Saltar ao contido

Lingua suahili

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Suahili»)

Suahili
'Kiswahili'
Outros nomes:swahili
Falado en: Kenya
Tanzania
Uganda
República Democrática do Congo
Ruanda
Burundi
Somalia
Mozambique
Illas Comores (incluíndo Mayotte)
Rexións: África oriental
Total de falantes: Falantes como lingua materna: 2-18 millóns (2003)[1]
Falantes totais (incluíndo os que a falan como segunda lingua): 200 millóns[2]
Familia:
 Bantú
  Suahili
Status oficial
Lingua oficial de: Kenya, Tanzania e Uganda
Regulado por: Baraza la Kiswahili la Taifa (Tanzania)
Códigos de lingua
ISO 639-1: sw
ISO 639-2: swa
ISO 639-3: swa
SIL: SWA
Mapa

Áreas onde se fala a lingua suahili
Status

O suahili está clasificado como "en estado seguro" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[3]

O suahili,[4] tamén chamado swahili ou kiswahili, é unha lingua africana que pertence ao subgrupo sabaki das bantú. Dentro das bantú, é a que conta co número maior de falantes. É unha das linguas oficiais de Kenya, de Tanzania e de Uganda, aínda que os seus falantes nativos, os pobos suahili, sexan orixinarios só das rexións costeiras. Tamén é unha das linguas de traballo da Unión Africana e da Southern African Development Community. Está recoñecida oficialmente como lingua franca da Comunidade de Estados Africanos.[5] En 2018, Suráfrica regulou a ensinanza do suahili nas escolas surafricanas como materia optativa en 2020.[6] Botswana seguiuna en 2020,[7] e Namibia tamén o planeou.[8]

Descoñécese o número de falantes de suahili, como primeira ou como segunda lingua. Existen distintas estimacións, que van dende os cincuenta aos douscentos millóns de persoas.[9] Alén dos países que a teñen como lingua oficial, fálase na República Democrática do Congo, con algunha frecuencia nas áreas urbanas do Burundi e de Ruanda, no sur da Somalia ata ao norte de Mozambique (ao longo do litoral de África oriental), na Zambia e no sur da Etiopía. Existen tamén algunhas comunidades de falantes de suahili en Madagascar. O shikomor, lingua oficial nas Comores e tamén falada en Mayotte está moi emparentada co suahili.[10] Con todo, a maior parte dos falantes de suahili non a usan como lingua materna. De feito, crese que só dous a tres millóns, dos douscentos millóns están nesta situación,[11][12] o que significa que a gran maioría fala como lingua materna outro idioma níxer-congolés (por exemplo, bantú) ou cuxítico (somalí, por exemplo).

O suahili é a lingua nativa de diversos grupos que habitaron e habitan unha faixa de 2500 km da costa leste de África. Ten orixe nas linguas bantús, polo que a maior parte do vocabulario bantú é semellante ao da lingua pokomo, a lingua taita e a lingua mijikenda.[13] e, en menor medida, ao doutras linguas bantús. Aínda que non hai acordo específico, estímase que entre un 16 e un 20% do léxico do suahili provén doutras linguas, a maioría delas de orixe árabe, mais tamén do persa, do hindustano, o portugués e o malaio.[14]

Linguas dos préstamos do suahili[15]
Linguas Porcentaxe
Árabe (principalmente árabe de Omán) 15%
Inglés 4,6%
Portugués 0,9–1,0%
Hindustano 0,7–3,9%
Persa (principalmente persa de Irán) 0,4–3,4%
Malaio 0,2–0,4%

A palabra Kiswahili provén do árabe سواحل, transliterado sawāhil; é o plural da palabra ساحل, sāhel, "fronteira" ou "litoral", usada como adxectivo de "negociantes do litoral". A adición do prefixo ki defíneo como unha lingua. Waswahili refírese aos pobos da "costa suahili" e Uswahili indica a cultura dos suahili". Sahel tamén é o nome que se dá á rexión oriental do deserto do Sáhara.

O suahili escribiuse con caracteres árabes[16] ata a era colonial de África, cando a escrita árabe foi substituída polo alfabeto latino, a través de misioneiros cristiáns e de administradores coloniais. Un dos máis antigos documentos en suahili, é un poema épico, Utendi wa Tambuka ("A Historia de Tambuka"), de 1728, en escrita árabe.

En xuño de 1928, tivo lugar en Mombasa unha conferencia interterritorial á que asistiron representantes de Kenya, Tanganica, Uganda e Zanzíbar. Escolleuse o dialecto de Zanzíbar como estándar para esas áreas,[17] e adoptouse a ortografía estándar.[18]

Descrición lingüística

[editar | editar a fonte]

O suahili é unha lingua aglutinante e flexiva, polo que xeralmente cada palabra é claramente segmentábel en afixos cun significado gramatical bastante preciso.

Pronuncia

[editar | editar a fonte]
Exemplo de suahili falado.

As regras de pronuncia do suahili son moi simples. Tódalas palabras son graves, agás Zánzibar. Tódalas letras que se escriben tamén se pronuncian e as sílabas sempre rematan en vogal, mais un m ou un n poden ser por si sós unha sílaba. As vogais son como en castelán, xa que só hai cinco. As consoantes pronúncianse do seguinte xeito:

  • Distínguese entre b e v como en portugués. O b pronúnciase [ɓ] segundo o AFI.
  • O c só se emprega co dígrafo ch pronunciado [tʃ] segundo o AFI.
  • O d sería sempre [ð] (AFI).
  • O g pronúnciase como ga, go ou gu en galego, mesmo diante de e ou i (AFI: [ɠ]).
  • O dígrafo gh soa como un r francés, gutural (AFI: [ʁ]).
  • O h é aspirado (AFI: [h]).
  • O i é sempre vogal (AFI: [i]).
  • O j pronúnciase [ɗʒ] segundo o AFI.
  • O dígrafo kh é como o j na lingua castelá, un h aspirado pero máis forte, como en Khomeini ou Khartum (AFI: [x]).
  • O dígrafo ng pronúnciase como un n e un g (AFI: [ŋɡ]).
  • O dígrafo ng' pronúnciase como un n nasal (AFI: [ŋ]).
  • O dígrafo ny pronúnciase ñ como en catalán, polo que "Kenya" pronúnciase Queña e non Quenia (AFI: [ɲ]).
  • O q non existe.
  • O r pronúnciase sempre, xa sexa ao comezo de palabra ou intersilábico, a medio camiño entre o r e o rr do galego. Adóitase escoitar tamén como l e entre os ultrapuristas como rrr (AFI: [r]).
  • O s é sempre xordo (AFI: [s]).
  • O dígrafo sh pronúnciase como o x galego na palabra "xesta" (AFI: [ʃ]).
  • O u é sempre vogal (AFI: [u]).
  • O v diferénciase do b como se fai no portugués ou no francés (AFI: [v]).
  • O w é o u semivocálico (AFI: [w]).
  • O x non existe.
  • O y é o i semivocálico (AFI: [j]).
  • O z é como o s sonoro no portugués (AFI: [z]).

Fonoloxía

[editar | editar a fonte]

O inventario fonético do suahili estándar ten cinco fonemas vocálicos: /ɑ/, /ɛ/, /i/, /ɔ/ e /u/. Segundo Ellen Contini-Morava, as vogais nunca se reducen, independentemente do acento.[19] Non obstante, segundo Edgar Polomé, estes cinco fonemas poden variar na pronuncia. Polomé afirma que /ɛ/, /i/, /ɔ/ e /u/ só se pronuncian en sílabas tónicas. Nas sílabas átonas, así como ante unha consoante prenasalizada, pronúncianse como /e/, /ɪ/, /o/ e /ʊ/. E tamén se pronuncia comunmente como posición media despois de w. Polomé afirma que /ɑ/ se pronuncia como tal só despois de w e pronúnciase como [ə] noutras situacións, especialmente despois de /j/ (y). A pódese pronunciar como [ə] en posición final de palabra.[20] As vogais suahili poden ser longas; estas escríbense como dúas vogais (por exemplo: kondoo, que significa "ovella"). Isto débese a un proceso histórico no que o L se eliminou entre dous exemplos da mesma vogal (kondoo orixinariamente pronunciábase kondolo, que sobrevive en certos dialectos). Non obstante, estas vogais longas non se consideran fonémicas. Un proceso similar existe no zulú.

Ademais, o suahili non ten ditongos; en combinación de vogais, cada letra pronúnciase separadamente. Por iso, a palabra suahili para "leopardo", chui, pronúnciase [tʃu.i], con hiato.

O seguinte cadro amosa o inventario de sons consonánticos en suahili. Entre paréntese aparecen os alófonos, en cursiva a grafía e entre barras os fonemas.

Bilabial Labiodental Dental Alveolar Postalveolar Palatal Velar Glotal
Nasal m /m/     n /n/   ny /ɲ/ ng’ /ŋ/  
Prenasalizada nasal mb /mb/     nd /nd/   nj /ɲɟ/~/ndʒ/ ng /ŋɡ/  
Implosiva b /ɓ/     d /ɗ/   j /ʄ/ g /ɠ/  
Oclusiva p /p/     t /t/ ch /tʃ/   k /k/  
Aspirada (p /pʰ/)     (t /tʰ/) (ch /tʃʰ/)   (k /kʰ/)  
Fricativa prenasalizada   mv /ɱv/   nz /nz/        
Fricativa sonora   v /v/ (dh /ð/) z /z/     (gh /ɣ/)  
Fricativa xorda   f /f/ (th /θ/) s /s/ sh /ʃ/   (kh /x/) h /h/
Vibrante múltiple       r /r/        
Aprox­imante lateral       l /l/        
Aprox­imante           y /j/ w /w/  

Algúns dialectos do suahili tamén teñen os fonemas aspirados /pʰ tʰ tʃʰ kʰ bʱ dʱ dʒʱ ɡʱ/ aínda que non están marcados na ortografía do suahili.[21] Múltiples estudos favorecen clasificar a prenasalización como grupos consonánticos, non como fonemas separados. Historicamente, a nasalización perdeuse antes de consoantes sen voz e, posteriormente, as consoantes sonoras desapareceron, aínda que aínda se escriben mb, nd etc. O fonema /r/ reálizase como [r] ou máis comunmente como [ɾ] pola maioría dos falantes. [x] existe en variación libre con h, e só se distingue por algúns falantes.[20] Nalgúns préstamos árabes (substantivos, verbos, adxectivos), a énfase ou intensidade exprésase reproducindo as consoantes enfáticas orixinais /dˤ, sˤ, tˤ, zˤ/ e a uvular /q/, ou alongando unha vogal, mentres que se usaría a aspiración en palabras herdadas do bantú.[21]

Gramática

[editar | editar a fonte]

A característica gramatical máis prominente das linguas bantús é o uso extensivo de morfemas baixo a forma de prefixos. Cada substantivo pertence a unha clase e cada idioma pode ter aproximadamente dez clases, un pouco como xéneros en idiomas europeos. A clase indícase por un prefixo no substantivo, como tamén en adxectivos e verbos que concordan con aquel. O plural indícase por unha mudanza de prefixo.

Por exemplo, en suahili , Mtoto mdogo amekisoma significa O neno pequeno leu isto (un libro, implícito). Mtoto = neno goberna o prefixo do adxectivo "m" (mdogo) e o suxeito do verbo co prefixo "a". De seguido vén o tempo do verbo (perfecto) "me" - e un marcador de obxecto "ki" - concordando con kitabu (implícito), libro. O plural desta frase é: Watoto wadogo wamekisoma; se usarmos o plural para libros (vitabu), a frase tórnase: Watoto wadogo wamevisoma.

Ortografía

[editar | editar a fonte]
Suahili en escrita árabe na roupa dunha moza na África Oriental Alemá (comezos do século XX).

O suahili escríbese actualmente co alfabeto latino. Hai algúns dígrafos para os sons nativos, ch, sh, ng e ny; q e x non se usan,[22] c non se usa máis que para o dígrafo ch, préstamos do inglés e ocasionalmente, como substituto de k en publicidade. Tamén hai dígrafos para os sons árabes, que moitos falantes fóra do grupo étnico suahili teñen problemas para diferenciar.

Adoitábase escribir coa escrita ajami, que é unha escrita árabe. Ao contrario que noutras adaptacións da escrita árabe noutras linguas, para o suahili non se fixo moita modificación. Había diferenzas ortográficas entre cidades e autores ao longo dos séculos, algunhas tan diferentes que causaban dificultade para a intercompresión.

Algunhas consoantes do suahili non teñen equivalente co árabe e, aínda así non se crearon letras especiais para representalas. No canto diso, substituíase polo son en árabe máis semellante. Isto produciu que unha mesma letra servise para máis dun son, mais tamén provocou que os autores fixesen diferentes escollas á hora de substituír os sons. Na táboa de abaixo amósanse as equivalencias entre o suahili coa escrita árabe e o alfabeto latino.

Suahili en alfabeto árabe Suahili en alfabeto latino
Final Medio Inicial Illado
ـا‎

ا

aa
ـب‎

ـبـ‎

بـ‎

ب

b p mb mp bw pw mbw mpw
ـت‎

ـتـ‎

تـ‎

ت

t nt
ـث‎

ـثـ‎

ثـ‎

ث

th?
ـج‎

ـجـ‎

جـ‎

ج

j nj ng ng' ny
ـح‎

ـحـ‎

حـ‎

ح

h
ـخ‎

ـخـ‎

خـ‎

خ

kh h
ـد‎

د

d nd
ـذ‎

ذ

dh?
ـر‎

ر

r d nd
ـز‎

ز

z nz
ـس‎

ـسـ‎

سـ‎

س

s
ـش‎

ـشـ‎

شـ‎

ش

sh ch
ـص‎

ـصـ‎

صـ‎

ص

s, sw
ـض‎

ـضـ‎

ضـ‎

ض

dhw
ـط‎

ـطـ‎

طـ‎

ط

t tw chw
ـظ‎

ـظـ‎

ظـ‎

ظ

z th dh dhw
ـع‎

ـعـ‎

عـ‎

ع

?
ـغ‎

ـغـ‎

غـ‎

غ

gh g ng ng'
ـف‎

ـفـ‎

فـ‎

ف

f fy v vy mv p
ـق‎

ـقـ‎

قـ‎

ق

k g ng ch sh ny
ـك‎

ـكـ‎

كـ‎

ك

ـل‎

ـلـ‎

لـ‎

ل

l
ـم‎

ـمـ‎

مـ‎

م

m
ـن‎

ـنـ‎

نـ‎

ن

n
ـه‎

ـهـ‎

هـ‎

ه

h
ـو‎

و

w
ـي‎

ـيـ‎

يـ‎

ي

y ny

Referencias fóra de África

[editar | editar a fonte]
  • O software libre de creación de páxinas web Joomla!, organizado pola Open Source Matters, foi chamado así con base na palabra "jumla", que significa "todos", "xuntos".
  • No xogo de computador Civilization IV, a música-tema do menú principal é un rearranxo dun nosopai en suahili, chamado de Baba Yetu ("Noso Pai").
  • No sinxelo de Michael Jackson de 1987, Liberian Girl, a introdución repetida é en suahili: Nakupenda pia, nakutaka pia, mpenzi wee!, que significa "Eu ámote tamén, eu quérote tamén, meu amor!"
  • A banda de afrobeat The Daktaris, de Brooklyn, quitou o seu nome da serie televisiva dos anos 60, e significa "doutor" en suahili.
  • O filme de animación The Lion King contén varias referencias ao suahili, como: Simba ("león"), nome da personaxe principal; Rafiki ("amigo") é o babuíno xamán; a canción ·Hakuna Matata" é "sen problemas". Na continuación, o fillo adoptivo de Scar ("cicatriz" en inglés) é Kovu ("cicatriz" en suahili). Unha das cancións do filme titúlase "Upendi", palabra que como mencionan as personaxes do filme, significa "amor".
  • Nichelle Nichols, na serie Star Trek, é a Tenente Uhura, nome que vén do suahili Uhuru, "liberdade". Alén diso, a palavra Imzadi, usada en Star Trek: The Next Generation, é suahili e significa "amado".
  • O título do filme estadounidense de 1962, Hatari!, significa "perigo".
  • A festividade afroamericana Kwanzaa emprega algunhas palabras nesta lingua, como Habari gani?, que significa "O que está acontecendo?", kinara ("candelabro africano"), mazao ("safra") e n'guzo saba ("sete principios").
  1. Hinnebusch, Thomas J. (20 de xullo de 2016). Oxford University Press, ed. International Encyclopedia of Linguistics (2 ed.). Oxford. ISBN 9780195139778. Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2016. Falantes de suahili como lingua materna (L1), probabelmente menos de vinte millóns 
  2. "The story of how Swahili became Africa's most spoken language". 23 de febreiro de 2022. 
  3. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para suahili.
  5. "Development and Promotion of Extractive Industries and Mineral Value Addition". East African Community. Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2016. Consultado o 20 de xullo de 2016. 
  6. Sobuwa, Yoliswa (17 de setembro de 2018). "Kiswahili gets minister's stamp to be taught in SA schools". The Sowetan. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2018. Consultado o 9 de outubro de 2018. 
  7. "Botswana to Introduce Swahili Language in Local Schools". Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2021. Consultado o 21 de febreiro de 2021. 
  8. "Pandemic disrupts Kiswahili adoption plans". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2020. Consultado o 21 de febreiro de 2021. 
  9. "HOME – Home". Swahililanguage.stanford.edu. Arquivado dende o orixinal o 15 de decembro de 2016. Consultado o 19 de xullo de 2016. After Arabic, Swahili is the most widely used African language but the number of its speakers is another area in which there is little agreement. The most commonly mentioned numbers are 50, 80, and 100 million people. [...] The number of its native speakers has been placed at just under 20 million. 
  10. Nurse and Hinnebusch, 1993
  11. Nation Media Group (ed.). "The story of how Swahili became Africa's most spoken language". Consultado o 22 de febreiro 2022. 
  12. Swahililanguage.stanford.edu (ed.). "HOME – Home". Arquivado dende o orixinal o 15 de decembro de 2016. Consultado o 19 de xullo de 2016. Despois do árabe, o suahili é a lingua africana máis usada, mais o número total de falantes é un aspecto no que non hai acordo. Os números máis mencionados son 50, 80, 100 e 150 millóns de persoas.[...] O númer de falantes nativos sitúase por debaixo dos 20 millóns. 
  13. Polomé, Edgar (1967). Centre for Applied Linguistics, ed. Swahili Language Handbook (PDF). p. 28. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de novembro de 2020. Consultado o 12 de setembro de 2019. 
  14. Ali, Hassan O. "A Brief History of the Swahili Language". Swahili Language & Culture. Arquivado dende o orixinal o 12 de maio de 2017. Consultado o 30 de setembro de 2017. 
  15. "1. Loanwords in Swahili", T. Schadeberg, in Tadmor, Uri. Loanwords in the World's Languages: A Comparative Handbook. Germany: De Gruyter, 2009.
  16. Juma, Abdurahman. "Swahili history". glcom.com. Consultado o 30 de setembro de 2017. 
  17. "Swahili". About World Languages. 
  18. Mdee, James S. (1999). "Dictionaries and the Standardization of Spelling in Swahili". Lexikos. pp. 126–27. Consultado o 2 de xuño de 2017. 
  19. Contini-Morava, Ellen. 1997. Swahili Phonology. In Kaye, Alan S. (ed.), Phonologies of Asia and Africa 2, 841–860. Winona Lake, Indiana: Eisenbrauns.
  20. 20,0 20,1 Swahili Language Handbook (PDF) (Report). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de novembro de 2020. Consultado o 12 de setembro de 2019. 
  21. 21,0 21,1 Lodhi, Abdulaziz Y. (2003). "Aspiration in Swahili Adjectives and Verbs" (PDF). Africa & Asia (en inglés) 3: 157. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de xullo de 2020. Consultado o 24 de agosto de 2021. 
  22. BBC (ed.). "A Guide to Swahili – The Swahili alphabet". Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2020. Consultado o 25 de decembro de 2019. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]