Álbum Nós

Nós é un álbum de 49 estampas realizadas por Castelao entre 1916 e 1918, estampas que amosan un gran realismo e preocupación polas condicións de vida do pobo galego. Ábrese cun autorretrato e un texto a modo de prólogo, manuscrito; para rematar co Ex libris do autor.
Contidos
[editar | editar a fonte]O contido do álbum apareceu primeiro en exposicións, a primeira na Coruña do 2 ao 22 de marzo de 1920. Posteriormente, expúxose nese ano en Madrid (setembro) e Ourense (novembro), en Vilagarcía de Arousa (finais de 1921), Monforte de Lemos (febreiro de 1922), Ferrol (abril), Pontevedra (maio e xuño), Barcelona (xaneiro de 1923), Vigo (xuño) e Santiago de Compostela (abril e maio de 1924).
A exposición do álbum Nós deu pé a numerosas conferencias e actos culturais ó seu redor nas cidades onde se presentou. No caso da presentación en Santiago serviu de feito para o recoñecemento oficial do Seminario de Estudos Galegos, coa presenza do máis selecto da intelectualidade galega e do propio arcebispo de Santiago, Manuel Lago.
| “ | O álbum Nos foi moito máis que un evento de arte. Foi o redescobrimento de un pobo, que leva o drama de vivir ás costas. Foi unha campanada, a máis forte e a máis fonda, que se deu na conciencia colectiva. Foi un estremecimento social que viría destinado a soerguer o esprito de Galicia | ” |
En 1931 editouse en formato libro, no prelo de Hauser y Menet de Madrid, cunha moi boa calidade. En 1974 publicouse unha segunda edición, pola editorial Júcar, e en 1975, a editorial Akal, tamén de Madrid, publicou unha edición facsimilar da edición príncipe. Esta última contén un texto a modo de limiar asinado por Xesús Alonso Montero.
No prólogo do álbum, asinado por Castelao en 1931 (15-17 anos despois da creación dos debuxos), este insiste na actualidade da mensaxe que quixo transmitir con esta serie de láminas:
| “ | Cicáis hoxe atacase as nosas mágoas c'un humor menos acedo; mais ninguén pode negarme que as vellas inxusticias siguen en pé: velahí porqué me arrisco a publicar esta obra. Ela foi amostrada en todal-as cibdades e vilas de Galiza e sirveu de pretesto para "conferencias" que influiron no actual rexurdimento da galeguidade. | ” |
Estampas orixinais
[editar | editar a fonte]Durante décadas estiveron desaparecidos os orixinais das estampas, ata que foron descubertas durante os traballos de preparación de dúas exposicións consecutivas que organizara o Museo de Pontevedra no ano 2016, sendo expostos nunha sala exclusiva ese mesmo ano en virtude dunha cesión dos propietarios. O estudo dos orixinais puxo en evidencia os cambios que Castelao foi introducindo na xestación do álbum, modificando algúns dos debuxos ou os textos, ou incorporando láminas que non formaran parte das exposicións itinerantes realizadas entre 1920 e 1924.
En xaneiro de 2021 a Deputación de Pontevedra mercou as estampas por 650.000 € á familia Domínguez Lino de Pontevedra que os conservara e mesmo rexeitou ofertas económicas máis altas para que puideran permanecer no Museo de Pontevedra cumprindo co desexo do propio Castelao. José Lino Sánchez, avogado, foi amigo de Castelao, coincidiu con el en moitas empresas e mesmo foi quen lle alugou a casa da rúa Oliva onde viviron el e a súa muller, Virxinia. Foi el quen conservou as estampas que o mesmo Castelao lle regalara nunha visita. Cando o Museo de Pontevedra accedeu a elas descubriu que eran os orixinais tan buscados.[1][2]
Así o Álbum Nós engádese ao rico patrimonio que o Museo conseva de Castelao.
Reutilización dalgúns motivos
[editar | editar a fonte]Unha práctica frecuente en Castelao foi a utilización de diferentes motivos en obras diferentes como, por exemplo, a ábsida da igrexa de San Lourenzo de Ouzande (A Estrada) aparece en numerosos debuxos e cadros, ben como fondo da escena, ben como detalle da paisaxe.
No caso do álbum Nós, hai láminas que se publicaron previamente nalgún dos xornais cos que Castelao colaboraba, con variacións no deseño ou no texto[3] pero tamén se dan casos de reutilización posterior. Así, por exemplo, a lámina 46, "A nosa Terra non é nosa, rapaces" reproduciuse, con mínimas modificacións, nun dos dous carteis cos que Castelao colaborou na campaña polo Estatuto de 1936, baixo o título de "Para que a nosa Terra sexa nosa, VOTA O ESTATUTO".
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Natalia Puga & Cristina Saiz (2021-01-10). "A familia Lino vende o Album Nós de Castelao ao Museo por 650.000 euros: "lo importante era ponerlo a disposición de los pontevedreses"". Pontevedra Viva.
- ↑ López, Belén (2021-01-09). "A familia Lino vende o Álbum Nós ao Museo de Pontevedra por 650.000 euros". Diario de Pontevedra. Consultado o 2021-01-10.
- ↑ Láminas 2 e 6, n'A Nosa Terra (1917 e 1922); láminas 16 e 41, en El Noroeste; lámina 28, en Galicia (1923), etc.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| A Galicitas posúe citas sobre: Álbum Nós |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carballo-Calero, M. V.; Bozal; Vilas (2017). Monografía sobre Castelao artista (PDF). Anexo Abrente (en galego e castelán) (Deputación da Coruña e RAGBA). ISBN 978-84-9812-304-3.
- Castelao (1931): Nós, Akal, Madrid 1975.
- Monteagudo, Henrique (2000): "Castelao: a fábula da súa vida" en Para ler a Castelao 2. Estudios sobre a obra escrita, Galaxia, Vigo 2000.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Álbum Nós no Museo Castelao en Internet Archive.
- castelaonarede.wordpress.com
- Álbum Nós, vista previa da ed. de 2006 de Editorial Galaxia en Google Books.