Saltar ao contido

Mário Zagallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaMário Zagallo

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(pt-br) Mário Jorge Lobo Zagallo Editar o valor en Wikidata
9 de agosto de 1931 Editar o valor en Wikidata
Atalaia, Brasil (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte5 de xaneiro de 2024 Editar o valor en Wikidata (92 anos)
Río de Xaneiro, Brasil Editar o valor en Wikidata
Causa da mortesíndrome de disfunción multiorgánica Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCemitério de São João Batista (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Outros nomesVelho Lobo (vell llop) Editar o valor en Wikidata
Altura169 cm Editar o valor en Wikidata
Peso61 kg Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista, adestrador de fútbol Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1948 Editar o valor en Wikidata -
Nacionalidade deportivaBrasil Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoExtremo esquerdo e dianteiro Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1948–1949 America Football Club
1949–1950 America Football Club
1950–1958   Clube de Regatas do Flamengo 217(30)
1958–1965 Botafogo de Futebol e Regatas 115(46)
  Selección nacional Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1958–1964   Brasil 33(5)
Participou en
1998Mundial de Fútbol Francia 1998
1994Mundial de Fútbol Estados Unidos 1994
1974Mundial de Fútbol Alemaña 1974
1970Mundial de Fútbol México 1970
1962Mundial de Fútbol Chile 1962
xuño de 1958Mundial de Fútbol Suecia 1958 Editar o valor en Wikidata

IMDB: nm1204676 Instagram: zagallooficial FIFA: 61571 Editar o valor en Wikidata

Mário Jorge Lobo Zagallo, nado en Atalaia, Alagoas, o 9 de agosto de 1931, e finado no Río de Xaneiro o 5 de xaneiro de 2024, foi un futbolista e adestrador brasileiro, considerado como unha das maiores figuras da historia do fútbol brasileiro. Xogaba como extremo esquerdo e desenvolveu a súa carreira como futbolista entre o Flamengo e o Botafogo, equipos aos que tamén dirixiu como adestrador. Gañou dez veces o Campionato Carioca (cinco como xogador e cinco como adestrador) e en 1968 levou ao Botafogo a conquistar o primeiro dos dous Campionatos Brasileiros da súa historia.

O seu nome está estreitamente vencellado á Copa do Mundo, sendo a persoa que máis veces a gañou, nun total de catro ocasións, todas coa selección brasileira. As dúas primeiras (1958 e 1962) conquistounas como xogador, sendo titular en tódolos partidos, mentres que en 1970 proclamouse campión como seleccionador do Brasil e en 1994 como axudante do adestrador Carlos Alberto Parreira.[1] Acudiu a outros tres Mundiais: como seleccionador brasileiro en 1974 e 1998 (quedando subcampión no segundo deles) e de novo como axudante de Parreira en 2006. Foi a primeiro das únicas tres persoas que gañaron a Copa do Mundo como xogador e como adestrador (máis tarde fixérono tamén o alemán Franz Beckenbauer e o francés Didier Deschamps), e o único que o fixo máis de dúas veces.

En 1992 recibiu a Orde do Mérito da FIFA, a máxima distinción concedida pola FIFA, polas súas contribucións ao fútbol.[2] Foi nomeado o noveno mellor adestrador de todos os tempos pola World Soccer Magazine en 2013.[3]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu en Atalaia, no estado de Alagoas, o 9 de agosto de 1931. Pouco despois mudouse coa súa familia ao Río de Xaneiro, a onde seu pai, Aroldo Cardoso Zagallo, se trasladou como representante comercial de Tecidos Alexandria, unha fábrica téxtil do seu cuñado Mário Lobo.[4] Comezou a xogar ao fútbol nas rúas cariocas e máis tarde no Maguari, antes de ingresar en 1948 nas categorías inferiores do America, club no que tamén practicou outros deportes como voleibol e tenis de mesa.[4] A pesar das reticencias do pai, que prefería que estudase contabilidade e seguise os seus pasos, continuou no fútbol e en 1950 recalou no equipo xuvenil do Flamengo.

En 1951 proclamouse campión do primeiro campionato xuvenil do Brasil e ese mesmo ano debutou co primeiro equipo. Foi o 29 de abril, nunha goleada por 6-0 sobre o Goytacaz, e tivo a súa oportunidade aproveitando que o extremo esquerdo titular, Esquerdinha, pedira permiso para casar e que o suplente, Itamar, estaba enfermo.[4] Xa como titular do equipo, que contaba con xogadores de ataque como Joel, Índio, Evaristo e Dida, conquistou tres veces consecutivas o Campionato Carioca, entre 1953 e 1955.[4]

Militou no club ata 1958, disputando un total de 205 partidos nos que marcou 29 goles.[5]

En 1958, despois de recibir boas ofertas doutros equipos e ante a demora do seu club por chegar a un acordo con el, fichou polo Botafogo.[6] Debutou co club nun derbi fronte ao Fluminense no estadio do Maracanã, correspondente ao Campionato Carioca, formando dianteira xunto a Garrincha, Paulo Valentim e Quarentinha.[7] Xogou no club alvinegro ata 1965, e conquistou outros dous Campionatos Cariocas nos anos 1961 e 1962. Gañou tamén dous Torneos Río-São Paulo, competición predecesora do actual Campionato Brasileiro, e participou en numerosos torneos amigables de América e Europa, como o Torneo de París ou o Trofeo Teresa Herrera.

Zagallo durante a súa etapa como xogador do Botafogo.

Xogou un total de 300 encontros co Botafogo, nos que anotou 23 goles.[7]

Selección brasileira

[editar | editar a fonte]

O seu primeiro contacto coa Copa do Mundo tivo lugar cando aínda estaba no equipo xuvenil do Flamengo. Foi no Mundial de 1950, durante o cal estaba realizando o servizo militar, sendo destinado á seguridade do estadio do Maracanã. Vestido co uniforme de soldado, foi testemuña da derrota brasileira ante o Uruguai no célebre Maracanazo.[8]

Oito anos despois debutou coa selección brasileira nun partido ante Paraguai pola Copa Oswaldo Cruz. A súa boa actuación, marcando dous goles, valeulle a convocatoria para o Mundial de 1958, que principiaba só 35 días despois, ocupando o lugar de Canhoteiro, que foi descartado pouco antes de viaxar.[4] Xa en Suecia, foi unha peza fundamental do equipo de Vicente Feola, formando no lado esquerdo da dianteira, á beira de Pelé, aproveitando a ausencia por lesión de Pepe, o extremo esquerdo titular. Foi titular en tódolos encontros e proclamouse campión ao vencer na final a Suecia, partido no que marcou o cuarto dos cinco goles do Brasil (5-2).

En 1959 disputou a Copa América, rematando subcampión, por detrás da Arxentina.[9] Continuou na titularidade no Mundial de 1962, ocupando de novo o lugar do lesionado Pepe. Repartiu catro asistencias e mercou un gol,[8] repetindo coroa ao derrotar na final a Checoslovaquia.

Disputou un total de 33 partidos co Brasil,[10] xogando o seu último encontro internacional o 7 de xuño de 1964, nun amigable contra Portugal no Maracanã que rematou con vitoria brasileira por 4-1.[11]

Como adestrador

[editar | editar a fonte]
Zagallo con Pelé en 1970.

Trala súa retirada como futbolista no Botafogo, aos 34 anos de idade, iniciou a súa carreira como adestrador no mesmo club, facéndose cargo do equipo xuvenil. Pouco despois, en maio de 1967, subiu ao primeiro equipo, ao que adestrou ata decembro de 1970. Na súa primeira campaña proclamouse campión carioca, título que repetiu ao ano seguinte, no que gañou ademais o Campionato Brasileiro, derrotando na final ao Fortaleza cearense por un resultado global de 6-2.

En marzo de 1970, trala saída de João Saldanha da selección brasileira, a Federación Brasileira ofreceulle o posto de seleccionador a Dino Sani e a Otto Glória, pero ambos rexeitaron a oferta. O posto foille ofrecido entón a Zagallo, que o aceptou inmediatamente, compaxinándoo durante os primeiros meses co seu traballo como adestrador do Botafogo.[4] Anteriormente xa dirixira a unha selección de xogadores de clubs cariocas que representaban á selección brasileira en dous amigables contra Chile a Arxentina en 1967 e 1968.[12][13][14]

Dirixiu á selección no Mundial de 1970 e alí aliñou por primeira vez no equipo titular á dianteira formada por Pelé, Tostão, Rivellino, Jairzinho e Gérson. O conxunto brasileiro, capitaneado por Carlos Alberto Torres, despregou un fútbol espectacular e efectivo, ata o punto de ser considerado un dos mellores equipos de tódolos tempos. Despois de obter o primeiro posto do seu grupo, eliminou nos cuartos de final ao Perú, ao que adestraba o seu excompañeiro Didi, e nas semifinais ao Uruguai, chegando comodamente a unha final na que derrotou por 4-1 á Italia de Ferruccio Valcareggi, con goles de Pelé, Gérson, Jairzinho e Carlos Alberto.[15][16] Zagallo converteuse deste xeito na primeira persoa en gañar o Mundial como futbolista e como adestrador.[1] Ademais, os 38 anos de idade cos que contaba naquel momento colócano como o segundo seleccionador máis novo en proclamarse campión do mundo, superado en precocidade só polo uruguaio Alberto Suppici, campión da primeira edición da Copa do Mundo con só 31 anos.

Trala vitoria no Mundial continuou compaxinando o seu posto na selección co traballo de adestrador en clubs. Dirixiu primeiro o Fluminense, co que gañou o Campionato Carioca de 1971, e máis tarde o Flamengo, co que se proclamou dúas veces campión de dita competición, en 1972 e 1973. O 6 de xuño de 1973, despois de máis de tres anos como seleccionador, Zagallo sufriu a súa primeira derrota coa selección, caendo nun amigable contra Italia en Roma.

No Mundial de 1974, o Brasil non conseguiu brillar como no anterior torneo e só puido ser cuarto. Na primeira fase empatou sen goles ante Iugoslavia e Escocia e só conseguiu vencer a Zaire. Na segunda fase gañou á Alemaña Oriental e á Arxentina, e xogouse o pase á final contra os Países Baixos no Westfalenstadion, perdendo por 2-0, con tantos de Neeskens e Cruyff.

Xa fóra da selección, nos seguintes anos dirixiu o Botafogo outras tres veces, o Flamengo por segunda vez, o Al-Hilal (co que gañou a liga saudita), o Vasco da Gama en dúas etapas, o Bangu e tamén as seleccións de Kuwait, Arabia Saudita e Emiratos Árabes Unidos. Co combinado kuwaití gañou a Copa do Golfo en 1976 e ese mesmo ano acadou a final da Copa Asiática, perdendo diante de Irán en Teherán.[17]

Rivellino e Zagallo en 1973.

En 1991 regresou á selección brasileira e durante os seguintes tres anos foi axudante de Carlos Alberto Parreira, co posto de coordinador técnico.[18] No Mundial de 1994 a canarinha volveu proclamarse campioa, sumando así Zagallo o seu cuarto título, fazaña nunca igualada por ninguén máis. Tralo torneo converteuse de novo no seleccionador do equipo, dúas décadas despois da súa marcha.

En 1995 dirixiu ao Brasil na Copa América. Despois de rematar primeiro de grupo e de eliminar á Arxentina de Passarella nos cuartos de final e aos Estados Unidos nas semifinai enfrontouse na final ao Uruguai, dirixido por Héctor Núñez. O encontro acabou con empate a un gol e decidiuse na quenda de penaltis, onde unha parada de Álvez a Túlio deulle o título ao conxunto uruguaio.[19] Ao ano seguinte a Federación Brasileira foi convidada a participar na Copa Ouro da CONCACAF en California, á que enviou unha selección sub-23 dirixida por Zagallo. A idade dos xogadores non foi problema para acadar unha nova final, na que con todo, os brasileiros caeron ante México por 2-0.[20] Ese mesmo ano dirixiu a selección olímpica nos Xogos Olímpicos de Atlanta. Aínda que contaba cun equipo repleto de estrelas e futuras estrelas como Bebeto, Roberto Carlos, Ronaldo, Rivaldo, Aldair ou Juninho, non conseguiu pasar das semifinais, caendo eliminado ante Nixeria tras empatar a tres goles e recibir un gol de ouro de Kanu.[21]

A pesar das críticas recibidas, principalmente por parte da prensa paulista, conseguiu proclamarse campión da Copa América en Bolivia en 1997, sendo a primeira vez que a selección brasileira lograba o título fóra da casa.[18] Trala vitoria, eufórico, dirixiuse ás cámaras de televisión e, en referencia aos seus críticos, pronunciou unha frase que pasou á historia do fútbol brasileiro: Vocês vão ter que me engolir ("Ídesme ter que engulir").[22][23][24] En decembro do mesmo ano disputou a Copa Confederacións da FIFA en Riad. Conseguiu o primeiro posto do seu grupo e eliminou nas semifinais á República Checa, finalista da última Eurocopa, antes de medirse na final a Australia, á que goleou por 6-0, cun triplete de Ronaldo e outro de Romário.[25]

Jairzinho e Zagallo durante o Mundial de 1974.

Ao ano seguinte comandou os brasileiros no Mundial de Francia, a súa terceira Copa do Mundo como seleccionador, e acadou unha nova final, que acabou perdendo contra a selección anfitrioa no Stade de France.

Finalmente, nos anos anteriores á súa retirada adestrou o Portuguesa e novamente o Flamengo, gañando con este último o seu décimo Campionato Carioca (quinto como adestrador) e a a Copa dos Campións. En 2002 a Federación Brasileira convidouno a dirixir un partido amigable contra Corea do Sur, como homenaxe pola súa traxectoria. Con todo, aínda regresou á selección en 2003, de novo como axudante de Parreira, e foi membro do equipo no Mundial de 2006, a súa sétima e derradeira participación nunha Copa do Mundo, chegando ás semifinais.[26]

É o técnico que máis partidos da selección brasileira dirixiu, cun total de 131. O seu balance á fronte da canarinha foi de 97 vitorias, 25 empates e 9 derrotas.[13]

Estilo de xogo

[editar | editar a fonte]

Zagallo era un extremo esquerdo de físico reducido, coñecido polas súas habilidades técnicas e o seu traballo defensivo, así como polas súas internadas dende zonas máis profundas do terreo de xogo. Tamén era capaz de xogar como dianteiro principal e como interior.[27][28]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Casou con Alcina de Castro o 13 de xaneiro de 1955 na Igrexa dos Capuchinos do Río de Xaneiro. Permaneceron xuntos ata a morte desta o 5 de novembro de 2012.[29] A parella tivo catro fillos: Paulo Jorge, Maria Emília, Mario Cesar e Maria Cristina.[30][31] Paulo Jorge seguiu os pasos do pai como adestrador, dirixindo varios clubs e as categorías inferiores da selección brasileira.[32]

Faleceu o 5 de xaneiro de 2024, aos 92 anos de idade, despois dunha breve hospitalización nun centro do Río de Xaneiro.[33]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Flamengo
Botafogo
Selección brasileira

Adestrador

[editar | editar a fonte]
Botafogo
Zagallo en 2008.
Fluminense
Flamengo
Al-Hilal
Selección brasileira
Selección kuwaití
  1. 1,0 1,1 "Didier Deschamps Becomes Third to Win World Cup as Player and Manager" (en inglés). 15 de xullo de 2018. Consultado o 4 de outubro de 2022. 
  2. "FIFA Order of Merit holders" (PDF). FIFA (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 5 de setembro de 2015. Consultado o 4 de outubro de 2022. 
  3. Rainbow, Jamie (4 de xullo de 2013). "The Greatest manager of all time" (en inglés). Consultado o 4 de outubro de 2022. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 "Zagallo… a ditadura dos esquemas" (en portugués). 23 de maio de 2013. Consultado o 4 de outubro de 2022. 
  5. Neves, Milton; Micheletti, Rogério (Zagallo - Que fim levou?). "e Rogério Micheletti. «Zagallo - Que fim levou?». Terceiro Tempo". Terceiro Tempo (en portugués). Consultado o 4 de outubro de 2022. 
  6. Filho, Jayme (2006). Mário Jorge Lobo Zagallo : entre o sagrado e o profano: uma história de vida (en portugués). 
  7. 7,0 7,1 "Histórico de Zagallo como jogador do Botafogo" (en portugués). Consultado o 4 de outubro de 2022. 
  8. 8,0 8,1 "FIFA celebrates legendary Zagallo as he turns 90". FIFA (en inglés). 9 de agosto de 2021. Consultado o 4 de outubro de 2022. 
  9. "Southamerican Championship 1959 (1st Tournament)". rsssf.org (en inglés). Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  10. "Brazil - Record International Players". rsssf.org (en inglés). Consultado o 4 de outubro de 2022. 
  11. "Brasil - Portugal 1964". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 4 de outubro de 2022. 
  12. "Goleada com olé, no 1º jogo de Zagallo no comando da Seleção". Confederación Brasileira de Fútbol (en portugués). 7 de agosto de 2015. Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  13. 13,0 13,1 "Zagalo: recordista de jogos no comando da Seleção". Confederación Brasileira de Fútbol (en portugués). 3 de novembro de 2012. Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  14. "CBF 'adia' a festa para Zagallo" (en portugués). 28 de marzo de 1996. Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  15. Lahuerta, Juan José (19 de marzo de 2020). "Saldanha-Zagallo, 50 años de la transición de los arquitectos del Brasil 1970". La Vanguardia (en inglés). Consultado o 4 de outubro de 2022. 
  16. FIFA (9 de agosto de 2021). Mario Zagallo at 90. Episode 2 (YouTube) (en portugués). 
  17. "Irán - Kuwait 1976". teammelli.com (en inglés). Consultado o 4 de outubro de 2022. 
  18. 18,0 18,1 FIFA (9 de agosto de 2021). Mario Zagallo at 90. Episode 3 (YouTube) (en portugués). Consultado o 4 de outubro de 2022. 
  19. "Uruguai - Brasil 1995". worldfootball.net (en inglés). Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  20. "Brasil - México 1996". soccerway.com (en castelán). Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  21. "¡Cayó Brasil!" (en castelán). 1 de agosto de 1996. Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  22. Honório, Rafael (15 de agosto de 2021). "Do tênis de mesa ao polêmico "Vocês vão ter que me engolir": histórias dos 90 anos de Zagallo" (en portugués). Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  23. "'Vocês vão ter que me engolir': Os bastidores da polêmica frase de Zagallo" (en portugués). 29 de xuño de 2017. Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  24. "Há 20 anos, o desabafo de Zagallo: ‘Vocês vão ter que me engolir’" (en portugués). 29 de xuño de 2017. Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  25. "FIFA Confederations Cup Saudi Arabia 1997". FIFA (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 8 de abril de 2016. Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  26. FIFA (9 de agosto de 2021). Mario Zagallo at 90. Episode 4 (YouTube) (en portugués). 
  27. "Vicente Feola: A controversial innovator". FIFA (en inglés). 8 de febreiro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 22 de novembro de 2016. Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  28. "Mario Zagallo - None hungrier than Brazil's lone wolf". FIFA (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 9 de abril de 2016. Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  29. "Esposa de Zagallo morre no Rio" (en portugués). 5 de novembro de 2012. Consultado o 4 de outubro de 2022. 
  30. "Zagallo recebe apoio de amigos no velório da esposa no Rio de Janeiro" (en portugués). 6 de novembro de 2012. Consultado o 4 de outubro de 2022. 
  31. "O domingo de Celeste, Matilde e Alcina" (en portugués). Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  32. Guariglia, Alexandre (2 de maio de 2016). "De volta à ativa, Paulo Zagallo busca oportunidade no futebol paulista" (en portugués). Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  33. "Morre aos 92 anos Mário Lobo Zagallo, lenda do fútbol brasileiro". La Opinión A Coruña. 6 de xaneiro de 2024. Consultado o 6 de xaneiro de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]