Serie Barber (moeda)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Serie Barber: 10 centavos (dime) de 1902. Ceca: San Francisco (S)

A serie Barber está constituída polas moedas de prata estadounidenses con valores de dez centavos (dime), un cuarto de dólar e medio dólar deseñadas por Charles E. Barber, gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos. Esta serie cuñouse entre 1892 e 1916, excepto a moeda de medio dólar, cuxa emisión cesou en 1915.

Historia[editar | editar a fonte]

A finais da década de 1880 aumentaban as voces que pedían a substitución da serie de moedas en circulación, coñecidas como "Liberdade sentada", que xa se viña utilizando desde a década de 1830 na maioría dos valores de moedas de prata.[1]

En 1891, o director da Casa de Moeda, Edward O. Leech, que contaba coa correspondente autorización do Congreso dos Estados Unidos, estableceu un concurso para procurar un novo deseño que caracterizase as moedas de prata. Mais o feito de que o premio tivese unicamente carácter económico fixo que os artistas invitados se negasen a participar, e ningunha das persoas que participou por libre acadou a calidade suficiente. Daquela, Leech deu instrucións a Charles E. Barber, gravador da Casa da Moeda, para propor uns novos deseños para as moedas de dez centavos, un cuarto de dólar e medio dólar. Estes novos deseños foron aprobados polo presidente Benjamin Harrison en novembro de 1891.[2]

Fotografía de Charles E. Barber, quen lle dá nome á serie Barber.

Leech deu a coñecer os novos deseños á prensa o 10 de novembro de 1891.[3] Consonte o numismático David Lange, a nova moeda recibiu críticas en diversos sentidos: "en tanto que a prensa en xeral e o público se amosaron satisfeitos coa nova serie, os numismáticos estaban algo decepcionados coas novas moedas ou mantiveron silencio sobre o asunto".[4] Pola súa banda, Moran rexistrou varias opinións desfavorables e ningunha favorable.[2] Cornelius Vermeule declarou: "os comentarios iniciais sobre as novas moedas centrábanse na novidade de que se establecera un concurso, no seu fracaso e no feito inevitable de que a encomenda recaese, coma sempre, no gravador xefe [Barber] e no seu persoal".[5]

As primeiras moedas comezaron a saír das prensas en xaneiro de 1892. Pouco despois da cuñaxe das novas moedas dun cuarto de dólar, a Casa de Moeda empezou a recibiu queixas polo feito de que non se podían empillar con facilidade. Barber fixo axustes no seu deseño para arranxar este problema e, como consecuencia, hai dúas versións dos quarters de 1892, coñecidas como "tipo I" e "tipo II", tanto para as emisións da ceca de Filadelfia, como para as da ceca de Nova Orleans (1892-O) e da ceca de San Francisco (1892-S). As moedas do tipo I, que son máis escasas en todas as cecas, distínguense doadamente por teren aproximadamente a metade da letra E de UNITED cuberta pola á da aguia do deseño.[3][6]

A opinión acerca das moedas da serie Barber, tanto a do público como a dos artistas, estaba daquela e segue a estar dividida. En 1915, membros da casa da moeda comezaron a suxerir o seu cambio, tendo en conta que o prazo mínimo establecido para a substitución se cumprían o ano seguinte. De feito, en 1916, a Casa da Moeda emitiu as moedas de dez centavos e dun cuarto de dólar da serie Barber, para satisfacer a demanda de moeda circulante, pero antes do final do ano xa comezaron a cuñarse os deseños que as substituían: os dez centavos tipo Mercury e o cuarto de dólar tipo "Liberdade en pé» (Standing Liberty) e o medio dólar tipo "Liberdade camiñando".[7][8][9]

O historiador de arte Cornelius Vermeule, no seu traballo sobre as moedas dos EEUU, mantivo unha visión máis positiva acerca das moedas da serie Barber: "a derradeira palabra canto aos seus méritos estéticos aínda non se escribiu. Pouco admiradas e coleccionadas durante máis de tres xeracións despois da súa aparición [está escrito en 1971], estas moedas, esencialmente conservadoras pero máis dignas, convertéronse de súpeto en extremadamente populares entre os coleccionistas".[10]

A finais dos anos 1970 e principios da década de 1980, fundíronse en lingotes grandes cantidades de moedas de prata da serie Barber, dado o incremento dos prezos da prata nesas datas.[11]

Deseño[editar | editar a fonte]

Os tres valores que compoñen a serie de moedas Barber representan nos seus anversos a cabeza da Liberdade de estilo clásico romano, ollando cara á dereita. A cabeza leva unha coroa formada por unha póla de oliveira e un pequeno diadema coa inscrición LIBERTY. O seu deseño está inspirado na deusa Ceres.[12][13][14]

No corte do pescozo da Liberdade engádese un pequeno monograma de Barber ("B") e as marcas da ceca están situadas nos exergos dos reversos:[15]

A maior parte de datas da serie Barber son bastante comúns, agás a moeda de dez centavos de 1894 da ceca de San Francisco (1894-S), cunha tiraxe de unicamente 24 unidades.[1]

Moeda de dez centavos[editar | editar a fonte]

No anverso da moeda de dez centavos (dimes), a cabeza da Liberdade aparece rodeada da lenda UNITED STATES OF AMERICA e o ano de emisión.[12]

No reverso presenta unha coroa feita con pólas de millo, trigo, pradairo e carballo unidas por unha cinta, que rodea as palabras ONE DIME (un décimo de dólar).[12]

Coa excepción da moeda de dez centavos 1894-S, non hai grandes rarezas nos "Dime" desta serie. As datas clave para a colección destas moedas, á parte da citada 1894-S, son: 1895-O, 1896-S, 1897-O, 1901-S e 1903-S.[12][16]

A rara data de 1894-S[editar | editar a fonte]

A moeda de dez centavos da serie Barber cuñada en San Francisco en 1894 (1884-S) é unha das grandes rarezas da numismática estadounidense, cunha tiraxe de 24 pezas en calidade de proba (cun acabamento e un brillo especiais).[17]

Rarísimo exemplar dun dime de 1894-S

Hai varias hipóteses para explicar que se cuñasen tan poucos exemplares. Segundo Nancy Oliver e Richard Kelly, no seu artigo de 2011 para The Numismatist, en xuño de 1894 a Casa de Moeda de San Francisco precisaba cuñar un valor de 2'40 dólares coa prata sobrante da fundición das moedas gastadas, o que se solucionaba fabricando 24 moedas de dez centavos. Naquel momento esperábase que ao longo do ano se cuñasen máis moedas de dez centavos, para completar unha tiraxe ordinaria, mais isto non chegou a ocorrer.[18]

Walter Breen, pola súa banda, relata que o superintendente da ceca de San Francisco, John Daggett, fico cuñar esas pezas para un grupo de banqueiros amigos seus, aos que lles deu tres pezas a cada un. Tamén lle tería dado tres espécimes á súa filla pequena, Hallie, para que puidese vendelos a bo prezo cando chegase á idade que el tiña daquela. Segundo esta explicación, a nena tería gastado unha das moedas nun xeado e conservado as outras dúas ata 1954. Unha das nove moedas coñecidas foi atopada en circulación, posteriormente, en 1957, e Breen especula con que esta sexa a que anos antes a pequena Hallie gastara no xeado.[17][19][20]

Unha destas dimes alcanzou o prezo de 1.552.500 dólares nunha poxa en 2007.[21] O 7 de xaneiro de 2016 superouse ese récord nunha poxa da casa Heritage Auctions, na que outro destes exemplares acadou 1.997.500 dólares.[22]

Moedas dun cuarto e de medio dólar[editar | editar a fonte]

Nas moedas dun cuarto e de medio dólar, o anverso amosa a cabeza da Liberdade, rodeada por trece estrelas de seis puntas. Na parte superior engádese o lema IN GOD WE TRUST ("confiamos en Deus") e no exergo a data de emisión.[13][14]

Os reversos presentan unha aguia heráldica, baseada no Gran Selo dos Estados Unidos, que ten no seu peteiro un pergamiño inscrito coa lenda E PLURIBUS UNUM ("de moitos, un"). Na súa gadoupa dereita leva unha pola de oliveira e na esquerda trece setas. Por riba da aguia figuran trece estrelas de cinco puntas e, arredor, a lenda UNITED STATES OF AMERICA, así como o valor facial da moeda.[13][14]

Nas moedas dun cuarto de dólar, as datas clave para os coleccionistas son 1896-S, 1901-S e 1913-S.[13][16] O medio dólar máis raro é unha variante do 1892-O coñecida como "micro O", xa que para a impresión da marca de ceca "O", de Nova Orleáns, se utilizou un punzón máis pequeno, destinado para as moedas dun cuarto de dólar.[23][24] Á parte deste, outras datas clave son 1892-S, 1893-S, 1897-O, 1914 e 1915.[14]

Como as moedas de medio dólar circularon moito, adoitan atoparse moi gastadas, e os seus prezos actuais dispáranse para os exemplares en estados de conservación excelentes.[25][26]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "1892-1916 Barber Dime History". Coin Community Family.
  2. 2,0 2,1 Moran, M. F. (2008). Páxina 67.
  3. 3,0 3,1 Julian, R. W. (2003).
  4. Breen, W. (1988). Páxina 322.
  5. Vermeule, C. (1971). Páxina 90.
  6. Breen, W. (1988). Páxinas 358-359.
  7. "1 Dime "Mercury Dime"". Numista.
  8. "¼ Dollar "Standing Liberty Quarter"". Numista.
  9. "½ Dollar "Walking Liberty Half Dollar"". Numista.
  10. Vermeule, C. (1971). Páxina 87.
  11. Taylor, S. (2005).
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 "1 Dime "Barber Dime"". Numista.com
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 "¼ Dollar "Barber Quarter"". Numista.com
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 "½ Dollar "Barber Half Dollar"". Numista.com
  15. Yeoman, R. S. (2014). Páxinas 155, 171, 206.
  16. 16,0 16,1 "1901-S Barber Quarter". Barber Quarters. 1892-1916 Barber Quarter Coin Guide.
  17. 17,0 17,1 "1894-S 10C, BM (Proof)". Professional Coin Grading Service.
  18. Oliver, N.; Kelly, R. (2011).
  19. "CoinWeek IQ: Story of the 1894-S Barber Dime Arquivado 18 de decembro de 2019 en Wayback Machine.". En Coin Week. 22 de maio de 2015.
  20. Breen, W. (1988). Páxina 323.
  21. Yeoman, R. S. (2014). Páxina 155.
  22. "Casi 2 millones de dólares por 10 centavos de 1894-S Barber subastado por Heritage Auctions Arquivado 18 de decembro de 2019 en Wayback Machine.". En Numismático Digital. 13 de xaneiro de 2016.
  23. "Barber Half Dollars: 1892 O Micro O". Numismatic Guaranty Corporation.
  24. "1892-O 50C Micro O Arquivado 18 de decembro de 2019 en Wayback Machine.". Professional Coin Grading Service.
  25. Guth, R.; Garrett, J. (2005). Páxinas 62, 76, 92.
  26. Yeoman, R. S. (2014). Páxinas 205-207.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]