Enmanuel Reyes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaEnmanuel Reyes
Nome orixinalEnmanuel Reyes Pla
Biografía
Nacemento14 de decembro de 1992 (31 anos)
A Habana
Datos persoais
País de nacionalidade Cuba
Galicia Galicia
Formación profesionalUniversidade do Deporte Manuel Fajardo
Altura1,95 m
Actividade
Ocupaciónboxeador Editar o valor em Wikidata
DeporteBoxeo
AdestradorChano Planas
Rafael Lozano
Participou en
7 de agosto de 2020Boxe nos Jogos Olímpicos de Verão de 2020 - Peso pesado masculino (pt) Traducir (5º) Editar o valor em Wikidata

Instagram: reyespla Editar o valor em Wikidata

Enmanuel Reyes Pla, nado na Habana en 1992, é un boxeador cubano-galego. Foi subcampión de Europa en 2022, gañou unha medalla de bronce no Campionato Mundial de Boxeo de 2021 e participou nos Xogos Olímpicos de Toquio.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou a boxear na Habana aos 6 anos por decisión de seu pai, que quería que aprendese a defenderse dos rapaces do colexio cos que estaba a ter problemas.[1][2] Foise consolidando como un dos mellores boxeadores do seu país natal, competindo nos pesos semipesados e despois nos pesos pesados.[1]

Con todo, no boxeo cubano tivo sempre algún competidor por diante, como o varias veces campión mundial Julio César La Cruz, ou Erislandy Savón, contra o que perdeu a final do campionato cubano. Decidiu entón probar sorte en Galicia, onde vivían seu pai, súa avoa e un tío.[3] Viaxou a Moscova, e despois dun paso por Belarús, voou a Austria, onde pediu asilo político, sendo internado dous meses nun centro de refuxiados. Logo foi a Alemaña, dende onde tentou pasar a Francia, pero foi detido e ingresado nun centro de reclusión para migrantes, e logo enviado de volta a Austria. Finalmente, no verán de 2017 conseguiu chegar a Galicia, instalándose na Coruña.[2][1]

Na cidade herculina foi adestrado por Chano Planas e proclamouse campión de España dos pesos pesados en 2019, 2020 e 2021.[4] En marzo de 2020 concedéuselle a nacionalidade española e en xuño do ano seguinte logrou unha praza para os Xogos Olímpicos de 2020, ao quedar segundo no torneo preolímpico celebrado en París, onde perdeu a final contra o campión mundial Muslim Gadzhimagomedov.[5]

Xa na cita olímpica, comezou a súa participación nos oitavos de final, onde gañou por K.O. ao casaco Vasïlïy Levït.[6] En cuartos de final, o seu rival foi o tamén cubano Julio César La Cruz. Nun combate moi igualado, La Cruz impúxose no primeiro asalto, mentres que o segundo foi para o boxeador da Coruña. No terceiro e derradeiro asalto Reyes comezou ben, pero na parte final foi superior La Cruz, ao que os xuíces deron como gañador final, quedando Reyes co diploma olímpico.[7]

Uns meses despois disputou en Belgrado o Campionato do Mundo de Boxeo, na categoría de pesos pesados. Eliminou sucesivamente ao grego Vagkan Nanitzanian,[8] ao francés Soheb Bouafia,[9] ao xordano Hussein Iashaish e ao estadounidense Jamar Talley,[10] meténdose deste xeito nas semifinais.[11] Nestas, enfrontouse ao italiano Aziz Abbes Mouhiidine, perdendo por 4-1.[12] Con todo, a súa medalla de bronce foi histórica, pois foi a segunda para España nun Mundial, 47 anos despois da que lograra o asturiano Enrique Rodríguez Cal.[11]

En 2022 proclamouse subcampión de Europa no torneo celebrado en Iereván, onde perdeu a final contra o italiano Aziz Abbes Mouhiidine.[13] Un ano despois participou nos Xogos Europeos en Cracovia, acadando as semifinais, nas que perdeu ante o irlandés Jack Marley.[14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Enmanuel Reyes Pla, el 'Profeta' del boxeo español que llegó desde Cuba" (en castelán). 7 de xuño de 2021. Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2021. Consultado o 28 de xullo de 2021. 
  2. 2,0 2,1 Olímpicos Galegos 2021. Programa 9, con Enmanuel Reyes e Rodrigo Germade (TVG). 20 de xuño de 2021. Consultado o 28 de xullo de 2021. 
  3. Carrera, Álvaro (14 de agosto de 2019). "Reyes Pla: la ‘baza secreta’ de España para Tokio 2020". As (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2021. Consultado o 28 de xullo de 2021. 
  4. Gómez Cundíns, Pablo (4 de xullo de 2021). "Tercer Campeonato de España consecutivo para el boxeador Enmanuel Reyes en los pesos pesados". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 28 de xullo de 2021. 
  5. "Enmanuel Reyes Pla, plata en el preolímpico de París". As (en castelán). 8 de xuño de 2021. Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2021. Consultado o 28 de xullo de 2021. 
  6. "El coruñés Enmanuel Reyes noquea al subcampeón olímpico de boxeo en su debut en Tokio 2020" (en castelán). 27 de xullo de 2021. Consultado o 31 de xullo de 2021. 
  7. "Polémica derrota del boxeador Reyes Pla ante Julio César la Cruz en Tokio". Mundo Deportivo (en castelán). 30 de xullo de 2021. Consultado o 31 de xullo de 2021. 
  8. "Victoria a los puntos en el primer compromiso de Enmanuel Reyes". DxT Campeón (en castelán). 26 de outubro de 2021. Consultado o 5 de novembro de 2021. 
  9. Zaballa, Pablo (29 de outubro de 2021). "Enmanuel Reyes, a octavos de final del Mundial por unanimidad". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 5 de novembro de 2021. 
  10. Zaballa, Pablo (31 de outubro de 2021). "Enmanuel Reyes, a un combate de las medallas en el Mundial de Belgrado". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 5 de novembro de 2021. 
  11. 11,0 11,1 Zaballa, Pablo (2 de novembro de 2021). "Enmanuel Reyes se asegura la medalla de bronce en el Mundial de Belgrado". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 5 de novembro de 2021. 
  12. "Los jueces dejan a Enmanuel Reyes sin la final del Mundial". DxT Campeón (en castelán). 4 de novembro de 2021. Consultado o 5 de novembro de 2021. 
  13. Gómez Cundíns, Pablo (30 de maio de 2022). "Enmanuel Reyes, plata en el Campeonato de Europa de boxeo aficionado". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 5 de xaneiro de 2024. 
  14. "Amargo bronce para el 'Profeta' Reyes Pla en los Juegos Europeos". Marca (en castelán). 30 de xuño de 2023. Consultado o 5 de xaneiro de 2024. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]