Galegos nos Xogos Olímpicos de 2020

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A piragüista Teresa Portela converteuse na muller española con máis participacións nos Xogos, seis. En Toquio acadou a medalla de prata.

Nos Xogos Olímpicos de 2020 en Toquio participaron un total de 21 deportistas galegos, integrados no equipo olímpico español, 12 homes e 9 mulleres. Foi a representación máis numerosa da historia do deporte olímpico galego, e foron 7 deportistas máis dos que participaron nos Xogos Olímpicos de 2016.[1]

Os resultados foron tamén os mellores do olimpismo galego, cunha colleita de seis medallas (superando as catro de Londres 2012) e nove diplomas olímpicos. Dos 21 deportistas galegos, só catro quedaron fóra dos oito primeiros nas súas respectivas modalidades. Destacou o caso do concello de Cangas, que enviou catro deportistas aos Xogos (Rodrigo Corrales, Teresa Portela, Rodrigo Germade e Iván Villar) e os catro regresaron con medalla.[2]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

A maior participación de galegos nas olimpíadas antes de Toquio 2020 dérase tanto en Barcelona 92 como en Sydney 2000 con 17 deportistas en ambas convocatorias. En Toquio 2020 bateuse esa marca, con catro competidores máis que en Barcelona e Sydney, e con 7 máis dos que participaron nos anteriores xogos, en Río de Xaneiro 2016. Daquela foran 14 os participantes, cunha colleita de 1 medalla.

Lista de participantes[editar | editar a fonte]

A seguinte táboa amosa a lista dos deportistas galegos que participaron nas diversas probas da cita olímpica xaponesa:[3]

Deporte Deportista Proba Resultado
Atletismo Adrián Ben 800 metros 5º (diploma)
Ana Peleteiro Triplo salto feminino Medalla de bronce Bronce
Belén Toimil Lanzamento de peso 22ª
Baloncesto Alberto Abalde Torneo masculino 1/4 de final (diploma)
Tamara Abalde Torneo feminino 1/4 de final (diploma)
Raquel Carrera
Balonmán Alicia Fernández Torneo feminino Fase de grupos
Rodrigo Corrales Torneo masculino Medalla de bronce Bronce
Boxeo Enmanuel Reyes -91 kg (pesos pesados) 1/4 de final (diploma)
Fútbol Iván Villar Torneo masculino Medalla de prata Prata
Monopatinaxe Julia Benedetti Parque 16ª
Piragüismo Carlos Arévalo K-1 200 m masculino 5º (diploma)
K-4 500 m masculino Medalla de prata Prata
Rodrigo Germade K-4 500 m masculino
Antía Jácome C-1 200 m feminino 5ª (diploma)
Teresa Portela K-1 200 m feminino Medalla de prata Prata
Remo Caetano Horta LM2x 7º (diploma)
Tiro con arco Dani Castro Individual masculina 1/32 de final
Dobres mixto 21º
Tríatlon Javier Gómez Noya Proba masculina 25º
Vela Támara Echegoyen 49er FX 4ª (diploma)
Iago López Marra 49er 4º (diploma)
Nico Rodríguez 470 Medalla de bronce Bronce

Actuación dos deportistas[editar | editar a fonte]

Alberto Abalde[editar | editar a fonte]

Alberto Abalde e a selección española de baloncesto clasificáronse para as eliminatorias, despois de derrotaren na fase de grupos á Arxentina e ao Xapón e de perder contra a Eslovenia de Dončić. Xa nos cuartos de final, non puideron cos Estados Unidos liderados por Kevin Durant, quedando eliminados cun marcador de 81-95.[4]

Tamara Abalde e Raquel Carrera[editar | editar a fonte]

A xogadora de baloncesto Tamara Abalde disputou en Toquio os seus segundos Xogos Olímpicos, 13 anos despois de estar nos de Pequín, mentres que foi a primeira participación de Raquel Carrera, de 19 anos. Coa selección española conseguiron tres vitorias nos tres partidos da fase de grupos, contra Serbia, Canadá e Corea do Sur, caendo nos cuartos de final contra Francia nun apertado final de partido (64-67).[5]

Carlos Arévalo e Rodrigo Germade[editar | editar a fonte]

O betanceiro Carlos Arévalo disputou en Toquio os seus primeiros Xogos Olímpicos, participando en dúas probas, o K1 200m e o K4 500m. Na primeira delas quedou segundo na primeira serie e terceiro nas semifinais, meténdose así nunha final na que conseguiu un diploma olímpico ao acabar na quinta posición, a menos de dúas décimas das medallas.[6]

Na proba de K4 500m formou equipo co tamén galego Rodrigo Germade, con Marcus Walz e con Saúl Craviotto. Clasificáronse para as semifinais como primeiros da súa serie, e metéronse na final ao acabar as semifinais tamén na primeira posición.[7] Xa na regata final, colocáronse na primeira posición dende a saída, pero foron adiantados nos metros finais pola piragua alemá, formada por Max Rendschmidt, Ronald Rauhe, Tom Liebscher e Max Lemke, obtendo deste xeito a medalla de prata. Completou o podio a embarcación eslovaca.[8]

Adrián Ben[editar | editar a fonte]

O viveirense Adrián Ben comezou a súa primeira participación nos Xogos Olímpicos o 31 de xullo, nunha primeira carreira na que logrou o pase ás semifinais cun tempo de 1:45.30, o mellor tempo dun español nos 800 metros na historia dos Xogos.[9] Xa nas semifinais, rebaixou nun segundo o tempo do día anterior, conseguindo clasificarse por tempo e converténdose no primeiro español en meterse nunha final olímpica de 800 metros.[10] Na final, disputada o día 4 de agosto, logrou o quinto posto, nunha carreira que gañou o kenyano Emmanuel Korir.[11]

Julia Benedetti[editar | editar a fonte]

A coruñesa Julia Benedetti, con 16 anos de idade, entrou na historia dos Xogos Olímpicos ao ser unha das 20 deportistas e a única española, en disputar a proba de parque na estrea da monopatinaxe como deporte olímpico. Sufriu unha caída en cada un dos tres exercicios que realizou, polo que obtivo unha baixa puntuación e non puido meterse na final. Rematou no posto 16º.[12][13]

Dani Castro[editar | editar a fonte]

O arqueiro pontés Dani Castro conseguiu a praza olímpica despois de que a Federación Española de Tiro con Arco a puxese de novo en xogo despois do adiamento dos Xogos, a pesar das reclamacións de Miguel Alvariño, que gañara a praza antes da irrupción da pandemia de COVID-19.[14] Xa en Toquio, comezou disputando a proba de clasificación para a competición de dobres mixto, facendo parella con Inés de Velasco, pero acabaron no posto 21º, cando só os 16 primeiros accedían á competición.[15] Na proba individual enfrontouse na primeira eliminatoria (1/32 de final) ao taiwanés Wei Chun-heng. Gañou o primeiro set pero perdeu os tres seguintes, despedíndose así da competición olímpica.[16]

Rodrigo Corrales[editar | editar a fonte]

O cangués Rodrigo Corrales compartiu a portería da selección española de balonmán con Gonzalo Pérez de Vargas. O equipo, capitaneado por Raúl Entrerríos, acadou as semifinais do torneo, onde foi eliminado pola Dinamarca de Niklas Landin. Logrou o bronce ao derrotar no partido polo terceiro posto ao combinado exipcio.[17]

Támara Echegoyen[editar | editar a fonte]

A regatista ourensá Támara Echegoyen competiu xunto a Paula Barceló na clase 49er FX, rematando na cuarta posición con 89 puntos, a un só punto das neerlandesas Annemiek Bekkering e Annette Duetz.[18]

Alicia Fernández[editar | editar a fonte]

A xogadora de balonmán Alicia Fernández non puido pasar da fase de grupos do torneo olímpico, despois de que a selección española obtivese dúas vitorias e tres derrotas.[19]

Javier Gómez Noya[editar | editar a fonte]

Javier Gómez Noya preparouse durante meses na illa mexicana de Cozumel, onde adestrou con condicións climatolóxicas semellantes ás que tería en Toquio.[20] Xa na cita olímpica foi o participante de máis idade (38 anos). Acabou o sector de natación con máis de 40 segundos de desvantaxe co grupo de cabeza, diferenza que foi eliminando no sector ciclista ata enlazar cos primeiros. Con todo, na carreira a pé, non puido seguir o ritmo que marcaron os atletas da parte dianteira, entrando finalmente na meta na 25ª posición, a máis de dous minutos do vencedor, o noruegués Kristian Blummenfelt.[21][22]

Caetano Horta[editar | editar a fonte]

O remeiro noiés Caetano Horta chegou aos Xogos Olímpicos con 18 anos, despois de que o remeiro de Moaña Rodrigo Conde renunciase á súa praza no dobre scull lixeiro.[23] Participou xunto a Manel Balastegui, rematando a súa quenda na cuarta posición de seis embarcacións, fóra dos dous primeiros postos que daban o acceso directo ás semifinais. Na repesca conseguiu o segundo posto e o pase ás semifinais.[24] Nestas obtivo un quinto posto, quedando así fóra da final, á que só accedían as tres primeiras embarcacións de cada semifinal.[25] Ao día seguinte gañou a Final B, o que supuxo o sétimo posto absoluto e o diploma olímpico.[26]

Antía Jácome[editar | editar a fonte]

A padexeira pontevedresa Antía Jácome participou nos seus primeiros Xogos Olímpicos na modalidade C1 200m, logrando meterse na final despois de conseguir un terceiro posto na primeira serie, o primeiro lugar nos cuartos de final e un cuarto nas semifinais.[27] Na final acadou o quinto posto, quedando a dúas décimas das medallas.[28]

Iago López Marra[editar | editar a fonte]

O regatista de Portosín Iago López Marra competiu na clase 49er xunto a Diego Botín. Aínda que chegaron á Medal Race en terceira posición, tiveron que conformarse co cuarto posto final, despois de acabar sétimos na regata decisiva. Finalizaron empatados a puntos (70) cos terceiros clasificados, os alemáns Erik Heil e Thomas Plößel.[18]

Peleteiro meteuse na final de triplo salto coa súa mellor marca persoal do ano e a mellor marca española da historia nos Xogos. Na final conseguiu a medalla de bronce, a primeira medalla olímpica na historia do atletismo galego. Fíxoo despois de bater por dúas veces o récord de España.

Ana Peleteiro[editar | editar a fonte]

Despois de dominar de xeito absoluto o triplo salto español durante o último lustro, Ana Peleteiro disputou en Toquio os seus primeiros Xogos Olímpicos, xa que perdera os anteriores por unha lesión.[29] Comezou a súa andaina olímpica o 30 de xullo, meténdose na final cun salto de 14,62 m, a súa mellor marca persoal do ano e a mellor marca española da historia nos Xogos.[30] Na final, disputada o día 1 de agosto, conseguiu a medalla de bronce, a primeira medalla olímpica na historia do atletismo galego.[31] Fíxoo despois de bater por dúas veces o récord de España, deixándoo en 14,87 m, marca coa que rematou terceira por detrás da venezolana Yulimar Rojas (que bateu o récord do mundo con 15,67 m) e a portuguesa Patrícia Mamona (15,01 m).[32]

Teresa Portela[editar | editar a fonte]

A piragüista Teresa Portela converteuse en Toquio na muller española con máis participacións nos Xogos Olímpicos: seis.[33] Xa na competición, obtivo o primeiro posto na primeira serie e o cuarto nas semifinais, meténdose na súa sexta final olímpica.[34] Na manga final entrou na historia logrando unha medalla de prata 21 anos despois do seu debut nos Xogos, así como a primeira medalla para unha muller galega en piragüismo. Chegou á meta cun tempo de 38,883 s, por detrás da neozelandesa Lisa Carrington e por diante da danesa Emma Jørgensen.[35]

Enmanuel Reyes[editar | editar a fonte]

O boxeador cubano-galego comezou a súa primeira participación olímpica nos oitavos de final, onde gañou por K.O. ao casaco Vasïlïy Levït.[36] Xa en cuartos, o seu rival foi o tamén cubano Julio César La Cruz. Nun combate moi igualado, La Cruz impúxose no primeiro asalto, mentres que o segundo foi para o boxeador da Coruña. No terceiro e derradeiro asalto Reyes comezou ben, pero na parte final foi superior La Cruz, ao que os xuíces deron como gañador final.[37]

Nico Rodríguez[editar | editar a fonte]

O regatista vigués Nico Rodríguez participou en vela, formando parella na clase 470 co catalán Jordi Xammar. Gañaron dúas das regatas e remataron na terceira posición final, conseguindo o bronce por detrás da embarcación australiana e a sueca.[38]

Belén Toimil[editar | editar a fonte]

A atleta de Mugardos disputou a proba de lanzamento de peso buscando a clasificación para a final. Os seus dous primeiros lanzamentos foron nulos, polo que no terceiro realizou un lanzamento máis conservador, pero este quedou curto, ficando a atleta fóra da final por só 5 centímetros.[39]

Iván Villar[editar | editar a fonte]

O xogador do Celta de Vigo, Iván Villar, foi un dos porteiros da selección española no torneo masculino de fútbol. Aínda que non chegou a debutar no torneo, sendo o gardameta titular o vitoriano Unai Simón, conseguiu a medalla de prata despois de que o seu equipo xogase e perdese a final contra o Brasil de Dani Alves.[40]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alonso, Paulo (17 de xullo de 2021). "Galicia presentará en los Juegos Olímpicos de Tokio su mejor delegación de la historia". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 23 de xullo de 2021. 
  2. "Los Juegos de Galicia". Faro de Vigo (en castelán). 8 de agosto de 2021. Consultado o 8 de agosto de 2021. 
  3. Abelenda, Daniel (22 de xullo de 2021). "Todos los deportistas gallegos en las Olimpiadas de Tokio 2020" (en castelán). Consultado o 23 de xullo de 2021. 
  4. Álvarez, Robert (3 de agosto de 2021). "Kevin Durant oficia la eliminación de España y la despedida de Pau Gasol". El País (en castelán). Consultado o 3 de agosto de 2021. 
  5. "Alba se queda sin medalla" (en castelán). 4 de agosto de 2021. Consultado o 4 de agosto de 2021. 
  6. Alonso, Paulo (5 de agosto de 2021). "Carlos Arévalo, quinto en la final de K1 200 de Tokio, a una décima del podio". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 5 de agosto de 2021. 
  7. Alonso, Paulo (7 de agosto de 2021). "Galicia luce como potencia mundial con la plata del K4 500 en Tokio". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 8 de agosto de 2021. 
  8. "El K4 500 liderado por Craviotto es de... ¡Plata!" (en castelán). 7 de agosto de 2021. Consultado o 8 de agosto de 2021. 
  9. "Adrián Ben accede a semifinales tras otra carrera histórica". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de xullo de 2021. Consultado o 31 de xullo de 2021. 
  10. González-Amat, Xavier (1 de agosto de 2021). "Adrián Ben, primer español en una final olímpica de 800". Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 1 de agosto de 2021. 
  11. "Adrián Ben, quinto e diploma olímpico nos seus primeiros Xogos". Nós Diario. 4 de agosto de 2021. Consultado o 4 de agosto de 2021. 
  12. "A benxamina da delegación galega, Julia Benedetti, acaba no posto 16". CRTVG. 4 de agosto de 2021. Consultado o 4 de agosto de 2021. 
  13. "La skater gallega Julia Benedetti se queda sin medalla en sus primeros Juegos Olímpicos" (en castelán). 4 de agosto de 2021. Consultado o 4 de agosto de 2021. 
  14. Valencia, José; Elías, C. (24 de xuño de 2021). "El arquero pontés Daniel Castro logra la plaza española para tomar parte en los Juegos Olímpicos de Tokio". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 26 de xullo de 2021. 
  15. "Dani Castro e Inés de Velasco no logran acceder a la competición mixta de los Juegos Olímpicos". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xullo de 2021. Consultado o 26 de xullo de 2021. 
  16. "O arqueiro pontés Dani Castro, fóra na primeira eliminatoria". CRTVG. 29 de xullo de 2021. Consultado o 29 de xullo de 2021. 
  17. "Rodrigo Corrales acada o bronce coa selección española de balonmán". CRTVG. 7 de agosto de 2021. Consultado o 8 de agosto de 2021. 
  18. 18,0 18,1 "A Echegoyen-Barceló y Botín-López Marra se les escapa la medalla". Marca (en castelán). 3 de agosto de 2021. Consultado o 3 de agosto de 2021. 
  19. "Alicia Fernández: "Lo dejamos todo en la pista, pero no pudo ser"". Mundo Deportivo (en castelán). 2 de agosto de 2021. Consultado o 3 de agosto de 2021. 
  20. Giovio, Eleonora (25 de xullo de 2021). "Las nueve semanas de Javier Gómez Noya en el horno de Cozumel: entrenos a 39,8 de temperatura corporal". El País (en castelán). Consultado o 26 de xullo de 2021. 
  21. Alonso, Paulo (26 de xullo de 2021). "Gómez Noya, un adiós con el máximo sufrimiento en los Juegos de Tokio". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 26 de xullo de 2021. 
  22. "Resultados Toquio 2020". triathlon.org (en inglés). Consultado o 26 de xullo de 2021. 
  23. "Caetano Horta, orgullo noiés en los Juegos Olímpicos de Tokio". El Correo Gallego (en castelán). 12 de abril de 2021. Consultado o 23 de xullo de 2021. 
  24. "O dobre scull de Caetano Horta métese nas semifinais". CRTVG. 25 de xullo de 2021. Consultado o 26 de xullo de 2021. 
  25. Espiño, Diego (28 de xullo de 2021). "Caetano Horta, á final B no dobre scull lixeiro de remo". Pontevedra Viva. Consultado o 28 de xullo de 2021. 
  26. Espiño, Diego (29 de xullo de 2021). "Caetano Horta le da al CGTD un diploma olímpico en el doble scull ligero remo". Pontevedra Viva. Consultado o 29 de xullo de 2021. 
  27. Espiño, Diego (4 de agosto de 2021). "Antía Jácome avanza a semifinais na súa estrea nos Xogos Olímpicos". Pontevedra Viva. Consultado o 5 de agosto de 2021. 
  28. Espiño, Diego (5 de agosto de 2021). "Diploma olímpico para Antía Jácome cun brillante quinto posto no C-1 200 metros". Pontevedra Viva. Consultado o 5 de agosto de 2021. 
  29. "Ana Peleteiro renuncia a los Juegos de Río". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de xuño de 2016. Consultado o 31 de xullo de 2021. 
  30. G. Mariñas, Carmen (30 de xullo de 2021). "Ana Peleteiro estará na final do triplo salto". Consultado o 31 de xullo de 2021. 
  31. Castro, Xosé Ramón (1 de agosto de 2021). "Ana Peleteiro, bronce olímpico con récord de España: 14,87 metros". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 1 de agosto de 2021. 
  32. "Ana Peleteiro gaña o bronce en triple salto". Nós Diario. 1 de agosto de 2021. Consultado o 1 de agosto de 2021. 
  33. Espiño, Diego (9 de abril de 2021). "Teresa Portela imponse no selectivo de Verducido e gaña oficialmente a praza para os Xogos de Tokyo". Pontevedra Viva. Consultado o 9 de abril de 2021. 
  34. Alonso, Paulo (3 de agosto de 2021). "Teresa Portela pasa a la final olímpica de Tokio de K1 200 a sus 39 años". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 3 de agosto de 2021. 
  35. Alonso, Paulo (Plata de leyenda para Teresa Portela en los Juegos de Tokio). "Plata de leyenda para Teresa Portela en los Juegos de Tokio". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o Plata de leyenda para Teresa Portela en los Juegos de Tokio. 
  36. "El coruñés Enmanuel Reyes noquea al subcampeón olímpico de boxeo en su debut en Tokio 2020" (en castelán). 27 de xullo de 2021. Consultado o 31 de xullo de 2021. 
  37. "Polémica derrota del boxeador Reyes Pla ante Julio César la Cruz en Tokio". Mundo Deportivo (en castelán). 30 de xullo de 2021. Consultado o 31 de xullo de 2021. 
  38. "Terceira medalla para Galicia: o vigués Nico Rodríguez, bronce na clase 470 de vela". CRTVG. 4 de agosto de 2021. Consultado o 4 de agosto de 2021. 
  39. "Belén Toimil se queda fuera de la final de lanzamiento de peso". RTVE (en castelán). 30 de xullo de 2021. Consultado o 31 de xullo de 2021. 
  40. "Brasil fue mejor, tocó plata" (en castelán). 7 de agosto de 2021. Consultado o 8 de agosto de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]