Harry Potter e o preso de Azkaban

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre o libro; para outros usos véxase a información sobre o filme e mais o videoxogo.
Harry Potter e o preso de Azkaban
HP books.png
Título orixinal Harry Potter and the Prisoner of Azkaban
Autor J. K. Rowling
Tradutor Eva Almazán
Artista da cuberta Galicia Dolores Avedaño[1]
Flag of the United Kingdom.svg Cliff Wright
País Reino Unido
Lingua Inglés
Colección Harry Potter
Tema(s) Maxia
Xénero(s) Fantasía
Editorial Galicia Galaxia
Flag of the United Kingdom.svg Bloomsbury
Data de pub. Galicia 2004
Flag of the United Kingdom.svg 8 de xullo de 1999
Formato Capa dura
Páxinas Galicia 384
ISBN ISBN 978-84-8288-696-1
Precedido por Harry Potter e a Cámara dos Segredos
Seguido por Harry Potter e o Cáliz de fogo

Harry Potter e o preso de Azkaban é a terceira novela da saga Harry Potter escrita por J. K. Rowling e que ten como protagonista a Harry Potter, un mozo meigo. O trama do libro céntrase no terceiro ano de Harry na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería e na fuxida dun perigoso asasino, Sirius Black, escapado do cárcere de Azkaban, e que semella estar disposto a atopar e matar a Harry. Este é o único libro da serie que non trata directamente de Lord Voldemort, pola contra, profunda máis na historia dos pais de Harry e dos amigos que tiveron na infancia.

O libro saíu á venda o 8 de xullo de 1999 publicado por Bloomsbury no Reino Unido e no ano 2004 en Galicia pola Editorial Galaxia coa tradución de Eva Almazán. A novela gañou o premio Whitbread Book e o premio Bram Stoker, ambos en 1999, e o premio Locus en 2000[2]. A versión cinematográfica do libro, dirixida polo mexicano Alfonso Cuarón, estreouse en 2004.

Argumento[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

Harry Potter e os seus amigos Ron Weasley e Hermione Granger volven á Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería e atopan que a seguridade do colexio incrementou debido á fuxida de Sirius Black do cárcere de Azkaban. O castelo está protexido polos Dementores, seres sinistros que desposúen da felicidade a calquera que estea preto deles, ademais de seren os gardiáns de Azkaban. O novo profesor de Defensa contra a Maxia Negra, Remus Lupin, cóntalle a Harry que é máis vulnerable aos Dementores polos horrores que viviu no pasado. O profesor acepta ensinarlle a Harry o Esconxuro Patronus, un escudo contra os Dementores.

Black consegue entrar no castelo dúas veces, pero é incapaz de chegar ata Harry. Entrementres, Fred e George Weasley danlle a Harry o Mapa do Tunante. Ron descobre que Scabbers, a súa rata, desaparecera e pensa que o gato de Hermione Crookshanks o comera. Máis adiante, Hermione dá con Scabbers na choupana de Hagrid. Cando os tres están de volta, Ron é atacado por un can negro e arrastrado ata unha pasaxe debaixo do Salgueiro Zoscón. Harry e Hermione reciben un forte golpe do Salgueiro Zoscón antes de poderen entrar na pasaxe.

Harry e Hermione seguen os sons dos berros de Ron e van dar a unha vella casa de madeira coñecida como a Choupana Chiona. Tamén descobren que o can é Sirius Black, que é un animeigo. Cando Harry intenta atacar a Black aparece Lupin. Hermione fala con Lupin sobre os hábitos que observou durante as clases con el. Di que imaxinara que o profesor Lupin era un lobishome despois de facer un traballo para o profesor Snape; Lupin acaba por admitilo. Tamén explica que el, Black, Pettigrew e James Potter, eran grandes amigos e crearan o Mapa do Tunante. Para que Lupin levase mellor as transformacións, os seus amigos convertéronse en animeigos, meigos que poden adoptar forma animal ao seu parecer. Os Tunantes seguiron sendo amigos unha vez medraron, pero cando souberon que Voldemort ía tras os Potter, Black fíxose o seu gardián. Porén, Black revela que cambiara en segredo esta obriga con Pettigrew para servir de atracción. Black sentenza que Pettigrew é un traidor e que el non o matara, senón que se transformara en Scabbers. Snape aparece e ameaza a Lupin e Black coa súa variña. Non obstante, Harry, Hermione e Ron atacan a Snape, que permite a Lupin e Black colleren a Scabbers e devolvelo á forma de Pettigrew.

Pettigrew admite a historia, pero Harry detén a Black e Lupin antes de que o maten. Deste modo, Harry persuádeos para que o leven a Hogwarts e así limpar o nome de Sirius. Porén, na súa volta ao castelo, aparece a lúa nova e Lupin transfórmase en lobishome. Pettigrew volve á súa forma de rata e escapa mentres Lupin perde o control ao se converter en lobo. Lupin deixa inconsciente a Black e está a piques de atacar a Harry cando escoita un chío estraño que o alerta e afasta de Harry. Harry atopa a Sirius inconsciente tirado ao carón dun estanque, onde os Dementores case o matan. Ambos son salvados no último momento por unha figura que emprega o Esconxuro Patronus; finalmente, Harry desmáiase.

Harry acorda no castelo e descobre que Black fora capturado. Para salvalo, Harry e Hermione volven atrás no tempo, coa axuda dun viratempo, para evitar a súa detención. Os dous mozos reviven os feitos desa noite ata o momento en que os Dementores atacan a Harry e Sirius. Harry decátase de que fora el mesmo quen enviara o Patronus. Conseguen rescatar a Sirius; mentres tanto Lupin, debido á súa condición de lobishome, renuncia ao cargo de profesor de Defensa conta a Maxia Negra. Entrementres, Harry está preocupado porque pensa que Pettigrew pode axudar a que Voldemort regrese, pero Dumbledore contesta que debe estar agradecido por ter axudado a salvar a vida de Pettigrew.

Os detalles da trama e/ou do argumento rematan aquí.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Dos primeiros tres libros da serie, o preso de Azkaban foi o que menos tempo levou escribir: Harry Potter e a pedra filosofal tardou cinco anos en ser completado e Harry Potter e a Cámara dos Segredos necesitou dous anos, mentres que Harry Potter o preso de Azkaban foi escrito nun só ano[3]. Para Rowling, o aspecto favotiro desta novela é a introdución de Remus Lupin como novo personaxe[3]. Segundo a propia Rowling: o preso de Azkaban foi "a mellor experiencia escribindo que tiven en toda a vida... Atopábame moi cómoda escribindo o terceiro tomo. As preocupacións financeiras inmediatas esvaecéranse e a atención mediática aínda non era excesiva"[4].

Filme[editar | editar a fonte]

A versión cinematográfica de Harry Potter e o preso de Azkaban estreouse en 2004. Steve Kloves encargouse de escribir o guión, mentres que Alfonso Cuarón foi o director[5]. A película acadou o primeiro posto na súa estrea e mantivo a posición por dúas semanas[6]. O preso de Azkaban obtivo unha recadación total de 795,6 millóns de dólares estadounidenses en todo o mundo[7], converténdose no segundo filme con maiores beneficios do ano 2004, detrás de Shrek 2; pola contra, é o filme da serie Harry Potter con menor recadación nas salas[8].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dolores Avedaño foi a encargada de realizar a portada para a versión en castelán, mais os seus debuxos usáronse tamén para as versións galegas e hispanoamericanas.
  2. "2000 Award Winners & Nominees". Worlds Without End. http://www.worldswithoutend.com/books_year_index.asp?year=2000. Consultado o 22 de xullo de 2009. 
  3. 3,0 3,1 1999: "Accio Quote!, the largest archive of J.K. Rowling interviews on the web". 8 de setembro de 1999. http://www.accio-quote.org/articles/1999/0999-barnesnoble-staff.htm 1999:. 
  4. Puig, Claudia (27 de abril de 2004). "New 'Potter' movie sneaks in spoilers from upcoming books". http://www.usatoday.com/life/movies/news/2004-05-27-potter-movie-book_x.htm. Consultado o 17 de outubro de 2010. 
  5. "Harry Potter and the Prisoner of Azkaban (2004)". IGN Entertainment, Inc.. 1998-2009. http://www.rottentomatoes.com/m/harry_potter_and_the_prisoner_of_azkaban/. Consultado o 12 de decembro de 2009. 
  6. "Harry Potter and the Prisoner of Azkaban". IGN Entertainment, Inc.. 1998-2009. http://www.rottentomatoes.com/m/harry_potter_and_the_prisoner_of_azkaban/numbers.php. Consultado o 12 de decembro de 2009. 
  7. "Harry Potter and the Prisoner of Azkaban (2004)". Box Office Mojo. http://www.boxofficemojo.com/movies/?id=harrypotter3.htm. Consultado o 5 de febreiro de 2009. 
  8. "2004 WORLDWIDE GROSSES". Box Office Mojo. http://www.boxofficemojo.com/yearly/chart/?view2=worldwide&yr=2004&p=.htm. Consultado o 24 de setembro de 2007. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]