La Iberia foi un xornal español de carácter liberal que se publicou entre 1854 e 1898, fundado por Pedro Calvo Asensio. Entre xaneiro e setembro de 1868 recibiu o nome de La Nueva Iberia.[1]
La Iberia creouse en Madrid por Pedro Calvo Asensio en xuño de 1854, no seu desexo de facer un novo xornal político de carácter liberal e progresista en España. O título do diario correspondía á aspiración de alcanzar a 'unidade ibérica', é dicir, a unión de España e Portugal.
La Iberia. Diario liberal de la mañana, xunto coa súa atención preferente á política, destacaba, segundo os autores, pola rica e variada información cultural, literaria ou científica que tódolos días ofrecía nas súas páxinas, e que distaba moito da proporcionada por outros xornais madrileños do seu tempo. Estamos ante un xornal, primeiro matutino e de aparición diaria, e despois vespertino e publicado de luns a sábado, en cuxa redacción colaboraron escritores da categoría de Juan de la Rosa, Concepción Arenal, Patricio da Escosura, Gaspar Núñez de Arce ou Manuel Murguía, entre moitos outros, e cuxa principal etapa se desenvolve entre os anos 1860 e 1863, cun equipo xa consolidado, corresponsalías internacionais en Londres e París e unha actividade que, como apuntan os autores, conduciría a La Iberia ao liderado na prensa política e converteríaa en punta de lanza de iniciativas tan significativas para a vida literaria do século XIX como foi a coroación do poeta Manuel José Quintana en 1855.