Ducado de Trento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Ducado de Trento foi un dos ducados instituídos polos longobardos en Italia. Trento estivo entre as primeiras cidades en caer, no curso das invasións do 568- 569, baixo o dominio dos longobardos guiados por Alboíno, que fixo dela o seu cuartel xeral. A constitución do ducado xorde, con toda probabilidade, nestes mesmos anos, quizais xa a finais do 568. Entre os máis importantes ducados da Langobardia Maior, foi claramente delimitado polo norte polo rei Autario no 589, que concordou cos veciños bávaros a fronteira entre as respectivas áreas de influencia: a Stretta de Salorno, aínda hoxe lugar de paso do Trentino italófono ao Alto Adige xermanófono. Varios duques de Trento xogaron un papel de primeiro plano na historia do reino longobardo; destacan Ewin, durante o Período dos Duques, e o usurpador Alachis.

Historia[editar | editar a fonte]

O século VI[editar | editar a fonte]

Paulo Diácono non indica a data exacta da constitución do ducado, pero debe situarse no primeiro período da ocupación longobarda da Italia nororiental (568). O ducado desempeñou con todo desde a súa fundación un papel político de primeira importancia: o mesmo historiador longobardo cita o duque Ewin entre os cinco máis importantes dos trinta e cinco entre os cales, durante o período de interregno que viu aos longobardos privados dun rei (574-584), foi repartido colectivamente o poder[1]. Nos tempos de Ewin o ducado sufriu unha incursión dos francos, que deron ocupado o castelo de Non e a mesma Trento, antes de seren rexeitados polo duque. Unha nova incursión franca rexistrouse pouco despois, nos primeiros anos do reinado de Autario, cando os invasores devastaron numerosos castelos do Trentino e deportaron os seus habitantes, que logo foron repatriados – despois do pagamento dun forte rescate – tras a subida ao trono de Axilulfo, grazas á intercesión do bispo Agnello.

Á morte de Ewin, subiu ao trono ducal Gaidoaldo, do cal Paulo Diácono subliña a fe católica[2]. A nota é de particular interese, xa que o ducado habíase volver de seguido, en particular baixo Alachis, un dos epicentros da rebelión tradicionalista, anticatólica e filo-ariana na Langobardia Maior oriental (a Austria). Xa o mesmo Gaidoaldo, con todo, adoptou actitudes hostís contra Axilulfo, asociándose ao duque de Friúl Xisulfo II. A discordia, con todo, resolveuse no 602.

O século VII[editar | editar a fonte]

Nos anos oitenta do século VII o duque Alachis púxose á fronte dunha nova revolta dos longobardos de Austria contra o trono de Pavía, naquel momento ocupado por Perctarito. Alachis, tras realizar unha vitoriosa incursión contra o conde bávaro de Bolzano, sublevouse contra o soberano, membro da dinastía bávara e se fixo forte en Trento. Cercado, deu sorprendido a Perctarito cunha saída, de modo que o obrigou a se retirar. Malia as desconfianzas do rei, o duque obtén non só o perdón senón tamén, grazas á intercesión do herdeiro ao trono Cuniperto, o beneficio engadido do ducado de Brescia. Alachis, forte agora pola axuda dun número crecente de guerreiros longobardos, volveuse rebelar contra o mesmo Cuniperto, cando este no 688 sucedeu ao pai no trono dos longobardos. Entre o 688 e o 690 deuse establecido en Pavía, botando a Cuniperto, ata que o lexítimo soberano o deu vencido e matado na chaira Trezzo e Cornate d'Adda.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. II, 32.
  2. IV, 10.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]