Emilio Butragueño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Butragueño
Emilio Butragueño 2015 (cropped).jpg
Información persoal
Nome Emilio Butragueño Santos
Nacemento 22 de xullo de 1963
Lugar de nacemento Madrid
Altura 168 centímetros
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
Casariche
1981–1982 Real Madrid
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1982–1984 Castilla 65 (37)
1984–1995 Real Madrid 341 (123)
1995–1998 Celaya 91 (29)
Selección nacional
1983–1984 España sub-21 5 (2)
2018 España afeccionados 1 (1)
1985–1992 España 69 (26)
Na rede
IMDB: nm1322403 Twitter: ButraguenoRM FIFA: 174442 UEFA: 776 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Emilio Butragueño Santos, nado en Madrid o 22 de xullo de 1963, é un exfutbolista español, que xogaba como dianteiro. Está considerado como un dos mellores dianteiros españois de tódolos tempos.[1][2] Xogador histórico do Real Madrid, desenvolveu nese club case toda a súa carreira deportiva e liderou a chamada "Quinta do Voitre", unha xeración de futbolistas que logrou numerosos éxitos para o equipo branco nas décadas de 1980 e 1990.

Militou durante 12 tempadas no primeiro equipo do Real Madrid, acumulando 463 partidos e 170 goles, e gañou un total de 15 títulos, así como un Trofeo Pichichi. Quedou terceiro en dúas ocasións nas votacións ao Balón de Ouro, en 1986 e 1987, e foi incluído na lista FIFA 100, xunto cos considerados 123 mellores futbolistas da historia. Pechou a súa carreira en 1998, despois de ter xogado tres anos co Atlético Celaya de México.[1]

Foi 69 veces internacional coa selección española, e con 26 goles foi o máximo goleador histórico desta desde que superou en 1990 a Alfredo Di Stéfano, ata que foi superado á súa vez por Fernando Hierro no 2001.

Trala súa retirada ocupou varios cargos no Real Madrid, entre eles o de director deportivo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezos[editar | editar a fonte]

Naceu en Madrid o 22 de xullo de 1963 e só un día despois do seu nacemento xa figuraba como socio do Real Madrid, grazas a seu pai, afeccionado e socio do club. Na súa infancia estudou no desaparecido Colexio San Antón de Madrid. Posteriormente, cando a súa familia se trasladou a outra zona da capital de España, formou parte dos equipos de baloncesto e fútbol do Colexio Calasancio de Madrid dos Padres Escolapios, así como do Real Club Deportivo Casariche Balompié.

O 13 de xullo de 1980 formou parte do equipo gañador do Torneo AS, polo que o seu pai levouno a facer unha proba para ingresar nas categorías inferiores do Real Madrid, aínda que non foi admitido en primeira instancia. A continuación recibiu a chamada do Atlético de Madrid, equipo rival do club branco, e no que permaneceu adestrando algúns días.[3] Por medio de seu pai acabou por conseguir unha segunda proba co Real Madrid, e finalmente foi admitido.[4]

Líder da “Quinta do Voitre”[editar | editar a fonte]

Debutou co Castilla, filial do Real Madrid, o 24 de abril de 1982 no Santiago Bernabéu, vencendo por 2-1 ao Real Oviedo. A tempada 1982/83 foi a do seu asentamento nun equipo filial no que apareceu unha prometedora xeración de xogadores da canteira. Entre eles, cinco destacaban especialmente sobre o resto, Miguel Pardeza, Manolo Sanchís, Míchel González, Rafael Martín Vázquez e o propio Butragueño. Co paso do tempo, esta sería considerada a mellor xeración de xogadores de canteira da historia do club, tanto pola súa traxectoria e importancia como polos seus éxitos deportivos.[5] Foi o xornalista Julio César Iglesias quen lle deu nome á xeración e, polo tanto, o primeiro en utilizar o apelativo co que pasaron á historia, trala publicación dun artigo seu no diario El País o 14 de novembro de 1983 co título "Amancio y la quinta de ‘El Buitre'".[6][7][8]

Adestrados polo galego Amancio Amaro, histórico exfutbolista do Real Madrid, o equipo proclamouse campión da Segunda División na tempada 1983/84, sendo o primeiro e único filial en conseguilo. Butragueño, dianteiro centro do equipo, marcou un total de 21 goles en 21 partidos, quedando a dous do máximo goleador, Julio Salinas, do Bilbao Athletic, pero con 9 partidos menos disputados ca este.[9] Chegou a marcar tres máis esa tempada co filial, correspondentes á Copa do Rei, sumando un total de 40 goles en 79 partidos durante as súas tres tempadas co Castilla.

Esa mesma campaña debutou co primeiro equipo, da man do entón adestrador Alfredo Di Stéfano, o 5 de febreiro de 1984, no partido correspondente á xornada 22 ante o Cádiz no estadio Ramón de Carranza. Saíu do banco ao descanso, substituíndo a Manolo Sanchís, cando o seu equipo perdía 2-0, e marcou dous goles, contribuíndo á remontada do equipo branco, que venceu por 2-3. Desde entón foi un fixo do equipo, e pechou a campaña con 6 goles en 12 partidos co primeiro equipo.

O 12 de decembro dese mesmo ano realizou outra das súas grandes actuacións e a que o confirmou como un dos mellores futbolistas da súa época con tan só 21 anos. Foi nos oitavos de final da Copa da UEFA ante o Anderlecht, eliminatoria na que os madrileños afrontaban o partido de volta cun resultado desfavorable de 3-0 na ida. Butragueño marcou un triplete e o club branco acabou vencendo por 6-1, e uns meses máis tarde conquistando o título, o primeiro da Copa da UEFA na historia do club.

Catro dos cinco xogadores da quinta acabaron asentados no primeiro equipo e convertéronse nos referentes dun relevo xeracional no que Butragueño volveu ser o líder. As súas actuacións tiveron repercusión mundial e foi galardoado co Trofeo Bravo en 1985 e 1986 como mellor xogador europeo sub-23, e o Balón de Bronce en 1986 e 1987, sendo o primeiro español en aparecer entre os finalistas do premio desde que o coruñés Luis Suárez o fixera en 1965.

Butragueño liderou ao Real Madrid na conquista de cinco títulos de liga consecutivos, igualando a fazaña de principios dos anos 60 do "Madrid de Di Stéfano", sendo ambos os mellores rexistros acadados por un club na competición. Gañou ademais dúas Copas da UEFA consecutivas, e disputou tres semifinais da Copa de Europa seguidas: en 1987 foron eliminados polo Bayern de Múnic, en 1988 polo PSV[10] e en 1989 polo Milan de Arrigo Sacchi, que os volveu eliminar nos oitavos de final da seguinte edición.

En total xogou doce tempadas co Real Madrid entre 1984 e 1995, sendo relevado por outro histórico do club, Raúl González.

Retiro profesional en México[editar | editar a fonte]

Tras ser desbancado da titularidade tanto na selección española como no club madrileño, puxo rumbo a México para rematar a súa carreira no Atlético Celaya. Alí coincidiu con dous dos seus antigos compañeiros no Madrid, Hugo Sánchez e Míchel González. Na súa primeira tempada levou o equipo a disputar a primeira final da súa historia no campionato de liga de 1996 ante o Club Necaxa, pero non conseguiu o título ao empatar tanto na ida como na volta e perder polo maior valor dos goles como visitante.[11] Xogou dúas tempadas máis en Celaya, sen poder repetir os éxitos, pero sendo considerado un dos mellores futbolistas da historia do club.[12]

O 5 de abril de 1998 xogou o seu último partido como profesional. Disputou en total máis de 600 partidos a nivel de clubs e marcou 240 goles.

Trala súa retirada dos terreos de xogo, seguiu mantendo fortes lazos co país azteca, sendo habitual a súa presenza nos medios locais como comentarista nos grandes campionatos de fútbol como o Mundial de 2010.

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Foi convocado por primeira vez pola selección española para a Eurocopa de 1984 celebrada en Francia. Con todo, non chegou a debutar no campionato europeo, tendo que esperar para facelo ata o 17 de outubro de 1984, cando se estreou nun partido ante Gales no Benito Villamarín, no que marcou o terceiro gol do equipo español (3-0). Participou coa selección en dúas Copas do Mundo (México 1986 e Italia 1990) e na Eurocopa de 1988 na RFA. Marcou un total de 26 goles en 69 partidos coa selección española. No seu penúltimo partido como internacional, en 1990, marcou catro goles ante Albania, sumando un total de 26 goles coa selección e superando así a marca que establecera tres décadas antes Alfredo Di Stéfano (23). Mantívose como o máximo goleador histórico da selección ata que foi superado por Fernando Hierro en 2001.

Un dos días máis gloriosos da súa carreira deportiva foi o do 18 de xuño de 1986, nos oitavos de final da Copa do Mundo celebrada en México, cando lle marcou catro goles á entón poderosa Dinamarca no Estadio Corregidora de Santiago de Querétaro, nun partido que rematou 5- 1.

Dirección deportiva[editar | editar a fonte]

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, cun mestrado en Xestión de Entidades Deportivas pola Universidade de California, Os Ánxeles, e licenciado en Medicina pola Universidade de Querétaro, trala súa retirada como futbolista en 1998, pasou a desempeñar entre 1999 e 2000, a función de asesor do Consello Superior de Deportes de España.[13] No ano 2000 regresou ao Real Madrid da man do gañador das eleccións presidenciais Florentino Pérez, como adxunto da dirección deportiva.[14] Ocupou dito cargo durante catro anos, e no 2004 pasou a ser un dos vicepresidentes do club (vicepresidente deportivo), ademais de facerse cargo da dirección deportiva ata 2006.[15]

Co regreso de Florentino Pérez á presidencia en 2009, Butragueño pasou a ocupar o cargo de director de relacións institucionais do club.[16]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Página oficial de la FIFA (ed.). "Butragueño, alma de la Quinta y héroe de Querétaro". Arquivado dende o orixinal o 30 de xaneiro de 2016. Consultado o 23 de junio de 2016. 
  2. Diario El Econominsta (ed.). "Butragueño, el mejor jugador español de la historia en los mundiales". Consultado o 23 de junio de 2016. 
  3. "Butragueño: «Mis hijos saben que su primera responsabilidad son las notas»" (en castelán). 22 de outubro de 2014. Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  4. Ribot, Óscar (6 de febreiro de 2004). ""¿Hijo, cómo vas a jugar tú en el Atleti?"". As (en castelán). Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  5. Sugimori, Masato (5 de febreiro de 2014). "30 años del histórico debut, doblete y remontada del 'Buitre'". As (en castelán). Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  6. Segurola, Santiago (17 de novembro de 2003). "La Quinta cumple 40". El País (en castelán). Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  7. "Tal día como hoy... en 1983" (en castelán). 14 de novembro de 2010. Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2013. Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  8. Iglesias, Julio César (1 de decembro de 2010). "La quinta de El Buitre". Cuadernos de Fútbol (en castelán) (16). ISSN 1989-6379. 
  9. "Julio Salinas, Pichichi ficticio". Mundo Deportivo (en castelán). 28 de maio de 1984. p. 15. Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  10. Sugimori, Masato (5 de febreiro de 2014). "30 años del histórico debut, doblete y remontada del 'Buitre'". Marca (en castelán). Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  11. Muñoz, Juan Miguel (4 de maio de 1996). "El Celaya de Butragueño pierde la final de la Liga". El País (en castelán). Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  12. Monforte, Felipe (19 de febreiro de 2013). "Emilio Butragueño, la leyenda celayense". Marca (en castelán). Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  13. Gómez, Luis (4 de outubro de 1999). "El CSD ficha como asesor a Butragueño". El País (en inglés). Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  14. Sanz, Óscar (21 de decembro de 2000). "Butragueño regresa al Real Madrid". El País (en castelán). Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  15. "Butragueño se marcha del Real Madrid "enorgullecido de haber permanecido cinco años en un club fantástico"" (en castelán). 5 de xullo de 2006. Consultado o 10 de xuño de 2022. 
  16. "Emilio Butragueño, director de relaciones institucionales del Real Madrid". La Vanguardia (en castelán). 10 de xuño de 2009. Consultado o 10 de xuño de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]