José Millán-Astray

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
José Millán-Astray
José Millán-Astray
José Millán-Astray (nos anos 1900)
Nacemento: 5 de xullo de 1879
Coruña
Falecemento: 1 de xaneiro de 1954 (74 anos)
España Madrid
Nacionalidade: Español
Ocupación: Militar
Cónxuxe(s): Elvira Gutiérrez de la Torre

José Millán-Astray y Terreros, nado na Coruña o 5 de xullo de 1879 e finado en Madrid o 1 de xaneiro de 1954, foi un militar galego, fundador da Lexión Española.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezos[editar | editar a fonte]

O seu pai foi o avogado e director da Cárcere Módelo de Madrid José Millán Astray, e a súa nai Pilar Terreros Segade. Moi vencellado ao seu pai, utilizou legalmente os seus dous apelidos, e cando tivo idade ingresou na carreira militar, o que non puidera facer seu pai ao obrigarlle o seu proxenitor a estudar dereito. O 30 de agosto de 1894 ingresou na Academia de infantería de Toledo, aproveitouse dun programa de estudos abreviado que o goberno permitiu polas necesidades de oficiais para os conflitos de Cuba e as Filipinas, así pois en febreiro de 1896 José Millán-Astray graduouse como tenente segundo, após servir seis meses nun rexemento de Madrid ingresou o 1 de setembro de 1896 na Escola Superior de Guerra para obter o diploma de Estado Maior, interrumpiu os seus estudos para pedir o traslado ás Filipinas para loitar contra os independentistas, pola súa actuación na defensa da vila de San Rafael recibiu a Cruz ao Mérito Militar de Primeira Clase e volveu a España convertido nun heroe, continuou os seus estudos na Escola Superior de Guerra e en 1905 ascendeu a capitán.

África[editar | editar a fonte]

No ano 1906 casou con Elvira Gutiérrez, filla do xeneral Gutiérrez Cámara. Pasou a formar parte do Estado Maior da Academia de Infantaría de Toledo en 1910, mais aos dous anos solicita o traslado a África, servindo nos Regulares Indíxenas, ascendeu a comandante por méritos de guerra en 1914. Cando en 1917 recibiu destino en Madrid comezou a preocuparse pola necesidade que España tiña de contar cunha forza formada por mercenarios estranxeiros ao xeito da Lexión Estranxeira Francesa, tras obter o apoio do ministro da Guerra, José Villalba Riquelme, a Lexión Estranxeira estableceuse por real decreto o 28 de xaneiro de 1920 con Millán-Astray, xa tenente coronel, como o seu xefe e Francisco Franco, un dos seus grandes apoios, como xefe segundo. Millán-Astray trasladouse a Ceuta, onde se establecera o cuartel da Lexión. Destemido no campo de batalla, foi ferido en numerosas ocasións, perdendo un brazo e un ollo. Principal valedor da fracción africanista do exército español no seu enfrontamento co sector máis liberal redactou en 1922 unha carta aberta dirixida ao rei Afonso XIII renunciando á xefatura da Lexión en protesta pola pouca influencia dos africanistas, trasladado á Península coa ditadura de Primo de Rivera ascendeu a coronel e recibiu destino no alto comisariado de Marrocos e en 1926 volveu á xefatura da Lexión durante un ano.

Guerra Civil Española[editar | editar a fonte]

Na Guerra Civil española tivo un papel secundario no bando franquista, dedicándose á propaganda e foi famosa a agarrada que tivo con Miguel de Unamuno o 12 de outubro de 1936, durante o acto de comezo do curso académico (que concidía coa celebración do "Festa da Raza"), no Paraninfo da Universidade de Salamanca, e despois dunha serie de discursos de oradores atacando á "anti-España", ao pechar o acto como reitor, Unamuno fixo un discurso improvisado, criticando duramente como se estaba a levar a rebelión, sentenciando ao rematar: "Venceredes, pero non convenceredes. Venceredes porque tedes sobrada forza bruta; pero non convenceredes, porque convencer significa persuadir. E para persuadirdes necesitades algo que vos falta: razón e dereito na loita.".

Reacción de Millán-Astray perante Unamuno[editar | editar a fonte]

Tralo seu discurso Millán-Astray, berroulle "A mín a Lexión", "viva a Morte" (lema da Lexión) e "abaixo a intelixencia"; a isto, Unamuno contestoulle "viva a vida" (case un insulto á Lexión). A continuación o xeneral levantouse, e José María Pemán tratou de aclarar: "¡Viva a intelixencia! ¡Morran os malos intelectuais!".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]