Camiño Portugués

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Camiño Portugués
Tramo galego do camiño portugués.

Baixo a denominación de Camiño Portugués agrúpanse distintas vías do Camiño de Santiago que, con orixe en Portugal, van cara a Santiago de Compostela. Tradicionalmente, descríbense dúas rutas principais que ascenden desde o sur de Portugal, unha pola costa desde Lagos a Lisboa, Coímbra e Tui; e outra polo interior desde Faro a Évora, Chaves e Verín. Estas dúas rutas principais presentan numerosas variantes locais e comunicacións entre unha e outra formando unha rede de Camiños interconectados cara ao norte. En consecuencia, o acceso a Galicia faise por Valença do Minho a Tui ou por Braga a Ourense, sendo a primeira alternativa a máis utilizada, con diferenza, e a que, xa en Galicia, recibe oficialmente o nome de Camiño Portugués. Mesmo existe unha terceira variante que entra por Caminha á Guarda e ascende pola costa de Pontevedra, que recibe o nome de Camiño Monacal en referencia ó mosteiro de Oia, por onde pasa. A cidade de Pontevedra, punto central do camiño, é a capital do Camiño Portugués en España.[1],[2],[3]

A Asociación de Amigos do Camiño Portugués comezou a sinalizar e cartografar o Camiño Portugués en 1993, desde Tui[4]. Membros desta asociación cifraban en 500 peregrinos anuais os que seguían esta ruta nos seus inicios, experimentando desde hai anos un crecemento progresivo ata alcanzar os 52.000 do ano 2016, o que o converteu na segunda ruta Xacobea en importancia, aínda que a gran distancia do Camiño Francés. Segundo a Oficina do Peregrino, nos últimos anos accederon a Santiago polo Camiño Portugués un número crecente de peregrinos: 35.494 en 2014 (un 14,92% do total de peregrinos por tódolos camiños), 43.158 en 2015 e 52.190 en 2016.[5], fronte ós 176.329 que chegaron polo Camiño Francés en 2016 (o 63,38% do total)[6]. Canto á nacionalidade dos peregrinos, os portugueses representan ó redor do 5% e manteñen ano tras ano un cuarto posto, por detrás de españois (ó redor do 50%), alemáns (8%) e italianos (6,5%).

Para mellorar e aumentar o atractivo desta ruta, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e mais os doce concellos polos que transcorre o Camiño acordaron en 2014 crear unha mesa de seguimento para analizar os problemas detectados, afrontar labores de mantemento e deseñar medidas para potencialo. En setembro dese mesmo ano comezaron os traballos de limpeza e sinalización, cun orzamento dun millón de euros[7].

Itinerarios[editar | editar a fonte]

Igrexa da Virxe Peregrina en Pontevedra.

O Camiño Portugués da costa nace en Lagos, e pasa por Aljezur, Odemira (con posible desviación por Ferreira do Alentexo), Cercal, Santiago de Cacém, Grândola, Alcácer do Sal e Setúbal, para chegar a Lisboa.

Desde Lisboa continúa cara Coímbra (a onde se pode chegar directamente ou desviándose por Sintra e Alcobaça, para visitar os mosteiros destas dúas localidades) pasando por Santarém, Golegã, Tomar e Figueiró dos Vinhos. Unha vez en Coímbra, o Camiño podía coller cara ao noroeste, por Águeda, Pedroso e Porto; ou desviarse ó nordeste, cara a Lamego (onde enlazaba coa ruta do interior) e Chaves.

Desde Porto podía coller cara á costa ata Póvoa de Varzim, Viana do Castelo e Caminha, para seguir ata Valença (ou cruzar a ría cara á Guarda); ou ben coller cara a Barcelos, Ponte de Lima e Valença, onde cruza o Miño e entra en Galicia por Tui.

En Barcelos xorde unha variante que vai a Vila Nova de Cerveira, onde cruza o Miño e pasa por Goián, Tomiño, Gondomar, Vigo e Redondela, onde se une ó Camiño de Portugal oficial. A esta alternativa denomínase Camiño de Portugal do Norte, porque pasa a carón do santuario portugués de Nossa Señora do Norte. Aínda existe outra variante máis que leva desde Barcelos a Lanheses, Vila Nova de Cerveira e Valença.

O Camiño Portugués do interior, tamén chamado Camiño Central, foi o utilizado pola raíña Santa Isabel de Portugal na súa peregrinación a Compostela en 1326. Nace tamén na costa do Algarve, en Faro, e ascende máis ou menos paralelo á fronteira con España, pasando por Almodôvar, Castro Verde e Beja; pouco antes desta última localidade enlaza cunha variante que ascende desde Tavira, tamén na costa. Logo segue cara a Reguengos de Monsaraz, Évora, Estremoz, Crato, Alpalhâo (onde enlaza outra variante que vén desde Ferreira do Alentexo, que xa vimos na ruta da costa), Castelo Branco, Fundão, Guarda, Trancoso, Moimenta da Beira e Lamego, na beira sur do Douro. Ata Lamego chega unha variante desde Coímbra, pasando por Viseu.

A partir de aquí, os peregrinos poden coller cara a Chaves para entrar en Galicia por Verín e enlazar coa Vía da Prata en Ourense; ou ben coller cara a Amarante, Guimarães e Braga, para enlazar coa ruta da costa en Ponte de Lima e entrar en Galicia por Valença e Tui. Tamén, desde Braga, cabía a posibilidade de entrar en Galicia por Celanova ou A Cañiza.

A partir de Braga, o Camiño coincide basicamente coa vía romana XIX, que ascendía desde esta localidade (Bracara Augusta) ata Astorga (Asturica Augusta), pasando por Tui, Pontevedra, Caldas e Iria Flavia.

Placa da rúa da Santiña, no Burgo (Pontevedra).

Unha vez en Galicia, a ruta oficial do Camiño Portugués ascende desde Tui cara ó norte a través do Porriño, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis e Padrón, para chegar finalmente a Santiago. As outras rutas, que acceden por outros puntos da fronteira, terminan confluíndo antes ou despois con esta ruta principal.

No ano 2014 abríronse dúas rutas alternativas que parten de Pontevedra cara ó Salnés [8]. A primeira é a Ruta Espiritual, que percorre os mosteiros de Poio e Armenteira e enlaza en Vilanova de Arousa coa Ruta do Mar de Arousa, para dirixirse desde aí en barco a Pontecesures.

A segunda é a Ruta do Padre Sarmiento, que percorre os concellos de Poio, Sanxenxo, O Grove, Meaño, Cambados, Vilanova, A Illa, Vilagarcía e Catoira, e enlaza co Camiño Portugués oficial en Pontecesures; esta alternativa recibe o seu nome do propio Martín Sarmiento que percorreu esta ruta no Ano Santo de 1745 e a describiu no seu libro Viaxe a Galicia.

Segundo se concluíu na reunión do intergrupo Caminos de Santiago do Parlamento Europeo celebrada en Bruxelas en decembro de 2013 [4], a sinalización está ben definida desde Porto ata Santiago pero é insuficiente entre Lisboa e Porto e case inexistente nos tramos ó sur de Lisboa. Tamén se puxo de manifesto a urxente necesidade de definir unha ruta como a oficial e o resto como variantes, dada a multiplicación de rutas e alternativas, non fixadas pola tradición xacobea. Outro dos problemas a solucionar sería a escasa dotación de prazas nos albergues existentes ó longo do Camiño, que a Deputación de Pontevedra estima nun 10% das necesidades reais.

Ponte internacional entre Valença e Tui.

O Camiño Portugués en Galicia[editar | editar a fonte]

Como acontece con outros Camiños, as diferentes guías e webs que desenvolven o Camiño Portugués non sempre coinciden no número das etapas necesarias para chegar de Tui a Santiago nin, por conseguinte, nas localidades que as delimitan nin na distancia a percorrer en cada unha delas. Das oito guías consultadas, tres dividen esta ruta en 6 etapas (Xacobeo.es, Consumer.es, Diario de a bordo) e cinco en cinco etapas (La Voz de Galicia, Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago, Todos los caminos, Gronze, Portas del cielo). Neste artigo seguimos a estrutura descrita pola web do Xacobeo.[9]

1ª etapa: Tui - O Porriño[editar | editar a fonte]

 Tui - Rebordáns - A Virxe do Camiño - A Magdalena - Orbenlle - Atios - A Guía - O Porriño  

Unha vez pasada Valença, os peregrinos tiñan que atravesar o Miño mediante barcazas que desembarcaban na praia da Fábrica, pero desde que se construíu a ponte internacional en 1884 xa se pode facer con comodidade polo paso peonil que hai a un dos lados da ponte. Entran así en Galicia a través da vila de Tui.

Museo Diocesano, situado no antigo Hospital para Pobres e Peregrinos, levantado en 1756. Aquí os peregrinos tiñan dereito a pasar tres noites.

O primeiro fito da Xunta de Galicia sinalizando o Camiño marca neste punto unha distancia de 115,454 km ata Santiago [10].

Nesta cidade destaca a catedral de Santa María, construída entre os anos 1142 e 1225 nos estilos románico e gótico. Xunto á catedral, Tui contaba con hospital de pobres e peregrinos que estivo activo desde finais do século XVII ata principios do XX; hoxe está reconvertido en Museo Diocesano. O Camiño atravesa o centro histórico e pasa ante o convento de clausura das Clarisas (popularmente, das encerradas) e o mosteiro de San Domingos.

Despois de Tui, pasa por Rebordáns, con igrexa dedicada a san Bertomeu, do século XII pero reconstruída sobre outra anterior do XI; esta igrexa foi a primeira catedral de Tui [11]. A partir de aquí cruza a estrada N-550 -que discorre á par do Camiño ata Santiago- e sobe cara ó Porriño seguindo o leito do río Louro pasando pola Virxe do Camiño (lugar de Rebordáns), cuxa igrexa barroca, do s. XVII, posúe unha Virxe do Leite, considerada protectora dos peregrinos. A seguir pasa por baixo da autoestrada do Atlántico (AP-9) e cruza o río San Simón pola chamada ponte de San Telmo ou ponte das febres, para alcanzar despois o lugar da Magdalena, da parroquia de Ribadelouro.

Ponte de San Telmo ou ponte das Febres.

Segundo conta a lenda, san Telmo, daquela frade dominico en Tui, colleu unhas febres neste mesmo lugar cando ía de peregrinación a Santiago, febres que forzaron o seu regreso a Tui e das que morreu de alí a pouco. Xunto á ponte levantouse un cruceiro no que unha inscrición di o seguinte: "Camiñante, aquí enfermou de morte san Telmo en abril de 1251. Pídelle que fale con Deus no teu favor". Sobre o arco da ponte construíuse unha plataforma de madeira para facilitar o paso.

Ponte de Orbenlle, sobre o Louro.

Desde A Magdalena o Camiño pasa xunto a un calvario formado por cinco cruceiros e, a seguir, por Orbenlle, onde o Camiño deixa o concello de Tui e entra no do Porriño. O itinerario tradicional beireaba as Gándaras de Budiño (zona húmida creada pola confluencia do río Louro con varios regatos, creando un sistema de lagoas, brañas e bosques de ribeira) e atravesaba a todo o longo o polígono industrial das Gándaras, do Porriño, en 3 km de estrada perigosa e interminable, entre naves industriais e constante tráfico de camións. Desde setembro de 2013 está indicada unha alternativa polas Gándaras e a beira do Louro que só representa un aumento duns 500 metros [12]. Esta variante, que comeza ó pouco de pasar o fito quilométrico 106,048, discorre baixo unha mesta vexetación na beira do Louro; pasa polas parroquias de Mosende e Pontellas (esta segunda dedicada a Santiago), e mais o lugar de Centeáns, onde o Camiño pasa ó pé dun cruceiro no antigo Camiño Real que conducía a Vigo.

O Camiño alcanza agora a vía férrea, que supera, e segue pola beira da N-550 a través da parroquia de Atios pasando pola Capela da Virxe da Guía, no lugar da Guía desta parroquia, para chegar finalmente ó Porriño.

No Porriño pasa por diante das capelas de San Sebastián (posiblemente anterior ó XVI) e de San Bieito. Nesta vila destaca a casa consistorial, obra construída por Antonio Palacios en 1924 e reconstruída en 1983 tralo incendio de 1976.

2ª etapa: O Porriño - Redondela[editar | editar a fonte]

Albergue do Porriño, á beira do Louro.

  O Porriño - Ameiro Longo - Santa Marta - O Castro - A Rúa - Mos - Os Cabaleiros - O Enxertado - Vilar de Infesta - Saxamonde - O Souto - Quintela - O Muro - Redondela 

A etapa comeza camiñando de novo pola N-550 e cruzando por debaixo da autovía das Rías Baixas (A-52). Despois dun breve desvío a Ameiro Longo, xa no concello de Mos, volve outra vez a coincidir coa estrada. Pasa logo polos lugares de Santa Marta e O Castro; ou ben se desvía por Veigadaña, desvío que axiña retorna ó Camiño tradicional. Segue pola Rúa e a capital do concello, Mos, onde pode verse a igrexa de Santa Olaia e o palacio dos marqueses de Mos, do s. XVIII.

O peregrino pasa ante o Cruceiro dos Cabaleiros, erixido en 1734 e que conserva a policromía. Pasa polo lugar dos Cabaleiros [13] e volve á estrada. Bordeando a parroquia de Guizán, pasa pola capela de Santiaguiño de Antas, dedicada a Santiago Cabaleiro, e chega ó lugar do Enxertado, xa na parroquia de Louredo.

Miliario de Santiaguiño de Antas.

Ó pouco, no linde entre Mos e Redondela, o Camiño pasa por un miliario romano da vía XIX, atribuído ó emperador Traxano (no século II).[14]

O Camiño entra agora en Redondela, a través da parroquia de Vilar de Infesta e, posteriormente, a de Saxamonde (Casal do Monte, Padrón e O Souto) [15]. Unha vez superado O Souto, o Camiño volve coincidir coa estrada N-550.

A estrada entra agora na parroquia de Quintela [16] e leva ata O Muro [17][Cómpre referencia] para chegar axiña a Redondela. Nesta vila destaca a igrexa parroquial de Santiago, consagrada polo propio Diego Xelmírez en 1114 pero reedificada no XVI; no alto da fachada podemos ver unha escultura de Santiago matamouros e no retablo do altar maior unha talla de Santiago peregrino. Tamén, a capela de Santa Mariña ou das Angustias, do XVII.

O albergue de peregrinos ocupa a chamada Casa da Torre, do século XVI, que foi residencia dos Prego de Montaos. Tras dela está a Casa da Alfóndega, tamén do XVI.

3ª etapa: Redondela - Pontevedra[editar | editar a fonte]

Ponte Sampaio, sobre o Verdugo.

  Redondela - Cesantes - O Carballiño - Tuimil - O Viso - Soutoxuste - Arcade - Ponte Sampaio - Cacheiro - Bergunde - A Boullosa - O Alcouce - Santa Comba de Bértola - O Pobo - O Casal do Río - Lusquiños - O Marco - Pontevedra 

O Camiño sae de Redondela pasando por baixo do viaduto do ferrocarril, cruzando a N-550 por diante da capela das Angustias e pasando ao carón do Campo Municipal de Santa Mariña. Inmediatamente despois de superar Redondela cruza o río Pexegueiro e entra na parroquia de Cesantes. Tras cruzar as vías do tren entra no Camiño Real e, ó pouco, no camiño da Brea Vella, que leva de novo á N-550.

Imaxe da Virxe Peregrina, na fachada da igrexa pontevedresa.

Segue polos lugares do Carballiño, de Tuimil, xa na parroquia do Viso, e Soutoxuste, para volver dar na N-550, que cómpre seguir ata entrar en Arcade, xa no concello de Soutomaior.

En Arcade cómpre ver a igrexa parroquial dedicada a Santiago, de estilo gótico pero restaurada no XIX. No mesmo camiño atoparemos tamén unha fornela decorada con motivos xacobeos no máis puro estilo kitsch, con cunchas, cabazas, Pelegrín, figuriñas, pedriñas, estampas, pulseiras, recordatorios etc.

A seguir o Camiño chega a Ponte Sampaio e entra no concello de Pontevedra cruzando a ponte medieval [18] sobre o río Verdugo que desemboca aquí dando orixe á Ría de Vigo. Sobre esta ponte librouse a histórica batalla nos días 7 a 9 de xuño de 1809 no contexto da Guerra de Independencia española, batalla na que as tropas españolas derrotaron ás francesas comandadas polo mariscal Ney, obrigándolle a retirarse cara a Compostela e detendo así o dominio francés sobre o sueste galego.

Dentro de Ponte Sampaio destaca a igrexa parroquial de Santa María (aínda que non está situada no propio Camiño e esixe unha desviación). É do século XII en estilo románico, pero sometido a profundas reformas nos s. XVIII e XX. Son especialmente interesantes os capiteis do interior da igrexa.

Logo de Ponte Sampaio pasa pola Ponte Nova, ponte de nova construción (2010) que veu substituír a anterior ponte medieval que caeu tras unha crecida do río Ulló no 2006, e polo lugar de Cacheiro, da parroquia da Canicouva. Este tramo discorre pola Brea Vella de Canicouva, un camiño lousado que coincide coa vía romana XIX.

Indicador da distancia (64.5 km) ata Santiago, na rúa Virxe do Camiño de Pontevedra

Ó pouco entra na parroquia de Figueirido, do concello de Vilaboa, a través dos lugares de Bergunde, A Boullosa e O Alcouce. Seguidamente entra na parroquia de Santa Comba de Bértola e pasa xunto á capela de Santa Marta, construída en 1617. Logo cruza o río do Pobo e entra na parroquia pontevedresa de Tomeza polos lugares do Pobo, O Casal do Río, Lusquiños e O Marco, para chegar finalmente á cidade de Pontevedra pola rúa Ramón Otero Pedrayo, onde se atopa o albergue de peregrinos La Virgen Peregrina.

Todo este último tramo segue un espazo urbanizado e pouco agradable, sobre asfalto, polo que hai peregrinos que están desenvolvendo unha variante que percorre a beira do río dos Gafos. Esta variante tómase no lugar do Pobo e conflúe co Camiño tradicional pouco antes de chegar ó albergue.

En Pontevedra destaca, a efectos do Camiño de Santiago, a escultura Dorna de Xaime Quessada, a ponte do Burgo coas cunchas de peregrino esculpidas e sobre todo a igrexa da Virxe Peregrina, do século XVIII en estilo barroco tardío, con planta en forma de cuncha de vieira, símbolo dos peregrinos e punto de parada. No interior presenta tallas de Santiago, San Roque e a Virxe, todos eles con indumentaria de peregrinos. A Virxe Peregrina é patroa da provincia de Pontevedra e referencia do Camiño Portugués.[19][20] Fronte á basílica estaba a porta de Trabancas, da antiga muralla da cidade, pola que entraban os peregrinos. Esta porta daba acceso á praza da Ferrería. O Camiño atravesa a cidade polo seu casco vello (praza da Peregrina, praza da Ferraría, Soportais, praza de Curros Enríquez, rúa Real, rúa da Ponte) e sae pola ponte do Burgo.

4ª etapa: Pontevedra - Caldas de Reis[editar | editar a fonte]

Fito quilométrico no extremo sur da Ponte do Burgo.

  Pontevedra - Pontecabras - Guxilde (Alba) - San Caetano - Leborei - O Castrado - Reariz - San Amaro - A Cancela - Valbón - A Seca - Barosa - Briallos - O Ameal - Foxacos - Tivo - O Pazo - Caldas de Reis 

Quedan aínda 63,183 km ata Santiago.

O peregrino abandona a cidade de Pontevedra cruzando o río Lérez pola ponte do Burgo. O nome de Pontevedra vénlle de Pontus Veteri, ponte vella, e fai alusión á ponte romana que había pouco máis abaixo desta do Burgo e que representaba un importante fito na vía romana XIX; a actual ponte é medieval pero sufriu constantes reformas [21].

Ponte do Burgo.

Nada máis cruzar a ponte, á man dereita hai un cruceiro levantado no lugar onde estivo a antiga capela do Santiaguiño do Burgo. Tras percorrer uns metros pola avenida da Coruña, o Camiño colle á esquerda pola rúa da Santiña, que avanza cara ó norte por unha contorna rural, entre as vías do ferrocarril e a autoestrada AP-9. Bordea a Xunqueira de Alba, extensa zona húmida de 80 hectáreas, rica en aves acuáticas, e chega a Pontecabras, na parroquia de Alba. Tras pasar por debaixo do ferrocarril, chega a Guxilde, onde o camiño pasa ó pé da igrexa parroquial, dedicada a Santa María. A igrexa orixinal era románica e fora consagrada polo bispo Diego Xelmírez, pero foi reconstruída e reformada totalmente en 1595. Xunto á casa reitoral hai un monumento ó peregrino.

Esta placa, nunha casa da rúa da Gándara (saíndo de Pontevedra), lembra un milagre do Apóstolo.

Segue por San Caetano, onde vai pola beiravía da estrada Pontevedra-Vilagarcía pero por pouco tempo, para desviarse cara a Leborei, xa na parroquia de Cerponzóns, pasando logo polo Castrado e Reariz.

Tras cruzar o rego do Pozo Negro (ou do Cárcere) entra no concello de Barro e chega axiña a San Amaro e A Cancela. O albergue de Barro está localizado en Portela e para chegar ó mesmo hai que coller unha desviación na Cancela.

Tímpano da igrexa de Agudelo, no que se representa a san Martiño en actitude de bendicir.

En Valbón, onde o Camiño pasa a carón de dous cruceiros, cunha imaxe de Santiago peregrino no fuste dun deles [22], pódese coller unha desviación que leva ata a interesante igrexa de Agudelo, dedicada a san Martiño e en estilo románico do s. XII.

Desde Valbón quedan só 50 km a Santiago. O Camiño chega agora á Seca e continúa pola N-550. Cruza o río Agra (momento que se pode aproveitar para desviarse a descansar ás fervenzas do río Barosa), e entra por un momento no concello de Portas por Barosa e Briallos, tras un novo traxecto pola estrada.

Ó pouco entra no concello de Caldas de Reis e chega ó Ameal, na parroquia de Arcos da Condesa, onde se pode visitar a capela de Santa Lucía. Segue agora polos lugares de Foxacos e Tivo (onde se levanta un cruceiro datado en 1654).

Finalmente, tras pasar polo Pazo, entra na vila de Caldas. Faino ó pé da igrexa de Santa María, románica do século XIII, na que destaca o Agnus Dei do tímpano da entrada e os dous linteis dun baldaquino encastrado no muro interior.

Tras cruzar o río Umia, O Camiño atravesa Caldas, pasando ó pé da fonte termal das Burgas, fronte á igrexa de San Tomé Becket [23], e pola rúa Real ata a ponte romana de Bermaña, sobre o río do mesmo nome. Na praza que se abre ó outro lado da ponte atópase o albergue de peregrinos.

O peregrino Juan Bautista Confalonieri escribiu ó seu paso por Caldas o 2 de maio de 1594 [24]:

"Paramos a comer en Caldas de Rei, pequeno lugar ou vila sen muros, con casas e rúas ó estilo de Galicia, e 200 ou 300 casas con lume. Ten unha boa ponte antes e outra despois, e no río péscanse troitas".

5ª etapa: Caldas de Reis - Padrón[editar | editar a fonte]

Indicador á saída de Caldas, a carón da capela de S. Roque.

  Caldas de Reis - Trainol - Gallamonde - Carracedo - O Gorgullón - O Campo - Casalderrique - Casal de Eirigo - O Pino - Valga - Cimadevila - Fontelo - Cedelo - Condide - Infesta - Pontecesures - Padrón 

Desde o albergue, o peregrino prosegue o Camiño avanzando polas rúas Real e de San Roque ata a capela do mesmo nome, inmediata á N-550. Nesta capela de San Roque, padrón de Caldas, unha pequena imaxe do santo vestido de peregrino alóxase nunha fornela no centro da fachada; no interior, dous linteis dun baldaquino.

Ponte do Bermaña (Caldas de Reis).

Abandona Caldas cun breve percorrido pola beirarrúa da estrada N-550 que se deixa axiña para coller unha pista á dereita que o leva ó val do río Bermaña, e pasa polos lugares da Lavandeira, Trainol e Gallamonde [25][Cómpre referencia]. A esta altura vese á esquerda a igrexa de Santa María de Bemil, pero afastada do Camiño aínda que ben merece un rodeo para visitala. É do século XII, de estilo románico, e conserva a fachada e a ábsida semicircular.

Mochilas dos peregrinos, gardando a vez ante o albergue de Caldas.

Continúa cara á parroquia de Carracedo, polo lugar do Gorgullón, cruza a N-550 e chega ó Campo, onde se levanta a igrexa parroquial de Santa Mariña de Carracedo, barroca, construída sobre un mosteiro románico do século XII.

Segue agora polo lugar de Casalderrique, onde volve cruzar a estrada, e deixa o concello de Caldas para entrar no de Valga, por Casal de Eirigo, na parroquia de Setecoros, e O Pino, polo monte Albor. O Camiño, neste tramo, discorre pola beira do río Valga, pasando xunto a diversos muíños de auga. No Pino hai un albergue de peregrinos inaugurado en 2011.

Homenaxe ó peregrino, en Padrón, de Camilo Seira.

O Camiño continúa por San Miguel de Valga, Cimadevila, Fontenlo e Cedelo, e entra no concello de Pontecesures polo lugar de Condide. Tras un traxecto cada vez máis urbanizado chega a Infesta, xa unido a Pontecesures.

Nesta vila destaca a igrexa de San Xulián de Requeixo, construída no século XII sobre restos romanos, aínda que só conserva parte dos muros laterais. Tamén cómpre ver o cruceiro do século XIV e o monumento a Santiago peregrino. En Infesta hai outro albergue de peregrinos, de 2012, e outro máis na próxima Herbón, aberto no mesmo mosteiro.

A seguir, cruza a ponte sobre o río Ulla, límite das provincias de Pontevedra e Coruña e entra, pola N-550, en Padrón. A ponte, de orixe romana (entre o 25 a.C. e o século I d.C.), disque foi restaurada polo taller do mestre Mateu, así como en 1790, 1911 e 1956, polo que está moi modificada.

O Pedrón de Padrón.

O Camiño entra en Padrón polo barrio da Ponte, bordeando o río Sar, onde segundo a tradición desembarcou a barca na que viñan os discípulos de Santiago cos restos mortais do Apóstolo, cara ao ano 44. Este feito queda patente en relevos, estatuas e cadros existentes en distintas igrexas e monumentos, e mesmo se converteu na imaxe da vila ó recollerse a escena no escudo municipal. Xa no casco urbano, destaca a igrexa de Santiago, en estilo neoclásico do s. XIX pero construída sobre a igrexa románica que se levantara en 1123 por orde do bispo Xelmírez. Baixo o altar maior consérvase o Pedrón, ó que debe o nome a vila. Trátase dunha ara romana ou cipo en honor é deus Neptuno, cunha inscrición que di "NO / ORI / ESES / DSP", texto que se desenvolve como: Nept/uno/ For(o)i(ri)/e(n)ses/ d(e) s(uo) p(osuerunt [26]. A lenda considera este pedrón como o lugar onde amarraron a barca co corpo do Apóstolo. Pouco máis adiante da igrexa está o albergue de peregrinos, habilitado nunha casona do XVIII; este foi o primeiro albergue que a Xunta de Galicia creou no Camiño Portugués.

Outros elementos dignos de mención en Padrón son o cruceiro de Fondo de Vila e, ó outro lado do Sar, cruzando a ponte de Santiago, o convento do Carme, cunha fonte, tamén chamada do Carme (do s. XVI), adornada cun relevo no que se representa a translación do Apóstolo e unha estatua co bautismo da raíña Lupa. Xa á beira da estrada N-550 (non exactamente no itinerario do Camiño), hai unha estatua en homenaxe ó peregrino, obra do escultor Camilo Seira.

A 1 km de Padrón, pola estrada a Noia, está a pequena igrexa de Santiaguiño do Monte, tamén ligada directamente ó Apóstolo. A tradición conta que estivo alí mesmo predicando, desde uns cons que aínda se conservan (hoxe cun cruceiro e unha imaxe do santo). Tamén, que dunha volta bateu no chan co seu caxato e no intre xurdiu milagrosamente unha fonte.

Como sexa que a etapa é relativamente curta, duns 19 km, algúns peregrinos continúan a marcha ata o albergue de Teo, 10 km máis aló, co obxectivo de reducir a seguinte etapa e chegar a primeira hora a Santiago.

6ª etapa: Padrón - Santiago de Compostela[editar | editar a fonte]

Epifanía na igrexa de Santa María de Iria Flavia.

  Padrón - Romarís - Iria Flavia - A Pousa - O Souto - O Rueiro - Cambelas - Anteportas - Tarrío - Vilar - A Escravitude - Cruces - A Angueira de Suso - O Areal - A Picaraña - O Faramello - Rúa de Francos - Osebe - Riotinto - A Pedreira - Balcaide - A Agrela - O Milladoiro - Santomil - A Amañecida - Santiago de Compostela 

Comeza aquí para o peregrino a última etapa, que o levará ata Santiago. Non ofrece ningunha dificultade, cuns 22–25 km segundo as distintas guías consultadas. O relevo é case horizontal no primeiro terzo, ata Teo, para ir logo ascendendo pouco a pouco ata chegar ó Agro dos Monteiros, de 262 m de altitude. O maior inconveniente son os cruces continuos coa estrada N-550, que hai que seguir nalgún tramo, e coa liña de ferrocarril, cruces que en ocasións poden ser perigosos, e a intensa urbanización do percorrido, que inclúe o paso polo polígono industrial do Milladoiro. Esta última etapa reproduce o camiño que deberon seguir os discípulos co corpo do Apóstolo desde Padrón ó Campus Stellae.

Cruceiro en Rúa de Francos, Calo, Teo.

O Camiño deixa Padrón e pasa por Romarís e Iria Flavia. Iria Flavia era a sé episcopal cando se descubriu o sepulcro do Apóstolo e dos seus discípulos. A raíz deste feito, o bispo Teodomiro trasladou a sé a Santiago. Pasa logo pola igrexa e cemiterio de Santa María de Adina, construídos sobre un templo do século I que foi destruído por Almanzor no ano 999, durante a campaña contra Compostela, e unha extensa necrópole do século V; xunto á igrexa consérvase unha ampla colección de sartegos en pedra e laudas sepulcrais. No tímpano da fachada principal represéntase unha Epifanía de gran calidade.

Tras cruzar as vías e a N-550 segue polos lugares da Pousa, O Souto, O Rueiro, Cambelas e Anteportas. Entra agora na parroquia de Cruces, polo lugar de Tarrío (onde se pode apreciar un bo número de hórreos) e segue polo Vilar.

Fonte de Fonseca.

Cruza de novo a N-550 e chega á Escravitude, onde cómpre visitar o santuario da Nosa Señora da Escravitude, barroco do século XVIII [27].

Porta de Praterías.

Agora o Camiño cruza as vías por un paso a nivel sen barreiras e chega á Angueira de Suso. Supera o río Manzanillo e segue polo Areal [28] e A Picaraña.

Pasado este lugar entra no concello de Rois e cruza O Faramello, pero só discorre por este concello uns 400 metros, para entrar axiña no de Teo, onde existe un albergue de peregrinos. A partir deste punto comeza a parte máis difícil da etapa, cun perfil en continuo ascenso. Entra primeiro no lugar de Rúa de Francos, cuxo nome xa evoca a peregrinación xacobea. Hai unha capela e ó seu carón un interesante cruceiro que é un do máis antigos de Galicia -do século XIV- e que foi debuxado por Castelao para o seu libro As cruces de pedra na Galiza [29].

Segue por Osebe, onde volve cruzar as vías, e Riotinto. Neste punto cabe facer un desvío para visitar o Castro Lupario, do que apenas quedan uns muros. Segundo a lenda, o castro era a residencia da Raíña Lupa, que buscou a morte dos discípulos do Apóstolo e rematou converténdose ó cristianismo.

Pasado Riotinto entra na Pedreira e Balcaide e, tras cruzar o rego Rodullo, chega á Agrela, xa na parroquia de Biduído do concello de Ames. Continúa ascendendo e entra no Milladoiro, para cruzar o polígono industrial sito nesta localidade. O topónimo procede do termo humilladoiro, lugar no que os peregrinos se axeonllaban e humillaban, depositando unha pedra ó pé dunha cruz. A particularidade deste punto para tal expresión de devoción consiste en ser o lugar desde onde os peregrinos divisaban por fin as torres da Catedral compostelá [30], concretamente no Agro dos Monteiros. Por este motivo considérase este alto [31], como o monte do Gozo do Camiño de Santiago Portugués. Desde este punto xa só quedan uns 7 km ata a Basílica.

O Camiño entra por fin no concello de Santiago de Compostela. Cruza o río Sar na Ponte Vella e pasa polos lugares de Santomil e A Amañecida, ambos da parroquia de Laraño. Atópase aquí o último fito quilométrico do Camiño.

Finalmente, o peregrino entra en Santiago pola Cantaleta e o barrio da Choupana, que dá paso ó casco urbano. Segue pola rúa Rosalía de Castro, praza de Vigo, rúa Nova, rúa Montero Ríos, Carreira do Conde e rúa Figueroa, que o leva ata o lugar onde estivo a Porta Faxeira, situada entre as actuais Alameda e rúa do Franco, e que foi un dos principais accesos de persoas e mercancías á cidade. Avanza agora pola rúa do Franco [32] ata xirar na de Fonseca e chegar á praza de Praterías, para entrar na Catedral pola porta sur, na fachada de Praterías. O peregrino alcanzou a súa meta.

Desde 2011 existe unha variante que se desvía na Ponte Vella cara a Torrente e Conxo, onde destacan a igrexa da Nosa Señora da Mercé e o Hospital Psiquiátrico, fundado polo Cardeal Payá. Finalmente, esta ruta alternativa volve dar co itinerario tradicional na Porta Faxeira.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Los hospitaleiros reafirman la conexión de Pontevedra con el Camiño Portugués". Faro de Vigo (en castelán). 18 de setembro de 2022. 
  2. "El albergue Virxe Peregrina estrena cara después de cuatro años". Diario de Pontevedra (en castelán). 28 de agosto de 2020. 
  3. "«Hace 20 años el Camino Portugués no se conocía ni en nuestra ciudad»". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de febreiro de 2013. 
  4. 4,0 4,1 "El Camino Portugués conquista Europa" (La Voz de Galicia, 26.12.2013).
  5. Fronte estas cifras, a Deputación de Pontevedra achega outras notablemente superiores: "Atrajo el año pasado [2013] a más de 50.000 peregrinos ... el 20% de todos cuantos caminan a la capital de Galicia" ("El auge del Camino Portugués activa un novo plan para afianzar la ruta en doce municipios" (La Voz de Galicia, 28.05.2014).
  6. Aínda así, a Deputación de Pontevedra destaca o feito de que puntualmente, nalgunhas datas concretas, os peregrinos do portugués xa superan ós usuarios do francés: 454 fronte a 452, o 27 de abril de 2014 (La Voz de Galicia, 24.05.2014).
  7. "Destinan un millón de euros a mejorar el estado del Camino Portugués" (La Voz de Galicia, 5.08.2014).
  8. "La masificación del Camino abre las puertas a las rutas de O Salnés" (La Voz de Galicia, 9.03.2014); "Los cuatro caminos de O Salnés" (La Voz de Galicia, 20.04.2014).
  9. camino.xacobeo.es/gl/caminos/camino-portugues
  10. Garrido Rivero 2004, p. 75
  11. Garrido Rivero 2004, p. 93
  12. A web de Consumer.es recolle o desgusto dos hosteleiros da zona ante a apertura desta variante, "que no han dudado en quemar los carteles del itinerario, borrar flechas y demás salvajadas".
  13. O Nomenclátor non recolle ningún lugar con este nome no concello de Mos, pero o Instituto Galego de Estatística localízao na parroquia de Santa Eulalia de Mos.
  14. O miliario, cuxa inscrición está moi desgastada e alterada, denomínase popularmente "O Marco" -precisamente por servir de linde entre os concellos- ou a "Anta de Maniola" -polo nome que tiña na Idade Media o val que comeza aquí. Os veciños consideran o miliario como provedor de boa sorte e fonte de fecundidade: as mulleres estériles fregaban o ventre contra a pedra para quedaren preñadas. A Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra adquiriuno en 1931 e fixo unha réplica para levar o orixinal ó Museo, pero os veciños non permitiron que o sacaran do seu emprazamento orixinal. Casto Sampedro non permitiu que se usara a forza contra eles e manifestou que "ben está, sigan defendendo a pedra e non deixen que a leve calquera mercachifle".
  15. Nesta parroquia atopouse outro miliario, pero cortado lonxitudinalmente en catro postes utilizados como soporte das viñas. O miliario, de 2,9 m de alto, está dedicado a Publio Elio Hadriano, emperador entre os anos 117 e 138.
  16. A esta altura, o peregrino pasa polo Chan das Pipas, no que a lenda sitúa a un veciño que freou o avance das tropas francesas, durante a invasión do XIX, lanzando sobre eles pipas de viño (Garrido Ribero, px. 112).
  17. O Nomenclátor non recolle ningún lugar con este nome no concello de Redondela.
  18. A ponte é de orixe romana, se ben a actual construción é medieval.
  19. "La Peregrina, una «patrona» de la provincia de solo 64 años". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de setembro de 2019. 
  20. "La Divina Peregrina, una virgen de inspiración sevillana". Pontevedra Viva (en castelán). 6 de xuño de 2020. 
  21. Nótese que existe outra ponte, augas arriba, denominada Ponte de Santiago, construída a mediados dos 70 do século XX, pero que non ten relación co Camiño de Santiago.
  22. Mirando ó norte, cara a Santiago, indica a dirección a seguir.
  23. Tomé Becket, arcebispo de Canterbury, descansou en Caldas na súa peregrinación a Santiago, en 1167. Esta igrexa, única en Galicia dedicada a este santo, foi construída a finais do século XIX aproveitando as pedras da derruída torre de Dona Urraca, raíña de Galicia, León, Castela e Toledo entre 1109 e 1126. Nese castelo nacera en 1105 o rei de León e Galicia Afonso VII de León, e de aí o sobrenome de reis co que se designa esta vila. A tal Torre estaba situada ó pé da ponte do Bermaña,
  24. Tomado de Consumer.es Arquivado 29 de agosto de 2014 en Wayback Machine..
  25. O Nomenclátor non recolle estes dous últimos lugares, que pertenceron á parroquia de Bemil.
  26. Onda a igrexa de Santiaguiño do Monte consérvase unha reprodución.
  27. A tradición conta que o culto á Virxe naceu en 1582, cando o reitor da parroquia de Cruces, Juan Pérez Mondragón, se salvou de milagre de morrer esmagado baixo unha árbore. Agradecido, mandou esculpir unha imaxe da Virxe co neno, que foi situada sobre unha fonte que había no lugar, coñecida desde entón coma a Fonte Santa. Outra lenda conta que en 1732 un labrego do Salnés, enfermo, ía cara a Compostela e ó pasar ante a Fonte Santa, bebeu dela e rezou á Virxe, e que ós tres días sandou completamente, quedando libre da escravitude do mal grazas a ela. Ante este milagre comezaron a chegar numerosos devotos e, con eles, as doazóns ó templo.
  28. Garrido Rivero recolle, en 2004, o feito de que o Camiño estaba cortado neste punto por problemas de propiedade das terras, obrigando ós peregrinos a facer un desvío.
  29. O debuxo deste cruceiro pode verse no Museo de Pontevedra.
  30. Fotografía de Santiago desde o Agro dos Monteiros Arquivado 03 de setembro de 2014 en Wayback Machine., coas torres da catedral ó lonxe.
  31. Con 262 m de altitude, é o punto máis alto do Camiño Portugués en Galicia.
  32. Conta a lenda que os bois que puxaban do carro co corpo do Apóstolo pararon neste punto e se puxeron a escarvar na terra, facendo que brotara auga no lugar. Esta sería a fonte que hai fronte ó Colexio de Fonseca. Co tempo, levantouse neste lugar a capela de Santiago.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]