Molise

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Campobasso, capital de Molise.

Molise é unha rexión centrooriental italiana, cunha poboación en torno aos 322.000 habitantes. A capital é Campobasso. Limita co Abruzzo, o Lazio, a Campania, a Puglia e o mar Adriático. A rexión está dividida en dúas provincias: Campobasso e Isernia.

Xeografía[editar | editar a fonte]

A superficie da rexión divídese case a partes iguais entre zonas montañosas (55,3% do territorio) e zonas de outeiros (44,7%). A zona montañosa esténdese ao longo dos Apenino Campano (a parte dos Apeninos que separa as rexións de Molise e Campania). Os montes da Meta (2241 m) forman un punto de encontro na liña divisoria entre Molise, o Abruzzo e o Lazio. Tamén destacan os montes do Matese, que marcan a fronteira coa Campania e acadan os 2050 m co monte Miletto. Na zona oriental, no subapenino, o territorio vai descendendo caro o mar con outeiros non moi altos e de formas redondas.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima é de tipo semicontinental, con invernos xeralmente fríos e veráns calorosos. Na costa o clima é máis temperado, adentrándose no interior da rexión as temperaturas baixan bastante no inverno (Campobasso no período invernal é unha das cidades máis frías de Italia, a pesar da súa localización xeográfica). Tamén no verán as temperaturas son máis temperadas na cota polas brisas mariñas procedentes do Adriático.

Historia[editar | editar a fonte]

Desde a época do Imperio Romano Molise facía parte do Abruzzo Citerior, estando unida ao Abruzzo na rexión "Abruzzi e Molise" até 1963, cando a provincia de Campobasso foi proclamada rexión uniprovincial. O Abruzzo como rexión histórico-cultural comeza no río Tronto e termina no Fortore, río que da nome á parte meridional da rexión, a Frentania. Os territorios do baixo Molise son a todos os efectos abruzzanos: abruzzano (de tipo adriático) é o dialecto, abruzzanos son as tradicións, tamén a arquitectura das igrexas e os edificios.

Minoría lingüística[editar | editar a fonte]

A minoría lingüística croata constituíuse establecéndose en Molise, máis concretamente na provincia de Campobasso, no territorio comprendido entre os ríos Biferno e Trigno. Trátase exactamente de tres concellos: Acquaviva Collecroce, Montemitro e San Felice del Molise. Só nestes tres concellos se conserva aínda a lingua, os usos e costumes dos prófugos croatas que colonizaron estas terras hai máis de 400 anos. O idioma falado por esta minoría, é substancialmente a antiga lingua croata do tipo štòkavo-ìkavo, aínda usada na Dalmacia central entre os ríos Cettina e Narenta, nun área repartida entre Croacia e Erzegovina.