Masturbación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A masturbación[1] é a estimulación dos órganos xenitais e das zonas eróxenas co obxecto da obtención de pracer sexual, podendo alcanzar, ou non, o orgasmo. Pode ir acompañada de fantasías de natureza erótica[2]. Xeralmente a masturbación considérase unha práctica sexual solitaria, se ben tamén se pode realizar sobre os xenitais doutra persoa, como ocorre na masturbación mutua. A masturbación adoita realizarse coas mans, ou mediante o frotamento contra algún obxecto. Tamén é común o uso de xoguetes sexuais para obter este tipo de excitación.

Orixe do termo[editar | editar a fonte]

A masturbación recibe tamén outros nomes: onanismo, autoerotismo, ipsación,... que son usados popularmente en maior e menor medida. A palabra masturbación era utilizada xa por Marcial, un poeta satírico hispano-romano do século I da era cristiá. É unha palabra composta que provén das latinas manu (man) e stupro (ensuciar)[3].

Historia[editar | editar a fonte]

Egon Schiele, Selbstbefriedigung (1911).
Corsé contra o onanismo (c. 1815).

Os antigos exipcios crían que o deus Ra creou a primeira parella, Shu e Tefnut, masturbándose. Os autores xudeus consideraban que a masturbación era un delito que debía ser castigado coa pena capital. No libro do Pentateuco fálase de Onán, segundo fillo de Xudá. Tras a morte do seu irmán maior, Er, viuse na obrigación de darlle descendencia na súa viúva, Tamar, para que esta non quedase desamparada. En aplicación da lei do levirato, as viúvas sen fillos devolvíanse á súa familia, polo que Onán preferiu non dar descendencia ó seu irmán para quedar con toda a herdanza do pai. A historia do castigo divino a Onán foi empregada posteriormente pola Igrexa Católica para xustificar a condena moral da masturbación como acto ofensivo a Deus. Os pais da igrexa vían na masturbación trazos diabólicos[3].

No Novo Testamento Xesús Cristo non fixo ningunha referencia á masturbación. Tampouco Paulo de Tarso, a pesar de que a impureza da que fala nas epístolas ós Gálatas, ós Corintios e ós Efesios foi interpretada en séculos posteriores como unha referencia á masturbación. Cirilo de Alexandría tratou a masturbación como cuestión moral. Máis adiante Tomás de Aquino, na súa Suma Teolóxica, valorou a masturbación como un pecado contra natura, máis grave que o adulterio ou a violación[4] [5].

A partir de comezos do século XVIII comezou a publicarse unha longa serie de libros que describían os perniciosos efectos que supostamente exercía a masturbación sobre a saúde física e mental do que a practicaba. Onania, or the heinous sin of self-pollution and all its frightful consequences in bothe sexes ("A onanía, ou o pecado nefando da masturbación e todas as súas aterradoras consecuencias en ambos sexos") foi o primeiro destes tratados. Seguiulle L'onanisme, de Tissot (1760), na que defendía que a masturbación provoca alteracións na coloración da pel, desecación, enfraquecemento, histeria, mareos, cobiza, desfiguración do rostro, esgotamento, dores e morte. Autores posteriores atribúenlle á masturbación frixidez, impotencia, doenzas mentais e epilepsia[3].

Xa no século XIX, en 1835 o libro The student's manual ("O manual do estudante"), do reverendo John Todd, ministro congregacional en Massachusetts, que recomendaba a lectura, o exercicio e as duchas frías para evitar caer no pecado. Segundo Todd, a masturbación debilitaba a memoria, extenuaba a mente e arruinaba a alma. Chegaron a publicarse 24 edicións do libro e a venderse 100.000 exemplares en Europa.

No mesmo século XIX os especialistas en nutrición idearon dietas específicas para combater a masturbación. Sylvester Graham defendía que unha dieta con moita fibra axudaba a combater o vicio e a este fin creou as Graham Crakers, que aínda hoxe son populares nos Estados Unidos. Co mesmo obxectivo John Harvey Kellog perfeccionou o cereal Granola, fundando o imperio Kellog. No seu libro The home book of the modern medicine: a family guide to health and disease ("O libro do fogar da medicina moderna: guía familiar para a saúde e a enfermidade") recomendaba practicar a circuncisión na infancia como remedio para a masturbación, a poder ser sen anestesia, para que o cativo conservase a lembranza da dor sufrida, interpretándoa como castigo[4]. Na mesma época, e no eido da medicina, recomendábase ás mulleres evitar bañarse para non correren o risco de masturbación accidental. Igualmente recomendábase ós pais que atasen ós seus fillos adolescentes á cama ou empregasen algún tipo de trebello que lles impedise masturbarse posto que, segundo dicían, a masturbación provocaba gran número de males, dende a debilidade física ata o retardo mental[6].

Na mesma época comezan a aparecer autores illados que consideran que, posto que a masturbación é unha práctica moi frecuente, non é posible pensar que é daniña. Ó comezo algúns falan do menoscabo producido pola masturbación excesiva, e ata o propio Sigmund Freud, nos seus primeiros traballos, opina que as neuroses non nacen de feridas psíquicas na infancia, senón de prácticas sexuais insás, como a masturbación ou o coitus interruptus[4].

A mediados do século XX o doutor Alfred Charles Kinsey publicou o coñecido como Informe Kinsey. Neste informe expoñía a súa estimación de que polo menos un 92% dos homes e un 58% das mulleres se masturbaran ata chegar ó orgasmo nalgún momento da súa vida. Hoxe sábese que en Gran Bretaña a masturbación mutua é a forma de relación sexual máis frecuentemente practicada despois do coito vaxinal heterosexual[4].

Perspectiva científica[editar | editar a fonte]

Édouard-Henri Avril, gravado de De Figuris Veneris.
Masturbación masculina.

Punto de vista psicolóxico[editar | editar a fonte]

Dende un punto de vista psicolóxico distínguense varios tipos de masturbación[2]:

  • Masturbación psíquica: aquela na que é suficiente a fantasía, sen necesidade de estimulación dos xenitais.
  • Masturbación simbólica: aquela na que se verifica un desprazamento cara a obxectos substitutivos, como retorcerse os cabelos, tirar dos lóbulos das orellas ou outros semellantes.
  • Masturbación obrigada: aquela que se repite de forma obsesiva, sen fantasías eróticas e mesmo sen obtención de pracer.
  • Masturbación infantil: aquela que constitúe unha simple vía de desafogo da tensión instintiva.
  • Masturbación adolescente: aquela que se practica con ocasión da maduración definitiva dos órganos xenitais.

Existe unha relación directa entre as disfuncións sexuais na idade adulta e o crecemento nun medio sociofamiliar que reprime e culpabiliza a masturbación. Ó ser este o primeiro modo de coñecemento da sexualidade do individuo, a represión e a culpabilización crean unha asociación condicionada entre a sexualidade e a ansiedade e o sufrimento[7].

A masturbación é empregada dentro de terapias psicolóxicas para combater a exaculación precoz nos homes e a anorgasmia nas mulleres, entre outras patoloxías. Neste contexto, a masturbación é un vehículo que permite o autocoñecemento da propia sexualidade e a liberación de tabús creados por un entorno represivo. Dentro destas terapias explóranse as cognicións negativas e préstase atención á optimización da experiencia sexual positiva[8].

É significativa a elevada porcentaxe de persoas que perciben a masturbación como algo moralmente negativo entre a poboación adolescente. Hernández Martínez atopa que un 51% dos rapaces e un 34% das rapazas se senten satisfeitos despois de masturbarse, pero o 17 e 13% respectivamente séntense descontentos e o 13 e 21% séntense culpables. O preguntarlles ós entrevistados se cren que a masturbación afecta á súa saúde, o 17% dos rapaces e o 5% das rapazas responderon que provoca doenzas somáticas e o 12 e 11% respectivamente que provoca doenzas psíquicas[9].

Punto de vista somático[editar | editar a fonte]

O 16 de xullo de 2003 un equipo de investigación australiano, dirixido por Graham Giles de The Cancer Council, publicou un estudo médico e concluíu que a masturbación frecuente nos homes pode axudar a previr o desenvolvemento do cancro de próstata, e que pode ser máis efectivo que a exaculación mediante o coito, porque non hai risco de contraer enfermidades de transmisión sexual, que incrementarían o risco de cancro. O informe, publicado pola revista "New Scientist", asegura que os homes que exaculan máis de cinco veces á semana entre os 20 e 30 anos son un 30% menos propensos a desenvolver un cancro de próstata.

Incidencia[editar | editar a fonte]

Michel Fingesten, 1923: Variacións sobre o tema do amor (masturbación feminina)
Gustav Klimt, Muller sentada de coxas abertas (1913).
Olería grega, Século VI a.C..

Practicamente toda a poboación sa se masturba desde idades temperás ata o final da súa vida. A masturbación é a primeira e máis natural forma de obter pracer sexual, a práctica máis continua e común a todas as culturas, ó longo de toda a historia da humanidade, en todas as idades e en ambos sexos[7]. Viuse con ecografías a fetos de ambos os sexos masturbándose no útero materno[10].

Por xénero[editar | editar a fonte]

Está moi estendida a idea de que os homes se masturban con maior frecuencia que as mulleres. Porén, o certo é que as enquisas sobre prácticas sexuais adoitan sufrir desviacións nas respostas, por motivos de corrección social[1].

Ademais do antedito Alfred Kinsey, outros autores analizaron as porcentaxes de poboación que practican habitualmente a masturbación. Así, Hass dá unhas cifras algo máis equilibradas que as de Kinsey: o 75% dos rapaces e 52 % das rapazas entre 15 e 16 anos mastúrbanse, e o 80% dos rapaces e o 59% das rapazas entre 17 e 18 anos. En España García proporciona outras cifras: o 94% dos homes e 50% das mulleres de todas as idades. Gutiérrez Calvo, no seu estudio entre a poboación universitaria, sinala que o 13,,6% das mulleres comezan a masturbarse antes da puberdade, e o 45% na adolescencia. Hernández Martínez, no seu estudo sobre os adolescentes da rexión de Murcia, refire que o 95% dos rapaces e o 49% das rapazas se masturbou algunha vez. De entre aqueles que practican a masturbación, o 22% dos rapaces e o 32% das rapazas comezou a facelo antes dos 10 anos de idade, sendo a idade máis frecuente entre os 13 e os 14 anos para ambos sexos[9].

No relativo á frecuencia coa que se practica a masturbación, Kinsey daba a cifra de 2,4 veces por semana para os homes. Gutiérrez Calvo atopa que un 85% das rapazas se masturba esporadicamente, mentres que o 21% dos rapaces se masturba frecuentemente e o 8% habitualmente. Hass dá unhas cifras similares ás de Hernández Martínez, isto é, o 26% dos rapaces mastúrbanse dúas ou tres veces por semana, cifras que chegan a un 50% dos rapaces e un 82% das rapazas para unha masturbación esporádica[9].

Por situación sexoafectiva[editar | editar a fonte]

Tanto homes como mulleres continúan masturbándose despois de establecer relacións de parella. Incluso aínda que tales relacións sexan satisfactorias, o 75% dos homes e o 75%-91% das mulleres emparelladas continúan facéndoo. mentres a frecuencia coa que os homes emparellados acoden á masturbación diminúe desde o momento en que comezan a ter relacións sexuais e segue descendendo co paso do tempo, nas mulleres a frecuencia mantense igual ou aumenta na maioría dos casos, sobre todo entre as que son máis novas.[1].

Por idade[editar | editar a fonte]

Está moi estendida a idea de que a masturbación é unha práctica propia da adolescencia. Trátase dunha idea equivocada. Corby e Solnick (1980) comunican os datos dun estudio danés que revelaba que a masturbación era practicada por un 43% entre os 70 e os 75 anos de idade, e por un 21% entre os 90 e os 95. Weizman e Hart (1987) falan dun 41% entre os 60 e os 71 anos. Christenson e Gagnon (1965), por último, sitúan a incidencia nun 25% entre as mulleres casadas de 65 anos e nun 0% entre as de 70 anos, e no 33% das mulleres de 65 anos e o 25% das de 70 casadas con anterioridade. Hai que salientar que se observou que as persoas maiores son máis reticentes que as máis novas a falar das súas prácticas sexuais, en especial sobre a masturbación, debido ás fortes connotacións negativas que esta práctica tivo na súa educación. Observáronse tamén notables diferencias entre os resultados das enquisas realizadas a persoas maiores que residen nas súas casas e as que residen en institucións xeriátricas[11].

Implicacións éticas[editar | editar a fonte]

Onanista (1830).
Acuarela erótica (1840).

Perspectiva relixiosa[editar | editar a fonte]

A Igrexa Católica condena a práctica da masturbación por consideralo un acto intrinsecamente desordenado. Toda práctica sexual que non teña como finalidade a procreación é pecaminosa, na visión católica. Concretamente, entre os pecados gravemente contrarios á castidade cóntanse a masturbación, a fornicación, a pornografía, a prostitución, o estupro e as prácticas homosexuais, pois son expresión do vicio da luxuria. O catecismo católico é claro nesta condena:

Por masturbación ha de entenderse a excitación voluntaria dos órganos xenitais a fin de obter un pracer venéreo. Tanto o Maxisterio da Igrexa, de acordo cunha tradición constante, como o sentido moral dos fieis, afirmaron sen ningunha dúbida que a masturbación é un acto intrínseca e gravemente desordenado. O uso deliberado da facultade sexual fóra das relacións conxugais normais contradí a súa finalidade, sexa cal for o motivo que o determine. Así, o goce sexual é buscado aquí á marxe da relación sexual requirida pola orde moral; aquela relación que realiza o sentido íntegro da mutua entrega e da procreación humana no contexto dun amor verdadeiro.
Igrexa Católica, Catecismo.[12]

Esta doutrina queda de manifesto nos datos que ofrece Hernández Martínez para a poboación adolescente murciana. De entre os escolares que se declaran indiferentes ante a relixión, un 74% mastúrbanse e un 24% non. Pero de entre os que se declaran católicos non practicantes esas cifran cambian a uns respectivos 60 e 36%, que ascenden a 33 e 65% entre os católicos practicantes, practicamente as mesmas que para os que se consideran moi bos católicos (33 e 67%). Os crentes noutras relixións non responderon á enquisa[9].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Ramos, Jesús (2002), Un encuentro con el Placer. La Masturbación Femenina, Madrid: Espasa-Calpe. ISBN 84-670-0279-4
  2. 2,0 2,1 GALLIMBERTI, U.. Diccionario de psicología. ISBN 968-23-2618-4.  (en castelán)
  3. 3,0 3,1 3,2 RATTNER, J. (2002). Psicología y Psicopatología de la vida amorosa: Una introducción a la psicología profunda de la sexualidad y el amor en sus manifestaciones sanas y enfermas. ISBN 968-23-1689-8.  (en castelán)
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 POTTS, M.; SHORT, R. (2002). Historia de la sexualidad: Desde Adán y Eva. ISBN 84-8323-205-7.  (en castelán)
  5. ANTEQUERA, L. (2007). El cristianismo desvelado: respuestas a las 103 preguntas más frecuentes sobre el cristianismo. ISBN 84-414-1938-8.  (en castelán)
  6. MARGULIS, L.; SAGAN, D. (1992). Danza misteriosa. ISBN 84-7245-254-9.  (en castelán)
  7. 7,0 7,1 CALVO ARTÉS, M. (1987). Trampas y claves sexuales. ISBN 84-7426-132-5.  (en castelán)
  8. CABALLO, V.E. (2002). Manual para el tratamiento cognitivo-conductual de los trastornos psicológicos: Trastornos por ansiedad, sexuales, afectivos y psicóticos. ISBN 84-323-0943-5.  (en castelán)
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 HERNÁNDEZ MARTÍNEZ, J. (1985). Conducta sexual del adolescente murciano. ISBN 84-7564-017-6.  (en castelán)
  10. Meizner I., Sonographic observation of in utero fetal "masturbation", Journal of Ultrasound in Medicine, 1987
  11. JACOBY, R.; OPPENHEIMER, C. (2005). Psiquiatría en el anciano. ISBN 84-458-1273-4.  (en castelán)
  12. "Catecismo de la Iglesia Católica". www.vatican.va. http://www.vatican.va/archive/ESL0022/__P86.HTM. Consultado o 13/02/2011.  (en castelán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Masturbación

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]