de Defensa contra a Maxia Negra de Hogwarts. Umbridge impón na escola un réxime case ditatorial e rexeita ensinar aos estudantes a se defenderen contra a maxia negra por si mesmos. Finalmente, consegue facerse co posto de directora tras a marcha forzada de Dumbledore. Ron e Hermione persuaden a Harry para que cree un grupo de estudos secreto e ensinar ao alumnado as habilidades máis avanzadas que el aprendeu. Harry tamén descobre que el e mais Voldemort posúen unha conexión telepática, que permite a Harry ollar algunhas das accións de Voldemort.

No clímax da novela, Voldemort leva a Harry mediante un cebo ata o Ministerio de Maxia para que lle axude roubar o rexistro dunha profecía que os involucra aos dous. Harry e os seus amigos entran nunha batalla cos Devoradores da Morte de Voldemort e no transcurrso a profecía esnaquízase ao caer contra o chan. A chegada a tempo dos membros da Orde do Fénix salva as vidas dos mozos, pero Sirius Black morre na batalla a mans de Bellatrix Lestrange. No vestíbulo do Ministerio, Harry enfróntase a Voldemort unha vez máis, pero aparece Dumbledore e entra nun feroz combate co Señor Escuro. Ao final, a meirande parte dos Devoradores da Morte son capturados, e o mundo máxico acepta a volta de Voldemort.

Tras a batalla, Dumbledore explica a Harry que antes do seu nacemento se fixera unha profecía que dicía que nacería un neno co poder de derrotar a Voldemort. A profecía podía referirse a Harry ou a Neville Longbottom, pero foi Harry ao que Voldemort pensou que aludía. Desde o seu regreso, Voldemort intentara descubrir o contido da profecía ao completo. Esta indica que o Señor Escuro sinalarao como o seu igual e ningún poderá vivir mentres o outro aínda viva; é dicir, ou ben Harry ou ben Voldemort terá que matar ao outro.

Os detalles da trama e/ou do argumento rematan aquí.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Nunha entrevista para a BBC News, Rowling indicou que a morte dun personaxe principal fixéraa entristecer[3]. Engadiu que aínda que o seu esposo suxerira que non matara o personaxe para evitar a súa tristeza, ela necesitaba ser "unha asasina despiadada"[3]. Porén, Rowling revelou noutra entrevista en 2007 que inicialmente tiña en mente matar a Arthur Weasley neste libro, pero finalmente non o puido aturar[4]. Nunha nova entrevista, á pregunta de se cambiaría algo das sete novelas se puidese volver ao pasado, Rowling respondeu que quitaría algunhas cousas d’a Orde do Fénix, porque é longo de máis para ela.

Filme[editar | editar a fonte]

A versión cinematográfica estreouse en 2007. O filme foi dirixido por David Yates e escrito por Michael Goldenberg.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dolores Avedaño foi a encargada de realizar a portada para a versión en castelán, mais os seus debuxos usáronse tamén para as versións galegas e hispanoamericanas.
  2. "July date for Harry Potter book". BBC. 21 de decembro de 2004. http://news.bbc.co.uk/1/hi/entertainment/arts/4113663.stm. Consultado o 27 de setembro de 2008.
  3. 3,0 3,1 "Rowling's tears at Potter book death", BBC News, 18 de xuño de 2003. Consultado o 24 de xullo de 2007.
  4. Brown, Jen (24 de xullo de 2007). "Stop your sobbing! More Potter to come". MSNBC Interactive. http://today.msnbc.msn.com/id/19935372/. Consultado o 31 de maio de 2009.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]