Ducado de Roma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Ducado romano foi unha parte do Exarcado de Italia (finais do século VI - 751), ou sexa das posesións bizantinas na península. Comprendía boa parte do actual Lazio e unha área reducida da Umbria meridional (Amelia e zonas limítrofes). Estendíase aproximadamente desde Narni e Viterbo (alto Lazio) ata Gaeta e Atina (nos confíns da Terra di Lavoro).

Os ducados foron os sucesores das Eparquías (provincias en grego) na nova organización civil e militar creada polos bizantinos tras a invasión dos longobardos en Italia, iniciada no 568.

Das orixes ao século VII[editar | editar a fonte]

Mapado Imperio bizantino do 717. O Ducado romano correspóndese co punto (3).

Segundo a repartimento administrativo querida polo emperador Mauricio (582-602), as eparquías foron substituídas polo Exarcado de Italia, con capital en Rávena. O exarca portaba o título de patricius Romanorum (protector e defensor dos cidadáns romanos); entre as súas prerrogativas estaba tamén a custodia da "Sé de Pedro" (ou sexa da igrexa de Roma).O Exarcado de Italia estaba formado por sete ducados, cada un so o goberno dun dux ou magister militum: un militar de alto grao.

No cumio do Ducado romano estaba o dux Romae. O duque revestía as funcións de capitán das forzas militares no territorio. Tiña, con toda posibilidade, un cargo de duración trienal e respondía directamente perante o exarca de Rávena. Os testemuños históricos máis antigos da existencia do dux Romae son unha carta do papa Gregorio Magno (592)[1] e, despois, unha lápida atopada preto de Terracina na que está esculpido o nome dun tal Georgius dux Romae.

O Senado romano, formalmente ao cargo, era xa unha pálida imitación do de épocas pasadas. A asemblea xa non estaba case nunca ao completo, en canto as guerras góticas decimaran os seus membros. Nunha situación caracterizada por incerteza e inestabilidade, a figura do Papa converteuse nunha referencia estábel.

Para o emperador, o papa era un funcionario (a súa elección debía ser aprobada por Constantinopla para ser válida). Pero para o pobo, desde a época de Gregorio Magno (590-604), e se cadra aínda antes, convertérase na máxima autoridade civil da Urbe e do Ducado[2]. Gregorio Magno dedicárase á defensa de Roma promovendo a creación dunha milicia local (exercitus), constituída inicialmente polas scholae (que reunían os residentes de varias nacionalidades), polas corporacións de oficios e polas asociacións de barrios.

O papa Sabiniano no 604-606 fixera fronte á carencia de provisións de gran vendendo as reservas da igrexa, exercendo de feito as funcións de prefectus urbis; o papa Honorio (625-638) encargouse do mantemento do recinto amurallado e do acueduto da cidade. [3]

Grazas ás presións dos pontífices, no século VII o título de dux Romae cesou de ser transmitido no seo dunha mesma familia, como era costume nos outros ducados (Ducado de Gaeta, Ducado de Nápoles). Mesmo chegou a ocorrer que no Lazio fose o mesmo exército bizantino, en caso de cargo vacante, quen elixise autonomamente o dux.

O aprovisionamento de xéneros alimentarios para a cidade dependía en gran parte das facendas de propiedade papal. O patrimonio en terras do bispo de Roma acumulárase desde o século IV por efecto das doazóns dos fieis. Era denominado patrimonium Sancti Petri porque os legados eran dirixidos aos santos Pedro e Paulo. O patrimonium Sancti Petri era distinto do patrimonium publicum, xestionado polos elementos militares (duces e magister militum) do imperio bizantino, e dos latifundios das arquidioceses de Rávena e de Milán.

As relacións entre pontífice e dux Romae foron máis antagonísticas que colaborativas. Os distintos duques, en calidade de máximos responsábeis militares do territorio, ficaron sempre fieis ao emperador, por tanto aliñados co basileus nos frecuentes contenciosos relixiosos que xurdiron entre o Papa e Constantinopla. No 640 o dux e carthularius Mauricio, co exarca Isaac, conduciu o asalto ao Palacio de Laterano, obigando ao Papa Severino a fuxir. Atopamos algúns duces tamén entre os presuntos conxurados contra o Papa Gregorio II.

Tamén a sempre ameazante presenza dos longobardos foi a miúdo un factor de inestabilidade. No 702 o duque de Benevento Xisulfo I rouboulle ao Ducado romano o val do Liri.

Século VIII[editar | editar a fonte]

A caída do Exarcado[editar | editar a fonte]

As posesións bizantinas en Italia na época de Liutprando.

A partir do século VIII asistiuse a unha progresiva saída do emperador bizantino nas confrontacións de Roma. O Ducado romano, sen a presenza militar asegurada por Constantinopla, ficou exposto e indefenso fronte á ameaza longobarda. No 726 os longobardos de Liutprando (712-744) declararon a guerra contra o Exarcado de Italia, ocupando Boloña e toda a Pentápole. Aos bizantinos só lle quedaron a cidade de Rávena, o porto de Classe e a chaira circundante. No Lazio, Liutprando chegou ata as mesmas portas de Roma.

No 728 os longobardos conquistaron a fortaleza de Narni, posta como protección da vía Amerina, que levaba a Todi e Perugia. Para gardar a vía Amerina ficaron as fortalezas de Amelia e Orte. Máis ao sur, defendían a vía Cassia, e en xeral o val do Tíber, os castra de Sutri, Bomarzo e Blera.[4]

O Papa Gregorio II (715-731) dirixiuse directamente ao rei Liutprando, pedíndolle que renunciase aos territorios xa conquistados e os restituíse ao exarca bizantino en canto lexítimo posesor. Liutprando, porén, doou o castrum de Sutri ao pontífice, no acto coñecido na historiografía como Doazón de Sutri.

No 742 Liutprando someteu os ducados de Spoleto e de Benevento e engadiunos aos dominios propios. A nova creou alarma en Roma. Tras entender que o rei longobardo se estaba a preparar para un novo ataque aos dominios bizantinos de Italia, o papa Zacarías (741-752), non dubidou en tratar directamente co monarca. Na primavera de 743 os dous atopáronse en Terni. O pontífice obtivo do rei longobardo a restitución per donationis titulo de catro cidades ocupadas por el (entre as cales Vetralla, Palestrina, Ninfa e Norma) e dunha parte dos patrimonios da Igrexa en Sabina, que os duque de Spoleto lle quitaran había trinta anos.

Por segunda vez o papa desempeñou o papel de representante supremo dos ex-territorios bizantinos no Lazio.[5]

Veniens itaque ad civitatem Interamnis, ubi tunc dictus rex cum suis exercitibus erat, cum rex audiret eius adventum, omnes duces exercituum suorum maiores usque ad octo miliaria misit obviam illi. Sed et ipse rex usque ad medium miliare processit obvia Zachariae summo pontifice, illumque cum gaudio magno et summa reverentia intra civitatem suscepit. Cumque in ecclesia beati valentini ambo consedissent.....huius autem sanctis persuasionibus compunctus rex langobardus, ad mandatum pontificis civitates, quas Romanis abstulerat, restituit.[6]
Mentres, así, estaba chegando o papa Zacarías á cidade de Interamna [Terni], onde estaba o rei con todo o seu exército, o rei, que soubo da súa chegada, mandou todos os seus comandantes de máis alto grao ata o oitavo miliario para o recibir. E o rei mesmo foi ata media milla ao encontro do sumo pontífice Zacarías e acompañouno ata dentro da cidade con gran ledicia e máximo respecto. Tras sentarse ambos na igrexa do Beato Valentino.....tocado polas santas palabras persuasivas daquel, o rei longobardo restituíu ao pontífice as cidades que tomara aos romanos

Despois o Papa Zacarías organizou o territorio da cidade, fundando as primeiras domus cultae, verdadeiras facendas agrícolas pertencentes á Diocese, que aseguraron o aprovisionamento da cidade.

O patrimonium Sancti Petri tras a doazón de Pipino (Populonia, Ronciglione e Viterbo).

O falso da doazón de Constantino.[editar | editar a fonte]

Probabelmente no papado de Zacarías (ou de Gregorio III) xorde o documento coñecido como doazón de Constantino. O poder do pontífice, tras os problemas políticos tidos con León III o Isáurico, xa non era sostido polo imperio e nin podía considerarse o papa un feudatario longobardo, vista a superioridade política e moral coa que era considerada a sé romana aos ollos dos itálicos e dos cristiáns respecto ao poder longobardo. A incerteza política na que estaba o ducado romano naqueles anos levou á produción dunha lexitimación histórica da independencia pontificia, a doazón de Constantino, segundo a cal do primeiro emperador cristián viña o dereito do Papa a gobernar o territorio e o senado romano, ademais do primado sobre os outros patriarcas da cristiandade (naqueles anos León puxera so o patriarcado de Constantinopla as dioceses de Puglia, Calabria e Sicilia). En realidade o documento pode ser definido como unha verdadeira e propia constitución pola que un estado se declara autónomo simplemente uníndose a un sistema xurídico e lexislativo (naquela época aínda non distinto do relixioso).

A doazón do Ducado ao Patrimonio de San Pedro[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Promissio Carisiaca.

Co ascenso de Aistolfo ao título de Rei de Italia e dos longobardos os xermanos retomaron unha política expansionista a expensas dos "romanos" (entendidos como a suma de latinos e bizantinos). No 751 Aistolfo conquistou Istria e Rávena asentándose na sé do exarcado e adquirindo os títulos palatinos relacionados. As ameazas do rei Aistolfo acadaron tamén Roma: pretendía de feito do papa Estevo III[7] o pagamento dos tributos polas doazóns recibidas dos seus predecesores; no 753 chegou a conquistar Ceccano, en Ciociaria. Estevo III pediu daquela a intervención dos francos de Pipino o Breve. Malia que Aistolfo cercou despois máis veces Roma, foi vencido pola invasión do soberano de alén os Alpes que o obrigou a pagar un tributo ao reino dos francos e a ceder so a soberanía do pontífice o Exarcado de Italia, a Pentápole e o corredor con Perugia.

Como sucedera anteriormente co Patrimonium S. Petri, todos os poderes do Exarcado, da Pentápole e do chamado corredor bizantino que se contrapuñan xuridicamente ás prodiedades da diocese de Roma foron subordinados á autoridade do pontífice, xa sen a mediación imperial de Constantinopla.

Ao mesmo tempo, os territorios da Italia setentrional en mans longobardas foron definitivamente separadas dos centrais e meridionais (756).

Ducados lindeiros[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cfr. Girolamo Arnaldi, Le Origini dello Stato della Chiesa, Torino, UTET Libreria, 1987, pag. 28, ISBN 88-7750-141-3
  2. «Coa institución do Ducado de Roma [...] comezaba a se perfilar unha nova antítese entre unha romanidade, a un tempo eclesiástica e civil, encarnada case exclusivamente polo clero local e polo seu xefe, e unha romanidade militar, de fronteira, encarnada polo duque bizantino...». Cfr. Girolamo Arnaldi, op. cit., pag.28
  3. Carile, Antonio (1994). Materiali de storia bizantina. Boloña: Lo Scarabeo.
  4. O. Bertolini, Roma di fronte a Bisanzio ed ai Longobardi, pp. 370-371.
  5. Sobre a importancia histórica dos contidos do encontro pódese ver un vello ensaio moi importante como o de Oreste Bertolini, Il problema delle origini del potere temporale dei papi nei suoi presupposti teoretici iniziali: il concetto di 'restitutio' nelle prime cessioni territoriali alla chiesa di Roma in Scritti scelti di storia medievale, vol II, 'Il Telegrafo', Livorno 1968, pp. 487-550
  6. Pauli Continuationes, III, 9-18
  7. Ou Estevo II, dado o problema coa numeración dos papas deste nome, véxase Estevo II, papa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Liber pontificalis (da The Latin Library)
  • Bavant B., Le Duché byzantin de Rome, Mélanges de l’Ecole Française de Rome 1979.
  • Galasso G., Storia d'Italia, Vol I, Utet, Torino 1995.

Outros artigos[editar | editar a fonte]