Héctor Núñez
Héctor Núñez | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Héctor Núñez Bello | ||
Nacemento | 8 de maio de 1936 | ||
Lugar de nacemento | Montevideo | ||
Falecemento | 19 de decembro de 2011 | ||
Lugar de falecemento | Madrid | ||
Posición | Dianteiro | ||
Carreira xuvenil | |||
Liverpool | |||
Club Nacional | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1956–1959 | Club Nacional | ||
1959–1965 | Valencia FC | 145 | (46) |
1965–1966 | Mallorca | 24 | (6) |
1966–1968 | Levante | 42 | (13) |
Adestrador | |||
1970–1971 | Calvo Sotelo | ||
1971–1973 | Tenerife | ||
1973–1974 | Levante | ||
1974–1975 | Rayo Vallecano | ||
1975–1976 | Real Valladolid | ||
1976 | Granada | ||
1977–1978 | Rayo Vallecano | ||
1978 | Atlético de Madrid | ||
1979–1980 | Rayo Vallecano | ||
1981–1983 | Tecos | ||
1983–1984 | Las Palmas | ||
1985–1987 | Rayo Vallecano | ||
1989 | Club Nacional | ||
1992 | Costa Rica | ||
1993–1994 | Valencia FC | ||
1994–1997 | Uruguai | ||
2001 | Al-Nassr | ||
2007 | Tacuarembó | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Héctor Núñez Bello, alcumado Pichón Núñez, nado en Montevideo o 8 de maio de 1936 e finado en Madrid o 19 de decembro de 2011, foi un futbolista e adestrador uruguaio de orixe galega.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixes
[editar | editar a fonte]Naceu en Montevideo, sendo fillo de dous emigrantes galegos. Seu pai, Héctor Núñez, era de Meicende, e súa nai da Pastoriza (Arteixo).[1][2] Súa nai era madriña de Ramón Alberto Villaverde, outro histórico futbolista uruguaio, tamén fillo de arteixáns.[3]
Como futbolista
[editar | editar a fonte]Comezou a xogar ao fútbol no Liverpool da capital uruguaia, no equipo da quinta división. Alí chamou a atención do Club Nacional, que o fichou para as súas categorías inferiores.[2] En 1954 entrou en contacto co Deportivo da Coruña, durante a súa xira suramericana, chegando a adestrar co equipo galego no Estadio Centenario, pero continuou no equipo uruguaio.[1]
Debutou co primeiro equipo o 15 de decembro de 1956 nun partido amigable contra o Independiente arxentino, da man do adestrador Ondino Viera. Viera fixo debutar tamén aos compañeiros de Núñez no equipo xuvenil, Julio Acosta, Raúl Núñez e Héctor Rodriguez, que xunto a Guillermo Escalada, formarían unha das dianteiras máis célebres da historia do club.[2]
Debutou na Primeira División en 1957, e ao remate da campaña o seu equipo acabou campión, sendo Núñez elixido mellor xogador uruguaio do ano. Ao ano seguinte viaxou co seu equipo á Coruña, para disputar a 13ª edición do Trofeo Teresa Herrera contra o Flamengo do Río de Xaneiro. Sobre o céspede de Riazor o equipo uruguaio bateu ao brasileiro, por dous goles a un, cun dos tantos anotados por Héctor Núñez. A súa actuación no torneo chamou a atención dos equipos españois, e foi fichado polo Valencia FC.[1] No equipo valenciano xogou sete tempadas, nas que disputou 215 partidos, marcando 86 goles. Conquistou dúas Copa de Feiras consecutivas nas tempadas 1961/62 e 1962/63, marcando goles en ambas finais contra o FC Barcelona e o Dinamo Zagreb respectivamente.[4]
No verán de 1965 fichou polo Mallorca, onde xogou unha tempada, non podendo evitar o descenso á Segunda División. A continuación xogou no Levante durante dúas tempadas, ao mesmo tempo que rexentaba un restaurante en Valencia xunto ao seu ex compañeiro Roberto Gil.[3][4] No equipo levantino colgou as botas en 1968.
Adestrador
[editar | editar a fonte]Retirado como xogador, organizou unha axencia de fichaxes e comezou a súa carreira de adestrador.[4] Así, dirixiu sucesivamente o Calvo Sotelo de Puertollano, o Tenerife, o Levante UD, o Rayo Vallecano, o Real Valladolid, e o Granada CF, todos eles na Segunda División. Na tempada 1977/78 volveu ao Rayo Vallecano, esta vez en Primeira División, rematando a tempada no décimo posto. Ao ano seguinte fichou polo Atlético de Madrid, pero foi cesado por Vicente Calderón despois de só seis partidos, e substituído por Luis Aragonés.[5]
Despois regresou ao Rayo Vallecano e de novo ao Atlético, onde traballou como secretario técnico. Exercendo dito cargo no club madrileño, foi o artífice da chegada do mexicano Hugo Sánchez a España en 1981.[6] Ese mesmo ano instalouse el mesmo en México, onde adestrou durante dúas tempadas ao Tecos FC, ata 1983.
De volta en España, dirixiu a UD As Palmas e, por cuarta vez, ao Rayo Vallecano. En 1989 adestrou por primeira vez no seu Uruguai natal, e fíxoo no mesmo club no que debutara como futbolista anos atrás, o Nacional de Montevideo. Conquistou co club de Montevideo a Copa Suramericana e a Copa Interamericana.
En 1992 dirixiu a Selección de Costa Rica e, despois dunha tempada de novo en España como adestrador do Valencia CF en Primeira, regresou a Uruguai como seleccionador nacional. Á fronte da selección uruguaia gañou a Copa América de 1995 en Montevideo e foi elixido adestrador do ano en América do Sur.[7]
Posteriormente trasladouse a Arabia Saudita, onde estivo a cargo do Al-Nassr, e pechou a súa carreira en 2007, adestrando no seu país ao Tacuarembó FC.
Foi tamén profesor da Escola Nacional de Adestradores de España e secretario técnico do Valencia CF. Faleceu en Madrid o 19 de decembro de 2011, aos 75 anos de idade.[8][9]
Palmarés
[editar | editar a fonte]Como futbolista
[editar | editar a fonte]Club Nacional
- Primeira división do Uruguai (1): 1957.
Valencia CF
- Copa de Feiras (2): 1961/62 e 1962/63.
Como adestrador
[editar | editar a fonte]Club Nacional
- Recopa Suramericana (1): 1989.
- Copa Interamericana (1): 1989.
Selección uruguaia
- Copa América (1): 1995.
Distincións individuais
- Futbolista uruguaio do ano (1): 1957.
- Adestrador do ano en América do Sur (1): 1995.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "El Atlético de Madrid está obligado a no defraudar a los aficionados". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xuño de 1981. p. 45.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Maceiras, Xabier (20 de xaneiro de 2017). "Héctor Núñez, outro futbolista de sangue arteixá na elite do fútbol mundial". Consultado o 23 de abril de 2021.
- ↑ 3,0 3,1 Furió, Luis (28 de xuño de 2011). "«¿El PSOE? Si los políticos están arriba no los sacas ni con lejía»" (en castelán). Consultado o 23 de abril de 2021.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Ficha de Héctor Núñez". Ciberche (en castelán). Consultado o 23 de abril de 2021.
- ↑ "Estallo la crisis en el At. Madrid". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de outubro de 1978. p. 39.
- ↑ González, José Damian (27 de novembro de 1981). "La llegada de Hugo Sánchez, nuevo lío para el Atlético". El País (en castelán). Consultado o 23 de abril de 2021.
- ↑ "South American Coach and Player of the Year". rsssf.com (en inglés). Consultado o 23 de abril de 2021.
- ↑ "Falleció Héctor "Pichón" Núñez" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 9 de xaneiro de 2012. Consultado o 23 de abril de 2021.
- ↑ "Fallece Héctor Núñez, el técnico uruguayo que ganó una Copa América" (en castelán). 21 de decembro de 2011. Consultado o 24 de abril de 2021.
- Nados en Montevideo
- Nados en 1936
- Uruguaios de ascendencia galega
- Futbolistas do Uruguai
- Dianteiros de fútbol
- Xogadores do Club Nacional de Football
- Xogadores do Valencia CF
- Xogadores do RCD Mallorca
- Xogadores do Levante UD
- Adestradores de fútbol do Uruguai
- Adestradores do CD Puertollano
- Adestradores do CD Tenerife
- Adestradores do Levante UD
- Adestradores do Rayo Vallecano
- Adestradores do Real Valladolid
- Adestradores do Granada CF
- Adestradores do Atlético de Madrid
- Adestradores do CD Estudiantes Tecos
- Adestradores da UD Las Palmas
- Adestradores do Club Nacional de Football
- Adestradores da selección de fútbol de Costa Rica
- Adestradores do Valencia CF
- Adestradores da selección de fútbol do Uruguai
- Adestradores do Al-Nassr FC
- Adestradores do Tacuarembó FC
- Adestradores gañadores da Copa America