Longobardia Minor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Artigo principal: Longobardos.

Longobardia Minor era o nome que, en época altomedieval, se lle daba aos dominios longobardos da Italia centro-meridional, correspondente aos ducados de Ducado de Spoleto e de Benevento. Tras a conquista do reino longobardo por parte de Carlos Magno, no 774, fica aínda por longo tempo baixo control longobardo.

Territorio[editar | editar a fonte]

Entrados en Italia a través do Friúl no 568, os Longobardos arrebatáronlles aos bizantinos una gran parte do territorio continental ao sur dos Alpes, sen porén poder constituír, cando menos inicialmente, un dominio homoxéneo e contiguo. As terras sometidas reagrupáronse, na terminoloxía da época, en dúas grandes áreas: a Longobardia Maior, dos Alpes á actual Toscana, e a Longobardia Minor que incluía os territorios situados ao sur das posesións bizantinas (que no último tramo do século VI se estendían desde Roma a Rávena a través das actuais Umbria e Marche).

Mentres a Longobardia Maior se fragmentou en numerosos e mutábeis ducados e gastaldatos, a Minor conservou durante toda a duración do reino longobardo (568-774) unha notábel estabilidade institucional, ficando sempre articulada nos dous ducados de Spoleto e de Benevento. constituíronse inmediatamente despois da penetración longobarda na zona, nos anos setenta do século VI, e os primeiros duques foron Faroaldo en Spoleto e Zotto en Benevento. Territorialmente incluíron inicialmente só as áreas interiores, deixando aos bizantinos o control das faixas costeiras; só nun segundo momento (en especial no reinado de Axilulfo, 591-616) as posesións longobardas se estenderon ás costas. Así, vólvese suxeito aos dous ducados a vertente adriática completa comprendida entre os puntos de referencia bizantinos de Ancona, ao norte, e Otranto, ao sur; o xónico e o tirrénico, en cambio, só parcialmente caeron baixo a autoridade do duque de Benevento, que non chega nunca a ocupar estabelmente Nápoles, o Salento e o extremo de Calabria (ao sur de Cosen e Crotona), máis alá que, naturalmente, Roma co seu condado.

Historia[editar | editar a fonte]

No reino longobardo (568-774)[editar | editar a fonte]

Malia estaren estruturalmente ligados ao reino longobardo de Pavía, os ducados de Spoleto e de Benevento conservaron durante longos períodos unha ampla autonomía (durante o Período dos Duques, entre o 574 e o 584, tamén unha plena independencia) con respecto ao goberno central. Entre os dous, o máis relevante claramente na escena política italiana do tempo foi o de Benevento, que durante longos treitos da súa historia consegue desenvolver un principio de sucesión hereditaria. A submisión ao rei de Pavía era a miúdo só formal, e, é máis, con Grimoaldo (orixinario do Ducado do Friúl pero adoptado polo beneventano Arechis I) un duque de Benevento consegue mesmo impoñer a súa propia persoa como rei de todos os longobardos (662). Se antes del, non sendo episodios esporádicos como o acto de homenaxe de Arechis I a Rotario, a autonomía se mantivera case totalmente, con Grimoaldo a intervención de Pavía sobre os longobardos do sur devén máis incisiva. Non só o rei conservou tamén o título ducal beneventano, senón que impuxo ao seu xenro Transamundo I como duque de Spoleto e creou un novo gastaldato no pouco poboado territorio comprendido entre Sepino, Bovino e Isernia, onde estableceu os búlgaros que desertaran das filas bizantinas para se someteren ao rei longobardo. O mesmo Grimoaldo, porén, conservou no seu testamento a separación entre Pavía e Benevento, deixando os dous tronos a dous fillos seus distintos.

O novo duque de Benevento, Romualdo I, atopouse de repente nunha posición de forza, tanto que Perctarito, o rei desposuído por Grimoaldo e que agora volvía ao trono, debíase rebaixar a pactar con el, recoñecendo a súa autonomía. A distancia de Spoleto e Benevento da Longobardia Maior creceu durante os enfrontados reinados de Perctarito e Cuniperto e chegou ao máximo nos primeiros anos do século VIII, cando golpes de Estado, usurpacións e guerras civís atormentaron o reino longobardo. A subida ao trono de Liutprando (712), porén, significou unha clara inversión de tendencia: o máis poderoso dos soberanos longobardos dá restituído estabelmente os ducados de Spoleto e de Benevento baixo o seu o seu control, for obtendo coas armas a submisión dos respectivos duques, for substituíndoos con homes que lle eran fieis.

Os últimos anos do reino longobardo, desde morte de Liutprando (744) ata a invasión dos francos (774), foron tamén nos que o control dos reis sobre todo o territorio sometido foi máis efectivo. Tras a deposición de Ratchis, que tivo que se rebaixar a pactar coa corrente máis autonomista dos duques, o reinado dos seus sucesores Aistolfo e Desiderio significaron non só a reafirmación do poder real, senón tamén a reanudación de unha ofensiva militar sobre territorios non sometidos aínda; só a intervención dos francos de Carlos Magno, chamado polo papa, impediu aos dous soberanos chegaren á completa unificación de Italia. A Longobardia Minor foi en todo caso amplamente reconducida ao poder central, mesmo a través das temporais supresións das sedes ducais e a administración directa de Spoleto por parte dos dous reis (Aistolfo no 751-756, Desiderio no 758-759). As expansións territoriais destes anos, mesmo aquelas en áreas próximas ao territorio dos ducados (Perugia, a Pentápole, diversas fortalezas do Ducado romano) non se integraron na estrutura dos ducados longobardos, senón que ficaron suxeitas directamente á autoridade dos reis.

As cada vez máis pesadas intervencións francas en Italia estableceron unha nova situación, que implicou tamén aos ducados meridionais. Poñéndose de acordo co papa Estevo III, no 754, Pipino o Breve proxectou asignar ao pontífice, en caso dunha súa vitoria sobre Aistolfo, toda a Italia centro-meridional, incluíndo non só os antigos dominios bizantinos, senón tamén os ducados de Tuscia, Spoleto e Benevento. O plano fallou xa que Aistolfo, malia ser vencido en dúas ocasións (754 e 756), consegue non renderse completamente a Pipino. O reino longobardo cae definitivamente no 774, por obra de Carlos Magno.

Do 774 á chegada dos Normandos[editar | editar a fonte]

Á caída de Desiderio a mans de Carlos Magno, no 774, tamén o Ducado de Spoleto cae inmediatamente en mans francas. Non se coñece o destino do último duque longobardo, Hildeprando; a entidade estatal sobreviviu aínda durante séculos, pero o trono ducal volveuse exclusivo de estirpes francas. O ducado entrou progresivamente cada vez máis na órbita do Estado Pontificio, do cal entrou definitivamente a formar parte no 1230.

No mesmo 774, en cambio, o duque de Benevento Arechis II proxectou un golpe de man para se apoderar do título real, do cal se apoderara o mesmo Carlos Magno (proclamárase Gratia Dei rex Francorum et Langobardorum). A idea, porén, non tomou corpo, a causa dos riscos de volta pola parte dos francos que Arechis non tería podido fortalecer. Como parcial recompensa, sempre no 774, obtén de Desiderio a promoción do propio dominio da ducado a principado. A renuncia ao trono de Pavía non evitou en calquera caso unha intervención franca na Longobardia Minor: Carlos Magno cerca Salerno (787), obrigando a Benevento a facer acto de submisión. O reino de Arechis distinguise polo fervor urbanístico da capital, chamada Ticinum geminum ("Pavía xemelga"): o duque expandiu a vella cidade romana e erixiu un novo palacio real (o Castelo de Arechis), que incluíu a basílica de Santa Sofia.

No 787 o novo príncipe Grimoaldo III, apenas sucedeu pai Arechis, rexeitou e matou en batalla ao fillo de Desiderio, Adelchis, que desembarcara en Calabria co obxectivo de reconquistar o reino perdido. As relacións cos francos, naquelas fases convulsas, foron mutábeis: se algúns continxentes transalpinos ofreceran axuda a Grimoaldo na loita contra Adelchis, o compromiso do principado ao sur deu a oportunidade de varios ataques conducidos ao norte. A cidade de Chieti rematou así anexionada ao ducado de Spoleto, xa estabelmente en mans francas. A submisión ao imperio franco devén co tempo cada vez máis formal soamente, ao mesmo paso có progresivo debilitamento do poder central cos sucesores de Carlos Magno.

O século IX foi o período de maior esplendor do principado de Benevento, que co príncipe Sicardo ocupou Amalfi e impuxo un tributo a Nápoles. No 839 un rexicidio contra Sicardo provocou una escisión do principado: foron proclamados novos príncipes o irmán de Sicardo, Siconulfo e o rexicida Radelchis; Siconulfo tivo o apoio da cidade de Salerno, mentres Radelchis o de Benevento. A situación de estancamento prolongouse, con incesantes guerras intestinas, por máis de dez anos; a intervención do emperador Luís II o Xermánico non sancionou a división. O capitular do 851 significou o nacemento do Principado de Salerno, confiado a Siconulfo, baixo cuxa soberanía recaeu a parte centro-meridional do vello ducado longobardo. O principado de Benevento, reducido a Sanoso, Molise e Puglia (agás o Salento, sempre bizantino), tocoulle a Radelchis.

A división significou o inicio dun período de grave crise, complicada polas rebelións autonomistas de gastaldos e pequenos feudatarios, polas incursións dos sarracenos e polas tentativas de reconquista do Imperio bizantino, que lle dá arrincado ao xa débil Principado de Benevento gran parte da Puglia. Entre os potentados locais que xurdiron nesta fase, particularmente influente volveuse a Signoria de Capua. Nos anos sucesivos contáronse diversas tentativas de reunificar o antigo ducado, pero os éxitos de Atenulfo I (899) e de Pandulfo I Testa de Ferro (971) reveláronse efémeros.

A decadencia do Principado de Benevento acelerouse ao inicio do século XI: no 1022 o emperador Henrique II conquistou a capital, malia que tivo que facer un precipitado regreso a Alemaña. Pouco despois a chegada dos normandos sancionou o fin do ducado: Robert Guiscard conquistou Benevento no 1053 e declarou o seu sometemento ao Estado Pontificio. O pontífice nomeou algúns príncipes para os seus súbditos, ata a supresión definitiva do ducado no 1081[1].

O Principado de Salerno conservou máis tempo un papel maiormente activo. Guaimaro IV, príncipe do 1027 ao 1052, expandiu notabelmente os confíns do principado, que chegou a incluír Amalfi, Sorrento, Gaeta e gran parte de Puglia e Calabria. Logo, porén, tamén Salerno debeu enfrontarse cos normandos, que con Robert Guiscard asediaron a capital no 1076. Tomada converteuse no 1078 en sede dos dominios normandos; o último duque longobardo, Xisulfo II, colleu o camiño do exilio.

Arte[editar | editar a fonte]

Benevento, igrexa de Santa Sofia, Annuncio a Zaccaria (detalle), fresco de fin do século VIII-inicio do século IX

Algúns extraordinarios testemuños de pintura atópanse nalgúns mosteiros da Longobardia Minor, en particular nas actuais Molise, Campania e Puglia. Estes testemuños dátanse sobre todo entre o fin do século VIII e o IX. Entre os centros monásticos máis importantes estaban o Santuario de Monte Sant'Arcangelo no Monte Gargano (fundado no século VI), a poderosa abadía de Montecassino (fundada no 529 e moi activa no período do abade longobardo Xisulfo, 797-817), San Vincenzo al Volturno (fundado a finais do século VIII).

Na cripta de San Vincenzo conservouse un importante ciclo de pinturas do tempo do abate Epifanio (797-817), cun estilo ligado á coeva escola de miniatura beneventana, con cores luminosas e ricos en iluminacións, con deseño bastante áxil.

Outros exemplos de pintura na área beneventana atópanse na igrexa de san Biagio en Castellammare de Stabia, na igrexa dos Santos Rufo e Carponio en Capua e na Gruta de San Michele en Olevano sul Tusciano, pero os restos máis importantes atópanse na igrexa de Santa Sofia en Benevento, fundada no 760 por Arechis II. Caracterizada por unha planta central, cunha orixinal estrutura con nichos estrelados, posúe tres ábsidas e notábeis restos de frescos nos muros.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O titulo de príncipe de Benevento recuperouse só no 1806 por Napoleón Bonaparte, quen llo asignou a Charles Maurice de Talleyrand-Périgord. A asignación, puramente nominal, decaeu coa derrota de Napoleón do 1815.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]