Zito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Zito
Zito 2008.jpg
Información persoal
Nome José Ely de Miranda
Nacemento 8 de agosto de 1932
Lugar de nacemento Roseira
Falecemento 14 de xuño de 2015
Lugar de falecemento Santos
Altura 1,79 m.
Posición Centrocampista
Carreira xuvenil
Roseira
Estudantes de Pinda
São Paulo de Pindamonhangaba
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1948–1952 Taubaté 117 (41)
1952–1967 Santos 727 (57)
Selección nacional
1955–1966 Brasil 52 (3)
Na rede
FIFA: 63867 UEFA: 100488 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

José Ely de Miranda, máis coñecido como Zito, nado en Roseira, São Paulo, o 8 de agosto de 1932 e finado en Santos o 14 de xuño de 2015, foi un futbolista brasileiro que xogaba como centrocampista. Considerado un dos maiores ídolos da historia do Santos FC, militou durante 15 anos no club, e é o terceiro futbolista con máis partidos da súa historia (733), superado só polos seus compañeiros Pelé e Pepe. Conquistou co Santos un total de 22 títulos oficiais, moitos deles como capitán. Foi 52 veces internacional coa selección brasileira, coa que gañou dúas Copas do Mundo (Suecia 1958 e Chile 1962).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Nacido no municipio paulista de Roseira, pretendía inicialmente ser mestre de escola, e asistiu ás escolas técnicas da súa vila natal, antes de decantarse pola carreira de futbolista.[1]

Zito (de pé, terceiro dende a esquerda) coa selección brasileira instantes antes do comezo da final do Mundial de 1958.
Zito (de pé, segundo dende a esquerda) coa selección brasileira antes dun partido do Mundial de 1962.

Comezou a xogar ao fútbol en clubs modestos como o Roseira, o Estudantes de Pinda ou o São Paulo de Pindamonhangaba, pasando logo polo Taubaté, antes de fichar en 1952 polo Santos.[2][3]

Santos[editar | editar a fonte]

Debutou co Peixe o 29 de xuño de 1952, nunha vitoria por 3-1 contra o Madureira nun partido amigable.[4] Gañou rapidamente a titularidade e militou no club durante os seguintes 15 anos, acumulando 733 partidos e marcando 57 goles. Foi o capitán do chamado equipo dos Santásticos, que gañou numerosos títulos nas décadas de 1950 e 1960, con xogadores como Pelé, Pepe e outras estrelas brasileiras.[5] Entre os seus triunfos cóntanse cinco Campionatos Brasileiros consecutivos, nove Campionatos Paulistas, dúas Copas Libertadores e dúas Copas Intercontinentais.

Era alcumado Gerente polos medios brasileiros, debido a que axudaba ao adestrador Lula nas labores técnicas.[6] Na Copa Intercontinental de 1963 foi titular no partido de ida pero perdeu por lesión tanto o encontro de volta como o de desempate. Aínda así, actuou como asistente de Lula nos dous partidos, nos que o seu equipo gañou o segundo título intercontinental consecutivo.[6]

Xogou o seu último partido o 7 de novembro de 1967, unha vitoria por 5-0 contra un combinado de xogadores do Ferroviário e do Fortaleza no estadio Presidente Vargas de Fortaleza.[4]

Selección brasileira[editar | editar a fonte]

Disputou 52 partidos coa selección brasileira, coa que marcou tres goles. Acompañado habitualmente no centro do campo por Didi, formou parte do equipo que gañou o Mundial de 1958 en Suecia. Comezou o torneo como suplente e rematouno como titular indiscutible, formando xunto a Didi o centro do campo na vitoria final sobre a selección anfitrioa.[7]

Catro anos despois, no Mundial de 1962 en Chile, o seleccionador Aymoré Moreira apostou pola mesma parella de medios, disputando estes como titulares tódolos encontros. Na final contra Checoslovaquia no Estadio Nacional, con Pelé ausente por lesión e co marcador sinalando un empate a un gol, Zito finalizou de cabeza un centro de Amarildo e bateu ao gardameta Viliam Schrojf, poñendo ao Brasil por diante pouco antes de que Vavá culminase a remontada.[8] Foi incluído no Equipo Ideal do Torneo.[5]

Trala retirada[editar | editar a fonte]

Tras colgar as botas foi vicepresidente do Santos entre 1978 e 1982, e máis tarde foi nomeado director de fútbol polo presidente Milton Teixeira. Dende o ano 2000 traballou na canteira do club, contribuíndo ao descubrimento de novos talentos como os de Robinho, Diego, Neymar ou Gabigol.[9][5]

Morte[editar | editar a fonte]

Nos seus últimos anos padeceu Alzheimer.[10] En 2014 sufriu un derramo cerebral e o 14 de xuño de 2015 faleceu aos 82 anos en Santos, deixando a Pelé, Pepe e Zagallo como os tres últimos brasileiros sobreviventes da final do Mundial de 1958.[5][11]

Estilo de xogo[editar | editar a fonte]

Centrocampista forte e con dotes de mando, era coñecido sobre todo polo seu liderado no campo. Adoitaba ter un papel secundario como medio lateral, servindo de enlace entre a defensa e o ataque. Intelixente e moi organizado, destacaba pola súa capacidade para recuperar a posesión e marcar o ritmo no medio do campo mediante os seus movementos e pases precisos. Aínda que se manexaba ben co balón, prefería xogalo a outros centrocampistas máis creativos e hábiles antes que levalo el mesmo cara adiante. Aínda así, era capaz de comezar xogadas de ataque despois de roubar o balón, distribuíndo rapidamente o balón cara adiante con pases sinxelos, pero ordenados e eficientes.[1][12][11]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Santos
Selección brasileira

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Glanville, Brian (15 de xuño de 2015). "Zito obituary". The Guardian (en inglés). Consultado o 7 de setembro de 2022. 
  2. Cosin, Alberto (17 de abril de 2015). "José Ely de Miranda, ‘Zito’: el gerente de Valle del Paraíba" (en portugués). Consultado o 7 de setembro de 2022. 
  3. "Zito - Que fim levou?" (en portugués). Consultado o 7 de setembro de 2022. 
  4. 4,0 4,1 "A história do maior capitão do Santos FC" (en portugués). 15 de xuño de 2015. Consultado o 7 de setembro de 2022. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "Zito: Two-time Brazilian World Cup-winning midfielder dies at 82". BBC (en inglés). 15 de xuño de 2015. Consultado o 7 de setembro de 2022. 
  6. 6,0 6,1 Paulino, Wladmir (15 de xuño de 2015). "'Gerente', Zito deu broncas em Pelé e ria com apelido de 'chulé'" (en portugués). Consultado o 7 de setembro de 2022. 
  7. Freire, Marcelo (29 de xuño de 2008). "Após 50 anos, Zito derruba lenda sobre jogadores e Feola" (en portugués). Consultado o 7 de setembro de 2022. 
  8. "Brazil flying high with 'Little Bird' Garrincha". FIFA (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 6 de abril de 2015. Consultado o 7 de setembro de 2022. 
  9. "Além de história e títulos, Zito moldou quatro gerações de ídolos do Santos" (en portugués). 15 de xuño de 2015. Consultado o 7 de setembro de 2022. 
  10. "Morre Zito, um dos maiores jogadores da história do futebol brasileiro" (en portugués). 14 de xuño de 2015. Consultado o 7 de setembro de 2022. 
  11. 11,0 11,1 "Zito, leader of Brazil’s World Cup-winning teams in 1958 and 1962, dies at 82" (en inglés). Consultado o 7 de setembro de 2022. 
  12. "Zito: Commanding midfielder who helped to guide Brazil to consecutive World Cup triumphs" (en inglés). 5 de agosto de 2015. Consultado o 7 de setembro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]