José Eulogio Gárate

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gárate
José Eulogio Gárate 1973.jpg
Información persoal
Nome José Eulogio Gárate Ormaechea
Nacemento 20 de setembro de 1944
Lugar de nacemento Buenos Aires
Posición dianteiro, dianteira
Carreira xuvenil
1961–1963 Eibar
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1963–1965 Eibar
1965–1966 Indautxu 24 (14)
1966–1977 Atlético de Madrid 241 (109)
Selección nacional
1967 España sub-23 1 (0)
1965 España afeccionados 1 (0)
1967–1975 España 18 (5)
Na rede
UEFA: 38146 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

José Eulogio Gárate Ormaechea, nado en Sarandí, Buenos Aires, o 20 de setembro de 1944,[1] é un exfutbolista e enxeñeiro industrial hispano-arxentino que xogaba como dianteiro. Xogador histórico do Atlético de Madrid, militou neste club durante 11 tempadas, despois de comezar a súa carreira no Eibar e no Indautxu.

Acumulou 325 partidos oficiais co Atlético, nos que marcou 134 goles, polo que ocupa o quinto lugar na táboa de máximos goleadores da historia do club. Gañou tres ligas, dúas Copas do Xeneralísimo e unha Copa Intercontinental e proclamouse tres veces consecutivas gañador do Trofeo Pichichi como máximo goleador da Primeira División nas tempadas 1968/69, 1969/70 e 1970/71. Foi 18 veces internacional coa selección española.

É sobriño do que fora tamén futbolista internacional José Muguerza.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

Naceu en 1944 en Sarandí, provincia de Buenos Aires, de xeito circunstancial. O seu avó, Eulogio Gárate Osoro, fora tenente de alcalde republicano en Éibar e estaba exiliado na Arxentina como consecuencia da Guerra Civil Española, e José Eulogio Gárate naceu nunha visita que os seus pais fixeron aos seus avós exiliados.[3] En 1945, poucos meses despois de nacer, volveu cos seus pais a Éibar, onde se criou.[4] A pesar diso, non obtivo a nacionalidade española ata décadas despois.

Eibar e Indautxu[editar | editar a fonte]

Comezou a xogar no equipo xuvenil da SD Eibar en 1961, e en 1963 debutou co primeiro equipo na Terceira División. Na súa primeira tempada foi o máximo goleador do campionato, con 28 goles en 30 partidos,[5] e xogou dúas fases de ascenso a Segunda División, nas que o equipo foi eliminado, primeiro polo Gimnàstic de Tarragona e logo polo Cádiz. En 1965 ingresou no Indautxu de Bilbao, que militaba na Segunda División, categoría na que debutou nun partido ante o Deportivo da Coruña. Rematou a súa única campaña no equipo dirixido por Ferdinand Daučík con 17 goles en 26 partidos, a pesar de que só adestraba un día por semana por causa dos seus estudos de enxeñaría.[4]

A pesar do seu interese en xogar no Athletic Club e de que o club o quería, non quixo realizar o servizo militar que precisaba para adquirir a nacionalidade española, pois naquela época os clubs non podían fichar xogadores estranxeiros. O Athletic tentou sen éxito conseguirlle a nacionalidade por outros medios, cousa que si conseguiu o Atlético de Madrid, que o acabou fichando en 1966.[4]

Atlético de Madrid[editar | editar a fonte]

Debutou na Primeira División o 16 de outubro da man do adestrador brasileiro Otto Gloria, nunha vitoria por 2-1 ante a UD Las Palmas. Militou no club durante as seguintes 11 tempadas, logrando o Trofeo Pichichi en tres ocasións consecutivas. A primeira delas foi na tempada 1968/69, na que marcou 14 goles, os mesmos que Amancio, aínda que en nove partidos menos. Na seguinte campaña marcou 16 goles , empatando co seu compañeiro Luis Aragonés e de novo con Amancio, mentres que na 1970/71 compartiu o premio con Carles Rexach, con 17 tantos.

Gañou tres ligas e dúas Copas do Rei e en 1974 foi titular na final da Copa de Europa, na que o equipo madrileño, adestrado por Juan Carlos Lorenzo, caeu ante o Bayern de Múnic. Ao ano seguinte conquistou a Copa Intercontinental, derrotando o Independiente arxentino.

A tempada 1976/77 foi a última de Gárate como futbolista, e só puido disputar un partido dela, por mor dun fungo que afectou o seu xeonllo. A continuación deixou o fútbol, despois de 325 partidos oficiais co Atlético e 134 goles, sendo no momento da súa retirada o cuarto máximo goleador da historia do club, só por detrás de Luis Aragonés, Escudero e Campos. O 1 de xuño de 1977 o club organizou un partido amigable na súa honra. Trala súa retirada traballou como enxeñeiro industrial.[6]

Selección española[editar | editar a fonte]

Aínda que naceu na Arxentina, foi internacional coa selección española en 18 ocasións, tras ser naturalizado en 1966. O seu debut tivo lugar o 22 de outubro de 1967, nunha vitoria por 2-1 sobre Checoslovaquia, con Domingo Balmanya como seleccionador. Gárate marcou o segundo gol español naquel encontro, o primeiro dos seus cinco goles coa selección. Disputou o seu último partido como internacional o 17 de abril de 1975 ante Romanía.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "José Eulogio Garate". egoibarra.eus (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 2 de marzo de 2017. Consultado o 11 de maio de 2022. 
  2. "José Eulogio Gárate". colchonero.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 2 de marzo de 2017. Consultado o 11 de maio de 2022. 
  3. elmundo.es
  4. 4,0 4,1 4,2 Corazón Rural, Álvaro. "Gárate: «El mejor Atlético de la historia es el de ahora»". JotDown (en castelán). Consultado o 11 de maio de 2022. 
  5. "Un gol antológico de Gárate dejó boquiabiertos a los espectadores" (en castelán). 23 de xuño de 2021. Consultado o 11 de maio de 2022. 
  6. "José Eulogio Gárate, delantero centro del Atlético de Madrid y futuro ingeniero industrial". El Diario Vasco (en castelán). 8 de febreiro de 1967. p. 15. Consultado o 11 de maio de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]