Cloaca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Tubaxe á intemperie para unha rede de sumidoiros

Denomínase cloaca, colector ou sumidoiro colector ao tramo da rede de sumidoiros pública que colecta diversos ramais de sumidoiro. Constrúese baixo terra, a miúdo por medio das rúas importantes, de maneira que cada unha das vivendas desa vía poidan conectarse para a evacuación apropiada das augas residuais.

Sistema e deseño[editar | editar a fonte]

Cada conexión pertencente a unha vivenda chámase acometida ou unión domiciliaria. Comprende a canalización que vai dende o pozo de resalte ou dende a cámara de inspección final da vivenda até o colector. Tanto os colectores como as unións domiciliarias deben ser proxectadas con certo grao de pendente para permitir o fluxo das augas por gravidade, pero nunca excesiva, para evitar velocidades excesivas e risco de erosión. Así mesmo, as súas xuntas deben ser herméticas para evitar filtracións de augas residuais ao terreo e para impedir o ingreso da auga de chuvia, as infiltracións do terreo circundante ou a introdución de raíces. Por outra banda, deben ser chas a fin de que non se produzan obstrucións por acumulación de pelos, teas, cueiros e outros elementos habitualmente botados á rede de sumidoiros, a pesar de estar prohibido.

O libre fluxo da auga dentro das unións domiciliarias e colectores verifícase habitualmente por medio da proba da bóla, artefacto que debe discorrer sen inconvenientes dende o sitio en que se introduciu ata onde se está a efectuar o exame.

É conveniente que o deseño e construción destas instalacións sexan realizados por profesionais ou técnicos autorizados.