Albert Rivera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Albert Rivera
Albert Rivera Abril 2016.jpg
Albert Rivera Díaz
Datos persoais
Nacemento15 de novembro de 1979
 Barcelona
OrganizaciónCiutadans-Partit de la Ciutadania
Alma máterESADE
ProfesiónAvogado e político
editar datos en Wikidata ]

Albert Rivera Díaz, nado en Barcelona o 15 de novembro de 1979, é un avogado e político catalán. É o president de Ciutadans - Partit de la Ciutadania e foi o candidato á presidencia da Generalitat de Cataluña por este partido ás eleccións catalás de 2006 e 2010 e logo á presidencia do goberno español.

Infancia e formación[editar | editar a fonte]

Albert foi campión de natación de Cataluña con 16 anos.[1] É licenciado en Dereito por ESADE e ten un posgrao en Dereito Constitucional.

Tras iniciar a carreira de Dereito participou nunha liga de equipos de debate por toda España, o que lle permitiu puír a súa oratoria. O seu equipo resultou vencedor. Foi alumno de Francesc de Carreras, catedrático constitucionalista e impulsor da plataforma cívica Ciutadans de Catalunya que deu orixe a Ciutadans.[2] Unha vez licenciado, entrou a traballar nos servizos xurídicos de La Caixa, da que obtivo unha excedencia para poder preparar as eleccións autonómicas de 2006.

Traxectoria política[editar | editar a fonte]

Albert Rivera nun mitin en Salamanca.

É presidente de Ciutadans-Partit de la Ciutadania desde o 9 de xullo de 2006 e foi candidato a presidente da Generalitat de Cataluña nas eleccións ao Parlamento de Cataluña de 2006. Un elemento notorio da súa campaña foi o cartel de campaña do seu partido no que apareceu espido.[2] Nas eleccións, obtivo un acta de deputado autonómico pola provincia de Barcelona (o seu partido obtivo tres deputados), polo que logrou facer entrar ao seu partido no Parlamento catalán como sexta forza política. Sitúase no espectro político do centro-esquerda liberal.

Pouco logo das eleccións, en novembro de 2006, El Periódico de Catalunya, citando como fonte os arquivos do Partido Popular, afirmou que Rivera ingresara nas mocidades deste partido en xuño de 2003, con 23 anos, e que permaneceu afiliado durante tres anos, nun período anterior á fundación de Ciutadans. Pola súa banda, Rivera afirmou acudir á sede do PP a pedir información e así mesmo a algúns actos, do mesmo xeito que participou noutros de Socialistes en Positiu (corrente crítica co Partit dels Socialistes de Catalunya ao que acusa de deriva catalanista) e declarou non pagar ningunha cota, nin ter o carné do PP.[3] Pola súa banda, Ciutadans desmentiu tamén esta información, así como que Rivera participase en ningunha elección como apoderado do Partido Popular, tal e como afirmou o mesmo medio de comunicación citado.[4]

En setembro de 2007, Albert Rivera recibiu no seu domicilio particular ameazas de morte para que nun prazo de dous meses abandonase "a súa política contra o nacionalismo". Ás portas do seu domicilio había un panel cunha foto de Rivera cunha bala cravada na súa fronte e ao redor sangre caendo da ferida. Así mesmo, xunto ao paquete atopouse unha carta con ameazas de morte.[5]

En xaneiro de 2008, e a pesar da súa disposición inicial contraria, Albert Rivera anunciou a súa candidatura nas eleccións primarias de Ciutadans como cabeza de lista ao Congreso dos Deputados nas eleccións xerais do 9 de marzo de 2008 pola circunscrición de Barcelona, converténdose no candidato á presidencia do goberno máis novo da historia da democracia española. Con todo, Rivera non resultou elixido deputado.

Tras un proceso de eleccións primarias dentro do partido,[6] Albert Rivera foi confirmado como candidato á presidencia da Generalitat de Cataluña, para as eleccións catalás de 2010.[7] Nas listas para as eleccións autonómicas catalás de 2010, Albert Rivera encabeza a lista por Barcelona.

Albert Rivera foi un dos deputados contrarios á prohibición das corridas de touros en Cataluña.[8] Con motivo deste posicionamento, Albert Rivera, xunto ao deputado do PP Rafael Luna, e o toureiro Serafín Marín, saíu aos ombreiros da praza de touros Monumental de Barcelona a tarde do 26 de setembro de 2010.[9]

No cartel electoral para as eleccións autonómicas catalás de 2010, Albert aparece vestido, co resto de candidatos espidos no fondo.[10] Nesas eleccións autonómicas volveu a obter o acta de deputado por Barcelona, após ter sido cabeza de lista pola súa formación nesta circunscrición.[11]

A finais do 2011 formou parte, xunto a Mercedes Milá, do xurado dun 'talent show' de oratoria política de Cuatro "El comecocos".[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://www.elmundo.es/especiales/2006/10/elecciones-cataluna/candidatos/rivera.html Perfil de Albert Rivera en elmundo.es
  2. 2,0 2,1 O candidato do partido 'Ciutadans' preséntase espido ás eleccións catalás, 20minutos, 16 de setembro de 2006.
  3. Albert Rivera estivo afiliado ao PP ata abril, El Periódico de Catalunya, 21 de novembro de 2006.
  4. "C's desmente a suposta militancia de Rivera no PPC". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 24 de novembro de 2012. 
  5. Albert Rivera ameazado de morte Consultado o 22 de setembro de 2007. 20minutos.es
  6. Moción de censura de Ciutadans a Albert Rivera
  7. lavozlibre.com. "Albert Rivera, reelixido candidato de Ciutadans á Generalitat" (HTML). Consultado o 31 de marzo de 2010. 
  8. http://www.rtve.es/noticias/20100728/ciutadans-sostiene-si-se-prohiben-toros-cataluna-no-se-hara-para-proteger-a-animales/342341.shtml Debate parlamentario sobre a prohibición das corridas de touros. RTVE
  9. Dous deputados e o toureiro Serafín Marín saen aos ombreiros da Monumental de Barcelona, El País, 26 de setembro de 2010.
  10. http://www.rtve.es/noticias/20101108/albert-rivera-sorpresa-ciutadans-2006-busca-mantener-presencia-parlament/363004.shtml
  11. https://archive.is/20120702232738/noticias.terra.es/especiales/elecciones-catalanas-2010/actualidad/cs-cree-un-exito-consolidar-sus-3-diputados-pese-al-frustrado-grupo-propio.aspx
  12. "Albert Rivera e Mercedes Milá forman parte do xurado". Arquivado dende o orixinal o 24 de novembro de 2011. Consultado o 24 de novembro de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Ningún
 Ciutadans-logo.svg
Presidente de Ciutadans
 
2006-actualidade
Sucesor:
No cargo