O proxecto de creación desta canle xorde en decembro de 1984 coa promulgación da lei 8/1984 da Comunidade Autónoma das Canarias relativa á Radiodifusión e Televisión Canaria. En xuño de 1997 constitúese o primeiro Consello de Administración de Radio Televisión Canaria (en diante, RTVC). En febreiro de 1998 é creada a sociedade mercantil Televisión Pública das Canarias, S.A, con capital integramente proveniente de fondos públicos do Goberno das Canarias e pertencente na súa totalidade ao ente público RTVC.
O 30 de maio de 2002 a RTVC lanza o servizo de teletexto, aínda que non sería ata 2006 cando chega a subtitulación para persoas xordas. O 10 de outubro de 2005 comézanse a emitir en desconexión os informativos insulares para cada unha das sete illas do arquipélago canario; os cales poden ser vistos polo resto de canles a través da segunda canle de TDT: 2!, cuxas emisións comezan a partir do 30 de maio de 2006 que posteriormente pasaría a denominarse Televisión Canaria Dos.
O 30 de maio de 2008 con motivo da celebración do Día das Canarias (como na maioría de ocasións relevantes para o ente), lánzase a emisión en probas de Canarias Radio, unha radio de cobertura autonómica, xestionada pola empresa pública Radio Pública Canaria, S.A..