Psoríase

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Psoríase
Clasificación e recursos externos
Un home novo coas costas e brazos afectados polas placas da psoríase vulgar.
ICD-10 L40
ICD-9 696
OMIM 177900 138900
DiseasesDB 10895
MedlinePlus 000434
eMedicine derm/365
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Placas de psoríase vulgar
Psoríase palmar
Psoríase gutata (en gotas)
Placa de psoríase eritrodérmica
Psoríase ungeal

A psoríase[1][2] (do grego psora "coceira", "comechón" + -sis "acción, condición") é unha doenza inflamatoria crónica da pel, que pode afectar as mucosas, as unllas e até as articulacións. Acontece en homes e mulleres de calquera idade, sendo frecuente o seu aparecemento na terceira década de vida. Caracterízase pola presenza de lesións avermelladas, ben delimitadas, descamativas, en calquera parte do corpo. Presenta períodos de mellora e empeoramento ao longo da súa evolución. A psoríase pode levar a un empeoramento na calidade de vida dos pacientes, por mor do rexeitamento das persoas que os cercan, que poden pensar, erróneamente, que é contaxioso.

Agrávase por factores psicolóxicos, estrés, frío, baixa humidade, inxestión de alcol e tabaco e corticosteroides. Non é contaxiosa, a súa causa máis frecuente é xenética asociada a factores psicolóxicos. A escolla do tratamento debe facerse considerándose a gravidade e a extensión do cadro clínico e do compromiso psicoemocional.[3] Atinxe do 2% a 3% da poboación mundial sendo máis frecuente en persoas brancas (cerca de 80% dos casos) con vulnerabilidade xenética.[4] Actualmente, a psoríase é considerada unha doenza sistémica, inflamatoria e inmunomediada. Isto é, o proceso inflamatorio crónico da pel e/ou músculo-esquelético pode atinxir outros sistemas e órganos, levando a alteración metabólicas do colesterol, triglicéridos, resistencia á insulina, obesidade, esteatose non-alcólica; a psoríase é considerada un risco cardiovascular independente.(Fonte: Sabbag, CY.Psoríase:descobertas alén da pel .Ed Yendis, 2010)

A doenza é máis frecuente canto máis poboación nórdica/branca exista. En Galicia hai 39.000 persoas que padecen psoríase (un 2,1 % da poboación). En España hai 650.000 persoas con psoríase (un 1,4 % da poboación)[5].

Clasificación[editar | editar a fonte]

CID-10[editar | editar a fonte]

Segundo a Clasificación Internacional de Doenzas a psoríase pode ser clasificada como[6][7]:

  • CID 10 - L40.0 Psoríase vulgar
  • CID 10 - L40.1 Psoríase pustulosa, psoríase que presenta lesións fistulares moi pequenas, amicrobianas, localizadas en palmas e plantas, de evolución crónica e recidivante.
  • CID 10 - L40.2 Acrodermatite continua
  • CID 10 - L40.3 Pustulose palmar e plantar, psoríase que se localiza nas zonas palmar ou plantar, respectivamente.
  • CID 10 - L40.4 Psoríase guttata, psoríase que aparece en pequenas placas irregulares.
  • CID 10 - L40.5 Artropatía psoriásica
  • CID 10 - L40.8 Outras formas de psoríase
  • CID 10 - L40.9 Psoríase non especificada
  • psoríase numular, psoríase en forma de placas circulares semellantes a pequenas moedas.
  • Psoríase anular ou circinada, Tipo de psoríase con forma de placas que se estenden moito e deixan no medio un espazo de pel curada.
  • Psoríase folicular, Psoríase localizada nas aberturas dos folículos sebáceos e pilosos.

Por tipo de manifestación[editar | editar a fonte]

A psoríase pode se manifestar de diversas formas[8][9]:

  • Psoríase Vulgar(L40.0): é a manifestación máis común representando en torno de 80 a 90% dos casos. Lesións de tamaños variados, delimitadas e avermelladas, con escamas secas, adherentes, prateadas ou cinsentas que xorden no coiro cabeludo, xeonllos e cotobelos;
  • Psoríase palmar e plantar (L40.3): As lesións aparecen como fisuras nas palmas das mans e nas "plantas" (solas) dos pés.
  • Psoríase guttata ou en gotas (L40.4): caracterízase por numerosos pequenos puntos redondos semellantes a gotas (diagnóstico diferencial pitiríase rosea-lesión forma-oval). Estas numerosas "gotas" de psoríase aparecen en grandes áreas do corpo, tales como o tronco, membros e coiro cabeludo. A psoríase guttata pode estar asociada á infección estreptocócica da gorxa.
  • Psoríase pustulosa (L40.1-3, L40.82) Aparece como lesións non infecciosas con pus (pústulas). A pel debaixo e contorno das pústulas fica vermella e lene. A psoríase pustulosa pode localizarse, xeralmente nas mans e nos pés (pustulose palmoplantar), ou xeneralizada con manchas espalladas por calquera parte do corpo.
  • Psoríase flexural ou psoríase inversa (L40.83-4) aparece como manchas lisas inflamadas de pel. Ocorre en dobras da pel, especialmente contorno dos xenitais (entre a coxa e a virilla), nas axilas, entre os "michelíns" (exceso de graxa abdominal), e baixo as mamas (pregas inframamarias). Agrávase co rozamento e a suor, e é vulnerábel a infeccións fúnxicas.
  • Psoríase artropática (L40.5) envolve a inflamación do tecido articular e conxuntivo. A artrite psoriática pode afectar a calquera articulación, pero é máis común nas articulacións de dedos e dedas. Isto pode resultar nun inchazo en forma de salchicha en dedos e dadas coñecida coma dactilite. A artrite psoriática tamén pode afectar os cadrís, xeonllos e columna (espondilite). Cerca de 5 a 40% das persoas que teñen psoríase sofren serio compromiso articular. Xorde de repente cunha dor nas puntas dos dedos e dedas ou nas grandes articulacións como a do xeonllo.
  • Psoríase eritrodérmica (L40.85) envolve a inflamación xeneralizada e exfoliación da pele sobre a maior parte da superficie do corpo. Pode acompañarse de coceira, inchazo e dor. Moitas veces, é o resultado dunha exacerbación da psoríase en placas inestábeis, especialmente após a retirada abrupta do tratamento sistémico. Esta forma de psoríase pode ser fatal, como a inflamación extrema e exfoliación interromper a habilidade do corpo para regular a temperatura e para a pel para realizar funcións de barreira.
  • Psoríase Ungular (L40.86): Ocorre en cerca de 70-80% dos pacientes e produce unha variedade de mudanzas na aparencia de unllas e pés. Estas alteracións inclúen descoloración (amarelecemento), liñas cruzando as unllas e espesamento da pel baixo a unlla que leva a creba e afrouxamento (onicólise) das unhas.

Existem ademais outras formas máis raras de psoríase como na córnea, na orella ou no nariz. É común múltiplas formas de manifestacións simultáneas no mesmo paciente.

Sinais e síntomas[editar | editar a fonte]

Na maioría dos casos, soamente é a pel a que se ve afectada, sen ollarmos afeccións noutros órganos ou sistemas. En aproximadamente 30% dos casos hai artrite asociada.

Como é unha doenza que afecta a pel, órgano externo e visíbel, esta doenza ten efectos psicolóxicos considerábeis. En efecto, a forma como cada individuo se ve está relacionada coa valoración persoal nunha sociedade que é, moitas veces, máis sensíbel á aparencia exterior que a outras características da personalidade, o mellor coidado a ter cunha persoa afectada por esta doenza é darlle apoio psicolóxico (tenrura, cariño, afecto, atención...).

Máis do 70% dos pacientes presentan proído moderado ou intenso. A afección articular atinxe cerca do 25% dos casos. O absceso de Munro pode verse no 60% dos exames histopatolóxicos.[10] Máis do 70% relatan dores nas articulacións e o 30% desenvolven artrites.

Maniféstase coa inflamación nas células da pel, chamadas queratinócitos, provocando o aumento esaxerado da súa produción, que se vai acumulando na superficie formando placas avermelladas de escamación abrancazadas ou prateadas. Isto en medio dun proceso inflamatorio e inmunolóxico local. O sistema de defensa local, formado polos linfocitos T, actívase como se a rexión cutánea fose agredida. En consecuencia, liberan substancias mediadoras da inflamación, chamadas citocinas que aceleran o ritmo de proliferación das células da pel.

Os lugares de predilección da psoríase son os xeonllos e cotobelos, coiro cabeludo e rexión lombo sacra - todos lugares frecuentes de traumas (fenómeno de koebner).

Gravidade[editar | editar a fonte]

A psoríase pode clasificarse como leve (menos de 3% do corpo), moderada (3 a 10% do corpo) ou severa (máis do 10% do corpo).

A escala PASI (Índice de gravidade de psoríase por área) é moi usada e avalía alén da área comprometida, a presenza de eritema, infiltración e descamación.

Nos últimos anos, considérase o índice de calidade de vida na dermatoloxía, DLQI, pois poucas lesións poden afectar moito as actividades laborais e de lecer, esixindo un tratamento máis eficaz, provabelmente con medicamentos sistémicos. Así o PASI maior que 10 e DLQI maior que 10 puntos, representa unha psoríase grave. (Fonte: Sabbag, CY. Psoríase: descobertas alén da pel. Ed Yendis,2010)

Causas[editar | editar a fonte]

A psoríase é unha enfermidade inmunomediada e inmunoestimulada por citocinas do espectro Th1 e Th17.[11]

Está relacionada cun exceso de linfocito T, unha célula de defensa do organismo, sendo polo tanto unha doenza autoinmune. Se un dos pais posúe psoríase, os fillos teñen un 15-30% de posibilidades de desenvolvela tamén. Os xenes responsábeis chámanse PSORS e numéranse de 1 a 9, sendo o PSORS1 responsábel do 35-50% dos casos xenéticos. Tamén é fortemente relacionada cun histórico familiar de diabetes (20-30%), depresión maior (10-30%) e hipertensión arterial (20-40%).[4]

Factores psicoemocionais, especialmente o estrés e a depresión, están asociados coa aparición (cerca de 82% dos casos) e agravamento dos síntomas. De xeito semellante o clima frío e seco tamén agrava os síntomas e favorece a súa aparición precoz. Non é contaxiosa. O fenómeno de Koebner relátase no 30% das aparicións e a farinxite no 10%.[4] Outro factor común é a doenza de Crohn, unha doenza crónica inflamatoria intestinal.

A proba do factor xenético é que, cando un xemelgo idéntico posúe psoríase, o outro ten o 70% de probabilidade de tela tamén, sendo a correlación de 30% para xemelgos non idénticos.

O uso de medicamentos corticoides (tamén coñecidos coma cortisona) inxectábel ou oral pode levar ao agravamento da psoríase, podendo chegar a 100% do corpo, chamada psoríase eritrodérmica. Os corticoides en forma de crema, pomada e xampú deben utilizarse soamente durante unhas poucas semanas e en pequenas áreas do corpo, evitando os efectos adversos sistémicos e local na pel.(Fonte; Sabbag C.Y.Psoríase:descobertas alén da pel.Ed Yendis 2010).

Diagnóstico[editar | editar a fonte]

O seu diagnóstico é predominantemente clínico observando as manchas na pel. Moitas veces a artrite psoriática (ou artrite psoriásica) confúndese coa gota, en función de existiren síntomas semellantes, como articulacións inflamadas e extremadamente doridas. Para que se faga un diagnóstico preciso cómpre procurarmos un bo reumatólogo que faga un estudo do histórico de doenzas que o individuo tivo, ademais das dos seus familiares, por ser unha doenza hereditaria. Ás veces é necesario facerse unha artroscopia. Pódense tratar durante anos erroneamente os síntomas da psoríase como se fosen manifestacións doutras doenzas. Por exemplo: dores lumbares e rixidez matinal pódense confundir con problemas na columna vertebral; deformacións nas unllas pódense confundir con ataques de fungos; feridas e descamacións no coiro cabeludo, atrás das orellas e nas sobrecellas poden confundirse con dermatite seborreica.

Incidencia[editar | editar a fonte]

Nun estudo o 55% eran brancos, o 30% morenos e o 15% negros.[12]

Os homes e as mulleres vense afectados pola psoríase na mesma proporción, sendo máis común antes dos 30 e após os 45 anos, podendo, no entanto, xurdir en calquera fase da vida e con máis frecuencia en persoas da pel branca, sendo pouco común en asiáticos (0,3%) e rara en negros, indios e esquimós. Nos nórdicos a frecuencia é do 5%.[13]

A faixa de idade máis afectada é entre 50 e 60 anos, mais cerca do 70% desenvólvena antes dos 45 anos. Nun estudo con 5.600 norteamericanos, o 10% tiveron síntomas antes dos 10 anos, o 35% antes dos 20 anos e o 58% antes dos 30 anos. A aparición precoz está asociada a factores ambientais desfavorábeis coma o tempo frío e seco e coa predisposición xenética.

Foron identificados significativo abalo psicolóxico nun 90% dos pacientes e un aumento preocupante na idea de suicidio.[4]

De acordo cun novo estudo da Harvard Medical School, nos Estados Unidos, mulleres que beben cervexa con frecuencia teñen máis probabilidade de desenvolver psoríase. O estudo, publicado na revista especializada Archives of Dermatology, suxestiona que a causa do aumento no risco de psoríase pode ser o glute do orxo, usado na fermentación da cervexa. De acordo co estudo, as persoas con psoríase poden ter unha maior sensibilidade ao glute.

Incidencia en Galicia e España[editar | editar a fonte]

En Galicia hai 39.000 persoas que padecen psoríase (un 2,1 % da poboación). En España hai 650.000 persoas con psoríase (un 1,4 % da poboación)[5].

Relacións con outras doenzas[editar | editar a fonte]

A psoríase está relacionada co agravamento de depresión maior, trastornos de ansiedade, diabetes, hipertensión, obesidade e problemas urinarios.[14]

VIH[editar | editar a fonte]

En persoas con VIH, a resposta do organismo ao aumento dos linfocitos T CD8, triplica os riscos de desenvolver a psoríase e dificulta o tratamento con inmunosupresores ou medicamentos que causan reaccións cruzadas. O tratamento con pomadas de coaltar, ácido salicílico, triancinolona ou os seus equivalentes pode ser efectivo, principalmente asociado á terapia antirretroviral, como os autores observaron no paciente. Etretinato seguido de PUVA indicouse coma a terapia sistémica máis efectiva, con poucos efectos adversos. O etretinato pode ter como efectos secundarios cefalea (dor de cabeza) e alteracións de encimas hepáticas. Non é recomendado o tratamento con ultravioleta.[15]

Diabetes[editar | editar a fonte]

Os adipócitos de persoas con psoríase acostuman presentar o comportamento anómalo de produciren citocinas, moléculas inflamatorias. Estas citocinas, á súa vez, promoven a destrución das células beta produtoras de insulina no páncreas e aumentan a resistencia á insulina no fígado.[16] Ambas as dúas consecuencias favorecen o desenvolvemento da diabetes. Un estudo de 2012 da Universidade da California concluíu que as persoas con psoríase en grao severo teñen dúas veces máis probabilidades de desenvolver diabetes no futuro en comparación ao resto da poboación.[17]

Recomendacións[editar | editar a fonte]

A fototerapia con ultravioleta pode ser útil para reducir as lesións.[Cómpre referencia]

Aínda que é unha doenza que non ten cura, existen medidas que poden evitar as recaídas:

  • Baño diario con auga morna e xabóns suaves: Débese evitar o uso de auga moi quente e xabóns agresivos, pois poden resecar a pel e empeorar a inflamación. Os xabóns de cores neutros, sen perfume e sen antibacterias son os máis indicados.
  • Non fregar a pel e utilizar roupa de algodón folgada: Débese evitar o uso de esponxas, toallas ou outros utensilios durante o baño para friccionar a pel, pois acaban resecando a superficie cutánea. Débese lembrar que o trauma pode producir novas lesións de psoríase, ben como facilitar a penetración de microrganismos na pel. Cómpre utilizar roupa 100% de algodón folgada, para evitar a fricción coa pel. Deben lavarse con deterxente suave, sen perfume.
  • A exposición moderada ao sol é considerada benéfica.
  • Hidratantes e protector solar axudan a previr novas lesións. Deben utilizarse cremas hidratantes sen perfume en todo o corpo, despois do baño e varias veces ao día.
  • Evitar a automedicación ou o uso de menciñas caseiras: Existen varios tratamentos dispoñíbeis para a psoríase e moitos deles precisan de consello médico, por iso, a automedicación debe evitarse. As menciñas caseiras poden non ser seguras ou até interferir no tratamento prescrito polo seu médico.
  • Evitar o sobrepeso: O tipo de alimentación non interfire na evolución da psoríase, mais débese lembrar que esta doenza pode estar asociada a problemas como aumento nas taxas de glicosa no sangue, aumento nos niveis de colesterol e triglicéridos, que aumentan o risco de problemas cardíacos. Así, débese adoptar unha dieta rica en fibras e líquidos, evitando alimentos graxos, carnes vermellas e alimentos ricos en carbohidratos (pasta, pan, fariña branca e azucre).
  • Drogas en xeral, como o tabaco, o alcol, drogas inxectábeis, betabloqueadores (antihipertensivos), antimaláricos e algúns antiinflamatorios e certos analxésicos deben evitarse.
  • O estrés, na gran maioría dos pacientes, pode desencadear ou agravar a evolución da doenza. Recoméndase psicoterapia.
  • Débense evitar as variacións climáticas bruscas e informar sempre da súa doenza e que remedios utiliza cando visite un médico ou odontólogo, para asegurarmos que o profesional toma todos os coidados precisos.

Formas de tratamento[editar | editar a fonte]

Á dereita, efecto de dous meses de tratamento usando un inhibidor de TNF alfa.

En casos leves recoméndase a exposición moderada á luz solar e o uso de pomadas e hidratantes. En casos moderados poden incluír tamén a fototerapia, e só en casos severos faise o tratamento sistémico, por conta dos efectos secundarios incluídos.[4]

Emolientes con queratolíticos como ácido salicílico son particularmente útiles. Pomadas con antralina, coaltar, tazaroteno, e calcipotriol tamén son eficientes. Deben evitarse corticosteroides, pois poden causar taquifilaxia, estrias e dermatites.[4]

En casos moderados pode facerse fototerapia con UVA ou UVB. Existen lámpadas específicas para ese tratamento, que dependerán da cor da pel, gravidade das lesións, idade do paciente e doenzas relacionadas para que o tempo de exposición diario sexa definido.

O metotrexato é un inmunosuprssor e antiinflamatorio usado en casos moderados e graves. Non recomendado para nenos e clase D para grávidas. Outra opción é a ciclosporina outro inmunosupresor. No caso en que a inmunidade estea baixa ou en períodos preoperatorios pódense usar retinoides (vitamina A sintética) ou terapia biolóxica con anticorpos monoclonais (MCAs) como alternativa. Inflimabe e Etanercepte son exemplos de terapia biolóxica.

Cada caso deberá ser estudo para encontrar o tratamento máis seguro e eficaz. Na psoríase artropática sempre será con medicamento sistémico, inxectábel ou oral, podendo ser droga modificadora da doenza ou inmunobiolóxico. Na psoríase leve e que afecta a calidade de vida e na psoríase moderada e grave, utilízanse medicamentos clásicos como metotrexato, acitretina e ciclosporina e na falla deses, os inmunobiolóxicos. O médico dermatólogo poderá seguir os Consensos Internacionais de Psoríase para tratamentos. (Fonte Libro: Psoríase: Descobertas Além da Pele)

"A psoríase pode afectar en moitos aspectos da vida, e é normal desexar que desapareza para sempre. Por desgraza aínda non hai cura para a psoríase, e ningún tratamento pode facela desaparecer definitivamente.

Ao ter desenvolvido a condición, é posíbel que xurda e desapareza en diferentes momentos da vida. A duración de tempo entre as crises varía dunha persoa a outra. As placas dalgunhas persoas poden desaparecer por semanas, meses ou até anos. Outras poden sempre presentar algunhas placas.

Impacto da psoríase na calidade de vida[editar | editar a fonte]

Algunhas pescudas mostran que, durante unha crise de psoríase, as persoas normalmente se senten angustiadas. Ás veces, até mesmo evitan algunhas actividades, tales como ir ao traballo ou á piscina, practicar sexo, vestir roupas que mostran a pel ou comparecer en eventos sociais. Ademais disto, algunhas persoas con psoríase din que se senten avergoñadas, angustiadas ou deprimidas pola súa condición, e esas sensación poden dificultar a vida cotiá. Noutras palabras, a psoríase pode ter un impacto significativo na calidade de vida e na forma de se sentir"[18].

Prognóstico[editar | editar a fonte]

A psoríase esixe acompañamento médico de por vida, con períodos frecuentes de desaparición, reaparición e agravamento dos síntomas. Felizmente o tratamento acostuma ser bastante eficiente e existe un gran número de opcións terapéuticas.

En 2010, un estudo mostrou que o 97% dos pacientes melloraron con psoralen e ultravioleta A (tratamento coñecido como PUVA).[19]

Estanse a facer investigacións con láseres e terapia fotodinámica para tratamento de lesións en placas.[4]

Hai relatos de pacientes que pasaron décadas sen síntoma ningún.[20]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para psoríase.
  2. Termo en galego en Vocabulario de medicina, Universidade de Santiago de Compostela / Consellería de Sanidade, 2008, e Diccionario galego de termos médicos, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2002
  3. Arruda, Lúcia Helena Fávaro; Campbell, Gladys A. M; Takahashi, Maria Denise F. Psoríase/Psoriasis. An. bras. dermatol;76(2):141-167, mar.-abr. 2001.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 CARNEIRO, Sueli Coelho da Silva. Psoríase : mecanismos de doença e implicações terapêuticas [online]. São Paulo : Faculdade de Medicina, Universidade de São Paulo, 2007. Tese de Livre Docência em Dermatologia. [acceso 2012-08-17]. Dispoñível en: <http://www.teses.usp.br/teses/disponiveis/livredocencia/5/tde-16032009-152131/>.
  5. 5,0 5,1 Noticia sobre a psoríase en El Correo Gallego
  6. CID 10
  7. Nomes dos diferentes tipos de psoríase en galego en Diccionario galego de termos médicos, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2002
  8. http://drauziovarella.com.br/doencas-e-sintomas/psoriase/
  9. http://www.news-medical.net/health/Psoriasis-Types-(Portuguese).aspx
  10. http://www.teses.usp.br/teses/disponiveis/livredocencia/5/tde-16032009-152131/pt-br.php
  11. Sílvio Alencar Marques e col. Psoríase associada à infeção pelo HIV/aids. http://files.bvs.br/upload/S/1413-9979/2010/v15n3/a1533.pdf
  12. Fátima Pessanha Araújo. Estudo epidemiolóxico clínico comparativo: psoríase de inicio, precoz e serodio. UFRJ 2007
  13. http://files.bvs.br/upload/S/1413-9979/2010/v15n3/a1533.pdf
  14. Sampogna F, Chren MM, Melchi CF, Pasquini P, Tabolli S, Abeni D (February 2006). "Age, gender, quality of life and psychological distress in patients hospitalized with psoriasis". Br. J. Dermatol. 154 (2): 325–31. doi:10.1111/j.1365-2133.2005.06909.x. PMID 16433804.
  15. Ruiz, Gaburri, Almeida & Oyafuso. Regressão de psoríase em paciente HIV-positivo após terapia anti-retroviral. http://www.scielo.br/pdf/abd/v78n6/18365.pdf
  16. http://www.diabeticool.com/cientistas-encontram-ligacao-entre-psoriase-e-diabetes-tipo-2/
  17. April W. Armstrong, Caitlin T. Harskamp, Ehrin J. Armstrong. Psoriasis and the Risk of Diabetes Mellitus: A Systematic Review and Meta-analysis. Arch Dermatol., 2012 DOI: 10.1001/2013.jamadermatol.406
  18. Sayuri Matsuo. "Tratando sua psoríase". Leo Pharma. Consultado o 18/11/2014. 
  19. Hankin CS, Bhatia ND, Goldenberg G, et al. (2010). "A Comparison of the Clinical Effectiveness and Cost-Effectiveness of Treatments for Moderate to Severe Psoriasis". Drug Benefit Trends 21: 17–27.
  20. Faber EM, Nall ML. The natural history of psoriasis in 5600 patients. Dermatologica 1974; 148: 1-18

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]