Mutación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En bioloxía, as mutacións son cambios ou alteracións no material xenético (normalmente ADN ou ARN). As mutacións son o resultado de erros na replicación de material xenético durante a división celular por exposición a radiacións, mutáxenos químicos ou virus. Tamén poden darse deliberadamente baixo control celular durante procesos tales coma a meiose ou hipermutación.

A unidade xenética susceptible de mutación é o xene que é a unidade de información hereditaria que forma parte do ADN. Nos seres multicelulares, as mutacións poden dividirse entre mutacións xerminais, aquelas que poden ser transmitidas ós descendentes, e mutacións somáticas. As mutacións somáticas nos animais non poden pasarse ós descendentes. As plantas poden transmitilas ou non, sexual ou asexualmente (o caso, por exemplo, dun gomo ou xema cando se desenvolve nunha parte da planta somaticamente mutada).

As mutacións adoitan considerarse a forza reitora da evolución a través da cal as mutacións menos favorables (ou deletéreas) son eliminadas do acervo xenético por selección natural, mentres que as máis favorables (beneficiosas ou vantaxosas) tenden a acumularse. As mutacións neutrais son definidas como mutacións cuxos efectos non inflúen na adecuación das especies ou dos individuos que compoñen a especie. Co tempo poden ser acumulativas.

A meirande parte das mutacións non teñen un efecto significativo, dado que a reparación do ADN é capaz de reverter os máis dos cambios antes de que se convirtan en mutacións permanentes. Moitos organismos teñen mecanismos para eliminar celulas somáticas que mutaron de maneira permanente.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]