Saltar ao contido

Porco formigueiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Porco formigueiro
Orycteropus afer
Peter Simon Pallas 1766 Editar o valor en Wikidata
 Instancia de
 Subclase de
 Categoría taxonómica
 Taxon superior
 Nome curto
O. afer Editar o valor en Wikidata
 Combinación orixinal
Características
 Duración máxima de vida
29.8 AA Editar o valor en Wikidata
 Ciclo diurno
 Período de xestación
7 MM Editar o valor en Wikidata
 Tamaño da niñada
1 Editar o valor en Wikidata
Conservación
 Identificador UICN
Distribución
 Endémico en
Dimensións
 Masa
Clasificación taxonómica
ReinoAnimalia
FiloChordata
ClaseMammalia
InfraclasePlacentalia (= Eutheria)
OrdeTubulidentata
FamiliaOrycteropodidae
XéneroOrycteropus
EspecieO. afer
Datas
 Data de comezo
hai 5 millóns de anos Editar o valor en Wikidata
Identificadores
Freebase/m/0hz5 Editar o valor en Wikidata
ITIS584927 Editar o valor en Wikidata
OTT561087 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
 URL de xenoma secuenciado
Wikidata G:Commons C:Commons

O porco formigueiro,[1] ou oricteropo, Orycteropus afer (Pallas, 1766), é un mamífero de tamaño medio, propio da África subsahariana, onde vive en sabanas, pradarías e zonas boscosas. Este animal, solitario e de hábitos nocturnos, é a única especie vivente do xénero Orycteropus, da familia dos oricteropódidos (Orycteropodidae) que, á súa vez, é a única da orde dos tubulidentados (Tubulidentata).[2][3][4] En consecuencia, está considerado como un fósil vivente, que conserva trazos primitivos que perderon euterios máis avanzados como, por exemplo, a presenza de dez cromosomas.[5]

O aspecto do porco formigueiro semella mesturar orellas de coello, un fociño de porco e unha cola de canguro. Como os osos formigueiros e os pangolíns, o porco formigueiro desenvolveu adaptacións notábeis no seu xeito de alimentación. Ataca directamente niños de formigas e térmites, cunha lingua moi longa e uns dentes especialmente modificados. Utiliza as súas grandes poutas en forma de pá para escavar buratos onde refuxiarse, que despois son empregads por unha multitude de animais unha vez o porco formigueiro os abandona.

Malia que a UICN considera que o status do porco formigueiro é LC (pouco preocupante),[6] e que as poboacións desta especie son máis ou menos estábeis, resulta difícil avaliar o seu estado con gran precisión. Podería ser que estivese esmorecendo por mor do crecemento da presenza humana e conseguinte urbanización, a destrución e conversión do seu hábitat en campos de cultivo ou a caza de subsistencia.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A orde dos Tubulidentata foi descrita en 1872 polo biólogo británico Thomas Henry Huxley.[7]

A familia Orycteropodidae descibiuna en 1821 o naturalista inglés John Edward Gray, en London Med. Repos., 15: 305.[8]

A descrición do xénero Orycteropus débese ao naturalista francés Georges Cuvier, que o fixo en 1798,[8] na páxina 144 da súa obra Tableau élémentaire de l'histoire naturelle des animaux (1797-1798).[9]

Finalmente, a especie Orycteropus afer describiuna en 1766 o médico e zoólogo alemán Peter Simon Pallas, baixo o nome de Myrmecophaga afra.[9]

Subespecies

Dentro desta especie distínguense as seguintes 17 subespecies:[10]

  • O. a. afer
  • O. a. adametzi
  • O. a. aethiopicus
  • O. a. angolensis
  • O. a. erikssoni
  • O. a. faradjius
  • O. a. haussanus
  • O. a. kordofanicus
  • O. a. lademanni
  • O. a. leptodon
  • O. a. matschiei
  • O. a. observandus
  • O. a. ruvanensis
  • O. a. senegalensis
  • O. a. somalicus
  • O. a. wardi
  • O. a. wertheri

Clasificación dos tubulidentados

[editar | editar a fonte]

Na actualidade recoñécense, dentro da orde, unha soa familia, con 4 xéneros, tres deles extintos.[11]

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]

O nome da orde, Tubulidentata, está composto polo elemento do latín científico tubuli-, do xenitivo de tubulus, i, diminutivo do latín clásico tubus, "tubo", e dentata, nominativo plural do adxectivo latino dentātus, -a, -um, "dentado", "con dentes". Literalmente: "os que teñen dentes con tubiños".

O da familia, Orycteropodidae, constrúese coa adición á raíz Oryctopod-, do nome do xénero (Oriycteropus) da desinencia ´-idae, propia dos nomes das familias de animais.

O xenérico, Oriycteropus, está formado polo elemento do latín científico Oryctero-, tirado do grego antigo ορυκτόσ, -ή -óυ oryktós, -'ē, -ou, "escavado", participio do verbo ορύσσω orýsso, "escavar", e o elemento do latín científico -pus,[12] derivado do grego antigo πούς poús, "pé", "pata". Literalmente: "o que escava coas patas".

Finalmente, o nome específico, afer, está tomado do adxectivo do latín clásico Afer, -fra, -frum, "africano", "africana".

Características

[editar | editar a fonte]

Tamaño e forma corporal

[editar | editar a fonte]
Orycteropus afer taxidermizado. Museo de Historia natural de Berlín.
Ilustración dun oricteropo nunha enciclopedioa de 1897.
Debuxo dunha sección do maxilar inferior, mostrando os dentes.

O corpo do único representate actual do grupo, o porco formigueiro (Oryteropus afer), non responde aos cánones de beleza establecidos para os animais polo home occidental do noso tempo. A súa longa e cilíndrica cabeza, os seus enormes pavillóns auditivos, a súa pel case espida, as fortes uñas das súas patas, os seus desproporcionados cuartos traseiros, e a súa cola como a dun canguro, compoñen a imaxe mesma do grotesco.
Pero o seu aire torpe e o seu aspecto desamañado transfórmanse en beleza funcional cando o animal comeza a escavar as súas galerías. Apoiado sobre a cola e as extremidades posteriores, rasca con rapidez e sorprendente rendemento o duro solo africano cos membros anteriores e proxecta con forza, coas posteriores e a cola, a terra removida, operacións todas elas que realiza cunha velocidade tal, que antepón a fuxida á construición dun tobo onde ocultarse cando un repentino perigo o sorprende lonxe do seu refuxio habitual.[13]

É un animal inconfindíbel, do tamaño dun porco, que alcanza unha lonxitude de até os 2 m (incluíndo a cola),[4][14] e un peso de entre 50 e 80 kg.[14] A altura na cruz é de 60 a 65 cm.[4][14]

A cabeza é alongada e tubular; con orellas grandes e similars, na súa forma, ás dunha lebre. O fociño, tamén alongado, é parecido ao dun porco; na boca ten unha lingua moi longa, que sobresae da boca a miúdo; presenta uns dentes especialmente modificados, con numeroos prismas de dentina. As orellas son moi logas, así mesmo tubulares, e rematadas en punta.[3][4]

O corpo, repoludo e co lombo arqueado, está cuberto dunha pelaxe delgada, con numerosas vibrisas na cabeza. As patas son curtas e poderosas, rematadas en catro dedos as dianteiras e cinco nas posteriores; os dedos están provistos de fortes garras, aínda que non afiadas. A súa marcha é dixitígrada.[3][4]

A cola é longa e forte, moi musculosa, e moi grosa na base.[3][4]

A pel é grosa, escasamente cuberta de pelos sedosos de cor gis apardazada apagada, máis escura nas patas, aínda que moitas veces aparece coloreada pola terra. A cola, ás veces, é algo máis clara.[4]
Presenta glándulas sebáceas e sudoríparas.[3]

Esqueleto dun oricteropo.

Esqueleto

[editar | editar a fonte]

O cranio dos oricteropos é alongado, e presenta arcos cigomáticos ben desenvolvidos. As fosas orbitais e temporais conflúen entre si. O número de espirais nasais é maior que en calquera outro mamífero. A mandíbula é delgada, pero ten ramas completamente desenvolvidas e unha sínfise longa. A clavícula está ben desenvolvida. As patas dianteiras presentan catro dedos, e as traseiras, cinco. As falanxes posteriores presentan un suco lonxitudinal.[3]

Sistema nervioso e órganos dos sentidos

[editar | editar a fonte]

Os hemisferiols cerebrais do oricteropo teñen poucas coircopunvolucións. Os centros do olfacto están moi ben desenvolvidos. Os seus olls son bastante grandes, adaptados para a visión nocturna, provistos só de bastonetes, e cunha membrana reflectante moi ben desenvolvida. Porén, os seus sentidos principais son os do olfacto e o do oído. Presentan, ademais, órgano de Jacobson.[3][15]

Aparello dixestivo e alimentación

[editar | editar a fonte]
Aparello dixestivio

O porco formigueiro presenta dentes deciduos só no embrión, consistentes en incisivos, caninos e premolares. Na dentición permanen te os pequenos caninos e premolares son rudimentarios e non se utilizan. Os dentes iugais (de catro a sete, normalmente cinco por serie) están en constante crecemento, e caracterízanse por unha estrutura peculiar. Os dentes anteriores teñen forma ovalada. Os posteriores teñen unha forma similar á do número 8. Consisten en numerosos túbulos de paredes de dentina, co centro formado pola cavidade alveolar.[3]

A lingua é estreita e aplanada. As glándulas salivares son grandes. O estómago é único, e as súas paredes son moi musculadas; o cego é pequeno. A larinxe esténdese até a cavidade nasal, o que axuda a conservar os condutos nasais libres de comida.[3]

Alimentación

O porco formigueiro aliméntase principalmente de térmites e, ocasionalmente, dalgúns outros insectos, como formigas e outros. Utiliza os seus potentes membros para buscar nos termiteiros, e alcanzan os insectos coa axuda da súa pegañenta lingua ou, simplemente, succionándoos.[3]

Aparellos uroxeninal e reprodutor

[editar | editar a fonte]

Os riles non están divididos, e son lisos. Os testículos están situados baixo a pel, e carcen de escroto. O pene é curto e carece de baculum (óso peneano). O útero é duplo. A placenta, zonaria. As femias teñen dous pares de mamas.[3][14]

Reprodución

Despois dun período de xestación de sete meses nace unha soa cría, en ocasións dúas. Os partos prodúcense de outubro a novembro na África central, e de maio a agosto na África meridional. As crías, de cor carne, nacen co ollos abertos e permanecen dúas semanas no tobo; despois xa seguen á nai cando esta vai en busca de comida. As crías comezan a comer os primeiros alimentos sólidos aos 3 meses, pero son amamentadas durante 4 meses. Aos 6 meses xa poden facer vida independente, pero os xuvenís quedan coa nai até que nace a seguinte camada.[14]

Os oricteropos son animais nocturnos, raramente activos durante o día. Escavan profundos tobos onde pasan as horas diúrnas, saíndo á noitiña, e son activos principalmente durante as noites máis escuras.[3][4]

Viven en áreas abertas, sabanas, pradarías e bosques claros, evitando os bosques densos, principalmente en zonas de solos areosos ou arxilosos, onde é máis doado escavar, e onde abunden os térmites.[4][14]

Habitan na África subsahariana, desde unha liña que vai desde Senegal a Eritrea, polo norte, até o Cabo de Boa Esperanza, polo sur. Véxase o mapa de distribución na caixa de clasificación científica, arriba, á dereita, deste artigo.

Oricteropo nun cubo, nun zoo.

É un animal solitario, pero os individuos xuvenís acompañan á súa nai durante longo tempo.
Son escavadores de tobos moi activos e moi potentes, que cavan o solo a unha velocidade sorprendente.
As femias teñen querenza por determinados lugares, aos que volven con regularidade.
En cambio, os machos perece que son máis vagamundos.[4]

Os tobos poden ser simples buratos cunha soa entrada, ou poden formar un complicado labirinto de galerías con até 20 ou 30 entradas, dispersadas sonre unha área de até 400 m2. O túnel (ou túneles) remata nunha ampla cámara.[4][14]

Os tobos abandonados son usados como refuxio por unha ampla variedade doutros animais, desde réptiles (lagartos e serpes), morcegos, pequenos carnívoros, esquíos terrestres, lebres, porcos espiño e curuxas e outras aves, até facóqueros. Deste xeito teñen unha considrábel importancia ecolóxica.[4][14]

Evolución

[editar | editar a fonte]

Moitas características da estrutura corporal dos tubulidentados indican a súa relación cos ungulados é, particularmente, coa primeira das súas ordes extinguida, a dos condilartros, que viviron no paleoceno e no eoceno. Cabe supoñer que se separaron dos outros ungulados no terciario inferior, desenvolvéndose independentemente e mostrando adaptacións para alimentarse de insectos. O máis probábel é que esta evolución tivera lugar en África, e que no terciario os tubulidentados se estenderan por Europa e Asia de forma só temporal. As semellanzas entre esta orde e os edentados e os pangolíns producíronse pola súa forma de vida similar, é dicir, trátase dun fenómeno de converxencia adaptativa.[3]

Encontráronse tubulidentados fósiles no mioceno e o plioceno de África, e no plioceno de Europa e Asia meridional.[3] Estes fósiles poderían incluírse dentro do xénero Orycteropus, porque non proporcionan moita información sobre a orixe da orde. Porén, moitos autores contemporáneos, como Lehmann, Patterson e MacInnes distinguen até 4 xéneros.[11][16]

  1. porco formigueiro Arquivado 28 de agosto de 2016 en Wayback Machine. no Dicionario de galego. Vigo, Ir Indo Edicións, 2004. ISBN 84-7680-504-7.
  2. Tubulidentata no NCBI.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 Kowalsky (1976), pp. 405-406.
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 Dorst e Dandelot (1973), pp. 154-144.
  5. "Great Uncle Aardvark?" en BBC NEWS online — Science/Nature. 20-01-2003. . Consultada o 10 de xaneiro de 2008.
  6. Lindsey, P., Cilliers, S., Griffin, M., Taylor, A., Lehmann, T. & Rathbun, G., asesores (2008): Oryteropuis afer na Lista vermella de especies ameazadas da UICN, versión 2015.2. Consultada o 29 de agosto de 2015.
  7. Tubulidentata en MSW.
  8. 8,0 8,1 Orycteropodidae en MSW.
  9. 9,0 9,1 Orycteropus en MSW.
  10. Schlitter, D. A. (2005): "Order Tubulidentata". En Wilson, D. E. & Reeder, D. M. Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference 3rd ed. Baltimore, Mariland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4, p. 86.
  11. 11,0 11,1 Lehmann (2009).
  12. orycteropus no Merriam-Websters' Unabridged Dictionary.
  13. Rodríguez de la Fuente (1970), pp. 217-218.
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 14,6 14,7 Haltenorth e Diller (1986), pp. 132-133.
  15. O órgano de Jacobson, tamén chamado órgano vomeronasal, é un órgano auxiliar do sentido do olfacto que presentan algúns vertebrados. Localízase no óso vómer, entre o nariz e a boca. As neuronas sensoras dentro do órgano detectan distintos compostos químicos, habitualmente grandes moléculas.
  16. Lehmann, Thomas; Vignaud, Patrick; Likius, Andossa & Brunet, Michel (2005): "A new species of Orycteropodidae (Mammalia, Tubulidentata) in the Mio-Pliocene of northern Chad". Zoological Journal of the Linnean Society 143 (1): 109–131.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África. Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
  • Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Lehmann, Thomas (2009): "Phylogeny and systematics of the Orycteropodidae (Mammalia, Tubulidentata)". Zoological Journal of the Linnean Society 155: 649–702.
  • Rodríguez de la Fuente, F. (1970): "Los cazadores de insectos" en Enciclopedia Salvat de la fauna. Tomo 2. África (Región etiópica). Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 217–231.
  • Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005): Mammal species of the world: A taxonomic and geographic reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]