3CatInfo é unha canle de Televisió de Catalunya, a emisora pública de Cataluña, dedicada integramente á emisión de noticias, as 24 horas do día.
Comezou a emitir o 11 de setembro de 2003 como 3/24, nunha iniciativa para desenvolver a televisión dixital terrestre (TDT), aínda que nun principio emitía simultaneamente a través da televisión analóxica convencional. Emitía programas informativos da primeira canle catalá (TV3) e desde outubro do mesmo ano comezou a producir as súas propias emisións.
Os directores que tivo 3/24 foron Esther Fernández (2003 – 2004), Jordi Ferrerons (2004 – 2006), Manuel Raya (2006 – 2012), Guillem Roig (2012-2015) e Agustí Esteve[1] (desde 2015).[2]
O obxectivo da canle 3CatInfo era transmitir información en directo e programas de actualidade. Xunto a TV3 emite os informativos Telenotícies Migdia e Telenotícies Vespre. A fórmula son informativos de media hora que inclúen información meteorolóxica, deportiva e de tráfico (a primeira hora da mañá), ademais de conexións coa Bolsa de Barcelona. Os informativos de 20:15 a 20:30 e de 00:05 a 00:30 están dedicados exclusivamente ao deporte. Dende as 08:00 horas ata as 10:15 horas do día 24/03 emítese o programa Els matins.
Na franxa horaria entre as 20:00 e as 20:30, deixa paso á emisión de Canal Parlament, tamén producido por Televisió de Catalunya. Ademais, cada media hora emite un boletín de noticias que inclúe información meteorolóxica e económica. O boletín das 00:00 dedícase exclusivamente aos deportes. Ademais dos noticieiros, realízanse diariamente entrevistas sobre temas de actualidade.