Glándula suprarrenal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Glándula adrenal»)
Glándulas suprarrenais ou adrenais.
Zonas da glándula suprarrenal.

Nos mamíferos, as glándulas suprarrenais tamén chamadas glándulas adrenais son glándulas endócrinas que están situadas sobre a parte superior dos riles. Nos humanos a glándula suprarrenal dereita ten forma triangular e a esquerda ten forma semilunar. Son principalmente responsables da produción e liberación de hormonas en resposta ao estrés, que son corticoesteroides (por exemplo o cortisol) e catecolaminas (por exemplo, a adrenalina). As glándulas suprarrenais actúan sobre a función renal por medio da secreción da hormona aldosterona, que está implicada na regulación da osmolaridade do plasma sanguíneo.

Anatomía e Fisioloxía[editar | editar a fonte]

Un escaneado de tomografía computerizada no que se distinguen as suprarrenais con forma triangular sobre os riles.

Anatomicamente, as glándulas suprarrenais ou adrenais están localizadas no retroperitoneo na parte superior dos riles. Están rodeadas por unha cápsula adiposa e pola fascia renal. Nos humanos, as glándulas suprarrenais están ao nivel da 12ª vértebra torácica ou dorsal. Cada glándula adrenal comprende dúas partes distintas: a parte externa da glándula, que é o córtex adrenal, e a parte interna ou medula adrenal; ambas as partes producen hormonas. O córtex produce principalmente cortisol, aldosterona e menores cantidades de andróxenos e estróxenos, e a medula produce adrenalina e noradrenalina. O peso conxunto das glándulas suprarrenais é de entre 7 e 10 g nos humanos adultos.[1]

Córtex suprarrenal[editar | editar a fonte]

Corte histolóxico dunha glándula suprarrenal. O punteiro sinala o córtex.

O córtex suprarrenal ou córtex adrenal ten a función de sintetizar hormonas esteroides, fundamentalmente corticosteroides (mineralocorticoides e glicocorticoides) e pequenas cantidades de andróxenos e estróxenos. Células corticais específicas producen determinadas hormonas como aldosterona, cortisol, e andróxenos como a androstenediona. En condicións normais relaxadas (sen estrés), as células das glándulas suprarrenais humanas producen o equivalente de 35–40 mg de cortisona acetato diarias.[2] A diferenza da innervación directa que ten a medula suprarrenal, o córtex está regulado por outras hormonas neuroendócrinas segregadas pola hipófise ou pituitaria, que á súa vez está baixo o control hormonal do hipotálamo e polo do sistema renina-anxiotensina.

O córtex suprarrenal comprende tres zonas ou capas. Esta zonación anatómica pode apreciarse a nivel microscópico, onde cada zona pode ser recoñecida por características distintivas estruturais e anatómicas.[3] O córtex suprarrenal mostra tamén unha zonación funcional: debido ao diferente conxunto de encimas presentes en cada parte, cada zona produce distintas hormonas.[3]

Zona glomerulosa (externa)
A capa máis externa, a zona glomerulosa contén células cilíndricas de núcleo que se tingue fortemente cun extenso retículo endoplasmático liso e un aparato de Golgi grande. Esta zona é o principal sitio de produción de mineralocorticoides, principalmente aldosterona, que é en gran medida responsable da regulación a longo prazo da presión sanguínea. Os efectos da aldosterona afectan ao túbulo contornado distal e ao conduto colector dos nefróns dos riles, onde causa un incremento da reabsorción de sodio e un incremento da excreción de potasio (polas células principais) e de H+ (polas células intercaladas do conduto colector). A retención de sodio é tamén realizada polos condutos das glándulas salivares, polo colon distal, e polas glándulas sudoríparas ao seren estimulados os seus receptores de aldosterona. O principal estímulo para producir aldosterona é a anxiotensina II, entanto que a ACTH da hipófise só produce un efecto transitorio. A anxiotensina é estimulada polas células xustaglomerulares cando a presión sanguínea renal cae por debaixo de 90 mmHg.[4]
Zona fasciculada
Situada entre a glomerulosa e a reticular, a zona fasciculada supón o 78% do córtex, e está formada por células poliédricas grandes formando columnas, cun gran retículo endoplasmático liso e gran aparato de Golgi e moitas mitocondrias e pingas lipídicas citoplasmáticas. Os encimas necesarios para a síntese hormonal a partir do colesterol están nas mitocondrias e retículo endoplasmático liso [5]. Esta zona é responsable da produción de glicocorticoides, como o 11-desoxicorticosterona, corticosterona, e cortisol nos humanos. O cortisol é o principal glicocorticoide en condicións normais e as súas accións inclúen a mobilización das graxas, proteínas, e carbohidratos, pero non as incrementa en condicións de desnutrición.[4] Adicionalmente, o cortisol potencia a actividade doutras hormonas como o glicagón e as catecolaminas. A zona fasciculada segrega niveis basais de cortisol pero pode tamén producir picos da hormona en resposta á hormona adrenocorticotropa (ACTH) da adenohipófise ou pituitaria anterior.
Zona reticular
A capa máis interna do córtex humano, a zona reticular, é unha rede anastomosada de cordóns celulares de células con pingas lipídicas citoplasmáticas e un gran retículo endoplasmático liso. Producen andróxenos, principalmente deshidroepiandrosterona (DHEA), DHEA sulfato (DHEA-S), e androstenediona (o precursor da testosterona) nos humanos.[4][6] Non en todas as especies animais se pode distinguir unha zona reticular e non sempre está dedicada a producir andróxenos, como ocorre nos ratos, onde a zona produce corticosteroides (especificamente corticosterona, non cortisol), e as femias dos roedores teñen ademais outra capa chamada "zona X" de función incerta.

Síntese e accións das hormonas do córtex[editar | editar a fonte]

Todas as hormonas adrenocorticais se sintetizan a partir do colesterol que chega á glándula. Noutros tecidos poden orixinarse tamén hormonas esteroides, pero as reaccións que producen aldosterona e cortisol (posteriores á formación de proxesterona) só se dan fundamentalmente no córtex suprarrenal. Estas reaccións finais son:

Accións dos mineralocorticoides[editar | editar a fonte]

Prodúcense na zona glomerulosa. O principal mineralocorticoide é a aldosterona. A súa secreción é regulada polo oligopéptido anxiotensina II (a anxiotensina II é regulada pola anxiotensina I, a cal á súa vez está regulada pola renina). A aldosterona segrégase en resposta aos niveis extracelulares altos de potasio, baixos de sodio, e baixos niveis de fluídos e de volume sanguíneo. Os efectos da aldosterona son:

  • Incrementa a excreción urinaria de ións potasio.
  • Incrementa os niveis intersticiais de ións sodio.
  • Incrementa a retención de auga e o volume sanguíneo.

Acción dos glicocorticoides[editar | editar a fonte]

Os glicocorticoides prodúcense na zona fasciculada. O principal nos humanos é o cortisol, e en moitos outros animais a corticosterona. A súa secreción está regulada pola hormona adrenocorticotropa (ACTH) da adenohipófise ou pituitaria anterior e esta á súa vez está controlada hormonalmente polo hipotálamo.

O cortisol potencia o metabolismo das súas células diana de diferentes modos:

  • Estimula a liberación de aminoácidos no corpo.
  • Estimula a lipólise.
  • Estimula a gliconeoxénese.
  • Incrementa os niveis sanguíneos de glicosa en resposta ao estrés, inhibindo a captación de glicosa no músculo e no tecido adiposo.
  • Aumenta a forza das contraccións cardíacas.
  • Incrementa a retención de auga.
  • Ten efectos antiinflamatorios e antialérxicos.

Andróxenos e estróxenos[editar | editar a fonte]

Os andróxenos prodúcense na zona reticular en pequenas cantidades. Os andróxenos máis importantes son: testosterona, dihidrotestosterona (DHT), androstenediona, deshidroepiandrosterona (DHEA), e deshidroepiandrosterona sulfato (DHEA-sulfato). No córtex suprarrenal tamén se poden producir pequenas cantidades de estróxenos, polo que é unha das fontes de estróxenos dos tecidos periféricos para as mulleres menopáusicas, nas cales os ovarios xa non os producen [7].

Medula suprarrenal[editar | editar a fonte]

Corte da glándula suprarrenal. O punteiro sinala a medula suprarrenal.

A medula suprarrenal ou medula adrenal ocupa a parte central da glándula, e está rodeada polo córtex suprarrenal. O límite entre a zona reticular e a medula non é moi nítido nos humanos, xa que hai columnas de células do córtex que penetran algo na medula. A medula segrega aproximadamente un 20% de noradrenalina e un 80% de adrenalina.[4] As células cromafíns da medula, denominadas así pola súa característica tinguidura castaña con sales do ácido crómico, son a principal fonte do corpo das catecolaminas circulantes adrenalina (epinefrina) e noradrenalina (norepinefrina). As catecolaminas derivan do aminoácido tirosina e estas hormonas hidrosolubles son as principais hormonas que inflúen na resposta de loita ou fuxida. As células que producen noradrenalina teñen gránulos de núcleo denso rodeados de membrana, que conteñen dita hormona. As que liberan adrenalina teñen gránulos homoxéneos e menos densos. Os gránulos libéranse por exocitose [5].

Para levar a cabo a súa parte desta resposta, a medula suprarrenal recibe innervación do sistema nervioso simpático por medio de fibras preganglionares orixinadas na medula espiñal torácica de T5–T11.[8] Como está innervada por fibras de nervios preganglionares, a medula adrenal pode ser considerada como un ganglio simpático especializado.[8] As células medulares derivan da crista neural embrionaria, polo que poden considerarse neuronas modificadas. Porén, a diferenza doutros ganglios simpáticos, a medula adrenal carece de sinapses visibles e libera as súas secrecións directamente no sangue. Como o sistema nervioso autónomo exerce un control directo sobre as células cromafíns, a liberación de hormonas ten lugar moi rapidamente. En resposta a un estrés, como pode ser o exercicio ou un perigo inminente, as células da medula suprarrenal liberan catecolaminas no sangue na proporción 17:3 de adrenalina:noradrenalina.

O cortisol tamén favorece a síntese de adrenalina na medula suprarrenal. O cortisol producido no córtex chega á medula adrenal en grandes cantidades, e alí pode promover o aumento da expresión do encima feniletanolamina N-metiltransferase (PNMT), o que aumentará a síntese e secreción de adrenalina.[3]

Subministración de sangue[editar | editar a fonte]

Normalmente, hai tres arterias que irrigan cada glándula suprarrenal:

A drenaxe venosa da glándula realízana as veas suprarrenais:

As veas suprarrenais poden formar anastomoses coas veas frénicas inferiores. Como a vea suprarrenal dereita é curta e desemboca directamente na vea cava inferior é probable que dane a esta última durante a extirpación da glándula suprarrenal dereita.

As glándulas adrenais e a glándula tiroide son os órganos do corpo que teñen o maior subministración de sangue por gramo de tecido. Ata 60 arteriolas poden irrigar cada glándula suprarrenal.[9] Esta pode ser unha das razóns polas que o cáncer de pulmón con frecuencia crea metástases nas glándulas suprarrenais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Page 18 in: Boué A, Nicolas A, Montagnon B (1971). "Reinfection with rubella in pregnant women". Lancet 297 (7712): 1251–3. PMID 4104713. doi:10.1016/S0140-6736(71)91775-2. 
  2. Jefferies, William McK (2004). Charles C. Thomas, ed. Safe uses of cortisol. Springfield, Ill. ISBN 0-398-07500-X. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Whitehead, Saffron A.; Nussey, Stephen (2001). BIOS, ed. Endocrinology: an integrated approach. Oxford. p. 122. ISBN 1-85996-252-1. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Dunn R. B., Kudrath W., Passo S.S., Wilson L.B. (2011). "10". Kaplan USMLE Step 1 Physiology Lecture Notes (en English). pp. 263–289. 
  5. 5,0 5,1 D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 522-532. ISBN 84-7605-361-4
  6. Rainey WE, Nakamura Y (2008). "Regulation of the adrenal androgen biosynthesis". J. Steroid Biochem. Mol. Biol. 108 (3-5): 281–6. PMC 2699571. PMID 17945481. doi:10.1016/j.jsbmb.2007.09.015. 
  7. Nelson LR, Bulun SE (September de 2001). "Estrogen production and action". J. Am. Acad. Dermatol. 45 (3 Suppl): S116–24. DOI: 10.1067/mjd.2001.117432.
  8. 8,0 8,1 Sapru, Hreday N.; Siegel, Allan (2007). Lippincott Williams & Wilkins - Hagerstown, MD, ed. Essential Neuroscience. ISBN 0-7817-9121-9. 
  9. Mirilas P, Skandalakis JE, Colborn GL, Weidman TA, Foster RS, Kingsnorth A, Skandalakis LJ, Skandalakis PN (2004). McGraw-Hill Professional Publishing, ed. Surgical Anatomy: The Embryologic And Anatomic Basis Of Modern Surgery. ISBN 960-399-074-4. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • MedlinePlus|002219 [1]
  • AnatomyAtlasesMicroscopic|15|292 [2] - "Adrenal Gland"
  • BUHistology|14501loa [3]
  • SUNYAnatomyLabs|40|03|01|05 [4]Arquivado 22 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. - "Posterior Abdominal Wall: The Retroperitoneal Fat and Suprarenal Glands"
  • Adrenal Gland, from Colorado State University