Retinoide
Os retinoides son unha clase de compostos químicos tetraterpénicos que son vitámeros da vitamina A ou están quimicamente relacionados con ela. Os retinoides úsanse en medicina como reguladores do crecemento de células epiteliais.
Os retinoides teñen importantes funcións en todo o corpo, incluíndo papeis na visión,[1] regulación da proliferación celular e diferenciación, crecemento do tecido óseo, función inmune e activación de xenes supresores de tumores.
Tamén se están facendo investigacións sobre a súa capacidade de tratar o cancro de pel. Actualmente, a alitretinoína (ácido 9-cis-retinoico) pode utilizarse topicamente para axudar a tratar as lesións de pel do sarcoma de Kaposi e a tretinoína (ácido todo-trans- retinoico) utilízase para tratar a leucemia promielocítica aguda.
Tipos
[editar | editar a fonte]Hai catro xeracións de retinoides:
- A primeira xeración inclúe os seguintes: retinol, retinal, tretinoína (ácido retinoico), isotretinoína e alitretinoína
- Entre os da segunda xeración está o etretinato e o seu metabolito acitretino
- Os de terceira xeración son: adapaleno, bexaroteno e tazaroteno
- Da cuarta xeración é o Trifarotene.
Estrutura
[editar | editar a fonte]A estrutura básica da molécula retinoide hidrófoba consta dun grupo terminal cíclico, unha cadea lateral polieno e un grupo polar terminal. O sistema conxugado formado por dobres enlaces C=C alternados na cadea lateral polieno é responsable da cor dos retinoides (xeralmente amarela, laranxa ou vermella). Por tanto, moitos retinoides son cromóforos. As alternancias das cadeas laterais e grupos terminais xeran varias clases de retinoides.
Os retinoides de primeira e segunda xeración poden unirse a varios receptores retinoides debido á flexibilidade que lle dá a alternancia de enlaces simples e dobres.
Os retinoides de terceira xeración son menos flexibles que os de primeira e segunda e, por tanto, interaccionan con poucos receptores retinoides.
O retinoide de cuarta xeración Trifarotene, únese selectivamente ao receptor de RAR-y. Foi aprobado o seu uso en EUA en 2019.[2]
Absorción
[editar | editar a fonte]A fonte principal de retinoides na dieta son pigmentos vexetais como carotenos e retinil ésteres derivados de fontes animais. Os retinil ésteres son hidrolizados no lume intestinal para render retinol libre e o correspondente ácido graxo (é dicir, palmitato ou estearato). Despois da hidrólise, o retinol é captado polos enterocitos. A hidrólise de retinil ésteres require a presenza de sales biliares que serven para solubilizar os retinil ésteres en micelas mesturadas e para activar os encimas hidrolizantes [3]
Varios encimas que están presentes no lume intestinal poden estar implicados na hidrólise dos retinil ésteres dietarios. A colesterol esterase secrétase no lume intestinal desde o páncreas e demostrouse in vitro que presenta actividade de retinil éster hidrolase. Ademais, unha retinil éster hidrolase que é intrínseca á membrana do bordo en cepillo do intestino delgado foi caracterizada na rata e nos humanos. Os diferentes encimas hidrolizantes son activados por diferentes tipos de sales biliares e teñen distintas especificidades de substrato. Por exemplo, mentres que a esterase pancreática é selectiva para os retinil ésteres de cadea curta, os encimas da membrana do bordo en cepillo hidrolizan preferencialmente retinil ésteres que conteñen ácidos graxos de cadea longa como o palmitato ou o estearato. O retinol entra nas células absorbedoras do intestino delgado, preferentemente en forma de todo-trans-retinol.
Usos
[editar | editar a fonte]Condicións cutáneas comúns tratadas con retinoides son o acne e a psoríase.[4] Os retinoides utilízanse no tratamento de moitas doenzas e son efectivas no tratamento de varias condicións dermatolóxicas como trastornos inflamatorios da pel,[5][6] cancro de pel, como o bexaroteno para as micoses fungoides,[7] trastornos polo incremento do reemprazo celular (por exemplo na apsoríase),[8] fotoenvellecemento,[9][10] e enrugas da pel.[11]
A isotretinoína foi orixinalmente un tratamento de quimioterapia para certos cancros, como a leucemia.[12]
Toxicidade
[editar | editar a fonte]Os efectos tóxicos ocorren cunha inxesta alta prolongada. A toxicidade específica está relacionada co tempo de exposición e a concentración da exposición. Un signo médico de envelenamento crónico é a presenza de inchamentos brandos dolorosos nos ósos longos. Poden darse anorexia, lesións da pel, perda de cabelo, hepatoesplenomegalia, papiloedema, hemorraxia, malestar xeral, pseudotumor cerebral e morte.[13]
A sobredose crónica tamén causa un incremento da labilidade de membranas biolóxicas e despréndese a capa eterna da pel.[14]
Investigacións recentes suxeriron un papel para os retinoides en efectos cutáneos adversos dunha variedade de fármacos, como o fármaco antimalárico proguanil. Propúxose que os fármacos como o proguanil actúan distorsionando a homeostase retinoide.[15]
Os sistemas retinoides (isotretinoína, etretinato) están contraindicados durante o embarazo, xa que poden causar defectos no sistema nervioso central, cranio-faciais e cardiovasculares entre outros.[16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Kiser, Philip D.; Golczak, Marcin; Palczewski, Krzysztof (11 de xullo de 2013). "Chemistry of the Retinoid (Visual) Cycle". Chemical Reviews 114 (1): 194–232. PMC 3858459. PMID 23905688. doi:10.1021/cr400107q.
- ↑ "Drug Approval Package: Aklief". US Food and Drug Administration. October 21, 2019. Arquivado dende o orixinal o 19 de novembro de 2019. Consultado o 31 de decembro de 2021.
- ↑ Noy, N. (2006) "Vitamin A", "Biochemical, Physiological, & Molecular Aspects of Human Nutrition", M. H. Stipanuk 2ª Ed.
- ↑ "National Psoriasis Foundation". psoriasis.org. Arquivado dende o orixinal o 13 de xuño de 2010. Consultado o 16 de marzo de 2018.
- ↑ Callender VD, Baldwin H, Cook-Bolden FE, Alexis AF, Stein Gold L, Guenin E. Effects of Topical Retinoids on Acne and Post-inflammatory Hyperpigmentation in Patients with Skin of Color: A Clinical Review and Implications for Practice. Am J Clin Dermatol. 2022 Jan;23(1):69-81. doi: 10.1007/s40257-021-00643-2. Epub 2021 Nov 9. PMID: 34751927 ; PMCID: PMC8776661.
- ↑ Orfanos, C. E., Zouboulis, C. C., Almond-Roesler, B., & Geilen, C. C. (1997). Current use and future potential role of retinoids in dermatology. Drugs, 53(3), 358–388. https://doi.org/10.2165/00003495-199753030-00003
- ↑ Sokołowska-Wojdyło M, Lugowska-Umer H, Maciejewska-Radomska A. Oral retinoids and rexinoids in cutaneous T-cell lymphomas. Postepy Dermatol Alergol. 2013 febreiro;30(1):19-29. doi: 10.5114/pdia.2013.33375. Epub 20 febreiro 2013. PMID: 24278042 ; PMCID: PMC3834697.
- ↑ "Psoriasis - Diagnosis and treatment - Mayo Clinic". www.mayoclinic.org. Arquivado dende o orixinal o 7 de maio de 2017. Consultado o 16 de marzo de 2018.
- ↑ Stefanaki C, Stratigos A, Katsambas A (June 2005). "Topical retinoids in the treatment of photoaging". J Cosmet Dermatol 4 (2): 130–4. PMID 17166212. doi:10.1111/j.1473-2165.2005.40215.x.
- ↑ Mukherjee S, Date A, Patravale V, Korting HC, Roeder A, Weindl G (2006). "Retinoids in the treatment of skin aging: an overview of clinical efficacy and safety.". Clinical Interventions in Aging 1 (4): 327–48. PMC 2699641. PMID 18046911. doi:10.2147/ciia.2006.1.4.327.
- ↑ Kafi R, Kwak HS, Schumacher WE, Cho S, Hanft VN, Hamilton TA, et al. (maio de 2007). "Improvement of naturally aged skin with vitamin A (retinol)". Arch Dermatol 143 (5): 606–12. PMID 17515510. doi:10.1001/archderm.143.5.606.
- ↑ Alkhaldy HY, Assiri AM, Fatima S, Owaidah T. Isotretinoin is active in the initial management of acute pro-myelocytic leukemia. Leuk Res Rep. 2020 Aug 7;14:100220. doi: 10.1016/j.lrr.2020.100220. PMID: 32817817 ; PMCID: PMC7426566.
- ↑ Standard of Care Retinoids
- ↑ "Topical retinoids - DermNet New Zealand". dermnetnz.org. Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2016. Consultado o 16 de marzo de 2018.
- ↑ Helsby, N. A., Ward, S. A., Parslew, R. A., Friedmann, P. S., & Rhodes, L. E. (1998). Hepatic cytochrome P450 CYP2C activity in psoriasis: studies using proguanil as a probe compound. Acta dermato-venereologica, 78(2), 81–83. https://doi.org/10.1080/000155598433359
- ↑ Choi JS, Koren G, Nulman I. Pregnancy and isotretinoin therapy. CMAJ. 19 de marzo de 2013;185(5):411-3. doi: 10.1503/cmaj.120729. Epub 7 de xaneiro de 2013. PMID: 23296582; PMCID: PMC3602257.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- The Pharmacological Basis of Therapeutics, 10ª edición, Goodman & Gilman.
- Clinical Pharmacology, P.N. Bennett & M.J. Brown.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Retinoids Medical Subject Headings (MeSH) na Biblioteca Nacional de Medicina dos EUA.