Saltar ao contido

Támara Echegoyen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaTámara Echegoyen

(2012) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Támara Echegoyen Domínguez Editar o valor en Wikidata
17 de febreiro de 1984 Editar o valor en Wikidata (40 anos)
Ourense, España Editar o valor en Wikidata
Altura174 cm Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónregatista Editar o valor en Wikidata
Deportevela Editar o valor en Wikidata
Participou en
2016Vela nos Jogos Olímpicos de Verão de 2016 - 49er feminino (pt) Traducir (4ª)
2012Xogos Olímpicos de 2012
2012Vela nos Jogos Olímpicos de Verão de 2012 - Elliott 6 m (pt) Traducir (1ª)
Vela nos Jogos Olímpicos de Verão de 2020 - 49erFX (pt) Traducir (4ª) Editar o valor en Wikidata

Olympic.org: tamara-echegoyen-dominguez Editar o valor en Wikidata

Támara Echegoyen Domínguez, nada en Ourense o 17 de febreiro de 1984,[1] é unha regatista galega. Participou en catro Xogos Olímpicos (Londres 2012, Río de Xaneiro 2016, Toquio 2020 e París 2024). Na edición de Londres converteuse na primeira muller galega en gañar unha medalla de ouro olímpica, xunto á súa compañeira Sofía Toro.

Ademais, foi tres veces campioa do mundo da clase Vaurien (2001, 2002 e 2005), campioa do mundo de match race en 2013 e dúas veces campioa do mundo de 49er FX (2016 e 2020).

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Os seus pais puxéronlle de nome Támara, o antigo nome do río Tambre.[2][3] Nada en Ourense, mudouse pouco despois coa familia a Viascón, Cotobade. Comezou a navegar aos cinco anos pola ría de Pontevedra no Pombiña, o barco de seu tío Miguel. Empezou a competir en vela por influencia de seu irmán Adrián, quen practicaba ese deporte.[4]

Formouse no Real Club de Mar de Aguete, o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Club de Mar de Vilagarcía, o Club Náutico de Castrelo de Miño e o Real Club Náutico de Vigo. Neste último tivo de mestre ao regatista Pablo Iglesias.[4] Comezou na clase Optimist, pasando logo ás clases Cadete e Vaurien. Nesta última proclamouse campioa de España, dúas veces campioa de Europa (2000 e 2004) e campioa do mundo feminina en Italia en 2001, formando parella con Alba Rego. Revalidou o título o ano seguinte en Póvoa de Varzim con Clara Giraldo.[5][6] En xullo de 2005 en Sanxenxo logrou o seu terceiro título mundial na clase Vaurien.[7][4]

Posteriormente pasou a competir na clase Laser e logo en 470. Foi preseleccionada para os Xogos Olímpicos de 2008, aínda que finalmente non se clasificou. En 2009 conquistou o primeiro campionato de España de match race individual e o ano seguinte obtivo o título por equipos, como patroa do Mexillón de Galicia, do Liceo Casino de Vilagarcía. Figuraban na tripulación a asturiana Ángela Pumariega e a coruñesa Sofía Toro.[8][9] Uns meses despois, co mesmo equipo, proclamouse campioa iberoamericana de 2010.[10] En 2011 revalidou o título español e conseguiu ademais o campionato de Europa.[4] En decembro dese ano disputou o Mundial da clase Elliott 6m, celebrado en Perth, Australia, onde acadou os cuartos de final.

En febreiro de 2012, de novo xunto a Sofía Toro e Ángela Pumariega, clasificou a España para os Xogos Olímpicos de 2012 de Londres, no campionato preolímpico en Cayo Vizcaíno (Miami), ao remataren na segunda praza.[11] Dous meses despois a Federación Española de Vela seleccionounas para navegar co barco español en Londres, na primeira ocasión en que a clase Elliott 6m era olímpica. Na capital británica gañaron 8 das 11 regatas da primeira rolda, eliminaron a Francia nos cuartos de final e a Rusia nas semifinais. Competiron na final fronte á embarcación australiana. Despois das primeiras catro regatas da final o resultado foi de 2-2. Na quinta e última regata, a decisiva, unha vitoria foi para o barco español. Deste xeito Támara Echegoyen e Sofía Toro converténronse nas primeiras mulleres galegas en gañar un ouro olímpico.[12]

Berta Betanzos e Támara Echegoyen co equpo español de 49er FX

En xuño de 2013, na cidade surcoreana de Busan, proclamouse campioa do mundo de Match race xunto a Sofía Toro, Eva González Moujir, Mariana Lobato e Lara Cacabelos.[13] Pasou logo a competir en 49er FX e en 2014 disputou o Campionato do Mundo desta especialidade xunto a Berta Betanzos. En febreiro de 2016, en Clearwater, EUA, gañou o Campionato do Mundo de 49er FX, de novo xunto a Betanzos.[14]

Cinco meses despois disputou os seus segundos Xogos Olímpicos, no Río de Xaneiro, en parella con Berta Betanzos na clase 49er FX e cunha pequena fractura nunha deda.[15] Logrou gañar 4 das 12 primeiras regatas e chegar colíder á regata final. Porén, o sétimo posto na derradeira carreira, que tiña valor dobre, deixouna ás portas das medallas, na cuarta posición.[16]

En 2017 converteuse na primeira muller española en participar na Volvo Ocean Race.[17] Fíxoo a bordo do Mapfre, co guipuscoano Xabier Fernández Gaztañaga como patrón. Acadou a segunda posición final despois de máis de 8 meses de navegación.[18]

En febreiro de 2020, en Geelong (Australia), gañou o seu segundo título mundial de 49er e conseguiu unha nova clasificación para os Xogos Olímpicos, xunto á catalá Paula Barceló.[19] Remataron a competición olímpica na cuarta posición con 89 puntos, a un só punto das neerlandesas Annemiek Bekkering e Annette Duetz, quen levaron o bronce.[20] En 2023 disputou por segunda vez a regata The Ocean Race, na embarcación liderada por Benjamin Dutreux e Robert Stanjek.[21]

Nos seus cuartos Xogos Olímpicos, en París 2024 foi a abandeirada da delegación española, pero non puido repetir os bos resultados das súas tres participacións anteriores. Competiu de novo na clase 49er FX xunto a Barceló, pero remataron a gran maioría das regatas na metade inferior da táboa, concluíndo no 12º posto na clasificación final. Con todo, despediuse dos Xogos cunha vitoria na última regata.[22]

A cidade de Vigo ós seus atletas.[23]

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

En 2013 recibiu o Premio á "Mellor deportista" da Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA) no marco da II Gala do Deporte Feminino Galego,[24] galardón que repetiu na edición de 2017.[25] Tamén en 2013 recibiu o Premio Nacional do Deporte á mellor deportista revelación, nun acto presidido pola Raíña Sofía de Borbón e os príncipes de Asturias, Felipe e Letizia.[26] En 2024 o Comité Olímpico Español elixiuna como abandeirada da delegación española nos Xogos Olímpicos de 2024 en París.[27]

  1. Ficha Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine. no COE
  2. Antelo, Iván (25 de febreiro de 2020). "Támara Echegoyen: «Lo importante de habernos caído es levantarnos con esta fortaleza»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 27 de xullo de 2021. 
  3. Casanova, Jorge (12 de outubro de 2018). "Támara Echegoyen: «Nunca fui perezosa»" (en castelán). Consultado o 27 de xullo de 2021. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "Del "Pombiña" a la gloria". Faro de Vigo (en castelán). 12 de agosto de 2012. Consultado o 27 de xullo de 2021. 
  5. "Dos representantes del Náutico, campeonas del mundo". La Voz de Galicia (en castelán) (Vigo ed.). 2 de agosto de 2001. p. 34. 
  6. "Dos viguesas triunfan en el campeonato mundial de vaurien". La Voz de Galicia (en castelán) (Vigo ed.). 6 de agosto de 2002. p. 35. 
  7. "Tamara Echegoyen se adjudica el Mundial juvenil y femenino de Vaurien". La Voz de Galicia (Pontevedra ed.). 20 de xullo de 2005. p. 39. 
  8. "Tamara Echegoyen presenta su candidatura preolímpica con el triunfo en Match Race femenino". La Voz de Galicia (en castelán) (Pontevedra ed.). 10 de novembro de 2009. p. 40. 
  9. "Echegoyen se proclama campeona de España de Match Race". Navegar (en castelán). 15 de marzo de 2010. Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2010. Consultado o 05 de febreiro de 2012. 
  10. "La tripulación de la liceísta Echegoyen, campeona del Iberoamericano". La Voz de Galicia (en castelán) (Arousa ed.). 19 de setembro de 2010. p. 9. 
  11. "Echegoyen y Toro clasifican a España para los Juegos Olímpicos". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de febreiro de 2012. 
  12. Bruquetas, Antón (12 de agosto de 2012). "Las gallegas Sofía Toro y Támara Echegoyen conquistan el tercer oro para España en Londres 2012". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 27 de xullo de 2021. 
  13. "Tamara Echegoyen, Sofía Toro y Lara Cacabelos ganan el Mundial en Corea". Faro de Vigo (en castelán). 10 de xuño de 2013. Consultado o 27 de xullo de 2021. 
  14. "Echegoyen y Betanzos, campeonas del mundo" (en castelán). 15 de febreiro de 2016. Consultado o 27 de xullo de 2021. 
  15. Alonso Lois, Paulo (19 de agosto de 2016). "El dolor oculto de Echegoyen". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 28 de xullo de 2021. 
  16. "Echegoyen y Betanzos se quedan a las puertas de la medalla en 49er FX". El Correo Gallego (en castelán). 19 de agosto de 2016. Consultado o 27 de xullo de 2021. 
  17. Méndez, Alexandre (2 de outubro de 2017). "Támara Echegoyen: «Espero ser la primera de muchas»" (en castelán). Consultado o 27 de xullo de 2021. 
  18. "El Mapfre de Xabi Martínez y Támara Echegoyen se queda a las puertas de la historia". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de xuño de 2018. Consultado o 27 de xullo de 2021. 
  19. "Támara Echegoyen e Paula Barceló prepáranse para Tokio en Lanzarote". 16 de xaneiro de 2021. Consultado o 3 de agosto de 2021. 
  20. "A Echegoyen-Barceló y Botín-López Marra se les escapa la medalla". Marca (en castelán). 3 de agosto de 2021. Consultado o 3 de agosto de 2021. 
  21. "Támara Echegoyen se une a GUYOT environnement-Team Europe en la próxima The Ocean Race con salida en Alicante" (en castelán). 12 de decembro de 2022. Consultado o 25 de xuño de 2024. 
  22. "A pontevedresa Támara Echegoyen despídese de París 2024 sen opción ás medallas". 31 de xullo de 2024. Consultado o 1 de agosto de 2024. 
  23. "Vigo rende homenaxe aos seus olímpicos e paralímpicos cun monumento". VigoÉ. 13/10/2016. 
  24. "Ames acolle a II Gala do deporte feminino galego". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2021-02-20. 
  25. "A Deputación, escenario da V Gala do Deporte Feminino Galego". Pontevedra Viva. Consultado o 2021-02-20. 
  26. "Támara Echegoyen recibe en Madrid el Premio Nacional del Deporte a la mejor deportista revelación" (en castelán). 2 de decembro de 2013. Consultado o 28 de xullo de 2021. 
  27. "A galega Támara Echegoyen será abandeirada do equipo olímpico español nos Xogos Olímpicos de París 2024". 26 de xuño de 2024. Consultado o 28 de xuño de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]