Søren Kierkegaard

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Søren Kierkegaard.

Søren Aabye Kierkegaard, nado en Copenhague o 5 de maio de 1813 e finado na mesma cidade o 11 de novembro de 1855, foi un teólogo e filósofo dinamarqués do século XIX, coñecido como o "pai" do existencialismo por facer filosofía sobre a condición da existencia humana, por centrar a súa filosofía no individuo e na subxectividade, na liberdade e na responsabilidade, e na desesperación e na angustia. Kierkegaard tiña pouco interese polo mundo natural, en cambio, tiña moito máis pola existencia do individuo illado.

Interpretacións de Kierkegaard[editar | editar a fonte]

Para Søren Kierkegaard, a fe cristiá é un “desesperado salto” no recoñecemento da encarnación paradoxal de Deus na persoa de Cristo e para el a subxectividade é a verdade. Enfrontou a existencia de cada individuo en particular, coa súa problemática concreta, e o pensamento abstracto, que xamais logra alcanzar esta realidade.

A primeira crítica profunda da súa época, diferente a todas as precedentes pola súa seriedade, levouna a cabo el. Kierkegaard describiu a razón da individualización existencial do home dicindo que a súa época era “unha época de disolución”.

Filosoficamente, fixo a ponte entre a filosofía hegeliana e aquilo que se tornaría no existencialismo. Kierkegaard rexeitou a filosofía hegeliana do seu tempo e o que el veu como o formalismo vacuo da Igrexa luterana dinamarquesa.

A obra de Kierkegaard é de difícil interpretación, dado que escribiu a maioría das súas obras baixo varios pseudónimos, e moitas veces eses pseudo-autores comentan os traballos de pseudo-autores anteriores.

Moitas das súas obras lidan con problemas relixiosos tales como a natureza da fe, a institución da fé cristiá, e ética cristiá e teoloxía. Por causa disto, a obra de Kierkegaard, algunhas veces, considerase como Existencialismo Cristián (en oposición ao existencialismo de Jean-Paul Sartre ou ao proto-existencialismo de Friedrich Nietzsche, ambos os dous derivados dunha forte base ateística). A teoloxía dialéctica é recordada por Kierkegaard na existencia Cristina.

No seu escrito titulado Repetición (1843) faille dicir ó seu pseudónimo Constancio:

A miña vida foi levada ata o extremo; dáme asco a existencia, carece de gusto, de xugo e de vigor, carece de sentido… Onde estou? Que quere dicir mundo? Que significa esta palabra? Quen me atraeu ata o Todo e déixame plantado aquí? Quen son eu? Como vin ó mundo? Por que non me preguntaron, por que non me informaron previamente dos usos e costumes, senón que me impulsaron na gran fila, coma se fose comprado por un vendedor de almas? Como é que participo nesta gran empresa que recibe o nome de realidade? por que teño que ser paciente con ela? Acaso non é un asunto de libre elección? E si estou obrigado a ter parte activa nela, Onde está o director da empresa? Acaso non hai ningún? Gustaríame facerlle unha observación.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Søren Kierkegaard naceu nunha familia rica de Copenhague. O seu pai, Michael Pedersen Kierkegaard, era un home moi relixioso. Cría que ningún dos seus fillos viviría máis da idade de Xesucristo, 33 anos. Pensaba que os seus pecados, como maldicir o nome de Deus na súa xuventude e posiblemente embarazar á nai de Kierkegaard fóra do matrimonio, eran merecedores de castigo. Aínda que moitos dos seus sete fillos faleceron novos, a súa predición demostrouse errónea ó superar dous deles esta idade. Nesa introdución á noción de pecado, e na relación entre pai e fillo, radican os fundamentos de gran parte dos traballos de Kierkegaard (particularmente de Temor). A nai de Kierkegaard, Anne Sørensdatter Lund Kierkegaard, non é mencionada directamente nos seus libros, aínda que tamén exerce influencia sobre as súas obras máis tardías. A pesar de que a melancolía relixiosa ocasionalmente afectaba ó seu pai, Kierkegaard e el estaban estreitamente unidos. Kierkegaard aprendeu a explorar o reino da súa imaxinación mediante unha serie de exercicios e xogos que ambos practicaban xuntos.

O pai de Kierkegaard morreu o 9 de agosto de 1838, a idade de 82 anos. Antes de falecer, pediulle a Søren que se fixera pastor. A vida relixiosa de seu pai influíu profundamente en Søren, e sentiuse obrigado a cumprir o seu desexo. Dous días despois, o 11 de agosto, Kierkegaard escribiu:

Meu pai morreu o mércores. Desexei moito que vivira uns poucos anos máis e vexo a súa morte como o último dos sacrificios que fixo por min; ...morreu por min co fin de que, de ser posible, poida converterme aínda en algo. De todo o que herdei del, o seu recordo, o seu transfigurado retrato... é o máis prezado para min, e terei moito coidado de preservar a súa memoria escondida a salvo do mundo.

Kierkegaard asistiu á Escola de Virtude Cívica, sobresaíndo en latín e historia. Continuou estudando teoloxía na Universidade de Copenhague, pero estando alí inclinouse máis á filosofía e á literatura. Na universidade, Kierkegaard escribiu a súa disertación, Sobre o concepto de ironía en constante referencia a Sócrates, a cal foi considerada polos expertos da universidade coma un traballo notable e ben pensado, aínda que mencionaron que se excedía lixeiramente no literario para ser unha tese filosófica. Kierkegaard graduouse o 20 de outubro de 1841 cun Magistri Artium, que hoxe en día correspondería a un PhD. Coa herdanza familiar Kierkegaard puido financiar a súa educación, os seus gastos e varias publicacións das súas primeiras obras.

Outro importante aspecto da vida de Kierkegaard (quizais o que maior influencia exerceu na súa obra) foi a ruptura do seu compromiso con Regine Olsen (1822-1904). Kierkegaard coñeceu a Regine o 8 de maio de 1837 e sentiuse inmediatamente atraído por ela, igual que ela por el. Nos seus Diarios Kierkegaard escribiu acerca do seu amor por Regine.

O 8 de setembro de 1840 Kierkegaard declarouse formalmente a Regine. Non obstante, pronto se sentiu desilusionado e receoso con respecto ao matrimonio. Menos dun ano despois de terlle proposto o enlace, rompeuno, o 11 de agosto de 1841. Nos seus Diarios Kierkegaard fala da creza de que a súa melancolía faino inválido para o matrimonio, pero o motivo concreto da súa ruptura segue sen estar claro. En xeral crese que os dous estaban profundamente namorados, quizais incluso despois de que ela casara con Johan Frederik Schlegel (1817-1896), un funcionario. En xeral, o seu contacto limitouse a encontros casuais nas rúas de Copenhague pero algúns anos despois Kierkegaard chegou a pedir ao marido de Regine permiso para falar con ela, pero Schlegel negoullo. Regine, que o amou moito, quedou resentida con el para sempre pola incomprensible ruptura.

Pouco despois a parella saíu do país, tras producirse o nomeamento de Schlegel como gobernador das Indias Occidentales Danesas. Para cando Regine volveu, Kierkegaard morrera. Regine Schlegel viviu ata 1904 e tras a súa morte foi enterrada preto de Kierkegaard no Assistens Kirkegaard de Copenhague.

No final da súa vida, Kierkegaard viuse no núcleo de axitadas controversias, sobre todo coa igrexa luterana danesa, á que consideraba mundana e corrupta. Os seus últimos traballos, como A enfermidade mortal (1849), reflicten unha idea cada vez máis pesimista do cristianismo que enfatiza o sufrimento como esencia da verdadeira fe. Tamén redobrou os seus ataques, dirixidos contra a moderna sociedade europea, que denunciou en A era actual (1846) pola súa falta de paixón e os seus valores cuantitativos. A tensión producida polos seus numerosos escritos e as controversias nas que participou, minaron pouco a pouco a súa saúde; en outubro de 1855 desfaleceu na rúa e morreu o 11 de novembro, en Copenhague.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Kierkegaard foi considerado filósofo, teólogo, pai do existencialismo, crítico literario, humorista, psicólogo e poeta. Dúas das súas ideas máis coñecidas son a subxectividade e o salto da fe. O salto da fe é a súa concepción de como un individuo cre en Deus, ou como unha persoa actúa no amor. Non é unha decisión racional. Ademais consideraba que ter fe era ao mesmo tempo ter dúbidas. Así, por exemplo, para ter verdadeira fe en Deus, un tamén tiña que dubidar da súa existencia; a dúbida é a parte racional do pensamento da persoa, sen ela a fe non tería unha sustancia real. A dúbida é un elemento esencial da fe, un fundamento.

Kierkegaard tamén resaltou a importancia do eu, así como a relación entre o eu e o mundo, fundamentado na reflexión e a introspección do eu.

Kierkegaard discute principalmente a subxectividade en relación cos asuntos relixiosos. Argumenta que a dúbida é un elemento da fe e que é imposible conseguir ningunha certeza obxectiva acerca de doutrinas relixiosas tales como a existencia de Deus ou a vida de Xesucristo. O máximo que un pode esperar sería a conclusión de que é probable que as doutrinas relixiosas sexan certas, pero si unha persoa crera estas doutrinas só no grado en que é probable que sexan certas, el ou ela non sería verdadeiramente relixioso. A fe consiste na relación subxectiva de total compromiso con tales doutrinas.

Interpretación de Kierkegaard por Ernest Gellner[editar | editar a fonte]

No seu libro de 1992, Post-modernismo, razón e relixión, Ernest Gellner menciona a Kierkegaard para ilustrar o fundamentalismo relixioso. Segundo Gellner, Kierkegaard está asociado á idea de que a relixión é, no seu fundamento, non unha persuasión da verdade dunha doutrina, senón a dedicación a unha posición que é inherentemente absurda, ou que dá "ofensa", o termo usado por Kierkegaard. Para Kierkegaard, obtemos a nosa identidade ao crer en algo que ofenda profundamente a nosa mente, o que non é unha tarefa fácil. Para existir, teríamos de crer e crer en algo que sexa ominosamente difícil de crer. Esta é a esencia do proceso existencialista en Kierkegaard, que asocia a fe coa identidade.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Søren Kierkegaard

Outros artigos[editar | editar a fonte]