Ánxel Casal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ánxel Casal Gosenge»)
Ánxel Casal
Nacemento17 de decembro de 1895
Lugar de nacementoA Coruña
Falecemento19 de agosto de 1936
Lugar de falecementoCacheiras
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico e editor
CónxuxeMaría Miramontes
editar datos en Wikidata ]

Ánxel Casal Gosenxe, nado na Coruña o 17 de decembro de 1895 e asasinado[1] en Cacheiras (Teo) o 19 de agosto de 1936, foi un editor e político galego. Para Alonso Montero[2]: sen Ánxel Casal, mesmo sen os seus criterios empresariais, non se entende o discurso político e literario galeguista como discurso público, e segundo Ramón Villares[3], Casal foi no campo da industria cultural o que Risco no da teoría nacionalista, Otero na prosa romancística ou Castelao no deseño e, desde logo, no liderado político.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Proviña dunha familia moi humilde, fillo de Manuel Casal Basteiro, de Vilantime (Arzúa), e de Filomena Gosende Arias, de Visantoña (Santiso), a súa nai era analfabeta e o seu pai autodidacta[4][5]. Dende moi novo axudou a súa familia na fonda que tiñan na praza de María Pita[6]. En 1909 emigrou a Bos Aires; alí estivo empregado en diversos oficios dous anos. Volveu á Coruña e atopou traballo no consulado de Francia. Debido á precariedade económica emigrou outra volta, desta vez a Bordeos, pero regresou aos poucos meses. De 1914 a 1917 cumpriu o servizo militar, do que sempre gardaría malas lembranzas. Uniuse á Irmandade da Fala da Coruña, colaborou no Conservatorio da Arte Galega e foi o promotor e primeiro mestre da Escola de ensino galego (galeguista e laica) 1926-1931 das Irmandades, a primeira que utilizou o galego.

Casal en maio de 1935.

En 1920 casou con María Miramontes e para sobreviviren abriron unha tenda de tecidos. En novembro de 1924, en colaboración con Leandro Carré Alvarellos, fundou a Editorial Lar. Desvencellouse desa iniciativa para fundar en 1927 a Editorial Nós. Da súa imprenta saíron A Nosa Terra e a revista Nós. En 1930 fundou o xornal republicano El Momento que, por falla de apoio, só durará 14 números e arrastra a Nós case a quebra. O 18 de maio de 1930 fundou con Fernando Osorio do Campo e Carlos Monasterio Valeiro o semanario republicano Adelante, que se mantivo até mediados de 1931.

En agosto de 1931 trasladouse para tratar de remontar a empresa a Santiago de Compostela. O matrimonio viviu entre 1933 e 1936 no hoxe número 16 –por aquel entón o número 18 do Inferniño de Arriba –agora, chamada Avenida de Raxoi. Tense dito que do taller de costura de María Miramontes saíron algúns cartos para axudar ó seu home coa editorial Nós[3].

Entrega a Cortes do Estatuto de Galicia de 1936. Comité Central de la Autonomía de Galicia. Presidente Ánxel Casal Gosenge, Alcalde de Santiago de Compostela.

A súa actividade como libreiro e impresor é fundamental para explicar o desenvolvemento do galeguismo entre os mozos composteláns. Coa súa imprenta traballando para os sindicatos e a esquerda republicana, gañouse o respecto dos diversos grupos que en 1935 construíron a Fronte Popular. Aló continuou a imprimir e colaborar en diversas iniciativas republicanas, galeguistas e sindicalistas. Foi o editor e impresor das revistas vangardistas Claridad (1934) e Ser (1935)[7]

Militante desde a súa creación do Partido Galeguista e pertencente á masonería[8], foi alcalde de Santiago de Compostela elixido por maioría entre os membros da Comisión xestora desde febreiro de 1936 até o 9 de xullo en que con todos os concelleiros galeguistas dimitirá dos seu cargos. Vicepresidente da deputación Coruñesa e do Comité executivo para o Estatuto de Autonomía, desenvolveu unha frenética actividade para conseguir a súa aprobación. Como alcalde impulsou tamén a iniciativa de Álvaro de las Casas para constituír a Asociación de Escritores de Galicia[9]. O 16 de xullo entregou nas cortes o texto estatutario aprobado o 28 de xuño.

Tras o golpe de estado[editar | editar a fonte]

Ao coñecer as novas golpistas, regresou a Compostela para tratar de impedir o éxito do golpe. Reincorporado o 19, fíxose cargo da Alcaldía, tratando de organizar a resistencia. Tras o triunfo da sublevación militar do 18 de xullo escapou para a parroquia de Vilantime en Arzúa. Foi detido o 4 de agosto e levado á prisión da Falcona en Santiago de Compostela onde coincidiu con Camilo Díaz Baliño, quen o retratou a lapis ao igual que a outros presos republicanos[10]. Declarou como testemuña o 8 de agosto no proceso contra os membros do comité de defensa, e na noite do 18 ao 19 de agosto foi asasinado en Cacheiras, preto do cemiterio[4], o seu corpo apareceu xunto ao de José Devesa Areosa, marcado hoxe cun pequeno monumento.

Recoñecemento póstumo[editar | editar a fonte]

En 1940 as Mocedades Galeguistas da Arxentina crearon o selo Ediciós Ánxel Casal, que empregou en 1952 Luís Seoane para publicar o poemario Fardel de eisiliado. En 1950 o empresario Manuel Puente retomou a Editorial Nós, de Ánxel Casal, a quen Otero Pedrayo dedicou un capítulo no seu Libro dos Amigos[4]. Castelao terá dito que: “Casal fixo por Galicia máis que todos nós”[11].

Ánxel Casal está presente na novela de Manuel Rivas O lapis do carpinteiro como personaxe secundario sendo un máis dos prisioneiros do cárcere compostelán.

O Concello de Santiago, atendendo á proposta expresada polo IES Arcebispo Xelmírez I con motivo da celebración do 150º Aniversario da súa fundación, creou no ano 1996 o Premio Literario Ánxel Casal, nas modalidades de poesía, teatro e conto.[12] Ademais a capital galega declarou o ano 2005 Ano Ánxel Casal, co obxectivo de recuperar o importante legado cultural, artístico e político do intelectual galego.[13]

Foi proposto para o ano 2006 como candidato ó Día das Letras Galegas, coincidindo co Ano da Memoria Histórica, aínda que finalmente foi escollido Manuel Lugrís Freire. E de novo para o ano 2022, nunha candidatura conxunta canda Federico García Lorca, resultando finalmente escollido Florencio Delgado Gurriarán.

En marzo de 2008 foi bautizada co seu nome a Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, acabada de construír.[14]

O 19 de agosto do 2021 ás 20:00 horas celebrouse un acto institucional de lembranza a Ánxel Casal. Este acto tivo lugar na Estivada da Ribeira, en Cacheiras, preto do monólito que lembra o seu corpo. Nesta homenaxe pública participaron os Concellos de Santiago, Coruña e Arzúa e sirve tamén de recoñecemento a todas as persoas represaliadas no ano 1936[15].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ánxel Casal na páxina web Nomes e Voces.
  2. Alonso Montero, ed. (19/12/2000). "Ánxel Casal na Universidade". La Voz de Galicia. Consultado o 17/09/2021. 
  3. 3,0 3,1 Mato, Alfonso (2007). Ánxel Casal, un editor para un país. Galicia - Século XXI. p. 10. ISBN 978-84-96530-47-8. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "Biografía de Ánxel Casal". Consello da Cultura Galega. Consultado o 17/09/2021. 
  5. "Anxel Casal Gosenje". Real Academia de la Historia. Consultado o 17/09/2021. 
  6. Montagut, Eduardo. "Anxel Casal Gosenge". Nueva Tribuna. Consultado o 17/09/2021. 
  7. Vázquez Souza, Ernesto (2003). A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno. Ed. do Castro. ISBN 84-8485-100-1. 
  8. Mera Costas, Pilar (2014). Universidade Complutense de Madrid, ed. "Perseguidos en el limbo. La primera represión de la masonería". Revista Actual Online (33): 93–105. ISSN 1696-2060. 
  9. Viveiro Mogo, Prudencio (2019). "Editorial Nós". Cervantes Virtual. Consultado o 17/09/2021. 
  10. "Oitenta e dous anos do asasinato de Ánxel Casal". Nos Diario. 19/08/2018. Consultado o 17/08/2021. 
  11. Alvarellos, Quique (29/06/2016). "Ánxel Casal, 1936". La Voz de Galicia. Consultado o 17/09/2021. 
  12. "Premio Literario Anxel Casal". Concello de Santiago. Consultado o 17/09/2021. 
  13. "Varios actos conmemorarán o 2005 Ano Ánxel Casal". Páxina oficial de Santiago de Compostela. Consultado o 17/09/2021. 
  14. Portal da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
  15. "Homenaxe a Ánxel Casal". Concello de Teo. Consultado o 17/09/2021. 
  16. O cemiterio de Santo Amaro. Memoria de dous séculos. Concello da Coruña, Fundación Emalcsa. 2012. ISBN 978-84-616-1077-8. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Francisco Vázquez Enríquez
 
Alcalde de Santiago
 
1936
Sucesor:
Manuel García Diéguez