Lira (música)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lira
Vaso grego con musa tocando o phorminx, un tipo de lira
Información
Clasificacióncordófonos
Instrumentos relacionadoscítara, arpa, guitarra e laúde
Muller a tocar a lira, fotografía de 1913.

A lira (do latín «lyra», e este do grego «λύρα») é un instrumento de corda punteada primitiva, usado polos antigos, semellante a unha arpa pequena en forma de U[1] ou de ábaco, cuxa orixe os gregos atribuíron a Hermes ou á musa Polimnia. Foi o instrumento musical que tangueu Orfeo e o que acompaña a Apolo como símbolo do estado cidadán, da cultura e da música.

A lira é un instrumento musical que, como a arpa, tocábase coas dúas mans.

Segundo a Biblia, en mans de David, o rei poeta e sabio, a lira (kinnor) como o salterio evocan a unión coa divindade e a relixión. O rei David tocaba a lira para tranquilizar a Saúl.

Os instrumentos descendentes da lira son a cítara, a arpa, a guitarra e o laúde, que continúan a tradición da lira até os nosos días como os instrumentos do poeta e o trobador. Dyehuty é o deus da sabedoría, a escritura, a música e da Lúa, na mitoloxía exipcia. Estaba relacionado coa música como inventor da lira.

Historia[editar | editar a fonte]

Lira antiga en heráldica.

A lira máis antiga e sinxela tiña tres cordas pero despois pasou a catro, cinco, seis, sete e mesmo doce. En Exipto, chegou a ter até dezaoito. As partes da lira, ademais das cordas eran:

  • a caixa, que nun principio era confeccionada con coirazas de tartaruga e despois de madeira.
  • a táboa que pechaba a caixa e que a miúdo non era máis que unha simple pel seca distendida.
  • os montantes adoptados á caixa.
  • o xugo colocado a través dun montante ao outro.

En Grecia, as tres cordas recibían os nomes do tres musas de Delfos; da grave á aguda: Nete, Mese e Hípate. As cordas pasaban sobre unha coiraza de tartaruga, chamada en grego cheloné e chelys, palabra que serviu tamén para designar certa especie de lira. O engadido da mogas facía a lira máis pesada ca a cítara e por esta razón levábana pendurada ás costas por medio dunha correa ou bálteo e disto sacou Apuleio o nome de apta balteo, isto é, propia para ser pendurada ás costas. Filóstrato describindo a lira de Anfión di que a madeira empregada na construción da lira era buxo e o demais era de cornos de castrón montés. Os dous brazos da lira de Terpsícore que hai no Museo Napoleón están feitos de aneis. Esta lira representa unha daquelas que están formadas dunha coiraza de tartaruga e os brazos de hastas de godallo. A lira, que Aquiles ten na man na lámina 8ª do tomo 1.° das pinturas de Herculano, é de cor encarnada, do que pode deducirse que pintaban a madeira das liras daquela cor que era a súa favorita. Por unha pasaxe dos fastos de Ovidio demóstrase que os citaristas tiñan o gusto de levar un Chlamys ou capa de cor encarnada.[2]

Os poetas entenderon por lira a máis fermosa e máis calma harmonía así é que fai un gran papel nos seus poemas e falan con entusiasmo do pracer que causa. Tiña a vantaxe de poderse cantar e acompañarse con ela e servíanse dela nos coros tráxicos.[2]

Á arte de tocar a lira chamábaselle citaristica ou lirística, e ao acto de tocaría dábaselle os nomes de Lyrizein, Kytarizein e Psallein e aos tocadores os liristas e citaristas. O que cantaba e acompañábase coa lira era coñecido co nome de Lyrodos ou de Citharaedus e os de Lyrodia e Citharaedia eran as verbas que designaban a acción de acompañarse deste xeito. Algunhas veces a lira e a frauta acompañábanse recíprocamente ao que Suídas dá o nome de Synaulia ou segundo o dialecto ático xynaulia con cuxa palabra se entendía o recíproco acompañamento de dúas frautas.[2]

Longo sería o pór o catálogo dos músicos que foron sonados neste instrumento. A mitoloxía sinala como os máis famosos a Apolo, Mercurio, Terpsícore, Orfeo, Lino, Anfión, Demódoco, etc. Todos os gregos aprendían a música e ao principio ou ao fin das comidas cantaban unhas cancións chamadas escolias e principalmente as de Harmodio e Aristoxitón. Pasaba a lira dun a outro e cada un cantaba á súa vez unha estrofa acompañándose con ela. Habendo nunha ocasión semellante pasado a lira a mans de Temístocles, que non sabía tocala, tívoselle por falto de educación. A palabra amousikos ou home que non sabe a música significaba un home sen gusto e sen educación ou como se di entre nós, un pailán ou paiolo.[2]

Na súa obra intitulada Lira Barberina, Giovanni Battista Doni fixo unha escolma de diferentes figuras da lira. Deulle aquel título porque daba nela a explicación dunha que fixo fabricar para o cardeal Francesco Barberini segundo o sistema dos antigos tal como el concibíao. O editor desta obra, despois da morte de Doni, reuniu en dous grandes tomos todo canto escribira este sobre música.[2]

Mitoloxía[editar | editar a fonte]

Na mitoloxía grega a lira foi inventada por Hermes o mesmo día do seu nacemento. Fíxoa sobre a coiraza dunha tartaruga, que cubriu cunha pel de boi e engadiu sete cordas feitas coas tripas dunha ovella. Despois daquilo roubou un rabaño de vacas a Apolo e cando este o descubriu non reclamou a devolución do gando senón a lira que aquel fabricara. Hermes deulla, e tamén lle deu a frauta, outro invento seu, a cambio do caduceo (unha vara de ouro que tiña a capacidade de sementar a paz entre os homes e entre os animais). Desde entón, o caduceo figurou como atributo deste deus.[3]

Na mitoloxía exipcia, o deus Dyehuty estaba relacionado coa música e era considerado o inventor da lira. Disque o seu nome provén da flor de lirio debido á súa forma tan semellante.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dicionario da Real Academia Galega, A Coruña, RAG, 2012
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Diccionario enciclopédico de música, Carlos José Melcior, 1859
  3. Diccionario enciclopédico popular ilustrado Salvat (1906-1914)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Antcliffe, Herbert: "What music meant to the Romans" en Music & Letters 30(30):338, 1949.
  • Bonanni, Filippo: Antique Musical Instruments and their Players, Dover Publications reprint of the 1723 work, Gabinetto armonico with supplementary explanatory material. Nova York: Dover Publications, 1964.
  • Comotti, Giovanni: Music in Greek and Roman Culture. Baltimore: Johns Hopkins, 1989.
  • Grout, Donald J. & Palisca, Claude V.: A History of Western Music. Nova York: W. W. Norton, 1996.
  • Franco Llopis, Borja, e outros: Imágenes de la tradición clásica y cristiana. Una aproximación desde a iconografía. Editorial Universitaria Ramón Areces, Madrid, 2018, p. 142.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]