Rodrigo Germade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Rodrigo Germade
Rodrigo Germade Rio 2016.jpg
Nacemento23 de agosto de 1990
 Cangas
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónkayaker
editar datos en Wikidata ]

Rodrigo Germade Barreiro, nado en Cangas o 23 de agosto de 1990, é un piragüista galego. Especialista nas distancias de 500 e 1000 metros do K2 e do K4, foi campión do mundo en 2017 e 2021, campión de Europa en 2018 e medalla de prata nos Xogos Olímpicos de 2020. Foi ademais tres veces subcampión mundial, unha vez subcampión europeo, medalla de ouro nos Xogos Mediterráneos de 2018 e diploma olímpico en Río 2016.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou a practicar piragüismo no seu Cangas natal e aos 10 anos competía e gañaba contra rapaces de máis idade, participando con documentación falsa.[1] Xogou tamén ao fútbol na canteira do Alondras, pero deixouno aos 13 anos para dedicarse completamente ao piragüismo. Formou parte durante anos do Club Breogán do Grove e en 2007 entrou na Residencia Blume de Madrid.

En 2008, como júnior, conseguiu proclamarse campión de Europa en K2 500m, e subcampión en K2 1000m, nas probas disputadas en Szeged (Hungría), formando equipo co cambadés Paulino Otero.[2]

En 2009 comezou a adestrar o K4 1000m, co obxectivo de cualificar o equipo español para os Xogos de Londres.[3] Porén, non abandonou o K2, co que participou nos Xogos Mediterráneos de Pescara en 2009, en 1000m co vasco Íñigo Peña. En 2010 fichou polo Piragüismo Aldán e ese mesmo ano proclamouse campión de España de K2 1000m canda Carlos Pérez Rial. Ademais competiu internacionalmente durante os seguintes anos en varias embarcacións de K4, formando equipo entre outros cos tamén galegos Borja Prieto, Diego Piña ou Jovino González.

En xullo de 2012, en Montemor-o-Velho, proclamouse subcampión de Europa sub-23 no K4 1000m, xunto a Álvaro Bravo, Óscar Carrera e Roberto Abal,[4] medalla que repetiu na edición do ano seguinte, na que sumou tamén un bronce en K2 500.[5][6] Na categoría absoluta, rematou en 2013 cuarto no Europeo absoluto e oitavo no Mundial, ambas no K4 1000.[7][8]

Monumento homenaxe a Rodrigo Germade e outros padexeiros olímpicos de Aldán

En 2015 quedou terceiro no Campionato de Europa disputado en Račice, formando equipo con Javier Hernanz, Óscar Carrera e Íñigo Peña, e obtivo un sexto posto co mesmo equipo no Mundial.[9][10] En 2016 acudiu xunto aos mesmos tres padexeiros aos seus primeiros Xogos Olímpicos, os do Río de Xaneiro, participando na proba de K4 1000m. Conseguiron meterse na final, onde quedaron quintos, obtendo así un diploma olímpico.[11]

En agosto de 2017 proclamouse campión do mundo en Račice, ao gañar o ouro na final de K2 500 m xunto a Marcus Walz.[12] Ao día seguinte no mesmo certame, conseguiu o subcampionato mundial do K4 500, xunto ao propio Walz, Carlos Garrote e Cristian Toro, quedando segundos por detrás do equipo alemán formado por Liebscher, Rauhe, Lemke e Rendschmidt.[13] En 2018, con Saúl Craviotto substituíndo no K4 a Garrote, repetiu o subcampionato mundial dos 500 metros, de novo por detrás do equipo alemán,[14] e proclamouse campión de Europa en Belgrado na mesma distancia. Ademais quedou subcampión europeo no K2 500 con Walz,[15] co que gañou tamén a medalla de ouro nos Xogos Mediterráneos de Tarragona.[16]

No 2019 en Szeged, volveu ser subcampión do mundo no K4 500 metros, rematando por terceiro ano consecutivo detrás do kaiak dos mesmos catro padexeiros alemáns.[17] En marzo de 2021 logrou clasificarse para a proba de K4 500 m dos Xogos Olímpicos de Toquio 2020.[18] Na capital xaponesa, clasificáronse para as semifinais como primeiros da súa serie e metéronse na final ao acabar as semifinais tamén na primeira posición.[19] Xa na regata final, colocáronse na primeira posición dende a saída, pero foron adiantados nos metros finais pola piragua alemá, obtendo deste xeito a medalla de prata.[20] Un mes e medio despois proclamouse xunto a Walz, campión do mundo de K2 500, no certame celebrado en Copenhague, superando por menos dun segundo á embarcación alemá de Martin Hiller e Tobias-Pascal Schultz.[21]

Palmarés internacional[editar | editar a fonte]

Xogos Olímpicos
Ano Lugar Competición Medalla
2021 Flag of Japan.svg Toquio K4 500 m Medalla de prata Prata
Campionato Mundial
Ano Lugar Competición Medalla
2017 República Checa Račice K2 500 m Medalla de ouro Ouro
K4 500 m Medalla de prata Prata
2018 Portugal Montemor-o-Velho K4 500 m Medalla de prata Prata
2019 Hungría Szeged K4 500 m Medalla de prata Prata
2021 Dinamarca Copenhague K2 500 m Medalla de ouro Ouro
Campionato Europeo
2015 República Checa Račice K4 1000 m Medalla de bronce Bronce
2018 Flag of Serbia.svg Belgrado K4 500 m Medalla de ouro Ouro
K2 500 m Medalla de prata Prata
Xogos Mediterráneos
2018 España Tarragona K2 500 Medalla de ouro Ouro

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alonso, Paulo (6 de novembro de 2017). "Rodrigo Germade: «De niño soñaba con ser Jacques Cousteau»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 30 de xullo de 2021. 
  2. "Los gallegos Otero y Germade, oro en K-2 500 metros en el Europeo júnior". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de xullo de 2008. Consultado o 30 de xullo de 2021. 
  3. Los gallegos Rodríguez Germade y Borja Prieto se acercan a Londres 2012, El Correo Gallego, 10/4/2011.
  4. "España logra el subcampeonato europeo en K4 en 1000 metros". La Voz de Galicia (en castelán) (Vigo ed.). 15 de xullo de 2012. p. L9. 
  5. "Germade, Carrera y Millán se cuelgan la plata en Poznan". La Voz de Galicia (en castelán) (Vigo ed.). 30 de xuño de 2013. 
  6. "Carrera y Germade repiten podio en el Europeo sub 23". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de xullo de 2013. p. 42. 
  7. "Resultados Europeo 2013". canoeresults.eu (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2021. 
  8. "Resultados do Mundial de 2013" (PDF). Federación Internacional de Piragüismo (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2021. 
  9. "Resultados Račice 2015" (PDF). Federación Internacional de Piragüismo (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2021. 
  10. "Resultados do Mundial de 2015" (PDF). Federación Internacional de Piragüismo (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2021. 
  11. "Resultados Rio 2016". rio2016.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2016. Consultado o 30 de xullo de 2021. 
  12. "Marcus Cooper y Rodrigo Germade, campeones del mundo en K2-500". Cadena SER (en castelán). 26 de agosto de 2017. Consultado o 30 de xullo de 2021. 
  13. "Resultados do Mundial de 2017" (PDF). Federación Internacional de Piragüismo (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2021. 
  14. "Resultados do Mundial de 2018" (PDF). Federación Internacional de Piragüismo (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2021. 
  15. "Resultados do Europeo de 2018". canoeresults.eu (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2021. 
  16. "K2 500 nos Xogos Mediterráneos de 2018" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de xullo de 2018. Consultado o 30 de xullo de 2021. 
  17. "Resultados do Mundial de 2019" (PDF). Federación Internacional de Piragüismo (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2021. 
  18. Varela, María (23 de marzo de 2021). "Arévalo se confirma también en el K4". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 29 de xullo de 2021. 
  19. Alonso, Paulo (7 de agosto de 2021). "Galicia luce como potencia mundial con la plata del K4 500 en Tokio". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 8 de agosto de 2021. 
  20. "El K4 500 liderado por Craviotto es de... ¡Plata!" (en castelán). 7 de agosto de 2021. Consultado o 8 de agosto de 2021. 
  21. "Walz y Germade suman otro oro al festival español en Copenhague". Mundo Deportivo (en castelán). 19 de setembro de 2021. Consultado o 19 de setembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]