Ron Weasley

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ron Weasley
Personaxe de Harry Potter
Rupert Grint 2011.jpg
Rupert Grint, actor que interpreta a Ron Weasley.
Primeira aparición Harry Potter e a pedra filosofal
Última aparición Harry Potter e as reliquias da morte
Creado por J. K. Rowling
Interpretado por Rupert Grint
Casa Gryffindor
Información
Familia Arthur Weasley (pai)
Molly Weasley (nai)
Bill Weasley (irmán)
Charlie Weasley (irmán)
Percy Weasley (irmán)
Fred Weasley (irmán)
George Weasley (irmán)
Ginny Weasley (irmá)
Cónxuxe Hermione Granger
Fillos Rose Weasley
Hugo Weasley

Ronald Bilius "Ron" Weasley é un personaxe de ficción e un dos protagonistas da serie Harry Potter escrita por J. K. Rowling. Fai a súa primeira aparicion no primeiro libro, Harry Potter e a pedra filosofal, como o mellor amigo de Harry Potter e Hermione Granger. É membro da familia Weasley, unha familia de meigos de vello que residen n’O Tobo. Xunto a Harry e Hermione, é membro da casa Gryffindor en Hogwarts.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

Libros do un ao tres[editar | editar a fonte]

Rowling presenta a Ron e a súa familia en Harry Potter e a pedra filosofal. Harry está perdido na Estación de King's Cross de Londres e os Weasley guíano a través do muro que leva ata a Andén 9¾ e cara ao mundo máxico. Ron e Harry viaxan no mesmo vagón do Expreso de Hogwarts e axiña fan amizade. Ambos coñecen tamén a Hermione, á que primeiro rexeitan pero que logo se faría boa amiga deles. Ron xoga un papel importante na trama do libro ao axudar a Harry a frustrar un intento do retorno ao poder de Lord Voldemort mediante a pedra filosofal.

No segundo ano, Harry Potter e a Cámara dos Segredos, a irmá de Ron é raptada e pechada no interior da Cámara dos Segredos por Tom Morlov Riddle, o recordo de Voldemort agochado nun diario. Harry e Ron atopan a entrada á Cámara e finalmente salvan a Ginny. En Harry Potter e o preso de Azkaban, o terceiro ano, o papel de Ron é minoritario comparado co que ten no libro anterior, ao contrario có de Hermione, que se ve incrementado nesta entrega. Ao inicio do ano, a rata de Ron, Scabbers, desaparece e non a volven ver ata case o final do ano, cando descobren que en realidade é Peter Pettigrew na súa forma animal. Pettigrew, que traizoara os pais de Harry, finalmente consegue escapar.

Libros do cuarto ao sexto[editar | editar a fonte]

A tensión amorosa que se vai creando entre os personaxes de Ron e Hermione faise moi notoria no cuarto libro, Harry Potter e o Cáliz de fogo, cando ela mostra interese por Viktor Krum. Por outra banda, a súa relación con Harry tamén se vai deteriorando cando este último participa no Torneo Tres Meigos, malia non poder, por causa dunha trampa que argallara Voldemort. En Harry Potter e a Orde do Fénix, Ron mostra lealdade cara a Harry despois de que este perdera todo o seu creto para case toda a comunidade máxica por afirmar o regreso de Lord Voldemort ao final do curso anterior. Xunto a Hermione, funda un grupo clandestino denominado Exército de Dumbledore co fin de ensinar aos estudantes técnicas de defensa. Tamén se une ao equipo de quidditch de Gryffindor. No clímax da novela, Ron enfróntase aos Devoradores de Morte xunto a Harry, Hermione, Ginny, Neville Longbottom e Luna Lovegood no Departamento de Misterios do Ministerio de Maxia. Aínda que sae ferido da batalla, recupérase por completo ao final do libro.

En Harry Potter e o misterio do príncipe Ron continúa a ser o gardián do equipo de quidditch de Gryffindor, malia as súas malas actuacións nalgúns partidos. Ademais, Ron comeza unha relación con Lavender Brown, cousa que afecta a Hermione que se distancia del, chegando a ignoralo. Non obstante, despois do Nadal Ron empeza a mostrar signos de descontento coa súa relación con Lavender. A rifa entre Ron e Hermione non cesa ata que este case morre a causa de beber hidromel envelenado que Draco Malfoy en realidade enviara a Albus Dumbledore. Pouco despois do incidente, Ron e Lavender acaban a súa relación. Nunha entrevista, Rowling dixo que "realmente se divertira escribindo a relación entre Ron e Lavender porque ata ese punto Ron fora bastante inmaturo comparado cos outros dous [Harry e Hermione], e el necesitaba facer sentir a Hermione que el pagaba a pena... Tivo que medrar emocionalmente e agora deu un enorme paso adiante".[1]

Sétimo libro[editar | editar a fonte]

En Harry Potter e as reliquias da morte, Ron está disposto, xunto con Hermione, a seguir a Harry e destruír todos os Horcrux creados por Voldemort e así acabar co Señor Escuro. Pouco a pouco, vai aparecendo un sentimento de frustración en Ron derivado da falta dun plan concreto e termina por abandonar temporalmente os seus amigos. Durante a súa ausencia, Harry e Hermione evitan pronunciar o seu nome. Finalmente regresa, arrepentido, e salva a Harry de morrer afogado nunha poza cando trata de obter a espada de Godric Gryffindor.

Máis adiante, os tres son capturados polos Devoradores da Morte e Bellatrix Lestrange tortura a Hermione co Maleficio Cruciatus co fin de obter información. Finalmente son rescatados polo trasno Dobby, que morre durante a fuxida. O trío regresa a Hogwarts coa esperanza de atopar o último Horcrux que queda por destruír, pero ao teren perdido a espada de Gryffindor, Ron ten a idea de ir buscar un cabeiro de basilisco á Cámara dos Segredos para destruír a copa de Helga Hufflepuff. En canto Hermione emprega o cabeiro para acabar co Horcrux lánzase cara a el e bésao por vez primeira. Logo diso, toma parte na batalla de Hogwarts, onde é testemuña da morte do seu irmán Fred e axuda a Neville a derrotar a Fenrir Greyback.

[editar | editar a fonte]

Dezanove anos despois, Ron está casado con Hermione e ambos teñen dous fillos: Rose Weasley e Hugo Weasley. El e mais Harry traballan para o Ministerio de Maxia como Aurores, e xunto a Hermione axudaron á modernización do Ministerio.[2] Antes de converterse en Auror, Ron traballara con George na tenda de trangalladas Weasley da Travesa Diagon, un negocio que se fixera moi lucrativo.[3]

Os detalles da trama e/ou do argumento rematan aquí.

Aparicións cinematográficas[editar | editar a fonte]

Nas versións cinematográficas dos libros o actor británico Rupert Grint encárgase do personaxe de Ron Weasley.

Caracterización[editar | editar a fonte]

Ron é membro da familia Weasley, unha longa linaxe de meigos de vello. Por outra banda, son unha familia bastante pobre e a miúdo moitas das súas cousas están moi usadas e vellas.

Personalidade[editar | editar a fonte]

Nunha entrevista, Rowling describiu a Ron como moi divertido, pero insensible e inmaturo.[4] Sobre o desenvolvemento do carácter de de Ron no último libro, Rowling explicou que "Ron é o máis inmaturo dos tres personaxes principais, pero no sétimo libro medra. Non era forte, a xente víao como o amigo de Harry; a súa nai quería unha nena e no último libro finalmente ten que recoñecer a súa debilidade. Pero iso é exactamente o que fai de Ron un home".[5]

Aparencia física[editar | editar a fonte]

Rowling presenta a Ron como un mozo "alto, delgado, con pencas, grandes mans e pés e un longo nariz".[6] Ron ten ten o pelo roxo, trazo característico de toda a familia Weasley. Rowling tamén aclarou que Ron ten os ollos azuis.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Anelli, Melissa and Emerson Spartz. "The Leaky Cauldron and MuggleNet interview Joanne Kathleen Rowling: Part Two"". The Leaky Cauldron. 16 de xullo de 2005. http://www.accio-quote.org/articles/2005/0705-tlc_mugglenet-anelli-2.htm. Consultado o 27 de agosto de 2008. "[...] really enjoyed writing the Ron/Lavender business, and the reason that was enjoyable was Ron up to this point has been quite immature compared to the other two, and he kind of needed to make himself worthy of Hermione....he had to grow up emotionally and now he's taken a big step up."
  2. "JK Rowling's Interview with Meredith Vieira", 26 de xullo de 2007 'Todayshow.com' Consultado o 26 de xullo de 2007
  3. "Online Chat Transcript". Bloomsbury Publishing. 31 de xullo de 2007. Arquivado do orixinal o 12 de outubro de 2007. http://web.archive.org/web/20071012230751/http://www.bloomsbury.com/harrypotter/content.asp?sec=3&sec2=1. Consultado o 31 de xullo de 2007.
  4. "Rowling Reveals `Marriage' to Harry Potter at Reading (Correct)". http://www.bloomberg.com/apps/news?pid=20601088&sid=aM7.gGQAM7Bw. "There’s a lot of immaturity about Ron, and that’s where a lot of the humor [sic] comes from."
  5. "Interview with J.K. Rowling for Release of Dutch Edition of "Deathly Hallows"". http://www.the-leaky-cauldron.org/2007/11/19/new-interview-with-j-k-rowling-for-release-of-dutch-edition-of-deathly-hallows. Consultado o 27 de agosto de 2008. "Ron is the most immature of the three main characters, but in part seven he grows up. He was never strong footed, people see him mostly as Harry's friend; his mother had actually wanted a girl and in the last book he finally has to acknowledge his weaknesses. But it's exactly that which makes Ron a man."
  6. Harry Potter e a pedra filosofal, capítulo 6.