Carneiro alado de Ribadeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carneiro alado de Ribadeo
Material:Ouro
Peso:50 gr
Medidas:6,5 cm de lonxitude
6,4 cm de altura
2 cm de ancho
Ano da descuberta:1945
Data:Descoñecida
Museo:Museo Provincial de Lugo
Propiedade:Deputación de Lugo

O Carneiro alado de Ribadeo é unha peza artística de ouro que se cría que fora descuberta en 1945 debido a uns traballos de dragado da ría de Ribadeo, máis recentemente crese que realmente foi mercada en Madrid.[1] Descoñécese a data e orixe exacta da peza. Formaba parte do depósito que Álvaro Gil Varela fixo no Museo Provincial de Lugo o 17 de abril de 1976, xunto con outras pezas procedentes da súa colección particular, como o Torque de Burela. O carneiro alado de Ribadeo foi exposto ó público por primeira vez na celebración do Coloquio Internacional do Bimilenario de Lugo en 1977.[2][3] A peza motivou estudos de especialistas como Antonio Blanco Freijeiro e Juan Maluquer, que estableceron teorías sobre a súa orixe e antigüidade. Blanco Freijeiro apuntou a posibilidade de que fose castrexa prerromana con influencia tartesa. Maluquer fixa como época máis probable a comprendida entre os anos -525 e -475. Porén, varios estudos da década dos anos 90 encamiñáronse a amosar con claridade as súas semellanzas con pezas datables nos séculos XI-XIII ou incluso posteriores:[1][2] por exemplo, o responsable de Difusión do Museo, Fernando Arribas Arias, localizou outra peza semellante no museo da Fundación Abegg de Suíza.[4]

En 2015 foi declarado Ben de Interese Cultural.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

A peza é de pequenas dimensións (6,5 x 6,4 x 2 cm) e un peso aproximado duns 50 gr. Está formada por láminas de ouro repuxadas e decoradas antes de seren soldadas ó corpo, sendo oca no interior. Caracterízase pola abundante decoración de granulados e filigranas que cobren completamente o corpo do carneiro, mesmo na parte interior das patas e das ás. No peito e na parte superior das patas dianteiras aparecen unhas flores de seis pétalos. Nas patas traseiras aparece unha figura dun animal coa cabeza volta cara a atrás e con cornos. Na parte central do animal atopamos a representación dunha ave coas ás estendidas. A cabeza da figura, botada cara a atrás, presenta unha separación do corpo por medio dunha banda ancha e lisa a modo de colar. As ás están tamén profusamente decoradas, dividíndose en tres rexistros por medio de liñas de granulado. Por último, a cola amosa un tratamento distinto, usando unha lámina lisa de ouro con decoración de glóbulos sobre rodeis, colocados en liñas lonxitudinais.[5]

Traxectoria museística[editar | editar a fonte]

O 17 de abril de 1976, o seu propietario, Álvaro Gil Varela, depositouno no Museo Provincial de Lugo xunto con outras pezas da súa colección particular polo que pasou a exporse ó público na súa sala de ourivería.

Despois de varios anos intentando vender a colección á Xunta de Galicia, e ó non chegar a acordo con eles, o 24 de outubro de 2013 os representantes dos herdeiros de Álvaro Gil acudiron ao Museo Provincial de Lugo para facer cumprir a sentenza que obrigaba á devolución das pezas da colección. Levaron 40 destas pezas, entre elas o Carneiro alado de Ribadeo[6].

En xuño de 2014 a Deputación de Lugo anunciaba que ía mercar a colección de ourivaría de Álvaro Gil para devolvela ó Museo. Estimaban daquela que mercarían estas pezas por un total de 2 964 000 euros.[7]

Finalmente esta compra foi realizada o 10 de febreiro de 2015 por 2 346 200 €, ós que houbo que engadir outros 600 000 € que tamén se aboaron ós herdeiros de Álvaro Gil en concepto de gastos xudiciais.[8] Dende ese momento volveu quedar exposta no Museo Provincial de Lugo.

En 2015 a colección foi declarada Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]