Galicia Moderna (A Habana)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Galicia Moderna foi unha revista editada na Habana entre 1885 e 1890.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Subtitulada Semanario de intereses generales foi fundada e dirixida por José Novo García e despois polo seu irmán Enrique Novo García. Era unha revista de información xeral, con noticias de Galicia, cunha especial preocupación polos temas culturais, aos que dedicou moito espazo (en particular á literatura). Recolleu as actividades do Centro Gallego e das asociacións de emigrantes así como a situación da colectividade galega na Habana. Acolleu nas súas páxinas a moitos escritores e xornalistas galegos con diferentes artigos e colaboracións artísticas (poesía, obras teatrais).

A lingua utilizada na revista foi maioritariamente o castelán, cunha presenza reducida do galego. Aínda así, cómpre destacar que o obxectivo marcado foi dedicar a publicación "especialmente consagrada a Galicia", como se declara xa no primeiro número. Eventualmente publicáronse textos en portugués e en francés.

Publicáronse en total 214 números, distribuídos en dúas épocas: 206 números entre o 3 de maio de 1885 e maio de 1889, máis só 8 números nunha segunda época, entre marzo de 1890 e o 27 de abril de 1890, data na que se publicou o último número. A periodicidade foi, en principio, semanal. O número de páxinas foi sempre de 8 páxinas, agás tres exemplares que contaron con 4, 10 e 12 páxinas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]