Avelaíña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Avelaíña
Opodiphthera eucalypti male.jpg
Opodiphthera eucalypti
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Lepidoptera
(sen clasif.): Heterocera

A avelaíña, matacandís ou velairiña[1] é un insecto próximo á bolboreta. Ambas son da orde dos lepidópteros. Teñen hábitos nocturnos, se ben é certo que tamén hai especies crepusculares e diúrnas.

Moitas especies de avelaíñas son moi ben coñecidas no seu estadio larvario a causa dos danos que causan á froita e outros produtos da agricultura, ou mesmo aparellos domésticos como roupa e libros, dada a voracidade das eirugas.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Malia as súas diferenzas, a división dos Lepidópteros en avelaíñas e bolboretas pertence porén á taxonomía popular, non ten base científica. Ás veces, e para formalizar dalgún xeito a distinción popular, úsanse os nomes Rhopalocera (bolboretas) e Heterocera (avelaíñas). Tamén houbo moitas tentativas de subdividir os Lepidópteros en grupos como os Microlepidópteros e Macrolepidópteros; Frenatae e Jugatae, ou Monotrysios e Ditrysios. O fallo deses nomes á hora de persistir nas clasificacións modernas débese a que ningún deles representa un par de grupos monofiléticos. A realidade é que as bolboretas son un pequeno grupo que xurdiu das avelaíñas, e estas últimas son a gran maioría das especies de lepidópteros. Taxonomicamente, as avelaíñas non son un grupo monofilético. Calcúlase que hai arredor de 160.000 especies de avelaíñas[2].

Importancia económica da avelaíña[editar | editar a fonte]

Pragas de avelaíña[editar | editar a fonte]

As avelaíñas, e especialmente as súas eirugas, son unha praga capital para a agricultura en moitas partes do mundo. A eiruga da especie Lymantria dispar causa importantes danos nos bosques do nordés dos Estados Unidos, onde é unha especie invasiva. Nos climas temperados, a carpocapsa (Cydia pomonella) causa danos devastadores, especialmente nos cultivos frutais. Nos climas tropical e subtropical, a Plutella xylostella é quizais a peor praga nos cultivos e colleitas de brasicáceas (familia que engloba as coles, repolos e outras plantas da mesma clase, tamén chamadas crucíferas).

Varias das avelaíñas da familia das Tineidae están comunmente consideradas como pragas porque as súas larvas devoran tecidos como roupa e cobertores de fibras proteínicas naturais como a la ou a seda. Porén, adoitan atacar menos os materiais mesturados que conteñan fibras artificiais.

Existen estudos que amosan que poden ser repelidas polo olor da madeira de cedro e cimbro, pola lavanda, ou por outras esencias naturais. Porén, moitos consideran que é improbable que isto preveña unha infestación. A naftalina considérase o produto máis efectivo, pero hai dúbidas en canto ós seus efectos na saúde humana. As larvas de avelaíña poden eliminarse conxelando os obxectos infestados durante varios días a unha temperatura inferior ós −8 °C.

As avelaíñas teñen unha constitución robusta e a miúdo son máis resistentes ós pesticidas que as moscas ou os mosquitos.

Os vermes da seda[editar | editar a fonte]

Algunhas especies de avelaíña son criadas en granxa pola súa rendibilidade económica. A máis coñecida delas é o verme da seda, a larva domesticada da Bombyx mori, que se cría pola seda coa que constrúe a súa crisálida. A industria da seda produce ao redor dos 130 millóns de quilos de seda crúa ó ano, cun valor aproximado de 250 millóns de dólares.

Con todo, non toda a seda é producida pola Bombyx mori. Hai varias especies de Saturniidae que tamén son criadas pola súa seda, como a avelaíña do ailanto (grupo de especies da Samia cynthia), o verme de seda do carballo (Antheraea pernyi), a Antheraea assamensis e o verme da seda xaponés (Antheraea yamamai).

O verme mopane, eiruga da Gonimbrasia belina, pertencente á familia das Saturniidae, é un recurso alimenticio moi importante no sur de África.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para avelaíña.
  2. "Moths". Smithsonian.