Mitose

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A mitose é a división do núcleo e a separación das cromátidas de cada cromosoma a unha célula filla.

A mitose ou división do núcleo é o proceso polo cal os cromosomas duplicados se distribúen equitativamente entre as células fillas. É un proceso continuo que, para facilitar o seu estudo, se divide en cinco fases: profase, prometafase, metafase, anafase e telofase.

Profase[editar | editar a fonte]

Comeza no momento do ciclo celular no que os cromosomas condensados empezan a ser visíbeis nun xeito de filamentos no interior do núcleo. Ao longo da profase segue a condensación dos cromosomas, que se fan cada vez más curtos e grosos.

Cada cromosoma aparece constituído por dúas cromátidas irmás idénticas, que están unidas polos seus centrómeros; en cada un deles desenvólvese un cinetocoro. Ao mesmo tempo que os cromosomas se condensan, o nucléolo comeza a se descondensar e desaparece progresivamente.

Mentres que no núcleo teñen lugar estes cambios, no citoplasma comeza a se formar o fuso mitótico, que é unha estrutura bipolar composta de microtúbulos. Nas células animais, a formación do fuso está relacionada co centrosoma, que consta de dous pares de centríolos, que se duplicaron durante o período S da interfase. Durante a profase o centrosoma divídese e cada centrosoma fillo diríxese cara a un pólo da célula, organizándose entre eles un feixe de microtúbulos que constitúen o fuso mitótico. Os microtúbulos do fuso denomínanse polares e os exteriores ao fuso, microtúbulos astrais ou áster.

Nas células dos vexetais superiores, que non teñen centriolos, o fuso mitótico fórmase a partir dunha zona difusa, desprovista de orgánulos, situada arredor do núcleo; os microtúbulos aparecen nesa zona, e despois se converte nos pólos do fuso.

Prometafase[editar | editar a fonte]

Comeza cando se rompe a envoltura nuclear en pequenas vesículas ou fragmentos de membrana. Ditas vesículas fican durante a mitose nas proximidades do fuso e a partir delas formaranse as novas envolturas nucleares das células fillas.

A rotura da envoltura nuclear permite que os microtúbulos do fuso interaccionen cos cromosomas grazas ao cinetocoro. Os microtúbulos polares capturados polos cinetocoros pasan a se chamar cinetocóricos. En cada cromosoma os microtúbulos cinetocóricos esténdense en direccións opostas dende cada cromátida a un pólo do fuso, e orientan aos cromosomas facendo que se vaian concentrando no plano ecuatorial da célula.

Metafase[editar | editar a fonte]

Todos os cromosomas sitúanse no plano ecuatorial do fuso, constituíndo a placa metafásica. Cada cromosoma mantense nesa posición grazas ás forzas xeradas polos seus microtúbulos cinetocóricos, que están ancorados aos pólos opostos da célula.

É nesta fase cando os cromosomas están máis condensados e por iso son máis visíbeis.

Anafase[editar | editar a fonte]

Comeza coa separación simultánea de cada cromosoma nas súas cromátidas irmás, que se desprazan cara aos pólos opostos do fuso.

O desprazamento das cromátidas prodúcese pola desensamblaxe e acurtamento dos microtúbulos cinetocóricos. Ademais, ao mesmo tempo os dous pólos do fuso mitótico se separan entre si, debido a que os microtúbulos polares se alongan pola ensamblaxe de moléculas de tubulina entre os seus extremos.

Cara ao final da anafase, os cromosomas separáronse en dous grupos iguais, cada un dos cales se atopa nun dos pólos do fuso e fará parte do núcleo dunha nova célula.

Telofase[editar | editar a fonte]

Caracterízase pola reconstrución dos núcleos das células fillas. Para isto, fórmase unha nova envoltura nuclear arredor de cada grupo de cromosomas separados. Os cromosomas descondénsanse e os núcleos voltan a aparecer. Unha vez formado o núcleo vóltase á síntese de ARN.

A nova envoltura nuclear de cada célula filla fórmase grazas á fusión das vesículas ou fragmentos de membrana, que se sitúan sobre a superficie dos cromosomas agrupados. A lámina nuclear xoga un papel moi importante neste fenómeno.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]